Adolph Alexander Weinman
Adolph Alexander Weinman | |
---|---|
Nacemento | 11 de decembro de 1870 |
Durmersheim.![]() ![]() | |
Falecemento | 8 de agosto de 1952 (81 anos) |
Port Chester.![]() ![]() | |
Área | Escultura, deseño e gravado de moedas e medallas. |
Educación | Cooper Union. Art Students League of New York. |
Nacionalidade | Alemán Estadounidense. |
[ editar datos en Wikidata ] |
Adolph Alexander Weinman (apelidado orixinalmente Weingärtner),[2] nado en Durmersheim, Alemaña, o 11 de decembro de 1870 e finado en Port Chester, Nova York, o 8 de agosto de 1952, foi un escultor, medallista e deseñador e gravador de moeda xermano-estadounidense.[3]
Weinman acadou en 1898 a nacionalidade estadounidense.[4]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]
Weinman naceu na vila de Durmersheim, próxima a Karlsruhe, no daquela Gran Ducado de Baden, o 11 de decembro de 1870. Con só 10 anos, en 1880, trasladouse aos Estados Unidos coa súa nai viúva, para vivir cuns parentes en Nova York.[4][5][6][7][8] Coma outros inmigrantes alemáns, nos Estados Unidos cambiou o seu apelido orixinal, Weingärtner, por Weinman, para lle dar unha aparencia máis próxima ao inglés.[2]
Nesa cidade, logo de traballar como aprendiz do tallador de madeira e marfil Frederick Kaldenberg,en 1887 comezou a asistir ás clases nocturnas da Cooper Union, onde o seu talento para o debuxo ornamental lle proporcionou o premio Mitchell Vance. O ano seguinte foi admitido como alumno do escultor Philip Martiny e logo continuou a súa formación artística na Art Students League, de Nova York, onde tivo como profesores a escultores tan recoñecidos como Augustus Saint-Gaudens.[4][5][6][8][2]
Carreira artística[editar | editar a fonte]
Logo da súa formación académica, Weinman continuou traballando como axudante dos escultores Charles Niehaus, Olin Warner e Daniel Chester French, ata finais do século.[4][5][8] En 1904 abriu o seu primeiro estudio propio en Nova York, e en 1923 trasladouse a outro en Forest Hills, na mesma cidade, onde residiu durante toda a súa vida.[6][7]
Aínda que Weinman acadou máis sona como deseñador e gravador de moedas estadounidenses, el reivindicou a súa condición de escultor, disciplina na que cultivou unha abundante obra, nalgúns casos de relevancia, sinaladamente a de escultura ornamental ou arquitectónica.[2]

Os seus ingresos ordinarios procedían maioritariamente da venda de pequenas reproducións en bronce das súas obras de maior tamaño. Un exemplo disto é a súa obra Descending Night, cuxa versión monumental foi encargada orixinalmente para a Exposición Internacional Panamá-Pacífico de San Francisco (1915) para decorar as súas fontes exteriores e cuxa reprodución forma parte da colección do Museo Metropolitano de Arte de Nova York.[9]
Weinman formou parte do concurso de escultura das Olimpíadas de Verán de 1928.[2] Así mesmo, pertenceu a diversas entidades artísticas e eruditas, como a Sociedade Nacional de Escultura —cuxa presidencia exerceu entre 1927 e 1930—, a Comisión de Belas Artes dos EEUU (1929-1933),[10] a Academia Estadounidense das Artes e das Letras, o Instituto Nacional das Artes e das Letras, a Academia Nacional de Deseño ou a Comisión de Arte da Cidade de Nova York, entre outras.[7] Weinman foi membro tamén da American Numismatic Association e da American Numismatic Society.[4]
Pasamento e legado[editar | editar a fonte]
Adolph Weinman finou en Port Chester, no estado de Nova York, o 8 de agosto de 1952.[7] Logo do funeral na Catedral de San Patricio, en Manhattan, o seu corpo foi soterrado no cemiterio Calvary, de Queens.[11]
Os documentos da traxectoria de Adolph A. Weinman consérvanse nos Arquivos da Arte dos Estados Unidos, do Instituto Smithsoniano.[6]
O seu fillo máis vello, Robert Weinman, foi tamén un escultor e medallista recoñecido.[12] Outro dos seus fillos, Howard Weinman, foi o autor da moeda conmemorativa de medio dólar do tricentenario de Long Island.[13]
Unha das principais discípulas de Adolph Weinman foi a escultora Eleanor Mary Mellon (1894-1979).[14]
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
- (1920): Premio Sanford Saltus de Medalla, da American Numismatic Society, de Nova York.[15]
- (1945): Medalla de ouro Elizabeth N. Watrous, da National Academy of Design, de Nova York[4]
Obra[editar | editar a fonte]
Moeda e medalla[editar | editar a fonte]
Weinman é lembrado fundamentalmente por ser o deseñador e gravador da moeda de 10 centavos de dólar Mercury (1916),[17][18] e sinaladamente do medio dólar da Liberdade camiñando (1916),[19][20] un deseño este último que foi recuperado en 1986 para o anverso da popular moeda de colección American Silver Eagle.[5][21][22]
Tamén participou na creación de varias medallas de servizo para as Forzas Armadas estadounidenses, entre as que destacan os reversos das da Campaña de Asia-Pacífico; a Campaña de Europa, África e Oriente Medio, todas elas da segunda guerra mundial. Entre as medallas civís destacan a conmemorativa da Exposición da Compra de Luisiana (1904), a do Instituto Americano de Arquitectos (1907) e a outorgada como premio Stanford Saltus de Medalla (1918), da American Numismatic Society.[4][8][15][22][23]
En 1907 comezou a expor a súa obra medallística na Academia Nacional do Deseño, e nesa institución expuxo tamén os anos seguintes os modelos de varias das súas producións escultóricas máis salientables.[4] Tamén expuxo a súa produción de medallas na Exposición Medallística de Nova York e no Salón da Medalla de Bruxelas, ambos en 1910.[8]
Escultura[editar | editar a fonte]
A obra de Weinman como escultor arquitectónico pódese atopar nos capitolios dos estados de Wisconsin, Missouri e Luisiana. Weinman converteuse no escultor favorito do estudio de arquitectura McKim, Mead and White, e deseñou tamén esculturas para diversos edificios e monumentos de Nova York, como a Casa Consistorial de Manhattan, a igrexa presbiteriana de Madison Square —rematada en 1906 e demolida en 1919—, o monumento aos mártires dos barcos de prisioneiros na Guerra de Independencia e a estación de ferrocarril de Pensilvania —concluída en 1910 e demolida en 1963—.[7] Algunhas das súas aguias procedentes desta estación consérvanse noutros lugares, como as novas instalacións da propia estación ou o parque zoolóxico nacional de Washington.[24]
Entre outras das súas obras de escultura arquitectónica fóra de Nova York destacan o friso do memorial aos veteranos de guerra, en Chicago, e esculturas para o edificio do Departamento Postal, para o Jefferson Memorial e para o interior do Tribunal Supremo dos EEUU, todas estas en Washington.[4][7]
Dentro da obra escultórica non arquitectónica de Weinman pódense salientar os monumentos de Macomb e Maybury, en Detroit, así como a escultura de Abraham Lincoln situada no centro da vila de Hodgenville, en Kentucky.[7]
A maioría das obras escultóricas de Weinman corresponden a un estilo coñecido como "Neoclásico lírico". As súas figuras adoitan levar drapeados clásicos, aínda que na súa obra se aprecia tamén unha fluidez que presaxia o estilo Art Decó, que Weinman tamén cultivou. A súa pequena estatua de bronce titulada The Nude Golfer ("O golfista espido"), de 1901, é unha mostra representativa deste estilo. Este traballo evoca a escultura clásica pola súa atención á anatomía humana e ao movemento, así como o propio espido do deportista, en tanto que a propia escolla do suxeito, un xogador de golf contemporáneo, lle achega un toque de actualidade.[25]
Escolma de traballos[editar | editar a fonte]
Moeda e medalla[editar | editar a fonte]
Medalla. Exposición da Compra de Luisiana.[26]
(1904)Idem. R/.
½ dólar Walking Liberty.[28]
A/ (1916-1947)
Escultura[editar | editar a fonte]
Abraham Lincoln.[30]
Hodgenville, Kentucky.
(1909)Fonte de Centauro.
Jefferson City, Missouri.
(Ca. 1926)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Adolph Weinman working in his studio, ca. 1905"". Smithsonian Institution
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Adolph Weinman". Olympedia.org
- ↑ "Weinman, Adolph Alexander". En The Encyclopedia Americana (1920).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 "Adolph Alexander Weinman". National Academy of Design.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Reiter, E. (2000). "The Weinman Legacy. Part 1". En Professional Coin Grading Service (PCGS). 31 de xaneiro.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 "Adolph A. Weinman papers, 1890-1959". Smithsonian Institution.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 "Weinman, Adolph A. (Adolph Alexander), 1870-1952". Social Networks and Archival Context (SNAC).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Forrer, L. (1916). Páxina 427 .
- ↑ 9,0 9,1 "Descending Night. ca. 1914, cast by 1917". Metropolitan Museum of Art.
- ↑ Luebke, T. E. (2013.) Civic Art. A Centennial History of the U.S. Commission of Fine Arts. U.S. Commission of Fine Arts, Washington. Apéndice B. Páxina 557. ISBN 978-0160897023
- ↑ "Adolph Alexander Weinman". Findagrave.com
- ↑ "Robert Alexander Weinman". National Academy of Design.
- ↑ "½ Dollar Long Island". Numista.com
- ↑ Heller, J.; Heller, N. G. (2013). North American Women Artists of the Twentieth Century. A Biographical Dictionary. Routledge. ISBN 978-1-135-63882-5
- ↑ 15,0 15,1 "The Saltus Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "The Louisiana Purchase Exposition, Saint Louis 1904". Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.com
- ↑ Lange, D. W. (1993) A Complete Guide Book to Mercury Dimes. DLRC Press, Virginia Beach. ISBN 978-1-880731-17-8
- ↑ "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.com
- ↑ "Walking Liberty Silver Half Dollar". CoinNews.net
- ↑ "American Eagle Silver Proof Coin". United States Mint.
- ↑ 22,0 22,1 "Die Münzen und Medaillen von Adolph Weinman". Muenzen-Online.com
- ↑ Noe, S. P. (1921).
- ↑ "Eagle (sculpture)". Smithsonian Institution.
- ↑ "The nude golfer, 1901". Artnet.com
- ↑ Noe, S. P. (1921). Páxina 25.
- ↑ "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.com
- ↑ "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.com
- ↑ "Eagle (sculpture)". Smithsonian Institution.
- ↑ Federal Writers' Project (1996). The WPA Guide to Kentucky. University Press of Kentucky. Páxina 120. ISBN 0813108659
- ↑ "Union Soldiers and Sailors Monument (sculpture)". Smithsonian Institution.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Adolph Alexander Weinman ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Forrer, L. (1916). "Weinman, Adolph Alexander". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol VI. Spink & Son, Londres. Páxinas 427-428.
- Noe, S. P. (1921). The Medallic Work of A. A. Weinman. American Numismatic Society, Nova York.