Xerxes I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xerxes I
Nacemento519 a.C.
Lugar de nacementoIrán
Falecemento475 a.C.
Lugar de falecementoPersia
SoterradoIrán
NacionalidadeImperio Aqueménida
RelixiónZoroastrismo
Ocupaciónestadista
PaiDarío I
NaiAtossa
CónxuxeAmestris
FillosDario (filho de Xerxes I da Pérsia), Histaspes, Artaxerxes I, Rodoguna, Amitis e Artarius
IrmánsArtazostra, Gobrias, Arsames, Artobazanes, Ariamenes, Ariamenes, Abrocomes, Masistes, Aquemenes e Arsames
Na rede
Find a Grave: 8153452 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Moeda do século XVI coa representación de Xerxes I

Xerxes I (en persa antigo 𐎧𐏁𐎹𐎠𐎼𐏁𐎠 Xšaya-ṛšā) (circa -519--465), rei aqueménida de Persia (-486--465), fillo de Darío I e de Atosa, filla de Ciro II o Grande. O seu nome Xerxes é unha transliteración ao grego do seu nome persa trala súa ascensión ao trono, Khshayarsha ou Khsha-yar-shan, que significa "gobernador de heroes". Na Biblia aparece citado como אחשורש (Aḥashverosh ou Ahasuerus transliterado ao grego, Axuero en versión galega).

As revoltas de Exipto e Babilonia[editar | editar a fonte]

Darío I designou sucesor a Xerxes por diante de todos os seus medios irmáns, maiores ca el, e que naceran antes de Darío ascender ao trono. Tras ser coroado en outubro de -485, Xerxes enfrontouse vitoriosamente a unha rebelión no Exipto sometido, iniciada en -486, deixando ao seu irmán Aquemenes como sátrapa desta provincia, sobre a cal exerceu un control moi represivo.

Os predecesores de Xerxes, especialmente o seu pai, non foron moi afortunados nos seus intentos de conciliar as antigas civilizacións sometidas co goberno persa. Esta foi probablemente a razón pola cal Xerxes decidise abolir definitivamente o reino de Babilonia en -484 e levarse a estatua dourada de Bel (Marduk ou Merodach, cuxas mans debía agarrar o lexítimo rei de Babilonia o primeiro día de cada ano), matando aos sacerdotes que trataron de impedirllo. Polo tanto, Xerxes non aparece usando o título de Rei de Babilonia nos textos babilónicos que datan do seu reinado, pero si o de Rei de Persia e Media, ou simplemente Rei de nacións (equivalente a Rei do mundo). Este proceder desencadeou dúas rebelións, en -484 e en -479, que foron sufocadas enerxicamente.

A segunda guerra médica[editar | editar a fonte]

Unha vez sufocadas todas as revoltas, e alentado polo seu curmán Mardonio, tratou de vingar a derrota sufrida polo seu pai, Darío I, na batalla de Maratón, durante a primeira guerra médica (490 a.C.). Darío non puidera castigar aos atenienses pola súa intromisión na rebelión xónica en Asia Menor, polo que Xerxes planificou a operación de castigo con sumo coidado (-483). Desta forma, mandou escavar unha canle a través do istmo que comunicaba a península de Monte Athos co continente europeo; almacenáronse provisións en escalas ao longo da ruta que percorría Tracia; e erixíronse dúas pontes que atravesaban o Helesponto. Xerxes concluíu unha alianza con Cartago, o cal privou aos gregos helénicos do apoio dos gregos sicilianos de Agrigento e Siracusa, á vez que conseguiu gañar para a causa persa a varios estados gregos, como Tesalia, Macedonia, Tebas e Argos. Os persas lograron reunir para a ocasión unha gran frota (a maioría das naves procedían dos seus vasalos fenicios e chipriotas) e un poderoso exército (estimado polas fontes clásicas nuns dous millóns de combatentes, aínda que é moi probábel que non superase os cen mil efectivos).

Desta forma, na primavera do ano -480, Xerxes abandonou Sardes á fronte do seu exército, desencadeando así a Segunda Guerra Médica contra a alianza grega de Atenas e Esparta. En principio o exército persa conseguiu importantes vitorias: a frota grega foi rexeitada no cabo Artemisión, e trala vitoria sobre Leónidas de Esparta e os seus 300 homes no desfiladeiro das Termópilas, os persas devastaron Beocia e o Ática, chegando ata Atenas.

A cidade fora evacuada previamente por orde de Temístocles, refuxiándose os seus habitantes nas illas próximas, de maneira que o exército persa só tivo que se enfrontar á gornición da Acrópole, saqueando a continuación a cidade e incendiando e arrasando os templos da Acrópole, mentres as forzas espartanas e atenienses establecían a súa última liña de resistencia no istmo de Corinto e o golfo Sarónico.

Con todo, Xerxes foi enganado por unha astuta mensaxe de Temístocles (contra a advertencia de Ártemis de Halicarnaso) para atacar a frota grega baixo condicións adversas, no canto de enviar parte dos seus barcos ao Peloponeso e esperar simplemente a disolución do exército grego tras un prolongado asedio. A batalla naval librada en Salamina (-480), onde a frota grega se refuxiara no golfo entre a Ática e a illa de Salamina, foi gañada pola frota ateniense, ao mando de Euribíades, pero non foi máis que un pequeno revés nunha campaña vitoriosa para os persas ata ese momento. Perdida a comunicación por mar con Asia Menor, Xerxes decidiu retornar a Sardes; o exército que deixou en Grecia ao mando de Mardonio foi derrotado en -479 en Platea. A posterior derrota persa en Micala, ao norte de Mileto, supuxo a liberdade das cidades gregas de Asia Menor e a renuncia de Xerxes ás mesmas, deixando de se entremeter na política grega.

A batalla de Atenas, que Xerxes dirixiu persoalmente, é a miúdo erroneamente interpretada como un enfrontamento entre gregos e persas, cando en verdade a intención de Xerxes era castigar aos atenienses pola pillaxe e a destrución causados polas súas forzas nas cidades xonias de Asia Menor, que estaban baixo o control persa. É de destacar que para esta empresa contou coa axuda doutras cidades gregas, e mesmo de Macedonia. Xerxes tomou Atenas, e logo dun breve período de tempo de ocupación, abandonouna, debido a que o seu interese non estaba na conquista da mesma, senón en castigar a aqueles que levaran a guerra contra outras cidades gregas na Asia Menor.

O feito histórico a resaltar, xa que logo, é que Xerxes non combateu contra todos os gregos, nin contra Grecia entendida como país, senón contra unha alianza de cidades gregas, contra a cal conseguiu a axuda doutras cidades gregas da propia Hélade, aliadas co imperio persa, ou daquelas cidades gregas de Asia Menor que sufriron o ataque dos atenienses na revolta xonia, e que axudaron a Xerxes de bo grado.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Dos últimos anos do reinado de Xerxes pouco se sabe. Coñécese que enviou a Satapes a intentar a circunnavegación de África, pero a vitoria dos gregos na Segunda Guerra Médica supuxo a paulatina inmersión do Imperio persa nun estado de apatía, da cal non volvería espertar. O mesmo rei viuse involucrado en varias intrigas palacianas, dependendo en exceso dos seus cortesáns e eunucos.

Deixou varias inscricións: en Van (Armenia), no Monte Elvend (preto de Ecbatana), e en Persépole, onde mandou engadir un novo e suntuoso palacio a aquel que deixara o seu pai Darío. En todos eses textos simplemente recolleu as palabras do seu pai. No ano -465 foi asasinado polo seu visir Artábano, quen promoveu o ascenso de Artaxerxes I ao trono do imperio.

Xerxes na Biblia[editar | editar a fonte]

No Libro de Ezra da Biblia, Xerxes é mencionado co nome Aḥashverosh (Ahasuerus en grego, אחשורש en hebreo). Durante o seu reinado, o do seu antecesor (Darío I) e o do seu sucesor (Artaxerxes I), moitos samaritanos pediron axuda ao Rei de Persia con acusacións contra os xudeus.

Xerxes tamén se identifica co rei Ahasuerus no bíblico Libro de Ester. Neste libro, Asahuerus repudiou á súa raíña consorte Vashti, debido a que ela rexeitou obedecer a súa orde de aparecer como raíña do imperio nunha festa que o rei organizara en honor da súa princesa, e logo de enviar por todas as partes avisos para reunir a un considerábel número de mozas virxes de todo o imperio, escolleu finalmente á xudía Ester como a súa raíña. Haman o Agaxita (un pobo que foi destruído por mandato divino), un dos ministros do rei, sentiuse insultado por Mordecai, sobriño de Esther, debido a que este non se prostrou ante el, polo que convenceu ao rei Asahuerus para decretar a destrución de todos os xudeus do imperio persa, pero Mordecai e Esther conseguiron finalmente revogar esta decisión grazas á súa influencia sobre o rei.

Na súa obra, Flavio Xosefo suxire que esta historia é real, e que tanto Esther como Vashti foron personaxes que existiron en verdade. Con todo, Heródoto desmente esta historia, sinalando que Xerxes tivo unha raíña consorte chamada Amestris, filla de Otanes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Imperio Persa

Segue a:
Darío I
Xerxes I
Precede a:
Artaxerxes I
Dinastía aqueménida