Sátrapa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sátrapa (en grego: σατράπης satrápēs, do antigo persa xšaθrapā(van), «protector da terra/país») é o nome que se deu aos gobernadores das provincias dos antigos imperios Medo e Persa, incluíndo a dinastía Aqueménida e varios dos seus herdeiros, tales como o Imperio Sasánida e os imperios helenísticos.

Sátrapas medo-persas[editar | editar a fonte]

O primeiro uso a gran escala das satrapías, ou provincias, data da concepción do primeiro Imperio Persa baixo Ciro II o Grande, ao redor do ano 530 a. C. Porén, as satrapías en si orixináronse durante a época dos medos, desde, polo menos, o ano 648 a.C. Ata a época da conquista de Media por Ciro o Grande, os emperadores medos gobernaban os seus territorios conquistados como provincias, a través de reis e gobernadores clientes. Como na cultura persa o concepto de dignidade real era indivisible do concepto de divindade, os vinte sátrapas establecidos por Ciro nunca foron reis, senón vicerreis que gobernaban en nome do rei, aínda que na realidade política moitos excedéronse nas súas atribucións.

Darío I deu ás satrapías unha organización definitiva, e incrementou o seu número a 23. Os sátrapas eran elixidos directamente polo rei xeralmente entre membros da nobreza. Exercían o poder xudicial e administrativo, cobraban os impostos (Inscrición de Behistún), encargábanse da orde pública e do recrutamento e mantemento do exército. O propio Darío I encargábase da súa supervisión e control para evitar que se excedesen nas súas funcións.

Esmerdis, o predecesor de Darío I, desconfiando respecto da lealdade dalgúns gobernadores, situou un secretario á beira de cada sátrapa para vixiar os seus actos e organizou un grupo de funcionarios coñecidos como os "ollos e oídos do rei", que percorrían o Imperio para valorar sobre o terreo a situación e emitir un informe. A pesar destes controis, cando se producía un acto de sedición, a rápida intervención do exército, facilitada pola rede viaria de comunicacións, acababa co perigo antes de que o movemento provocase o levantamento doutras rexións por sentimentos semellantes.

O sátrapa encargábase do cobro dos impostos, controlaba aos oficiais locais e ás tribos e cidades vasallas, e era o xuíz supremo da provincia, ante o cal cada criminal debía ser levado para ser xulgado. Tamén era o responsable da seguridade dos camiños, e tiña que eliminar aos fuxidos e rebeldes. Para cumprir coas súas funcións contaba coa axuda dun consello de persas, e era controlado polo secretario real e os emisarios do rei, en especial polo funcionario "ollos e oídos do rei", quen facía unha inspección anual e exercía un control permanente.

Sátrapas helenísticos[editar | editar a fonte]

A administración por medio de satrapías e o título de sátrapa en si foron preservados, ata para funcionarios greco-macedonios, por Alexandre Magno, quen conquistou o Imperio Persa e ata o ampliou, e polos seus sucesores, os Diádocos (e as súas dinastías) quen o dividiron, en especial no Imperio Seléucida, onde o sátrapa era xeralmente designado como strategos; pero as súas provincias eran moito máis pequenas que as que mantiñan os persas.

Sátrapas partos e sasánidas[editar | editar a fonte]

No Imperio parto, o poder do rei baseábase no apoio de familias nobres que gobernaban grandes estados, e provían de soldados e tributos ao rei. As cidades-estado dentro do imperio gozaban de certo grao de independencia, e pagaban tributo ao rei. A administración do Imperio Sasánida era considerablemente máis centralizada que a do Imperio Parto; o sistema de goberno de reinos semi-independentes e cidades-estado independentes do Imperio Parto foi substituído por un sistema de "cidades reais" que servía de sede de gobernadores designados pola administración central chamados "shahrabs" así como tamén de guarnicións militares. Os shahrabs gobernaban tanto a cidade como os distritos rurais próximos.

Outros usos do termo[editar | editar a fonte]

Tamén se coñece con este cualificativo ao home sagaz, que sabe gobernar con astucia e intelixencia, ou que goberna despóticamente. Por Exemplo: O ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo Molina foi coñecido como o sátrapa, logo da súa morte.