Artaxerxes I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artaxerxes I
Nacementoséculo V a. C.
Falecemento424 a. C.
Lugar de falecementoSusa
SoterradoNaqsh-e Rostam
RelixiónZoroastrismo
Ocupaciónmonarca
PaiXerxes I
NaiAmestris
CónxuxeDamáspia
FillosSogdiano, Xerxes II, Darío II, Parisatis e Arsites
IrmánsRodoguna, Amitis, Artarius, Dario (filho de Xerxes I da Pérsia) e Histaspes
editar datos en Wikidata ]

Artaxerxes I (<latín Artaxerxes, <antigo grego Artaxérxês e Artoxérxês, <antigo persa Artaxshaca, >persa moderno Ardashir; tamén Artaxerxes I Macrocheir e Artaxerxes I Lonximán[1]) foi un rei aqueménida de Persia (-465/-464 - -424), fillo e sucesor de Xerxes I.

Nome[editar | editar a fonte]

O nome de Artaxerxes (persa Artaxshaca) é interpretado en Heródoto[2] como "gran guerreiro", aínda que isto foi rexeitado pola crítica moderna, que prefire traducilo como "o que reina no Arta", "o que reina na verdade e rectitude". Artaxerxes I recibe os alcumes de Macrocheir nas fontes gregas, e Lonximán (Longimanus) nas latinas; ambos significan "o da longa man".

Sucesión[editar | editar a fonte]

Artaxerxes era o segundo fillo de Xerxes e a raíña Amestris. Xerxes morreu asasinado por Artabano, un oficial da corte, no ano -465; Artaxerxes tería por aquel entón ao redor de vinte anos. As fontes[3] dinnos que Artaxerxes, enganado por Artabano, matou a Darío (primoxénito de Xerxes) créndoo asasino do seu pai, pero logo executou aos conspiradores. Aínda que os detalles (pola natureza das fontes, tardías e baseadas en rumores de corte) non se poden tomar ao pé da letra, o contexto xeral reflicte unha sucesión conflitiva.

Un novo pretendente, que se trataría de Histaspes, outro fillo de Xerxes, alzouse na satrapía de Bactriana, pero foi derrotado ao pouco tempo.

A rebelión exipcia[editar | editar a fonte]

As desordes internas polas que pasaba o Imperio Persa foron aproveitados polo líder libio Inaro para rebelarse no Baixo Exipto. Coa axuda de mercenarios atenienses, a primeira expedición persa foi derrotada en Papremis cara ao -460. Aquemenes, o seu comandante, foi morto polos rebeldes, e as tropas persas refuxiáronse no "Castelo Branco" de Menfis.

No -456, un exército persa comandado polos sátrapas Megabizo e Artabazo reprimiu a rebelión exipcia. Os mercenarios atenienses fuxiron a Cirene, mentres que Inaro foi capturado e crucificado anos máis tarde[4].

Artaxerxes e Grecia[editar | editar a fonte]

A política de Artaxerxes con respecto a Grecia concentrouse no debilitamento do predominio naval da Liga de Delos, afianzado tras a batalla de Eurimedón (c.-468). Preto de -457 unha embaixada persa foi enviada a Esparta para que esta lle declarase a guerra a Atenas, e así apartar a atención ateniense de Exipto. A embaixada foi infrutuosa, e logo da vitoria persa en Exipto houbo enfrontamentos con Atenas en Chipre.

O progresivo retroceso fronte á Liga de Delos e as derrotas en Chipre levarían ao establecemento (cara a -449) da chamada Paz de Calias:

  • Concédeselle a autonomía ás cidades xónicas de Asia Menor
  • Ningún sátrapa persa ten xurisdición sobre a costa do mar Exeo.
  • Prohíbese a navegación persa no mar Exeo.
  • Atenas non pode intervir nos territorios persas.

Aínda que se teñen dúbidas sobre a existencia ou o contexto deste tratado, a fin das hostilidades directas entre a Liga de Delos e Persia fan pensar en, polo menos, un acordo verbal entre ambas as partes[5].

Familia real e corte[editar | editar a fonte]

As fontes gregas píntannos un Artaxerxes firme en canto a política exterior, pero débil fronte á corte e as mulleres da familia real. Continuamente relacionan os feitos políticos con desexos de vinganza ou intrigas amorosas. Un problema aberto está en determinar canto hai nisto de rumores da época, de insercións literarias dos autores ou de prexuízos da sociedade grega, e canto reflicte con certo grao de veracidade a vida da corte en tempos de Artaxerxes.

Entre as mulleres que se nos presentan con roles centrais dentro do reinado de Artaxerxes están a súa nai Amestris e a súa irmá Amitis, esposa do sátrapa Megabizo. Damaspia, a raíña, deu a luz un único fillo, o futuro Xerxes II. Segundo Ctesias[6], Artaxerxes tivo setenta fillos máis, dos cales Sogdiano e Oco (futuro rei Darío II) disputarían o trono con Xerxes II. A súa filla Parisátide (a quen tivo cunha consorte babilonia) sería raíña de Darío II, con quen tería ao futuro rei Artaxerxes II.

Actividade construtora e inscricións reais[editar | editar a fonte]

Artaxerxes construíu en Persépole un palacio, do que hoxe quedan practicamente só os alicerces, e a chamada "Sala das Cen Columnas" (a sala do trono), iniciada por Xerxes. Crese que, seguindo o precedente de Xerxes e Darío, foi enterrado en Naqsh-i Rustam (6 km ao norte de Persépolis), aínda que a tumba que se lle atribúe é anónima.

A maior parte das súas inscricións reais foron achadas en Persépolis. Estas están escritas tanto en persa como en babilonio (é o último rei persa que o utiliza nos seus inscricións) e elamita, e son menores en extensión e cantidade cás dos seus predecesores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Artaxerxes". Diciopedia do século 21 I. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 204. 
  2. Heródoto, Historias 6. 9. 3.
  3. Ctesias (Focio, Epítome de Pérsica de Ctesias 33-35 [1]); Diodoro Sículo, Biblioteca Histórica; Pompeio Trogo (Xustino, Epítome de Historias Filípicas de Pompeio Trogo [2]).
  4. Ctesias (Focio, íd. 36-39 [3] Arquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine.); Diodoro Sículo, íd. [4]; Heródoto, íd.; Tucídides, Historia da Guerra do Peloponeso 1. 4.
  5. Diodoro Sículo, íd.; Plutarco, Vida de Conón.
  6. Ctesias (Focio, íd. 47).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Olmstead, Arthur T.: History of the Achaemenid Empire (1959).
  • Sancisi-Weerdemberg, Heleen (ed.): Achaemenid History: Proceedings of the Groningen 1983 Achaemenid History Workshop (1987).
  • Schmidt, Rudgier: "Artaxerxes" e "Artaxerxes I", en Enciclopaedia Iranica" (edición en liña Arquivado 16 de abril de 2019 en Wayback Machine., 2002).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Imperio Persa

Segue a:
Xerxes I
Artaxerxes I
Precede a:
Xerxes II
Dinastía Aqueménida