Halicarnaso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaHalicarnaso
Imaxe

Localización
Mapa
 37°02′16″N 27°25′27″L / 37.03778, 27.42417Coordenadas: 37°02′16″N 27°25′27″L / 37.03778, 27.42417
EstadoTurquía
ProvinciaProvincia de Muğla
DistritoHalicarnaso Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación1100 a. C. Editar o valor em Wikidata
Evento clave
334 a. C.Cerco de Halicarnasso (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Organización política
Membro de

Plano de Halicarnaso na época de Mausolo.

Halicarnaso (do grego: Ἁλικαρνασσός, Halikarnassos, latín Halicarnassus; actual Bodrum, en Turquía), é unha antiga cidade grega situada na costa sur-occidental de Caria (Asia Menor) no mar Exeo, nunha posición privilexiada entre o golfo Cerámico e o golfo de Cos. Orixinalmente só ocupaba unha pequena illa próxima á costa, onde actualmente se atopa o Castelo de San Pedro de Halicarnaso.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Foi unha colonia da cidade de Trecén (na Argólida) fundada cara ao 1000 a. C. Foi unha das cidades que constituíron a Hexápole dórica (as outras foron Cnido, Cos, Ialisos, Lindos e Cámiros). Estaba no istmo de Cefirión (latín Zephyrium) e inicialmente chamouse Cefiria (Zephyria). A cidade tiña polo menos dúas ou tres fortalezas case imposibles de conquistar, sendo a principal Salmacis, nun rochedo na parte norte da cidade. Outra era Arconeso, supostamente nunha illa diante do porto (hoxe Orak Ada).

A causa dun conflito relixioso (un deportista quedou co trofeo que gañara en lugar de dedicarllo ao deus Apolo como era tradicional) e das súas afinidades xónicas, foi excluída da Liga Dórica no século VII a. C., liga que pasou a chamarse Pentápole dórica.

No século VI a. C. foi sometida ao reino de Lidia até a súa caída e pasou a control persa no 546 a. C.. A comezos do século V a. C., coa revolta xonia, independizouse, mais tivo que someterse outra vez a Persia no 494 a. C., se ben conservou a súa autonomía interna e a súa prosperidade e forza. Nestes anos dependía do sátrapa de Sardes ou Lidia. Ligdamis ou Lygdamis asumiu a tiranía no 494 a. C. A súa viúva (ou filla) Artemisa I loitou ao lado de Xerxes II na batalla de Salamina. Ligdamis foi nomeado sátrapa de Caria (satrapía ás veces independente e outras subsatrapía de Lidia) e os seus descendentes gobernaron toda Caria, cunha certa independencia de Persia até que no 386 a. C. os persas asumiron un dominio máis directo. O sátrapa máis coñecido foi Mausolo, que trasladou a capital de Milas a Halicarnaso. A muller e irmá deste, Artemisa II, erixiulle un monumento funerario que deu nome a estas edificacións pola súa esplendidez (coñecido como Mausoleo de Halicarnaso, unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo).

A dinastía grega de Caria, pese a que impuxo o helenismo e a lingua grega, permaneceu fiel aos persas. Cando Alexandre Magno chegou había unha raíña, de nome Ada, que resistía en Alinda o partido favorable aos persas que encabezaba seu irmán Pixodoro que a desposara un par de anos despois da morte do seu marido Idreo (morto polo 344 ou 343 a. C.) e que continuaba no poder baixo o sátrapa Orontobates, un nobre persa xenro de Pixodoro. Ada acolleu a Alexandre e quíxoo adoptar como fillo. Os macedonios derrotaron a Orontobates e logo ao seu sucesor Memnón de Rodas, un grego ao servizo de Persia, e restableceron como raíña a Ada (333 a. C.), até o 326 a. C. Halicarnaso foi asediada e destruída e os habitantes refuxiáronse na acrópole de Salmacis que foi incendiada. A cidade non se recuperou desta destrución. En adiante só foi mencionada en relación co mausoleo.

Tras a morte de Alexandre foi gobernada por Asandro, sátrapa de Caria até o 305 a. C., cando pasou a Antígono I Monoftalmos. No 301 a. C., derrotado e morto Antígono, pasou a Plistarco até o 294 a. C., cando se converteu en base naval das láxidas de Exipto. No 272 a. C. pasou aos seléucidas e baixo o seu goberno sábese que permanecía dentro unha liga que continuaba a Liga Caria.

No 189 a. C., polo tratado de Apamea, pasou a Roma, baixo soberanía da cal foi cidade libre e máis tarde colonia romana. No 88 a. C. foi ocupada brevemente por Mitrídates VI Eupator, rei do Ponto. Despois seguiu en mans de Roma e Bizancio até o 1071, cando caeu en mans dos turcos selxúcidas. O sultán Mehmet permitiu aos cabaleiros de Rodas ocupar a cidade e un castelo foi construído (o castelo de San Pedro).

En 1522 caeu baixo soberanía otomá cando Suleiman o Magnífico conquistou a illa de Rodas. Parece que entón era chamada Petrión (probablemente do nome do castelo) e os otománs convertérona en Bodrum.

Actualmente aínda se conservan as antigas murallas, uns restos do mausoleo (ao leste de Salmacis) e algunhas fontes. O templo de Afrodita, considerado un dos máis fermosos da antigüidade, non se conservou. Algunhas estruturas encontradas na cidade turca actual de Bodrum, suponse que decoraban o mausoleo, e están hoxe en día no Museo Británico.

Foi o lugar de nacemento de Heródoto e de Dionisio de Halicarnaso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]