Masacre de Srebrenica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Srebrenica e Žepa

Mapa da toma de Srebrenica, así como da fuxida cara a Tuzla dos bosníacos
Data 6 de xullo - 25 de xullo de 1995
Lugar Srebrenica e Žepa, Bosnia e Hercegovina
Resultado
Casus belli Guerra de Bosnia
Belixerantes
República Serbia
Décimo Destacamento de Sabotaxe
Bosnia e Hercegovina
Países Baixos
Líderes
Ratko Mladić
Radislav Krstić
Milorad Pelemiš[1]
Dražen Erdemović
Naser Orić

Avdo Palić
Ton Karremans

Baixas
300 mortos e feridos 2.000 mortos[2]
35.632[3](+10.000?) refuxio (Srebrenica, Žepa→Tuzla, Kladanj)
100-200? evacuado feridos(Žepa→Sarajevo)

800 refuxio (→Serbia)
750 e 1.500 prisioneiros de guerra (Srebrenica e Žepa)

O masacre ou xenocidio de Srebrenica[4] consistiu no asasinato de aproximadamente uns 8.000 bosníacos na rexión de Srebrenica, en xullo de 1995, durante a Guerra de Bosnia. O devandito asasinato masivo, levado a cabo por unidades do Exército da República Serbia (VRS), baixo o mando do xeneral Ratko Mladić, así como por un grupo paramilitar serbio coñecido como "Os Escorpións"[5] [6] [7] [8][9], produciuse nunha zona previamente declarada como "segura" polas Nacións Unidas xa que nese momento se atopaba baixo a "protección" de 400 cascos azuis holandeses. Aínda que se buscou especialmente a eliminación dos homes musulmáns bosníacos, o masacre incluíu o asasinato de nenos, adolescentes, mulleres e anciáns.

Na súa sentenza condenatoria ao xeneral serbo-bosníaco Radislav Krstic, o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (ICTY), cualificou os acontecementos de Srebrenica como un acto de xenocidio: este acto constitúe o maior asasinato masivo en Europa desde a segunda guerra mundial[10]. Theodor Meron, o xuíz que presidiu a Cámara, declarou[11]:

Buscando eliminar a unha parte da poboación bosníaca musulmá, as forzas serbo-bosníacas cometeron xenocidio. Seleccionaron para a súa extinción a corenta mil bosníacos musulmáns que vivían en Srebrenica, un grupo particularmente emblemático entre os bosníacos musulmáns en xeral. Desposuíron a todos os homes prisioneiros, tanto militares como civís, mozos como maiores, das súas pertenzas e identificacións, e deliberada e metodicamente elimináronos, unicamente en razón a súa identidade[12]

Posteriormente, o Tribunal Internacional de Xustiza ratificou a sentenza do ICTY e, así mesmo, cualificou os feitos como xenocidio. A lista das persoas asasinadas ou desaparecidas elaborada pola Comisión Federal de Persoas Desaparecidas inclúe 8.373 nomes[13].

Contexto[editar | editar a fonte]

O conflito na Bosnia occidental[editar | editar a fonte]

Bosnia e Hercegovina comezou o seu camiño cara á independencia cunha declaración parlamentaria de soberanía o 15 de outubro de 1991. A República de Bosnia e Hercegovina foi recoñecida pola Comunidade Europea o 6 de abril de 1992 e polos Estados Unidos ao día seguinte. Con todo, o recoñecemento internacional non puxo fin ao problema e estourou unha feroz loita polo control territorial entre os tres grupos maioritarios de poboación do país: os bosníacos (musulmáns), os serbo-bosníacos (ortodoxos) e os croatas (católicos). A Comunidade Internacional fixo varios intentos de establecer a paz na zona, máis o seu éxito foi moi limitado. No leste de Bosnia e Hercegovina, na zona fronteiriza con Serbia, a loita entre bosníacos e serbios foi moi feroz.

1992 Campaña de limpeza étnica[editar | editar a fonte]

Enterro de 465 civís bosníacos identificados (11 de xullo do 2007)
Lápida dun rapaz de trece anos (11 de xullo do 2007)
Situación de Srebrenica e Žepa dentro de Bosnia e Hercegovina (setembro de 1994).

Os serbios tentaron manter o territorio de Bosnia e Hercegovina como parte do seu estado durante o proceso de desmembración da antiga Iugoslavia. Consideraban que a área de Podrinje Central (Rexión de Srebrenica) tiña unha importancia estratéxica capital para eles. Sen a devandita área, que era de maioría étnica bosníaca, non habería integridade territorial dentro da súa nova entidade política, a Republika Sprska. Os serbios non estaban dispostos a aceptar un enclave bosníaco dentro dos seus territorios, porque os seus dominios quedarían divididos en dous e separados da propia Serbia, así como das áreas do leste de Hercegovina que estaban habitadas maioritariamente por serbios. Para evitalo, iniciaron unha limpeza étnica co fin de acadar unha maioría no territorio que lles permitise conservalo nunha futura repartición de territorio. O obxectivo deste xenocidio foron os bosníacos musulmáns de Bosnia e Hercegovina occidental e da rexión central de Podrinje.

As matanzas comezaron xa en 1992. En Bratunac, por exemplo a poboación bosníaca foi asasinada ou obrigada a fuxir cara a Srebrenica. De acordo cos datos do goberno bosníaco, 1.156 bosníacos musulmáns de Bratunac foron asasinados en varios ataques (3.156 durante toda a guerra). En Zvornik foron eliminados 762 bosníacos o 1 de xuño de 1992. O 9 de setembro do mesmo ano, tropas do VRS tenderon diversas emboscadas e abriron fogo contra unha columna de 6.000 refuxiados bosníacos das poboacións de Konjevic Polje, Cerska e Kamenica, que trataban de chegar a Tuzla. Ademais, o VRS fixo centos de prisioneiros que logo "desapareceron". 500 persoas da columna morreron preto de Snagovo, vítimas do fogo aéreo e de artillaría.

Loita por Srebrenica[editar | editar a fonte]

A pesar de que Srebrenica era de maioría bosníaca, o exército serbio-bosníaco da zona e algúns grupos paramilitares do leste do país tomaron o control da cidade matando e expulsando aos civís bosníacos a comezos de 1992.

Con todo, en maio dese mesmo ano, as forzas gobernamentais bosníacas da ARBiH, lideradas por Naser Oric, retomaron Srebrenica. Nos meses seguintes o AEBiH agrandou a súa zona de control ao conseguir unirse coas forzas de Zepa en setembro, cunha cidade do sur e tomando tamén o enclave de Cersaka, ao oeste, en xaneiro do ano seguinte. O territorio baixo o seu dominio acadou así a superficie máxima de 900 quilómetros cadrados. Con todo, a pesar dos seus éxitos, o exército da ARBiH nunca conseguiu unir a súa zona de influencia co territorio bosníaco principal do oeste, permanecendo como unha illa vulnerable rodeada de territorio serbio. No derradeiro acto de expansión da zona baixo o seu control, en xaneiro de 1993 as tropas bosníacas conseguiron capturar unha importante base serbio-bosníaca na poboación de Kravica, dende a que ameazaban directamente o enclave de Bratunac. Durante a operación mataron a varias decenas de civís e militares serbios.

Ratko Mladić, Xefe do Estado Maior do VRS

O sitio de Srebrenica[editar | editar a fonte]

Meses despois, un reorganizado exército serbio ao mando de Ratko Mladić contraatacou cunha nova ofensiva a grande escala capturando Konjevic, Polje e Cerska, separando de novo Srebrenica e Zepa. Como consecuencia, o enclave de Srebenica baixo control bosníaco quedou reducido a tan só 150 quilómetros cadrados. A poboación bosníaca dos pobos de arredor fuxiu en masa cara a Srebrenica, presa do pánico, incrementando a poboación da cidade ata acadar os 50.000 ou os 60.000 habitantes.

En marzo de 1993 o xeneral francés Philippe Morillon, comandante das Forzas de Protección das Nacións Unidas (UNPROFOR) visitou Srebrenica. Para entón a cidade atopábase en estado de sitio e con superpoboación. Non había sequera subministración de auga corrente, pois as forzas serbio-bosníacas, en avance, destruíran os depósitos da cidade. Abundaban tamén os xeradores de electricidade improvisados e a comida, os medicamentos e outros produtos esenciais eran extremadamente escasos. Antes de partir, o xeneral Morillon dixo aos aterrorizados habitantes de Srebrenica nun discurso público que a cidade estaba baixo protección da ONU e que nunca os abandonaría.

Srebrenica: "Área Segura"[editar | editar a fonte]

Entre marzo e abril de 1993 varios centos de bosníacos foron evacuados da cidade baixo os auspicios do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR, UNHCR polas súas siglas en inglés). O goberno bosníaco opúxose frontalmente ás evacuacións, pois vía nelas unha contribución á limpeza étnica da zona, en detrimento dunha maioría de poboación bosníaca.

O 16 de abril de 1993, catorce días despois de morreren 56 persoas nun bombardeo serbio-bosníaco durante unha evacuación organizada pola ACNUR, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobou a resolución 819 [6][Ligazón morta], pola que se declaraba Srebrenica "área segura [...] libre de ataques e outras accións hostís". Ao mesmo tempo, o Consello de Seguridade declarou outras dúas zonas seguras: Zepa e Gorazde. O 18 de abril de 1993 o primeiro continxente de tropas do UNPROFOR (Forzas de Protección das Nacións Unidas) chegou ao enclave de Srebrenica.

Con todo, para a protección das devanditas zonas seguras non se estableceu elemento disuasorio ningún de carácter militar. Aínda que o Secretario Xeral da ONU, Butros-Ghali, advertira de que serían necesarios 34.000 soldados máis para facer efectiva a devandita protección "pola forza", a comunidade internacional rexeitou achegar tantas tropas e acordou, no seu lugar, despregar 7.500 efectivos. Ademais, a Forza de Protección das Nacións Unidas (UNPROFOR) só estaba autorizada a usar a forza en defensa propia, e non en defensa dos civís aos que debían protexer. Posteriormente, Kofi Annan declararía que as áreas seguras non eran de feito nin zonas protexidas nin refuxios temporais segundo o dereito internacional humanitario, nin zonas seguras que tivesen sentido defender desde o punto de vista militar.

As autoridades serbo-bosníacas volveron tentar capturar Srebrenica dado que, ao estar xunto á fronteira serbia e rodeada de territorio serbio, era á vez estratexicamente importante e vulnerable. O 13 de abril de 1993 os serbo-bosníacos comunicaron ao Alto Comisionado das Nacións Unidas que atacarían a cidade nun período de dous días se os habitantes non a renderon ao expirar o prazo. Os bosníacos negáronse a renderse.

Mentres as forzas cercadas en Sebrenica desmilitarizáronse supervisadas pola ONU, as tropas serbias que lles axexaban permaneceron ben armadas e negáronse a cumprir coa súa parte do acordo de desmilitarización da zona. O exército da República Sprska (VRS) organizouse en distritos militares e Srebrenica quedou dentro do territorio asignado ao Corpo de Exército do Drina. Entre 1.000 e 2.000 soldados das brigadas do corpo do Drina foron despregados ao redor do enclave bosníaco. Tres forzas serbias foron equipadas con tanques, vehículos armados, artillaría e morteiros. En cambio, a unidade do ARBiH que permaneceu no enclave, a 28ª División de Montaña, non estaba nin ben organizada nin ben equipada, carecían dunha estrutura de mando firme así como dun sistema de comunicacións efectivo. Algúns dos seus membros levaban vellos rifles de caza ou non levaban armas en absoluto, e moi poucos tiñan uniformes.

A cámara do ICTY reuniu posteriormente evidencias da existencia dun plan deliberado por parte dos serbios para impedir a chegada á zona dos convois de axuda internacional. Os produtos de primeira necesidade como os medicamentos, a comida e o combustible fixéronse extremadamente escasos na cidade e os bosníacos, cercados, queixáronse de constates ataques das forzas serbias. Pola súa banda, os serbios alegaron que as tropas bosníacas estaban utilizando a área segura como base desde a que lanzarían un grande ataque contra o VRS, e que o UNPROFOR non estaba facendo nada para previlo.

Porén, os serbios non foron os únicos que incumpriron o acordo que declaraba Srebrenica ¨area segura¨. De feito, dende o principio ámbalas dúas partes violárono. O comandante do ARBiH, xeral Halilovic, declararía posteriormente que axiña como asinou a declaración de área segura ordenou aos seus homes que sacasen tódalas armas e demais equipamentos militares fóra da zona convida, cousa que, segundo el, fixeron. Con todo, tamén admitiu que os helicópteros do exército bosníaco violaran o espazo aéreo protexido e que el mesmo enviara oito helicópteros cargados con munición para a 28ª División cercada na cidade. Alegou que en termos morais non vía niso unha agresión ao acordo, posto que as tropas na cidade estaban pobremente armadas. En termos legais e militares, con todo, tratouse dunha violación.

Comezos de 1995, a situación deteriórase[editar | editar a fonte]

A comezos de 1995, cada vez menos convois de alimentos conseguían entrar na cidade. O continxente neerlandés Dutchbat que tomou o relevo de dúas compañías canadenses a comezos dese ano comprobou como a situación empeoraba cada vez máis. Incluso eles contaban cada vez con menos alimentos, medicinas, munición e combustíbel, polo que se viron na obriga de patrullar a zona a pé. Ademais as tropas serbias impedíronlles volver a aqueles que abandonaron o enclave no curso das ditas patrullas, de tal xeito que o número de soldados en Srebrenica caeu de 600 a 400[14]. O tenente coronel Thomas Karremans, que estaba ao mando de ditas forzas, denunciou posteriormente que os serbios tamén impediron a chegada ao encrave das municións do UNPROFOR. En marzo e abril, as tropas neerlandesas deron aviso de dúas concentracións de tropas serbias preto dos seus postos de observación "OP Romeo" e "OP Québec".

Radovan Karadžić

En marzo de 1995, Radovan Karadžić, presidente da Republika Sprska, malia a presión da comunidade internacional e dos seus esforzos por instaurar un acordo de paz, enviou unha directriz ao VRS acerca da estratexia a seguir no encrave de Srebrenica. Dita directriz, coñecida como "Directriz 7" indicaba que o VRS debía:

Completar a separación física entre Srebrenica e Zepa tan pronto como sexa posíbel, impedindo incluso a comunicación entre os individuos de ambos encraves. Crear, mediante operacións de combate ben planificadas, unha situación de inseguridade tal, que non haxa esperanza de supervivencia de vida algunha para os habitantes de Srebrenica.[15]

Tal como se prevía neste decreto, a mediados de 1995 a situación tanto dos bosníacos de Srebrenica como do persoal militar alí estabelecido era catastrófica. En maio, seguindo ordes, Naser Oric e o seu persoal deixaron o encrave en helicóptero cara a Tuzla, deixando á 28ª División baixo o mando de suboficiais. A finais de xuño e comezos de xullo o mando da 28ª División enviou unha serie de peticións urxentes para que fose reaberto canto antes a corredoira humanitaria á cidade. Ao non seren atendidas as súas peticións, comezou en Srebrenica a traxedia da fame. O venres 7 de xullo, nunha das súas últimas comunicacións, o Maior ao mando da 28ª División comunicou a morte de 8 habitantes por fame[16].

A toma da cidade[editar | editar a fonte]

Por mor da declaración de encrave seguro pola ONU, máis de 60.000 civís atopábanse refuxiados en dita cidade cando o día 2 de xullo de 1995, o xeneral serbo-bosníaco Ratko Mladić decidiu atacar Srebrenica. O día 6 de xullo, dúas columnas serbo-bosníacas penetraron catro quilómetros no área segura para deterse a tan só un da cidade. O 8 de xullo, un blindado holandés que obstaculizaba o avance foi atacado polos serbios e se retirou. Un grupo de bosníacos esixiu que o vehículo permanecese na zona e lles axudase. Cando estes negáronse, un bosníaco guindou unha granada de man contra o vehículo, causando a morte do soldado Raviv van Rensen.[17] Ao comprobar a escasa resistencia por parte das forzas bosníacas, así como a ausencia de reacción internacional algunha, o presidente Karadžić enviou unha nova directriz autorizando a toma da cidade por parte do Corpo de Exército do Drina.

Ao amencer do 10 de xullo as tropas do Dutchbat fixeron disparos de advertencia por enriba das tropas serbias, e lanzaron bengalas con morteiros, pero nunca abriron fogo directo contra eles. O tenente coronel Thomas Karremans fixo peticións urxentes de apoio aéreo á OTAN, que por diferentes motivos chegou demasiado tarde, co ataque de dous F-16 holandeses sobre carros de combate do VRS. Finalmente o 11 de xullo a cidade caeu en mans serbias. 25.000 civís, na súa maior parte mulleres e nenos, dirixíronse á fábrica de baterías de Potočari, cinco quilómetros ao norte da cidade, para pórse baixo a protección dos soldados da ONU, mentres 15.000 civís, (homes e combatentes de ARBiH) trataron de escapar da ameaza que pendía sobre eles, atravesando os bosques cara a Tuzla. O mesmo día que caeu a cidade, ás 2:30 PM, dous F-16 da OTAN atacaron algúns tanques do VRS que avanzaban cara á cidade. Planificouse tamén o bombardeo das posicións artilleiras serbias en torno á cidade, pero a operación se cancelou por mor da escasa visibilidade. Finalmente, a OTAN cancelou tódalas súas operacións cando o VRS ameazou con matar a 55 soldados holandeses que tomaran como reféns, así como con bombardear a fábrica de Potočari, onde, ademais dos milleiros de civís, atopábanse os soldados holandeses do UNPROFOR.

O masacre[editar | editar a fonte]

A crise humana en Potočari[editar | editar a fonte]

Na tarde do 11 de xullo de 1995, congregáronse aproximadamente de 20 a 25.000 refuxiados musulmáns en Potočari. Varios miles entraran no complexo da ONU, mentres que o resto dispersouse polas fábricas e os campos veciños. Aínda que a gran maioría eran mulleres, nenos, anciáns e mancados, 63 testemuñas estimaban que había polo menos 300 homes dentro do perímetro do complexo da ONU e entre 600 e 900 homes no xentío do exterior.

As condicións en Potočari eran deplorábeis. Había escaseza de víveres e de auga, e a calor era sufocante. Un dos oficiais do Dutchbat describiu a escena como segue: Estaban aterrados e lanzábanse contra os soldados, os meus soldados, os soldados da ONU, que tentaban acougalos. Era unha situación caótica.

O 11 de xullo o alto mando do VRS percorreu as rúas da cidade. Ante unha cámara de televisión, Mladić sentenciou:

"Aquí estamos, o 11 de xullo de 1995, na Srebrenica serbia, xusto antes dun gran día para Serbia. Entregamos esta cidade á nación serbia, recordando o levantamento contra os turcos. Chegou o momento de vingarse dos musulmáns".[18]

O día 12 de xullo, Mladić citouse nun hotel de Bratunac co Coronel Thomas Karremans. Alí reprochoulle os ataques aéreos da OTAN e, segundo os testemuños recollidos na posterior investigación do Parlamento holandés, fronte a un porco degolado, Ratko Mladić díxolle a Thomas Karremans: Isto é o que che espera a ti e aos teus homes se non obedeces. O Coronel dos Cascos Azuis Thomas Karremans aceptou todas as esixencias serbias, permitindo até que o fotografasen bebendo augardente cos serbios. Devandita imaxe foi difundida polos propios serbios a todos os medios de comunicación mundiais.[19]

Mladić tamén visitou o campamento de Potočari, onde tranquilizou aos refuxiados e lles dixo que ían ser trasladados en autobuses cara á zona baixo control bosníaco. Tamén repartiu lambetadas entre os nenos mentres a televisión serbia gravaba o momento.[19]

Separación e asasinato de bosníacos en Potočari[editar | editar a fonte]

Posteriormente, dos 25.000 civís refuxiados, separaron aos homes (máis de 1.700) que foron levados a Bratunac, Petkovci, Kozluk, Kravica e Orohovac. Alí foron executados de diversas formas. O 12 de xullo de 1995 os serbios comezaron unha campaña de terror, que aumentou o pánico dos residentes. Os refuxiados no complexo podían ver a soldados de VRS incendiando as casas de Srebrenica e dedicándose ao saqueo. Pola tarde, os soldados serbios cebáronse coa multitude. Comezaron as execucións sumarias de homes e de mulleres.

Na mañá do 12 de xullo, unha testemuña sinalou ter visto unha pila de 20 a 30 corpos amontoados detrás do edificio de transporte en Potočari, xunto a un tractor. Outro testemuñou que aproximadamente ás 12:00 horas veu un soldado matar a un neno cun coitelo en medio dunha multitude de refuxiados. Tamén dixo que viu a soldados serbios executar a decenas de refuxiados musulmáns na área traseira da fábrica de cinque, e despois cargar os seus corpos sobre un carro, aínda que o número e a natureza metódica dos asasinatos probaron que as matanzas en Potočari eran esporádicas.

Esa noite, unha ordenanza médica do Dutchbat testemuñou unha violación: Vimos a dous soldados serbios, un deles estaba parado suxeitando á moza e o outro estaba sobre ela, cos pantalóns baixados. E vimos a unha rapaza tombada, nunha caste de colchón. Había sangue no colchón, incluso ela estaba cuberta de sangue. Tiña contusións nas pernas. O sangue saía de entre as súas pernas. Ela estaba en estado de shock.

Durante a noite e o día seguintes as historias de violacións estendéronse entre os refuxiados.

As forzas serbias comezaron a separar a homes da poboación refuxiada en Potočari. Aproveitando que os refuxiados musulmáns comezaban a subir aos autobuses para seren evacuados, os soldados serbios dedicáronse a separar aos homes de idade militar que tentaban subir a bordo. De cando en vez, detiñan e levaban tamén a menores de idade e a anciáns, aos que levaban a un edificio en Potočari chamado a “casa branca”. Como os autobuses se dirixían ao norte, cara a territorio musulmán, foron parados ao longo da viaxe para ser saqueados e levarse aos homes que puidese haber. A tarde do 12 de xullo, Franken (Maior do Dutchbat) oíu que ningún home chegaría coas mulleres e os nenos ao seu destino en Kladanj.

O 13 de xullo de 1995, os soldados neerlandeses do Dutchbat acharon probas definitivas de que os serbios asasinaban a algúns dos homes que habían sido separados. Por exemplo, os soldados de Vaasen dirixíronse a parte de atrás da “casa branca” seguindo a dous soldados serbios que levaban a un prisioneiro bosníaco. Oíron un tiro e viron aos dous soldados volver sos. Segundo testemuño do propio Vaase, este tamén oíu tiros de 20 a 40 veces á hora durante toda a tarde. Cando os soldados do Dutchbat dixeron ao coronel José Kingori, observador militar de Nacións Unidas (UNMO) na área de Srebrenica, que os serbios estaban levando homes á parte traseira da "casa branca" e estes non aparecían, o propio coronel Kingori foi a investigar. Escoitou tiros conforme se achegaba, pero foi detido polos soldados serbios antes de que puidese comprobar o que realmente sucedía.[20]

Deportación das mulleres[editar | editar a fonte]

Os serbios mostraron ante as cámaras de televisión como os nenos e as mulleres eran postos en autobuses para ser deportados.

Como demostración do realoxo, o comandante en xefe serbio, o xeneral Ratko Mladić, díxolles ás mulleres que os homes tomarían autobuses distintos para reunirse cos seus familiares máis adiante. Con todo, cando as cámaras marcharon, executaron aos homes. Máis de 60 camións leváronos aos sitios da execución, e algunhas das execucións foron realizadas durante a noite, baixo luces eléctricas. As niveladoras industriais arrastraron os corpos ás fosas comúns. Algúns foron enterrados vivos, declarou Jean-Rene Ruez, policía francés que mostrou probas da execución dos musulmáns ante o tribunal d'A Haia en 1996.

Ademais, acháronse evidencias de que os serbios torturaron e executaron a vontade aos prisioneiros. As rúas eran unha desorde de cadáveres e os ríos tinguíronse de vermello polo sangue. Moita xente suicidouse para fuxir da mutilación de nariz, boca e orellas por parte dos serbios, declarou. Entre outros casos arrepiantes do xenocidio, están casos citados como o dos adultos que foron obrigados a matar os seus propios fillos ou a ollar como os soldados os asasinaban. Un soldado achegouse a unha muller no medio dun xentío. O seu neno berraba. O soldado preguntou por que berraban o neno e ela explicou que el tiña fame. O soldado fixo o seguinte comentario, “Xa non terá fame xamais.” Acto seguido, degolou ao neno diante de todo o mundo.[21]

Como resultado de negociacións exhaustivas da O.N.U coas tropas serbias, trasladouse ás mulleres de Srebrenica ao territorio controlado polo Goberno de Saraxevo (arredor de 25.000 mulleres, segundo indicaron os querelantes do TPI). Algúns autobuses nunca alcanzaron a zona segura. Por exemplo, segundo o testemuño dado polo sobrevivente do masacre Habibović Kadir, este agochouse nun dos primeiros autobuses que levaban ás mulleres e aos nenos da base holandesa da O.N.U en Potočari a Kladanj: “Habibović viu polo menos un vehículo de mulleres bosníacas que eran conducidas lonxe do territorio controlado polo goberno bosníaco.” Habibović dixo que levaron aos homes a unha posición remota preto de Rasica Gai pola tarde. Cando colleron ao primeiro grupo do camión el di que saltou do camión e caeu por unha pendente próxima; os disparos dos soldados non o alcanzaron e escapou. Chegou ao territorio controlado polos bosníacos o 20 de agosto de 1995.

Reacción internacional[editar | editar a fonte]

A reacción da comunidade internacional foi nun primeiro momento, moi morna. Os principais líderes europeos condenaron o masacre, pero non interviñeron con máis tropas para restabelecer o encrave seguro decretado pola ONU. O propio Butros Galli recoñeceu o seu fracaso o mesmo día 12 de xullo, cando de visita diplomática a O Cairo, declarou: "É unha misión imposíbel. Nas condicións actuais non dispoñemos dos medios para cumprir con ela". O día 13 de xullo, cando estaba de visita diplomática n'O Cairo, foi informado do masacre. O Consello de Seguridade da ONU, ese mesmo día limitouse a condenar o masacre e esixir a retirada dos soldados serbios, sen chegar a tomar medidas máis coercitivas. Nun primeiro momento, os gobernos europeos reaccionaron con lentitude, sen conseguir pórse de acordo nas medidas a tomar. Mentres o Presidente francés Jacques Chirac era partidario dunha maior intervención armada, Inglaterra ou España eran remisos a tomar claro partido por un dos bandos.

A difusión das imaxes dos masacres polos medios de comunicación internacionais xerou unha forte onda de simpatía cara aos bosníacos[Cómpre referencia], levando consigo unha maior implicación da comunidade internacional na detención da guerra. O propio Bill Clinton mostrouse favorable quince días logo de coñecido o masacre a levantar o embargo de armas que pesaba sobre Bosnia.[22]

A situación tivo unha gran repercusión nos Países Baixos, cuxos cascos azuis tiñan a misión de protexer a cidade e retiráronse da mesma. Unha comisión parlamentaria investigou o caso sinalando no seu informe como culpable último ao entón Presidente do Goberno Wim Kok. Por tal motivo, o gabinete en pleno presentou a súa dimisión o 18 de abril de 2002.[23]

A raíz dos testemuños aparecidos, o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia ditou orde de busca e captura contra Ratko Mladić, así como contra Radovan Karadžić,[24] como autor intelectual de dito masacre, o cal foi detido o 21 de xullo de 2008 en Serbia.[25] Outros dos detidos de entre os autores do masacre, son en concreto:

  • Ljubisa Beara, xefe do Exército dos Serbios de Bosnia.
  • Vujadin Popovic, xefe da policía.
  • Ljubomir Borovcanin, comandante adxunto da Policía especial do Ministerio do Interior serbobosníaco.
  • Radivoje Miletic e Milan Gvero, oficiais do exército serbo-bosníaco, que impediron a chegada de axuda humanitaria aos civís.
  • Vinko Pandurevic e Drago Nikolic, comandantes das brigadas que tomaron Srebrenica.

Represalias[editar | editar a fonte]

No mundo islámico esta masacre tivo unha enorme repercusión, contribuíndo á chegada a Bosnia de gran cantidade de guerrilleiros de moi diversos países, muxahidíns que loitaron xunto aos bosníacos musulmáns. Isto contribuíu á radicalización do conflito, considerándose unha guerra de relixión.

Observadores internacionais teñen constatado que minorías serbias de Srebrenica, Sijekovac, Kravica, Trnovo, Brcko, Foča, Kamenica, Rogatica, Kukavice, Milići, Klisa, Zvornik, Kalinovik, Saraxevo e Rogosije foron obxecto de asasinatos múltiples, así como de mutilacións e violacións, ademais da destrución de numerosos templos ortodoxos. O líder musulmán Naser Oric, máximo responsábel da maioría destas atrocidades, foi xulgado polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, sendo considerado culpábel só do delito de crimes de guerra e condenado a dous anos de cárcere.[26] A cualificación de xenocidio contra o pobo serbio non foi considerada como tal por este tribunal, que interpretou estas matanzas como actos de guerra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Massacre Near Srebrenica was Staged by French and Muslim Agents". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2010. Consultado o 01 de xullo de 2009. 
  2. "Srebrenica And the Politics of War Crimes". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2009. Consultado o 01 de xullo de 2009. 
  3. "Srebrenica "massacre"". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2009. Consultado o 01 de xullo de 2009. 
  4. One of 22,200 examples from Feb. 10, 2006 Google search; The Washington Post, "Srebrenica Genocide Trial to Restart"; [1]
  5. "Serbia: Mladic “Recruited” Infamous Scorpions". Institute for War and Peace Reporting. [2]
  6. Srebrenica Video Vindicates Long Pursuit by Serb Activist;
  7. National Public Radio programme "All Things Considered, June 3, 2005" - Dejan Anastasijevic of Vreme Magazine tells Melissa Block "... This specific paramilitary unit is not a Bosnian Serb unit, it is a unit which comes from Serbia and the people from the unit were actually members of the Serbian police force, so this is the first hard evidence that Serbian troops from Serbia were involved in the Srebrenica massacre. So far Serbian authorities were always claiming that troops from Serbia were not involved in the Bosnian War, just Bosnian Serb units. ..."; [3]
  8. "Scorpions'Trail by Dejan Anastasjevic, Vreme, Belgrade, 9 June 2006". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 13 de agosto de 2007. 
  9. ICJ judgement paragraphs 385 through 415
  10. Institute for War and Peace Reporting, Tribunal Update: Briefly Noted (TU No 398, 18-Mar-05) [4]
  11. "ICTY "Prosecutor v. Krstic"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de xullo de 2004. Consultado o 18 de xullo de 2004. 
  12. ICTY; "Address by ICTY President Theodor Meron, at Potocari Memorial Cemetery" The Hague, 23 de xuño de 2004 [5]
  13. Court Declares Bosnia Killings Were Genocide The New York Times, 26 de febreiro de 2007. A copy of the ICJ judgement can be found here
  14. ""The Fall of Srebrenica". United Nations. 15 November 1999" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de setembro de 2000. Consultado o 11 de xullo de 2008. 
  15. "ICTY. Juicio a Krstic: apelaciones" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de xullo de 2004. Consultado o 18 de xullo de 2004. 
  16. The Balkan Institute, Volume 2.26
  17. "Derecho militar. Srebrenica" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2006. Consultado o 15 de xullo de 2008. 
  18. YouTube: Mladić en Srebrenica
  19. 19,0 19,1 BBC.A Cry From The Grave
  20. "ICTY. Xuízo a Krstic" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de setembro de 2001. Consultado o 13 de setembro de 2001. 
  21. CNN. Crimes de guerra
  22. "Clinton levanta el embargo de armas", artigo en El País (en castelán).
  23. "Dimite en pleno el gobierno holandés" artigo en El Mundo (en castelán).
  24. "Recompensa por Karadzic". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2007. Consultado o 22 de xullo de 2008. 
  25. ""O criminal de guerra Radovan Karadzic, arrestado en Serbia"". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2012. Consultado o 24 de xullo de 2008. 
  26. "ACNUR. O TPI condena ao ex comandante Naser Oric a dous anos de cárcere por crimes de guerra". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2014. Consultado o 14 de agosto de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]