Luce Irigaray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Luce Irigaray, nada en Blaton (Bélxica) en 1932, é unha filósofa, lingüista, psicóloga e psicanalista belga. Actualmente reside en París.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi alumna no "High School Secundary" de Bruxelas entre 1956-59. Dende 1962 ata 1964 traballou para a Fundación Nacional de Investigación Científica en Bruxelas.

Posteriormente trasladouse a París onde participará nos seminarios psicanalíticos de Jacques Lacan. Ao mesmo tempo pasa a formar parte do Movemento de Liberación de Mulleres. Tamén toma parte no grupo de esquerdas revolucionario do movemento de mulleres "Politique et Psychanalyse" liderado por Antoinette Fouqué. Participou nas manifestacións para a anticoncepción e o aborto.

Comezou o seu traballo de investigación influenciada pola teoría feminista, consistente en representar as categorías fundamentais da psicanálise e da filosofía a partir de temas relacionados coa sexualidade feminina, o inconsciente, o corpo da muller así como a relación desta coa súa nai e que culminou coa publicación da súa tese de doutoramento en 1974 chamada Speculum, que provocou a súa ruptura con Lacan e a súa expulsión da Escola de Vincennes, do departamento de psicanálise de Vincennes, contiguo á Universidade de París VIII. Ao ser expulsada da escola lacaniana recorreu á grande líder do feminismo francés, Simone de Beauvoir, esperando recibir o seu apoio, porén Simone de Beauvoir nunca respondeu.

Nas décadas dos setenta e oitenta estivo ferventemente ligada ao movemento de mulleres, e percorreu toda Europa dando seminarios e conferencias, das cales, moitas foron publicadas. Por exemplo, en 1984, publícase Éthique de la Différence Sexuelle, que é unha compilación das conferencias que pronunciou na Universidade Erasmus de Rotterdam durante o segundo semestre de 1982 e, en 1987, Sexes et Parentés, outra escolma de conferencias. Pero é na década dos oitenta cando incrementa os seus vínculos co movemento feminista italiano, principalmente coa comunidade filosófica de mulleres da universidade de Verona e, en concreto con Luisa Muraro, á cal entrevista e publica o artigo no seu segundo libro Eu, ti e nosoutras. Tamén mantén unha estreita relación co movemento comunista italiano como se reflicte no prólogo Amo a ti.

Coa publicación en 1994 de La democrazia comicia a due, demostra que a colaboración política e práctica da autora é máis comprometida. Nesta última obra conta coa achega da conselleira para a Igualdade de Oportunidades para a rexión italiana Emilia-Romagna, rexión que a convidou para que educara á súa cidadanía nos seus ideais políticos. No mesmo ano é coautora con Reno Imbeni dun informe baseado no recoñecemento da diferenza sexual como fundamento privilexiado para a construción de novas formas de convivencia humana chamado Informe sobre a Cidadanía da Unión.

Nos noventa é nomeada directora da Comisión de Filosofía do Centro Nacional de Investigacións Científicas de París, xunto coa docencia no Colexio Internacional de Filosofía de Paris, onde actualmente é Directora de Investigación, e nas Universidades de Turín e Boloña.

Nos últimos tempos a súa mentalidade cambiou e as súas reflexións están dedicadas á cultura oriental. Esta etapa comeza coa lectura por parte da autora de grandes pensadores como Nietzsche, Heidegger e, sobre todo, despois de sufrir un accidente automobilístico a raíz do que se lle recomenda a práctica do ioga. Dita práctica suscita o seu interese e curiosidade por certos textos da India, nos que descobre unha forma de pensar moi diferente á occidental e moi próxima aos seus presupostos teóricos, xa que o pensamento oriental -como o seu propio pensamento- presenta unha maior preocupación pola realidade máis inmediata e pola identidade feminina, ademais de ser un pensamento máis encarnado e que mantén unha actitude máis respectuosa coa natureza e co cosmos en xeral. Esta nova fase tradúcese no seu libro Entre Oriente e Occidente.

Crítica dunha cultura monosexual[editar | editar a fonte]

O pensamento occidental (segundo a autora) eríxese sobre un matricidio orixinario, o asasinato da muller-nai, e é moito máis arcaico que o parricidio que Freud expón en Totém e Tabú como orixe da civilización. O resultado deste matricidio é que desde os albores da nosa civilización exclúese á muller, négase a diferenza, a alteridade, como queda reflectido no pensamento de Platón, fundador dunha economía binaria, dunha tradición logocéntrica, ou mellor dito falocéntrica, e dunha cultura homosexual, non no sentido erótico do termo, senón no sentido de que o verdadeiro suxeito e protagonista desta tradición foi o suxeito masculino.

A diferenza sexual[editar | editar a fonte]

A aposta de Luce Irigaray polo recoñecemento da diferenza sexual é claramente oposta á de Simone de Beauvoir. En efecto a autora de O segundo sexo -e todo o feminismo ilustrado- sitúase ao lado da reivindicación da igualdade. Ambas alternativas son irreconciliables, polo menos desde o punto de vista lóxico e metafísico, aínda que a nivel práctico e político poidan coincidir en certas ocasións, aínda que os seus horizontes sexan diferentes.

Simone de Beauvoir parte da consideración da muller como o "Outro" do home e de que a categoría da alteridade non se presenta como unha categoría recíproca da que encarna ó home como o "Mesmo", como o "Un"; ambas categorías non se presentan en condicións de igualdade. A idea da muller como o "Outro" tíraa Simone de Beauvoir da relación amo-escravo, descrita por Hegel na Fenomoloxía do Espírito, consistente en que na formación da autoconciencia é un momento clave o recoñecemento por parte doutra autoconciencia.

Para Luce Irigaray hai que loitar pola igualdade, tanto dos salarios, dereitos sociais ou contra a discriminación no emprego ou nos estudos, mais a mera equiparación cos homes non é suficiente. Neutralizar a diferenza non serve para nada, excepto para favorecer un novo tipo de colonización, de evanxelización, de sometemento dos sexos, das razas ou das xeracións a un modelo único de identidade humana, de cultura, de civilización.

Para ler a Luce Irigaray[editar | editar a fonte]

Os escritos de Luce Irigaray presentan un forte carácter literario, imaxinativo, evocador e provocador, o que favorece lecturas e interpretacións moi diferentes da súa obra, desde a exaltación até o rexeitamento total.

Unha utilización peculiar da linguaxe, desde a perspectiva de "parler femme", polo que evoca máis que expón ou alude máis que explica pormenorizadamente. O resultado é unha grande ambigüidade, incrementada polos neoloxismos que crea a autora mediante a utilización de prefixos, infixos, sufixos ou polos xogos da linguaxe e palabras que favorecen a homofonía e a parafonía, moi elocuentes na lingua francesa, que en moitos casos son intaducíbeis a outras linguas.

No seu pensamento podemos distinguir catro períodos:

  • Un primeiro período caracterizado pola crítica a unha cultura monosexual e falogocéntrica, marcado fundamentalmente pola publicación de Speculum da outra muller.
  • Unha segunda etapa na que propón certas alternativas para a construción dunha subxectividade feminina e da que o libro máis significativo quizais sexa Eu, ti, nós.
  • Na terceira fase está empeñada na construción dunha cultura de dous suxeitos respectuosos das súas diferenzas, que sexan modelo para unha coexistencia da diversidade a un nivel universal, como se pode observar en Ser Deus ou Ámote.
  • A cuarta e última época está moi influenciada pola cultura oriental.

A clasificación anterior pode considerarse artificial, pois a autora afirma que toda a súa reflexión filosófica -desde a contida en Speculum até as súas últimas publicacións- está orientada a levar a cabo un labor deconstrutivo da cultura patriarcal e avanzar unha cultura da diferenza sexual.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Le langage des dèments (A linguaxe dos dementes) (1973)
  • Speculum de l´autre femme (Speculum da outra muller) (1974)
  • Ce sexe qui n´en est pas un (Este sexo que non é un) (1977)
  • Et l´une ne bouge pas sens l´autre (E unha non se move sen a outra) (1979)
  • Amante Marine (Amante Marine) (1980)
  • Le corps à corps avec la mére (Corpo a corpo coa nai) (1981)
  • Passions elementaires (Paixóns elementais) (1982)
  • La Croyance même (A crenza mesma) (1983)
  • L´Oubli de l´aire (O olvido do aire) (1983)
  • Éthique de la différence sexuelle (Ética da diferenza sexual) (1984)
  • Parler n´est jamais neutre/ Falar nunca é neutro (1985)
  • Sexes et parentés/ Sexos e parentes (1989)
  • Le sexe linguistique (O sexo lingüístico) (1989)
  • Le temp de la différence (O tempo da diferenza) (1990)
  • Sexes et genres à travers les langues (Sexos e xéneros a través dos idiomas) (1990)
  • Je, tu, nous. Pour une culture de la différence (Eu, ti, nós. Para unha cultura da diferenza) (1990)
  • J´aime à toi (Ámote) (1992)
  • Genres culturels et interculturels (Xéneros culturais e interculturais) (1993)
  • La democrazia comicia a due (1994)
  • Le souffle des femmes (O suspiro das mulleres) (1996)
  • Tra oriente e occidente: dalla singolarità alla comunità (Entre oriente e occidente: da singularidade á comunidade) (1997)
  • Progetto di formazione alla cittadinanza per ragazze e ragazzi, per donne a uomini (Proxecto de formación na cidadanía para mozas e mozos, para mulleres e homes) (1997)
  • Être Deux (Entre dous) (1998)
  • Chi sono io? Chi sei tu? La chiave per une convivenza universale (Son eu? Es ti? A chave para unha convivencia universal) (1999)
  • Entre Orient et Occident (Entre oriente e occidente) (1999)
  • Animazione Sociale (Animación Social) (2000)
  • Labrys, études féministes (Labrys, estudos feministas) (2002)
  • Prières quotidiennes (Oracións cotidianas) (2004)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]