Joaquim Xirau i Palau

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJoaquim Xirau i Palau
Biografía
Nacemento23 de xuño de 1895 Editar o valor em Wikidata
Figueres, España Editar o valor em Wikidata
Morte10 de abril de 1946 Editar o valor em Wikidata (50 anos)
Cidade de México Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Barcelona
Universidade Central Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía, tradución, translation from German (en) Traducir e sistema educativo Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónfilósofo , escritor , profesor universitario , tradutor Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Salamanca
Universidade Nacional Autónoma de México
Universidade de Barcelona
Universidade de Zaragoza
French Institute of Latin America (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua catalá, lingua francesa, lingua inglesa, lingua alemá, lingua italiana e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosRamon Xirau i Subias (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsAntoni Xirau i Palau (en) Traducir e Josep Xirau i Palau (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 3598383

Joaquim Xirau i Palau, nado en Figueres (Xirona) o 23 de xuño de 1895 e finado na Cidade de México o 10 de abril de 1946, foi un filósofo catalán. Foi fillo do avogado Ramón Xirau i Llorens, e irmán do político Antoni Xirau i Palau, do químico Joan Xirau i Palau e do xurista Josep Xirau i Palau. É o pai do escritor e filósofo Ramón Xirau i Subias.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Ramón Xirau i Llorens, avogado, e de Maria del Remei Palau i Reig.[1]

Estudou Filosofía na Universidade de Barcelona, onde foi alumno de Jaume Serra i Húnter e Tomàs Carreras i Artau. Doutorouse na Universidade de Madrid, onde foi alumno de José Ortega y Gasset e Manuel García Morente. Estivo influenciado por Manuel Bartolomé Cossío e pola Institución Libre de Enseñanza. Realizou teses de doutoramento sobre Jean Jacques Rousseau e Gottfried Wilhelm Leibniz. Tamén estudou Dereito na Sorbona de París e mais en Bruxelas, Xenebra, Lovaina e Cambridge. Foi profesor de filosofía no Instituto Ramón Muntaner de Figueres, o instituto público e laico máis antigo de España.

De regreso en España, obtivo unha cátedra de bacharelato en Vigo. Posteriormente obtivo a cátedra de filosofía na Universidade de Zaragoza e en 1927 foi nomeado profesor de lóxica e teoría do coñecemento na Universidade de Barcelona, cargo que ocupou ata 1939, onde tamén foi decano da Facultade de Filosofía e Letras. Xunto con Jaume Serra e Francesc Mirabent i Vilaplana formou a chamada Escola de Barcelona. Tivo como discípulos a toda unha xeración de filósofos coñecidos, entre eles Josep Maria Calsamiglia i Vives, Josep Maria Font i Puig, Jordi Maragall i Noble, Josep Ferrater i Mora, Francesc Gomà i Musté, Eduard Nicol e Jaume Bofill i Bofill. O eco da súa escola prolongouse en Cataluña até a Transición española a través do Col·legi de Filosofía (1976), promovida por Xavier Rubert de Ventós, fillo do avogado Joan Rubert, tamén discípulo de Xirau.

No eido político foi un republicano convencido. Defendeu unha reforma da sociedade baseada no ensino e foi un dos fundadores da Unió Socialista de Catalunya. Porén, non ocupou cargos públicos e abandonou o partido cando se integrou no PSUC. Ao remate da Guerra Civil española exiliouse a Francia, logo a Gran Bretaña e finalmente a México. Foi profesor na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e catedrático no Liceo Franco-Mexicano.

Malia ser próximo a René Descartes, foi seguidor da fenomenoloxía de Edmund Husserl e da orientación filosófica de Max Scheler, Henri Bergson e George Edward Moore. A súa tendencia filosófica baseábase na teoría dos valores e tenta superar o idealismo subxectivo mediante a noción de amor. Consideraba que a actividade amorosa estaba na confluencia do ser e do valor, que é onde se supera a condición suxeito-obxecto. Ao mesmo tempo cría que o ser concreto resultaba, por unha banda, da cooperación da eternidade do fluxo dinámico e intensivo, e por outra, da eternidade dos elementos inmutables que o definen e enmarcan. Outra das súas preocupacións constantes era a procura da verdade.[2] Tamén fixo estudos sobre Ramon Llull e Joan Lluis Vives.

Na súa lembranza, o Ateneu Barcelonès convocou entre os anos 1989 e 2000 o Premio de ensaio Joaquim Xirau.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Xirau foi un dos pensadores cataláns máis activos da xeración republicana. Dita xeración entrou en contacto coas correntes de pensamento que ían xurdindo na Europa daquela, especialmente o vitalismo de Bergson, a fenomenoloxía de Husserl e a filosofía dos valores de Max Scheler. Durante a súa estadía en Cambridge como profesor visitante, asistiu a varias conferencias e congresos internacionais de filosofía, pedagoxía e psicoloxía. Na súa opinión, as ideas non son cousas mortas e secas, senón que precisan a educación para se faceren realidade. Por iso, no seu universo ou cosmovisión, a filosofía, a pedagoxía e a psicoloxía forman unha unidade en que o todo é máis importante que as partes consideradas de xeito illado.[3]

Segundo Goethe, Xirau é partidario dunha filosofía de acción que non se limita á contemplación, senón á transformación da sociedade desde unha posición espiritualista. Así, cando volveu dunha estadía en Moscova en 1931 –onde asistiu a unha conferencia psicotécnica–, afirmou que non lle gustara o que vira alí, porque na experiencia soviética faltaban valores espirituais. Dese modo, o seu pensamento desvinculouse do materialismo a prol dunha solución humanista de filo personalista, en sintonía cos principios do cristianismo e do humanismo socialista.

Xirau é herdeiro dunha cultura froito de camiños que veñen de Asia (Cristo), Europa (Sócrates) e África (Agostiño). No seu pensamento conflúen aspectos como o idealismo da liberdade de Fichte, o organicismo do krausismo, o culturalismo moral de Serra i Húnter, a existencia dun mundo eidético que configura os valores (Husserl, Scheler, Landsberg) e o amor franciscano (Llull).[4] Todo isto en conxunto proporciona unha filosofía espiritualista cun signo humanista.[5]

Desde a perspectiva pedagóxica, cómpre situar o pensamento de Xirau no horizonte de M. B. Cossío. Segundo este, educar implica 'vivificar', dar vida ou, o que é o mesmo, espiritualizar. Trátase de facer posíbel que o alumnado viva de xeito libre unha vida auténtica a través da esencia creadora duns valores que deben fomentar a dimensión transcendente da persoa. En conxunto, a súa obra lembra a axioloxía de Scheler para dar resposta á transmutación de valores anunciada por Nietzsche. Tamén alude ao esforzo de Husserl por dar sentido a un mundo que, baixo o poder da ciencia e da tecnoloxía, camiña cara ao nihilismo.[4]

A grandes liñas, a súa filosofía caracterízase por promover un pensamento modernizador, idealista, fortemente espiritista e de carácter socializador. Foxe dos disturbios e rexeita as revolucións, pois os problemas que afectaban ás persoas do seu tempo debían ser resoltos por unha vía reformista de carácter pedagóxico. Trátase dunha educación ao servizo dunha política que, dun xeito algo utópico, buscaba (á marxe das loitas dos partidos) a transformación das conciencias. Nese sentido, o seu ideario oscila entre un espertar socrático das conciencias e a asunción da esfera eidética dos valores. Nun enfoque platónico e idealista, Xirau renuncia ao imperativo kantiano que, ao seu xuízo, implica unha dimensión dogmática que dificulta o desenvolvemento da liberdade de pensamento. Porén, Xirau tamén se afasta da espontaneidade do naturalismo pedagóxico de Jean-Jacques Rousseau, até o punto de afastarse tamén da disciplina e da espontaneidade.[5]

Así mesmo, convén en que a través da educación e da cultura se esperte a conciencia individual, ou mellor, que se esperte unha conciencia amorosa mediante unha educación en que o mestre namore e o discípulo ame. Unha vez configurada esta conciencia amorosa, poderanse captar os valores que permanecen fóra da persoa. A fórmula a seguir é, xa que logo, a de «ama e fai o que queiras» (ama et fac quod vis). Así o expresou Santo Agostiño no comentario da primeira epístola de San Xoán, cando se refire á caridade fraterna, un deber do cristianismo. Dese xeito, Xirau forma parte da tradición cristiá do amor, dun amor que debe vivificar todos os ámbitos da vida. Así o estabelece no seu libro Amor y mundo, publicado no exilio mexicano, aínda que as ideas centrais foron anticipadas en L'amor i la percepció dels valors (1936).[5]

Sen amor non hai valores: o amor é o valor supremo e a orixe de calquera valor. Para Xirau a actividade amorosa é o ímpeto, o impulso que permite acadar niveis cada vez máis altos. A relación, pois, entre amor e valor é íntima e directa. O amor encárgase de descubrir valores e iluminalos, mais nin os promove nin os crea, senón que os descobre e os acepta. Non hai unha xerarquía, senón que todo nace do propio amor e non das cousas externas á interioridade humana:

«Non hai cousas que merezan amor e outras que non. Todas as cousas merecen e necesitan e piden amor por igual e quizais aínda máis as que máis necesitan da salvación. É o sentido da creación por amor da tradición agostiña. O amor busca o seu valor nas cousas. Dende o seu propio valor persoal intransferíbel ilumínao, promóveo, proxéctao até a súa plenitude e, finalmente, tenta crealo».

Parece claro que Xirau construíu sobre a base da conciencia amorosa unha filosofía do amor que conecta coa caritas cristiá e que ten como obxectivo a educación de toda a humanidade. Isto dálle ao seu pensamento unha orientación metafísica e relixiosa que non é estraña a un sentido ecuménico de comuñón. Só entón o eros grego dará paso ao ágape cristián.[5]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Las condiciones de la verdad eterna en Leibniz (1921)
  • Rousseau y las ideas políticas modernas (1923)
  • Descartes y el idealismo subjetivista moderno (1927)
  • Lo fugaz y lo eterno, El sentido de la verdad (1927)
  • La recerca d'una nova ciutat de Déu (1940)
  • Amor y mundo (1940)
  • El pensamiento y la obra de Bergson (1944)
  • Ramon Llull, filosofía y mística (1945)
  • Obras (Amor y mundo, Lo fugaz y lo eterno, Vida y obra de Ramón Llull) (1963)
  • Amor y mundo y otros escritos (1983)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Palomas i Moncholí, Joan. "Biografia Antoni Xirau i Palau". memoriaesquerra.cat (en catalán). 
  2. Mestre i Campi, Jesús (director) (1992). Diccionari d'Història de Catalunya (en catalán). Barcelona: Edicions 62. p. 1142, entrada: "Família Xirau". ISBN 9788429735215. 
  3. Siguan, Miquel (1995). CENTENARI JOAQUIM XIRAU (PDF) (en catalán). Barcelona: Generalitat de Catalunya - Departament de Cultura. ISBN 8439336721. 
  4. 4,0 4,1 Bastons i Vivanco, Carles; Bastons, Miquel (1984). "Correspondència de figuerencs a Unamuno: Estudi especial -vida, pensament i cartes- de Joaquim Xirau (1895-1946)". Annals de l’Institut d’Estudis Empordanesos (en catalán) 17: 341–355. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Siguan, Miquel (1995). CENTENARI JOAQUIM XIRAU (PDF) (en catalán). Barcelona: Generalitat de Catalunya - Departament de Cultura. ISBN 8439336721.