Inquisición española

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Inquisición española ou tamén coñecida como Tribunal do Santo Oficio da Inquisición actuou baixo o control dos reis de España de 1478 ata 1834. Esta Inquisición foi o resultado da Reconquista Española das mans dos musulmáns, e a política de conversión de xudeus e musulmáns españois ao catolicismo. A Inquisición foi un importante instrumento na política chamada limpeza de sangue contra os descendentes de xudeus e musulmáns convertidos.

A Inquisición, como tribunal eclesiástico, só tiña competencia xurídica sobre cristiáns bautizados. Durante a maior parte da súa historia, no entanto, ao non existir en España nin nos seus territorios dependentes liberdade de culto, a súa xurisdición estendeuse á totalidade dos súbditos do rei de España.

San Domingos presidindo un auto de fe (1475).

Orixes[editar | editar a fonte]

Precedentes[editar | editar a fonte]

A institución inquisitorial non foi unha creación española. Foi creada por medio da bula papal Ad abolendam, emitida a finais do século XII polo papa Lucio III como instrumento para combater a herexía albixense no sur de Francia. Existiron tribunais da Inquisición pontificia en varios reinos cristiáns europeos durante a Idade Media. Na Coroa de Aragón operou un tribunal da Inquisición pontificia establecido por ditame dos estatutos Excommunicamus do papa Gregorio IX en 1232 durante a época da herexía albixense; o seu principal representante foi Raimundo de Peñafort. Co tempo, a súa importancia foise diluíndo, e a mediados do século XV era unha institución case esquecida, aínda que legalmente vixente.

En Castela nunca houbo tribunal de Inquisición pontificia. Os encargados de vixiar e castigar os delitos de fe eran os diferentes bispados, por medio da Inquisición episcopal. Non obstante, durante a Idade Media en Castela prestouselle atención ás herexías.

Contexto[editar | editar a fonte]

Placa en lembranza dos veciños da vila de Ribadavia condenados pola inquisición por mor das súas crenzas hai máis de catrocentos anos.

Gran parte da Península Ibérica fora dominada polos árabes, e as relixións do sur, particularmente os territorios do antigo Reino de Granada, tiñan unha grande poboación musulmá. Até 1492, Granada permaneceu baixo dominio árabe. As grandes cidades, en especial Sevilla e Valladolid, en Castela, e Barcelona na Coroa de Aragón, tiñan grandes poboacións de xudeus, que habitaban nas chamadas "xuderías".

Durante a Idade Media, produciuse unha cohesión relativamente pacífica -aínda que non exenta de incidentes- entre cristiáns, xudeus e musulmáns, nos reinos peninsulares. Había unha longa tradición de servizo á Coroa de Aragón por parte dos xudeus. O pai de Fernando, Xoán II de Aragón, nomeou a Abiathar Crescas, un xudeu, astrónomo da Corte. Os xudeus ocupaban moitos postos importantes, tanto relixiosos como políticos. Castela incluso tiña un rabino inoficial, un xudeu practicante.

Non obstante, a fins do século XIV houbo nalgúns lugares de España unha onda de antisemitismo, alentado pola predicación de Ferrant Martínez, arquidiácono de Écija. Foron especialmente cruentos os pogroms de xuño de 1391: en Sevilla foron asasinados centos de xudeus, e destruíuse completamente a aljama[1], e noutras cidades, como Córdoba, Valencia ou Barcelona as vítimas foron igualmente moi elevadas[2].

Unha das consecuencias destes disturbios foi a conversión masiva de xudeus. Antes desta data, os conversos eran escasos e a penas tiñan relevancia social. Dende o século XV pode falarse de xudeus conversos, tamén chamados "novos cristiáns", coma un novo grupo social, visto con receo tanto por xudeus coma por cristiáns. Converténdose, os xudeus non só fuxían das persecucións, senón que lograban acceder a numerosos oficios e postos que lles estaban sendo prohibidos por novas normas, que aplicaban severas restricións contra eles. Foron moitos os conversos que acadaron unha importante posición na España do XV. Conversos eran, entre outros, os médicos Andrés Laguna e Francisco López Villalobos, médico da corte de Fernando o Católico; os escritores Juan del Enzina, Juan de Mena, Diego de Valera e Alfonso Palencia e os banqueiros Luis de Santángel e Gabriel Sánchez, que financiaron a viaxe de Cristovo Colón. Os conversos -non sen oposición- chegaron a escalar postos relevantes na xerarquía eclesiástica, converténdose ás veces en severos detractores do xudaísmo[3]. Incluso algúns foron ennoblecidos, e no século XVI varios opúsculos pretendían demostrar que case tódolos nobles de España tiñan ascendencia xudía[4]. A revolta de Pedro Sarmiento (Toledo, 1449) tivo como principal elemento mobilizador o receo dos cristiáns vellos cara os cristiáns novos, substanciado nos estatutos de limpeza de sangue que se estenderon por multitude de institucións, prohibíndolles o seu acceso.

Causas[editar | editar a fonte]

Non hai unanimidade acerca dos motivos polos que os Reis Católicos decidiron introducir no seu reinado a máquina inquisitorial. Os investigadores consideran varias razóns:

  • O establecemento da unidade relixiosa. Posto que o obxectivo dos Reis Católicos era a creación dunha maquinaria estatal eficiente, unha das súas prioridades era lograr a unidade relixiosa. Ademais, a Inquisición permitíalle á monarquía intervir activamente en asuntos relixiosos, sen a intermediación do Papa.
  • Debilitar a oposición política local aos Reis Católicos. Certamente, moitos dos que na Coroa de Aragón se opuxeron á implantación da Inquisición fixérono invocando foros propios.
  • Acabar coa poderosa minoría xudía conversa. No reino de Aragón foron procesados membros de familias influentes, como Santa Fe, Santángel, Caballería e Sánchez. Isto contradise, porén, co feito de que o propio Fernando continuase contando na súa administración con numerosos conversos
  • Financiamento económico. Posto que unha das medidas que se tomaba cos procesados era a confiscación dos seus bens, non pode descartarse esa posibilidade.

A Inquisición e a expulsión dos xudeus[editar | editar a fonte]

Fernando e Isabel indicaron a Tomás de Torquemada en 1481 para investigar e punir os conversos —xudeus e mouros que dicían térense convertido ao catolicismo, pero que continuasen a practicar as súas antigas relixións en secreto-. Algúns xudeus disfrazados tornáranse padres e mesmo bispos. Entre os anos 1486 e 1492, 25 autos de fe ocorreron en Toledo. Un total de 464 autos de fe contra xudeus ocorreron entre 1481 e 1826. No total, máis de 13 mil conversos foron xulgados entre 1480 e 1492. A Inquisición contra os conversos culminou coa expulsión dos xudeus das coroas de Castela e Aragón en 1492.

Modo de actuación[editar | editar a fonte]

A inquisición, como unha corte relixiosa, era operada por autoridades da igrexa. Pero se unha persoa fose considerada herexe, a punición era entregada ás autoridades seculares, pois "a igrexa non derramaba sangue". A tortura frecuentemente era usada como modo de penitencia. As punicións variaban da vergoña pública (obrigar o uso do sambenito, unha roupa de penitente) ata ser queimado en praza pública. A morte polo garrote era usada para os arrepentidos. Esas punicións facíanse en cerimonias públicas, chamadas autos de fe. Algunhas persoas acusaban outras por vinganza, ou para obter recompensas da Coroa. A propia Coroa Española beneficiábase, ao desapropiar os bens dos conversos.

A Inquisición tamén foi usada contra os primeiros focos do protestantismo, contra a diseminación das ideas de Erasmo de Rotterdam, contra o Iluminismo e, no século XVIII, contra o Enciclopedismo. A pesar das accións das outras inquisicións europeas contra a bruxaría, as bruxas non eran o principal foco da inquisición española. As acusadas de bruxaría eran normalmente calificadas como loucas. Durante o goberno de Xosé I aboliuse a Inquisición, pero foi reinstalada cando Fernando VII de España subiu ao trono. O profesor Cayetano Ripoli, garroteado en Valencia en 26 de xullo de 1826, foi a última persoa morta pola inquisición española. En 15 de xullo de 1834 foi finalmente abolida.

A Inquisición tamén foi instalada no México e no Perú, pero foi abolida nestes países cando lograron independizarse de España.

Notas[editar | editar a fonte]

  • Henry Kamen, The Spanish Inquisition: A Historical Revision. (Yale University Press, 1999). ISBN 0-300-07880-3
  • Henry Charles Lea, A History of the Inquisition of Spain (4 volumes), (New York and London, 1906-1907)
  1. Kamen, Henry: La Inquisición Española; p. 17.
  2. Kamen ofrece cifras aproximadas para as vítimas de Valencia (250) e Barcelona (400). Non ofrece datos concretos sobre Córdoba (Kamen, op. cit., p. 17)
  3. Foron notables casos coma os do bispo Pablo de Santa María, autor de Scrutinium Scripturarum, de Jerónimo de Santa Fe (Hebraeomastix) e de Pedro de la Caballería (Zelus Christi contra Judaeos). Os tres eran conversos. (Kamen, op. cit., p. 39).
  4. Destacan dous libelos do XVI: o Libro verde de Aragón e o Tizón de la nobleza de España (citados en Kamen, op. cit. p. 38).