Santiago (nome)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Iago")
Guido Reni, Santiago o Maior, 1636-1638, o patrón de Galiza


Santiago, Xácome ou Xacobe é un nome propio da onomástica galega que provén do hebraico יַעֲקֹב (Ia'akov), que significa (segundo a etimoloxía popular contida na Biblia) "sostido polo calcaño"[1]. Xacob foi o nome do patriarca que despois se chamou de Israel. O nome de Santiago ou Xacobe é típico en occidente, no mundo hebraico e no islámico. Iago, Xaime, Tiago, e Diego son variantes galegas do nome.

Santoral[editar | editar a fonte]

25 de xullo: Santiago Apóstolo, discípulo de Xesús Cristo, patrón de Galiza e de España. O 25 de xullo é tamén o día nacional de Galiza.

O nome en Galiza[editar | editar a fonte]

Santiago é o haxiotopónimo de numerosas vilas en Galiza, a máis coñecida: Santiago de Compostela, a capital. Ademais multitude de parroquias teñen a Santiago coma padroeiro. Santiago o Maior é ademáis o patrón de Galiza e de España, disque a súa tumba atópase en Compostela. O buscador de topónimos recolle 162 lugares co nome Santiago en Galiza, sen incluír microtopónimos[2]. A forma galega antiga máis documentada é Xácome (grafado en galego antigo: Jácome) coma aparece nun documento medieval de 1291 coma apelido Jácome: Pedro Jacome, e coma prenome en 1488: Jacome Notario, en 1467: Jacome Romeu e en 1491: Jacome de Sanjurjo. Na poboación galega herbaica o abundante era a forma Jacó. Hoxe en día son as formas Diego e Iago as máis empregadas nos nenos galegos, sendo o sexto e vixésimo primeiro nomes máis empregados respectivamente. Santiago (cos hipocorísticos comúns Iago, Chago e Santi) é un nome moi popular en Galiza. En España especialmente en Castela e León, Galiza, e A Rioxa. A variante Diego é a máis común de todas en Galiza,. A variante Iago e a castelá Yago son case exclusivas en Galiza. As formas Xacobe, Xacobo e Xaime só aparecen en Galiza. A forma Tiago, popular en Portugal, tamén abunda máis en Galiza ca noutras comunidades. A forma castelá Jacobo tamén aparece case practicamente só en Galiza[3].

Frecuencias das variantes do nome en Galiza[editar | editar a fonte]

  • Diego: 12.812 varóns.
  • Santiago (e os hipocorísticos Santi, Chago e Iago): 9.587 varóns.
  • Jaime (variante castelá): 6.077 varóns.
  • Iago: 4.311 varóns.
  • Jacobo (variante castelá): 2.761 varóns.
  • Yago (variante castelá): 2.251 varóns.
  • Xacobe: 179 varóns.
  • Tiago: 143 varóns.
  • Xaime: 100 varóns.
  • Xacobo: 84 varóns.
  • Diogo (variante portuguesa): 20 varóns.
  • Xácome: 0 varóns[4].

Xacobe[editar | editar a fonte]

Xacobe (tamén Xacobo, en portugués: Jacó ou Jacob, en castelán: Jacob ou Jacobo) é a forma máis achegada ao orixinal hebraico, cuxa pronunciación é Iaakov, pasou ao latín coma Iacobus e de aquí á forma galega. A Biblia di que Xacob tiña a súa man no talón de Esaú. A palabra hebraica para "talón" é akev. A palabra hebraica para "man" é yad e é representada pola letra hebraica "y" que se pronuncia iod e que significa "man." É dicir que o nome Xacob significa simplemente "man no talón". De feito o seu nomeno hebraico ya'akov deriva dunha raíz hebraica que significa "protexer" polo que o seu nome tamén significa "que Deus protexa" ou "Deus protexeu."

Santiago[editar | editar a fonte]

É a segunda forma do nome máis común en Galiza tras Diego, e a forma máis común en español,[5][6] en honra a un dos apóstolos de Xesús, Ya'akov fillo de Zebedeo, coñecido como Santiago o Maior, patrón de Galiza[7]. En latín eclesiástico denominábaselle Sanctus Iacobus (literalmente "San Xacobe"), composto que pasou a Sant Iaco (Sant Iague ou Yagüe en castelán) para culminar como Sant Iago en galego. Por ser o berro da batalla dos cristiáns españoles durante a Reconquista, popularizouse nunha soa palabra e non en dúas, pasando a ser un nome por dereito propio.

Iago[editar | editar a fonte]

O nome Iago xurdiu tamén do latino Iacobus (latinacización do nome hebraico Ya'akov (יעקב)) por caída da terminación -bus, entendida coma unha desinencia de dativo/ablativo plural, cando en verdade non o era, e así pasou ao galego, portugués, leonés e castelán. Malia a súa actual popularidade como nome galego non o foi tal no pasado, coma nas épocas medievais e modernas, onde só atopamos Jacome (no galego actual sería Xácome).

Tiago[editar | editar a fonte]

Contrariamente ao que normalmente di o senso común, o nome Tiago é, en verdade, unha corruptela de Iago. O nome Tiago xurdiu da aglutinación de dous elementos Santo e Iago que produciu Santiago. Á súa vez, ao se separar novamente a palabra Santo, xurdiu unha corruptela que despois viría a se tornar o nome Tiago, común especialmente en Portugal. No Brasil, é tambén moi común a versión "Thiago", derivada dunha falsa etimoloxía que atribuía o 'th' dunha suposta orixe grega iniciada coa letra θ, como é o caso do galego Tomé (en galego antigo Thomé).

Didacus[editar | editar a fonte]

Unha etimoloxía erudita sostén que Diego procedería, porén, do latín Didacus, derivado á súa vez do grego Διδακμος (Didakmós, participio que significa "instruído"), a cal deu lugar a Dídaco (en catalán Dídac).

Porén, semella que Didacus nunca existiu no latín falado, máis ben se trata dunha latinización do propio Diego, a semellanza doutras semellantes, como Ludovicus, de Luís ou Lois (nome xermánico) ou Xaverius, de Xabier.

A súa presenza documental, en efecto - fóra dos nomes latinizados, como Didacus Roderici para Diego Rodríguez ou nun documento galego de 1137: Didacus Capas- é practicamente inexistente; é dicir que ninguén se chamou nunca Dídaco nin nada semellante antes de existir o nome Diego. Diego ademáis non é patrón de ninguna parroquia galega, polo que non sería un nome galego.

Pola súa banda a heráldica adxudica ao apelido Diego un brasón cuartelado con dúas vieiras, símbolo do apóstolo Santiago. En consecuencia, a orixe de Diego en Tiago e antes Sant Iago semella evidente.

Diego[editar | editar a fonte]

Diego, seica, deriva dunha incorrecta separación do nome Santiago, San Tiago (que deu tamén a variante galego-portuguesa Tiago) que por razóns de eufonía derivou en Diago e despois en Diego (Diogo en portugués).

O proceso de separación, estímase, foi o seguinte, aínda que a súa evolución foi moi amodo e non está completamente testemuñada Sant IagoSant TiagoTiagoDiagoDiego

Exemplos:

  • Et ueno M. Thome, maordomo del bispo, al día del plazo de Sant Yago & aduxo los alcaldes sobredichos... Anónimo, Documento de avenencia. Castela, ca. 1230.
  • Rogamos asant clemente en cuyo día nasçiemos & asant illifonso cuyo nombre abemos. & asant tiago que es nuestro sennor & nuestro padron Fuero de Burgos. ca. 1290.
  • Título de vna fazannia Don del tiempo del Rey don alfonso el vyeio. Nunno el buenno & don diago gonçalez su hermano... Fuero de Burgos. ca. 1290.

Algúns lingüistas sustentan que Diego e a variedade lusa Diogo derivarían do latín Didacus. Desde os primeiros documentos latino-galaico-portugueses escritos desde o 882, o nome vén documentado a través das formas "Didaco", "Didagu", "Diaco" e "Diago" que foron abonadas amplamente em documentación da Idade Media. Algunhas fontes pouco precisas presentan o nome Diego coma un nome illado, dándolle falsos significados como "belo" e até mesmo como unha variante de demo.[8]

Xácome e Xaime[editar | editar a fonte]

A forma Xácome é a maís documentada no galego antigo (grafándose coma Jacome); viría do latín Iacomus, unha variante dialectal occitana de Iacobus que daría orixe aos James e Gemmes (hoxe en desuso) do francés antigo, o jaume catalán e ao jaime castelán e galego-portugués, que pasaría ao xaime galego actual. Nun documento medieval galego de 1291 xa aparecía o apelido Jácome: Pedro Jacome, e como nome en 1488: Jacome Notario e en 1467: Jacome Romeu. Actualmente ningún galego porta este nome, aínda que si atopamos 126 persoas co apelido, especialmente nas provincias de Pontevedra e Ourense[9].

Xosé Díaz Jácome, nado en Mondoñedo en 1910 foi un xornalista e escritor galego. O Concello de Mondoñedo e a Fundación Caixa Galicia convocan anualmente desde 2000 o premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores co obxectivo de estimular a creación poética entre a xente nova.

Variantes noutras linguas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xénese 25:26
  2. http://toponimia.xunta.es/gl/Buscador
  3. Instituto Nacional de Estatística - http://www.ine.es/daco/daco42/nombyapel/nombyapel.htm
  4. Instituto Nacional de Estatística - http://www.ine.es/daco/daco42/nombyapel/nombyapel.htm
  5. Domínguez García, Javier: Memorias del futuro. Ideología y ficción en el símbolo de Santiago Apóstol (Iberoamerica Editorial Vervuert, 2008)
  6. Datos del censo español (Fuente: INE)
  7. http://etimologias.dechile.net/?Santiago
  8. "diogo", in Dicionário Priberam da Língua Portuguesa em linha, 2010. Consultado o 12-03-2013.
  9. Instituto Nacional de Estatística - http://www.ine.es/apellidos/formGeneralresult.do?vista=1

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografia[editar | editar a fonte]