Harún al-Rashid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Harún al-Rashid no Mundo das Mil e unha Noites. Miniatura árabe que representa ao califa.

Harún al-Rashid [1] (en árabe هارون الرشيد, Aarón o Xusto, Rayy, Persia, 17 de marzo de ca. 766 - Tus, 24 de marzo de 809) foi o quinto e máis famoso califa da dinastía abasí de Bagdad. Gobernou desde o 14 de setembro de 786 até a súa morte.

No seu reinado o califato abasí chegou ao cumio do seu poderío, un período de excepcional esplendor cultural, científico e económico.

Por outra parte, foi moi radical nas súas concepcións relixiosas acerca do islam.

Considérase un dos máis grandes gobernantes musulmáns, e un exemplo a imitar polos seus correlixionarios.

A súa fama e poderío foron inmortalizados en As mil e unha noites, onde el, a súa esposa Zobeida e varios dos seus cortesáns protagonizan numerosas historias.

Vida[editar | editar a fonte]

O Califato abasí (en cor verde clara e escura) na súa máxima extensión, contra o ano 850. Os territiorios en verde escuro (Al-Ándalus) perdéronse cedo.
Harun al-Rashid recibe a unha delegación de Carlomagno.
A emperatriz Irene e Constantino.

Harún era fillo de Al-Mahdi, terceiro califa abasí, que gobernou entre 775 e 785, e Al-Jayzuran, unha antiga escrava do Iemen e muller de forte personalidade que influíu considerabelmente nos reinados do seu marido e os seus fillos.

Descoñécese a data exacta do seu nacemento,[2] que podería ser en calquera momento entre os anos 763 e 767, aínda que aparentemente o máis probábel é que ocorrera en 766.

É seguro, en cambio, que tanto Harún como o seu irmán maior Musa, o futuro califa al-Hadi), naceron en Rayy (localidade ao sur da moderna Teherán), onde seu pai residía como vicerrei da zona oriental do califato.[3]

O seu primeiro acto público de relevancia foi acompañar ao seu pai nunha peregrinación ás cidades santas de A Meca e Medina, no outono de 777.[4] Pouco despois, se lle asignou como titor a Yahya ibn Khalid ibn Barmak (Yahya el Barmací), un experimentado funcionario e amigo íntimo da familia real, quen chegou a desempeñar un rol de verdadeiro pai na vida de Harún.[5]

No verán de 780 encargóuselle conducir unha campaña contra os bizantinos na zona dos montes Tauros, o que simultaneamente lle brindaba unha formación militar e a oportunidade de darse a coñecer no exército. Acompañárono Yahya el Barmací, como administrador das finanzas do exército, e o chambelán Rabi ibn Yunus.

Despois dun sitio de oito días, logrou a rendición do castelo fronteirizo de Samalu, cuxa gornición foi deportada a Bagdad (a fortaleza volvería a mans bizantinas pouco despois).[6]

En 782 Harún liderou unha expedición de maior envergadura que derrotou ao exército bizantino e alcanzou o Bósforo.

A emperatriz bizantina Irene tivo que comprometerse a pagar un tributo ao califa, durante tres anos, consistente nuns de 70.000 a 90.000 dinares anuais.[7] [8]

Harún estivo moi influído pola vontade da súa nai no goberno do imperio até a morte desta en 789. O seu principal ministro, o visir Giafar el Barmesida, os fillos deste e outros membros da familia barmáquida controlaron xeralmente a administración.

O imperio abasí empezou a desmoronarse con el e a soberanía do seu reino non foi nunca recoñecida polos aglabís de Tunes, como tampouco polos idrisís de Marrocos e os omeias de Al-Ándalus.

Ademais da súa viaxe de 777, xa sendo califa Harún realizou oito peregrinacións á Meca, nos anos 787, 790, 791, 794, 796, 798, 802 e 804.[9]

Morte[editar | editar a fonte]

Siuación da provincia de Khorasán, hoxe no Irán.

Coa intención de sufocar persoalmente unha rebelión na provincia oriental de Khorasán, Harún abandonou Bagdad á cabeza dun exército o 5 de xuño de 808, acompañado polo seu fillo al-Mamun.

A finais do ano chegaron á cidade de Tus, en Khorasán (ao nordeste do moderno Irán).

Alí enfermou, e encomendou a al-Mamun que continuara a expedición.

Harún faleceu o 24 de marzo de 809, contando cuns 47 anos de idade.

Foi sepultado na casa de campo na que se instalara.[10]

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

Literatura[editar | editar a fonte]

  • Henry Wadsworth Longfellow escribiu un poema que comeza:

    One day Haroun Al-Raschid read
    A book wherein the poet said
    Where are the kings and where the rest
    Of those who once the world possessed?

  • Alfred Tennyson escribiu un poema na súa xuventude titulado Recollections Of The Arabian Nights. Cada estancia (excepto a última) acaba coa frase "of good Haroun Alraschid".
  • Harún al-Rashid figura no Ulysses de James Joyce, nun soño de Stephen Dedalus, un dos protagonistas.
  • Harún al-Rashid tamén aparece nun célebre poema de 1923 de W.B. Yeats, "The Gift of Harun al-Rashid".
  • Os dous protagonistas da novela Haroun and the Sea of Stories de Salman Rushdie (1990) son Harún e o seu irmán Rashid Khalifa.
  • Nas The Sten Chronicles, novelas de ciencia ficción de Allan Cole e Chris Bunch, o personaxe do Emperador Eterno usa o nome "H. E. Raschid" como sinónimo; isto confírmase, no derradeiro libro da serie, cunha referencia do personaxe Burton á tradución do Libro das mil e unha noites.
  • Na historia The BFG de Roald Dahl, o Sultán de Bagdad di que ten un tío chamado Califa Harún al-Rashid.

Filmes[editar | editar a fonte]

Cómics[editar | editar a fonte]

  • O libro humorístico The Sandman inclúe una historia (a nº 50, "Ramadan") situada no mundo das Noites de Arabia, das que Harún al-Rashid é o protagonista.
  • Harún aparece no nº 5 da chilena colección de revistas gráficas Mampato, titulado "Bromisnar de Bagdad" [11]

Videoxogos[editar | editar a fonte]

  • Harún al-Rashid aparece como o líder de Arabia no videoxogo Civilization 5.

Outros[editar | editar a fonte]

O futuro presidente dos Estados Unidos Theodore Roosevelt, cando era o Comisionado do Departamento de Policía de Nova York, era alcumado nos periódicos locais como "Haroun-al-Roosevelt" polo seu hábito de pasear en solitario polas rúas de Manhattan para, subrepticiamente, cahar aos policías fóra dos seus postos. (Nas mil e unha noites, Harún al-Rashid percorría de noite as rúas de Bagdad vestido de mercader para observar a vida das xentes).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén transcrito Hārūn al-Rashīd, Haroun ar-Rachid, Harun al-Raschid, Haroon al Rasheed ou Harun al-Rashid [tamén Harune Arraxide], entre outras formas acordes coas fonéticas francesa, alemá, inglesa e portuguesa.
  2. Kennedy, Hugh (2008): La corte de los califas. Barcelona: Crítica, páx. 78. (Kennedy cita a:Abbott, Nabia (1946): Two Queens of Baghdad, University of Chicago Press (segunda impresión, Al Saqi, Londres, 1986), páxs. 23-24.
  3. Kennedy, Hugh, Op. cit. páxs. 38 e 78.
  4. Kennedy, Hugh. Op.cit. páx. 79.
  5. Kennedy, Hugh. Op. cit., páx. 80.
  6. Kennedy, Hugh. Op. cit., páxs. 80-82.
  7. Kennedy, Hugh. Op. cit., páxs. 82-83.
  8. Herrin, Judith (1973): "La crisis de la iconoclastia" en Maier, Franz Georg (2000): Bizancio. México: Siglo XXI, páx. 99. ISBN 968-23-0496-2
  9. Kennedy, Hugh. Op. cit., páx. 94.
  10. Kennedy, Hugh. Op. cit., páx. 117.
  11. Libros Mampato

Véxase tamém[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Harún al-Rashid

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clot, André (1990): Harun Al-Rashid and the Age of a Thousand and One Nights. New Amsterdam Books. ISBN 0941533654
  • Kennedy, Hugh (2008): La corte de los califas. Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-8432-974-9
  • al-Tabari (2001): La Chronique: Histoire des prophètes et des rois. Volume II, L’âge d’or des Abbassides. (Tradución do persa por Hermann Zotenberg). Actes Sud / Sindbad. ISBN 978-2742-73318-7

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Al-Hadi
Califa abasí de Bagdad
786–809
Sucesor:
Al-Amin