Fanny Vandegrift

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fanny Vandegrift

Fanny Vandergrift Osbourne Stevenson, nada o 10 de marzo de 1840 en Indianapolis e falecida o 17 de febreiro de 1914 en San Francisco, foi unha artista e aventureira estadounidense, herdeira do legado de seu segundo home, Robert Louis Stevenson.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O matrimonio con Osbourne[editar | editar a fonte]

Era filla do construtor Jacob Vandegrift, e da súa muller Esther Thomas Keen. Aos dezasete anos casou con Samuel Osbourne, un tenente ao servizo do gobernador do estado e ao ano seguinte, en 1858 nacía a súa primeira filla, Isobel ou Belle. Samuel combateu na Guerra Civil Americana e de volta da fronte, acompañando a un amigo enfermo de tuberculose, parou en San Francisco, California. Decidiu traballar nas minas de prata de Nevada. Dende alí mandou traer á familia, que veu en barco dando a volta polo istmo de Panamá. Primeiro instaláronse en Reese River e na aldeíña de Austin, logo marcharon a Virginia City e finalmente, mentres Samuel Osbourne coñecía outras mulleres nos salóns, e miraba de atopar ouro nas montañas Coeur d'Alene, Fanny e maila filla instaláronse en San Francisco. Seguíanse vendo, e froito deses encontros foi segundo fillo Samuel Lloyd, que naceu en 1868.

Despois separáronse de novo, e Fanny volveu para Indianapolis. Logo reconciliáronse e en 1869 vivían en Oakland (California), onde lles naceu o terceiro fillo, Hervey. Pero os problemas no matrimonio continuaron longo tempo. En 1875 ela decidira deixalo completamente, pero como o divorcio levaba aparellados problemas de índole social e moral naquel tempo, optou por marchar algo máis lonxe, a Europa, cos seus tres fillos, a aprender pintura. Primeiro en Antuerpe, onde non a admitiron por ser muller, e finalmente en París. Uns meses máis tarde, o 5 de abril de 1876, e de tuberculose mórrelle o máis pequeno dos seus tres fillos, Hervey Osbourne, e soterrárono no cemiterio de Père Lachaise. Para os seus últimos días acudiu o pai dende Estados Unidos, e quedou aínda un tempo na capital francesa, pero logo marchou de volta a California.

A súa carreira como pintora. Robert Louis Stevenson[editar | editar a fonte]

En xullo de 1876 coñece a Robert Louis Stevenson nunha residencia de artistas preto de Fontainebleau, aínda que nun primeiro momento Stevenson amosa interese na filla de Fanny, Belle. A rapaza non demostrou resposta ningunha, pero aínda así Stevenson pasou os invernos de 1876 a 1878 entre Londres e a casa familiar de Edimburgo, pero o resto do ano ou vivía en París na casa de Fanny ou na residencia de artistas de Grez. En 1878 Stevenson propúxolle de divorciarse de Osbourne e casar con el, pero ela rexeitouno. E o 15 de agosto de 1878 Fanny, presionada polo seu home, regresa a San Francisco.

Stevenson dille que quere ir detrás dela, pero conta coa forte oposición dos pais, que á fin de contas son os que lle proporcionan o sustento económico. Pero logo duns meses Fanny escríbelle un telegrama dicíndolle que as cousas volven ir mal. El interpréato como un vente e, ás caladas, métese nun barco no porto de Glasgow, o Devonia, cruza todos os Estados Unidos dende Nova York ata San Francisco en tren, onde chega o 30 de agosto de 1879. Fanny está vivindo en Monterey, e el decide agardar por alí. Vive practicamente un ano na cidade de San Francisco, agardando a que Fanny tramite ou non o divorcio. Sofre dos pulmóns, ten febre e vai esgotando un diñeiro que non se repón porque os pais non lle queren mandar máis: desaproban fortemente que o seu fillo marchase sen avisalos para pretender a unha muller casada. En xaneiro de 1880, cinco meses despois, Fanny consegue finalmente o divorcio, pero a saúde de Stevenson empeora radicalmente. O divorcio e a saúde vencen tamén o corazón dos pais, que lles piden que marchen os dous para Escocia. O 19 de maio de 1880 casan, pero como a saúde segue sendo horrible, deciden instalarse na montaña, nunha mina de prata abandonada que non tiña ningún tipo de servizo de habitabilidade. Pero a natureza, a calor e a sequidade fixeron que se recuperase e a finais de xuño marchan para Escocia a bordo do City of Chester.

Os mares do sur[editar | editar a fonte]

Pero o verán escocés non é como o estadounidense, e axiña Stevenson cae outra vez gravemente enfermo. Garda cama en Braemar, Escocia. O outono recrúa, témenlle pola vida, e deciden marchar a Davos, o sanatorio suízo. Hospédanse no hotel Am Sein, onde Stevenson se entrega ao réxime de coidados dos médicos e a escribir. Durante os anos seguintes viaxarán constantemente aos sanatorios centroeuropeos, subindo a pasar os veráns a Escocia.

Logo da morte do sogro en 1887, marcha co home, cos fillos, co xenro e mais coa sogra a Colorado, pero nada máis chegar a Nova York mudan de plans e van pasar o inverno ao Lago Saranac, nas Adirondacks. En xuño de 1888, fletan o iate Equator e parten dende San Francisco. Durante tres anos percorren algunhas illas do Pacífico Sur (as Illas Gilbert, as Marquesas e Tahití). O 7 de decembro de 1889 dexergan Upolu, a illa principal do arquipélago de Samoa, e horas despois instálanse en Apia coa intención de pasar unicamente uns días. Nunca máis marcharán de alí xuntos.

En xaneiro de 1890 mércanlle unha leira de 126 hectáreas, situada a 5 kms ao sur de Apia, a un ferreiro escocés cego. Válelles 4.000 dólares. A leira chamouse Vailima (a auga entre as mans, en alusión a unha lenda tradicional samoana). Durante os anos seguintes constrúen unha casa, que enchen de criados: Fanny dedícase á agricultura e mentres Stevenson escribe. O 3 de decembro de 1894, mentres traballaba n'A presa de Hermiston, falece supetamente, con toda probabilidade como consecuencia dun infarto cerebral. A poboación samoana traballa duramente para prepararlle o enterro a unha persoa á que admiraban con forza: pasan a noite rozando no monte un camiño para poder subir o cadáver de Stevenson dende a finca de Vailima ata o cumio do monte Vaea, onde repousan aínda hoxe os seus restos, nunha cova de lava e coral. Os xefes samoanos prohibiron que nunca máis se disparasen armas de fogo nas proximidades do monte Vaea.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Logo da morte de Stevenson, a familia decide gastar uns anos viaxando de novo, entre California e Hawaii. Todos agás a sogra de Fanny, que decidira regresar a Escocia e coidar sa súa irmá. Dous anos máis tarde, a nai de Stevenson falece, Fanny véndelle a finca de Samoa a un peleteiro de Hamburgo e faise cargo do legado do seu home.

Viaxa por España, Francia e Portugal, bota un inverno en Madeira, e logo constrúe un chalé en San Francisco, onde acarrexa os mobles que tiñan na finca de Samoa. Durante os últimos anos moceou cun rapaz moito máis novo ca ela, Edward Salisbury Field, que lle levaba a contabilidade e xestionaba a súa riqueza. Fanny Vandegrift morreu o 17 de febreiro de 1914 en San Francisco, dun infarto cerebral. As súas cinzas esparexéronse no cumio do monte Vaea. Meses despois, o seu amante e administrador casaba coa súa filla Belle.

Obras[editar | editar a fonte]