Batalla do golfo de Leyte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla do golfo de Leyte
USS Princeton (CVL-23) 1944 10 24 1.jpg
O portaavións lixeiro Princeton ardendo o 24 de outubro.
Data: 23 ao 26 de outubro de 1944
Lugar: golfo de Leyte, Filipinas
Conflito: Segunda Guerra Mundial
Desenlace: vitoria decisiva aliada
Combatentes
Flag of the United States.svg Estados Unidos
Flag of Australia.svg Australia
Merchant flag of Japan (1870).svg Xapón

A batalla do golfo de Leyte, formalmente coñecida como "segunda batalla do mar de Filipinas", foi unha batalla xeralmente considerada como a batalla naval máis longa da Segunda Guerra Mundial e, segundo algúns criterios, posiblemente a batalla naval máis longa da historia.

Tivo lugar en augas preto das illas filipinas de Leyte e Samar dende o 23 ao 26 de outubro de 1944, entre forzas combinadas de Australia e Estados Unidos e a Armada Imperial Xaponesa. O 20 de outubro, tropas estadounidenses invadiron a illa de Leyte como parte dunha estratexia dirixida a aillar Xapón dos países que ocupara no sueste asiático, e en particular para privar ás súas forzas e industria da vital subministración de combustible. A Armada Imperial mobilizou case todos os grandes barcos que lle quedaban nun intento de facer que a invasión fracasase, pero foi rexeitada polas 3ª e 7ª frotas estadounidenses. A Armada xaponesa non puido acadar o seu obxectivo, sufrindo importantes perdas, e nunca máis puido presentar batalla cunha frota dese tamaño. A meirande parte dos barcos pesados suervivintes, privados de combustible, permaneceron nas súas bases durante o resto da guerra.

A batalla do golfo de Leyte consistíu en catro enfrontamentos separados entre os adversarios: a batalla do mar de Sibuyan, a batalla do estreito de Surigao, a batalla do cabo Engaño e a batalla de Samar, ademais de outras accións.

A batalla tamén destacou por ser a primeira na cal os portaavións xaponeses organizaron ataques kamikaze. Tamén é digno de mención o feito de que Xapón nesta batalla tiña menos avións que barcos tiñan os Aliados, unha clara demostración da potencia dos dous bandos nese momento da guerra.