Andrei Tarkovski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tarkovsky vgik.jpg

Andrei Arsenyevich Tarkovski, nado en Zavrazhie o 4 de abril de 1932 e finado en París o 29 de decembro de 1986, foi un cineasta ruso da segunda metade do século XX considerado un dos máis significativos na historia do cinema.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Andrei Tarkovski, de nacionalidade rusa, nace en Zavrazhie, unha vila moi preto de Yurievets, ás beiras do río Volga. Esta cidade sitúase a uns 300 km ao nordeste de Moscova. O pai de Andrei foi o prominente poeta de orixe ucraína Arseni Alexandrovich Tarkovski, súa nai era Maria Ivanovna Vishnakova. Os pais coñecéronse en Moscova, casaron e tiveron dous fillos, o maior foi Andrei e despois veu Marina, nacida dous anos despois do primoxénito. No ano 1935 a familia estableceuse en Moscova onde Arseni traballaba escribindo e como tradutor e a nai era editora da casa mais importante da cidade. Pero no 1937 o pai deixou a familia para vivir con outra muller, cando Andrei tiña só catro anos, aínda que seguiu aportando diñeiro á súa primeira familia.

Tarkovski medrou nun ambiente matriarcal, sendo criado pola súa avoa, a nai e a irmá. Durante a invasión nazi de Rusia a familia volveu a Yurievets, e durante dous anos estiveron alí recluídos, o que atrasou os seus estudos. No 1951 terminou o colexio e entrou no Instituto de Estudos Orientais, e tamén continuou coa música que estudaría durante sete anos. Traballou asemade como xeólogo en Siberia. Finalmente debido a numerosas razóns desistiu de todas esas vías, sempre tivera unha grande inclinación pola arte e a literatura alimentada pola súa familia, e decidiu ingresar na Escola de Cine VGIK (Instituto de Cinematografía de todos os estados da Unión Soviética) no que ensinou Eisenstein. Alí estudou durante 5 anos e coñeceu a moitos dos actores cos que colaborou ao longo da súa carreira, así como ao director de cine e profesor seu Mikhail Romm, este sería un grande apoio e influencia para Tarkovski durante moitos anos.

Andrei abandonou á súa primeira muller Irma, e o fillo Arseni, para casarse con Larisa en 1970 coa que tería o seu segundo fillo Andriuskha.

A súa primeira longametraxe oficial foi A infancia de Iván (1962) gañador do León de Ouro dese ano no Festival de Venecia, o que reportou o recoñecemento e fama internacional xa co seu primeiro traballo. O segundo filme foi Andrei Rublev (1966), un filme épico acerca do mais famoso pintor de iconas medievais de Rusia. Este filme causou moita controversia co réxime comunista ao non estar moi claros os ideais plasmados, pese a que conseguiu a aprobación do guión, o resultado final non foi do agrado das autoridades rusas. A película foi enviada ao Festival de Cannes do 1967, pero non puido ser exhibida, xa que as autoridades rusas mandaron retirar a cinta. Esta foi devolta, pero conseguiuse facer unha copia. Sen embargo non era tan fácil exhibila coa URSS en contra. Tentouse negociar con Mosfilm, a produtora rusa. Os soviéticos alegaban as inexactitudes cronolóxicas da cinta, e mais tarde a necesidade de acurtar certas escenas de contido violento. Os organizadores ameazaron con non acoller nunca mais unha película da URSS nos festivais.

Pero os principios de Tarkovski eran moi sólidos, tiña formulada unha extensa teorización a partir deste filme, que despois iría limando e recompoñendo, pero que xa sentaba as bases do seu cine. Ao fin, no 1969, a película foi mostrada en Cannes, aínda que fora de concurso. Comezaban con esta cinta todas as tensións do cineasta co goberno do seu país, que influirían moito na súa traxectoria.

A seguinte película que vería a luz sería unha adaptación da obra do filósofo e escritor polaco Stanisław Lem: Solaris. Era unha obra de ciencia ficción algo posterior ó éxito de Stanley Kubrick, 2001: Unha odisea do espazo, baseada nunha obra de Arthur Clarke. O mesmo que o do tándem Kubrick - Clarke, aquel filme suscitou moitos debates filosóficos tanto na URSS coma noutros países onde foi proxectada.

O espello (1975) foi a película a seguir, tamén realizada na Unión Soviética, e que marcaba claramente o carácter cinematográfico de Tarkovski e os seus ideais estéticos. De novo foi obxecto de boicot do seu goberno, chegando case á desesperación. O filme foi tachado e relegado. Mais aínda así realizou outra longametraxe na URSS, titulada Stalker (1978).

Por suposto toda a tensión acumulada, unida a imposibilidade de realizar a súa arte libremente e de ver como os seus filmes eran menosprezados, fixeron estalar ao cineasta. Andrei marchaba a Italia no 1982. Finalmente tiña a liberdade que desexaba. Alí realizou un documental para a RAI chamado Tempo de viaxe e, no 1983, o seu único filme rodado en italiano, Nostalxia (Nostalghia). Tarkovski anuncia, tras a súa estancia en Italia, que nunca regresará a Rusia.

A súa última longametraxe, Sacrificio, foi realizada en Suecia, e nela interviñeron moitos técnicos axudantes de Igmar Bergman, cineasta moi admirado por Tarkovski. É o caso do director de fotografía do filme, Sven Nykvist. Este filme leva a sombra da enfermidade de Tarkovski que o levaría á tumba, un cancro de pulmón, quizais por esas circunstancias, Sacrificio (1986) é considerado pola crítica como un dos filmes mais completos do autor. O último proceso de montaxe da película foi realizado practicamente desde a cama, e finalmente, despois de intensa loita, morreu Andrei Tarkovski en París, o 29 de decembro de 1986.

Sobre a súa Obra[editar | editar a fonte]

Tarkovski era un apaixonado teórico, con ideas moi sólidas, formadas a través da súa experiencia nas diversas películas que realizou, así como a súa dura experiencia vital. Moitas destas ideas están recollidas en artigos diversos, entrevistas e, como non, no libro que escribiu, aínda non traducido ao galego, pero dispoñible en castelán e outros idiomas: Esculpindo no tempo. Consideraba que a función da arte é ofrecer unha visión espiritual. E sempre xoga con termos como a memoria e o tempo. Visualmente sempre foi considerado un director excepcional. A súa fotografía é moi coidada, así como os encadramentos dos planos, a luz, os tons e as súa famosas coreografías en planos longuísimos.

O director ruso xamais aceptou falar dun simbolismo na súa obra, ou en calquera outra obra dun director. Non falaba dunha simboloxía cerrada, ou de símbolos preestablecidos pola cultura. O que el pretendía era abrir o seu mundo interno nun sentido mais junguiano. Os símbolos, que nos seus filmes aparecen, chaman moito a atención do espectador e dos teóricos, e son elementos que se repiten ao longo da súa filmografía. Pero todos estes elementos proveñen do subconsciente do artista, que xeralmente é manifestado a través de símbolos. Tódalas imaxes que aparecen nas películas están abertas a interpretacións máis alá do que él podía prever.

Interesante é enumerar certo tipo de símbolos constantes na súa obra:

Obra[editar | editar a fonte]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • O violín e a apisoadora / Katok i skripka (1960)- Realizada na Escola de Cinematografía VIGK.
  • A infancia de Iván / Ivanovo Destvo]] (1962) - Gañadora do León de Oro no Festival de Venecia.
  • Andrei Rublev (1966).
  • Solaris (1972) - Baseada na novela de Stanislav Lem.
  • O espello / Zerkalo (1975).
  • Stalker (1979) - inspirado nunha novela de Arkady e Boris Strugatsky.
  • Tempo de viaxe / Tempo di Viaggio (1982) - documental para a RAI, televisión italiana, coescrito con Tonino Guerra, frecuente colaborador de Michelangelo Antonioni.
  • Nostalghia (1983) - Rodada en italiano.
  • Sacrificio / Offret (1986) - Rodada en Suecia.

Producións teatrais, Ópera[editar | editar a fonte]

Obra escrita[editar | editar a fonte]

En versión castelá:

  • Andrei Tarkovski, Esculpir en el tiempo. Reflexiones sobre el cine, trad. Enrique Banús, Ediciones Rialp, Madrid 1991.
  • Andrei Tarkovski, Esculpir el tiempo, ed. Rodolfo Peláez, tr. Miguel Bustos García, Centro Universitario de Estudios Cinematográficos, Universidad Nacional Autónoma de México, México D. F., 1993.
  • Andrei Tarkovski, Andrei Rubliov (trátase do guión literario). Edicións Sígueme (2006), Col. «El peso de los días», nº 50 ISBN 84-301-1596-X - 288 páxinas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MENGS, A. Stalker de Andrei Tarkovski. La metáfora del camino. Ediciones Rialp. Madrid, 2004. (en castelán)
  • CAPANNA, P. Andrei Tarkovski: El icono y la pantalla. Ediciones de la Flor, Buenos Aires, 2003. (en castelán)
  • SOBREVIELA, A. Andrei Tarkovski: de la narración a la poesía. Fancy Ediciones, Valladolid, 2003. (en castelán)
  • LLANO, R. Andréi Tarkovski. Vida y obra. Prólogo de Víctor Erice. Filmoteca de la Generalitat Valenciana. Colección Documentos, nº 11, 2 vols. Valencia, España, 2003. (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Andrei Tarkovski