A Galicia altomedieval
A época altomedieval esténdese desde a caída do Imperio Romano de Occidente até o ano 1000. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.
O Imperio Romano caeu baixo a presión dos movementos migratorios xermanos. A comezos do século V, tres destes pobos repartíronse a Península Ibérica a través de foedus e a Gallaecia pasou así en 411 a mans de suevos e vándalos asdingos (que posteriormente a abandonarían).
Índice |
Orixe. Imperio Romano [editar]
Séculos IV e comezos do V d.C [editar]
A finais do século V e comezos do século VI, a provincia de romana de Gallaecia, integrada esta no Imperio Romano de Occidente, estendíase por todo o Noroeste da Península Ibérica, desde as costas cantábricas no norte, ata o río Douro e o Sistema Central polo sur. Compoñíase administrativamente de catro conventos (conventus) xurídicos con cadansúa capital, así o Conventus lucensis con capital na cidade de Lucus Augusti (Lugo), o Conventus bracarensis con capital na cidade de Bracara Augusta (Braga), o Conventus asturicensis con capital na cidade de Asturica Augusta (Astorga) e o Conventus Cluniensis con capital na cidade de Clunia, sendo este último o que foi integrado máis tardiamente na Gallaecia (século IV), pois antes pertencera á Provincia Tarraconensis. Cabe destacar que entre todas estas capitais de convento (Lugo, Braga, Astorga e Clunia) era a cidade de Bracara (Braga) a que exercía de capital provincial de toda a Gallaecia
Así, polas descricións de numerosos autores da época como Paulo Orosio, Hidacio ou Santo Isidoro coñécense algunhas das rexións humanas e xeográficas que posuía a provincia romana de Galicia (Gallaecia):
- Cantabria, rexión montañosa sita no Conventus Cluniensis onde vivían os cantabros.
- Campus Gallaeciae (Campos de Galicia), extensa chaira sita entre o Conventus Asturicensis e o Conventus cluniensis, antigamente habitada polos vacceos, coñecida actualmente co nome de Tierra de Campos, na actual Castela e León.
- Asturia, rexión habitada polos astures coincidente grosso modo co Conventus Asturicensis.
- Pars Gallaeciae (Partes de Galicia), foi a rexión netamente galega composta polo Conventus Lucensis e o Conventus Bracarensis, sendo o núcleo da Gallaecia e co que se designou ao conxunto da provincia.
Establecemento. A monarquía sueva [editar]
Goberno inicial. Século V [editar]
Os suevos entraron no noroeste peninsular seguindo a costa e evitando a zona de León, para evitaren así enfrontamentos coa milicia romana. De vida itinerante, estaban dirixidos por unha aristocracia guerreira e preferíanse asentar no medio rural e non nas cidades ou vilas. Coa tomada de Lugo, os xermánicos adquiriron o controlo definitivo da provincia. A cultura material non diferirá moito da galaico-romana. Os suevos, dado o seu escaso número, concentráronse no territorio que arrodea Braga.
Entre 429 e 456 emprenderon expedicións de saqueo fóra; coa derrota no río Órbigo, pasaron á área de influencia dos visigodos (chegados á Península co obxectivo pactado con Roma de contelos), á que se incorporan definitivamente no 585. Convertéronse ao catolicismo no 449 reinando Requiario, aínda que non moito despois tornarían ao arianismo ao entraren na órbita visigótica, para volveren por fin á ortodoxia coa conversión do rei Teodomiro no 559 en tempos do bispo Martiño de Dumio.
Expansión e formación. Século VI. [editar]
A mediados do século VI, as fontes histórico documentais realizadas na propia Galicia, amosan un alto grao de artellamento político-administrativo sobre todo o territorio. A estrutura política e eclesiástica toma forma e propicia o establecemento de núcleos administrativos tales como sedes eclesiásticas, ao que se lles adxudican un número de territorios para seren tutelados. De gran transcendencia é o compromiso real na tarefa de organización plasmada na convocatoria de Concilios e nos documentos da coroa. Entre toda a documentación do período suevo, sobresae sen dúbida a coñecida como Divisio Theodemiri (coñecido comunmente como Parroquial suevo), redactada entre os anos 527 e 582 e que pon de relevo a extensión territorial do goberno suevo así como a estrutura administrativa interna do reino. Segundo esta, o reino conta coas seguintes dioceses:
- Diocese de Braga:Centumcelas, Caetos, Remeto, Anoaste, Milia, Ciliolis, Ad Portum, Agilio, Carandonis, Tauris, Cilotao, Cetanio, Oculis, Cerecis, Petrometo, Equesis, Ad Saltum. Así como os pagus: Panonias, Saetera, Brigantia, Astioco, Tureco, Auneco, Mecobrio, Berese, Palantucio, Celo, Superlegio, Senequio.
- Diocese de Lamego:a propia Lamego, Tuentica, Aravaca, Cantabriano, Omina, Camianos.
- Diocese de Coimbra: Coimbra, Esminio, Sebio, Lurbine, Insula, Autunane, Portucale Castrum Antiquum.
- Diocese de Viseu: Viseu, Rodomiro, Submontio, Subverbena, Ósanos, Ovellione, Tutela, Coleia, Calibrica.
- Diocese de Dume.
- Diocese de Portucale:Villanova, Betaonia, Visea, Menturio, Torebrio, Bauvaste, Bonzoaste, Lumbo, Nescis, Napoli, Curmiano, Magneto, Leporeto, Melga, Tongobria, Villa Gomedei, Tauvase. Tamén os distritos (pagus) Labrencio, Aliobrio, Aritia, Truculo, Cepis, Mandote, Palentiaca.
- Diocese de Idanha:Egitania
Consolidación. Séculos VI-VIII [editar]
A feudalización da sociedade xa ía avanzada cando o reino visigodo foi destruído pola invasión musulmá de 711. En 813, o bispo Teodomiro anunciou a descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago.
Cultura e relixión [editar]
Varios autores destacan na época: Paulo Orosio coñeceu a Agostiño de Hipona e a San Xerome. É o autor da Historiarum adversus Paganos Libri VII (Os sete libros da historia contra os pagáns) contra Prisciliano; Hidacio, orixinario da Limia e bispo de Chaves desde 427, é autor do Chronicon, que chega até o ano 469; Martiño de Dumio, orixinario da Panonia, escribe De correctione rusticorum, obra de catequese pedagóxico-moral, e o Parrochiale Suevum (572-582); Froitoso de Braga, xa no século VII, redacta a Regula Monachorum e a Regula Monastica communis, que perfilan o modelo de mosteiro agrícola xermánico-galaico.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Rodríguez Castillo, Héctor (2005). Os mosteiros dúplices en Galicia na alta Idade Media. Un traballo sobre modelos sociais. ISBN 84-96259-56-0.
- Rodríguez Resino, Álvaro (2005). Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Arqueoloxía da Tardoantigüidade en Galicia (séculos V-VIII). ISBN 84-96259-45-5.
- Varela Sieiro, Xaime (2003). Léxico cotián na alta idade media de Galicia: o enxoval. ISBN 84-8485-120-6.