Prisciliano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Simboloxía priscilianista.

Prisciliano, nado no ano 340 e axustizado en Tréveris en 385, foi un relixioso heresiarca galaico, concretamente galaico-romano, aínda que non se coñece exactamente se foi nado na Gallaecia ou noutro lugar aínda que é alcumado de galaico ben por nacemento ou pola exitosa propagación e persistencia da súa herexía e adeptos neste territorio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia de terratenentes e culta, pertencente á máis alta aristocracia da Gallaecia romana (incluso algúns autores sinalan que senatorial), coma moitos dos seus discípulos Felicísimo, Armenio, Latroniano, Eucroacia, Asarbo e Aurelio). Formouse en Burdeos, e un dos seus mestres foi Delphidius.

Era seguidor do gnosticismo, maniqueísmo, ascético e vexetariano. Despois duns anos de vida mundana comeza unha conversión á vida ascética e comeza a predicar un cristianismo que negaba a existencia do misterio da Trindade e priorizaba o estudo dos textos sagrados, coñecido como priscilianismo, claramente emparentado co gnosticismo.

Defende a igualdade entre homes e mulleres respecto á participación activa nos templos. Predica a abstinencia de alcol e carne. Non prohibe o matrimonio de monxes e clérigos, aínda que recomenda o celibato. Condena a escravitude. Utiliza o baile como parte da liturxia. Acepta o uso dalgúns evanxeos apócrifos como o de San Tomás, así como a eliminación da xerarquía eclesiástica. Foi acusado de animista.

Nomeado bispo de Ávila no ano 380, o concilio de Zaragoza dese ano condenara por herexía algunha das súas prácticas. Redactou tratados para defender as súas doutrinas e viaxou a Roma para entrevistarse co Papa, pero non o consegue. No ano 384, en Bordeos, comparece perante un tribunal eclesiástico no concilio que o condea por bruxería e maniqueísmo, canda os seus seguidores, aínda que grazas á intervención do bispo de Tours, san Martiño, o proceso mantense en suspensión, até que os bispos Magno e Rufo conseguen levalo ante o concilio de Tréveris. Así, no 385 o emperador chamouno a Tréveris para se defender das acusacións dos seus adversarios. No 386 foi desterrado e xulgado en Tréveris, e mediante decreto do emperador Magno Clemente Máximo foi condenado a morte por bruxería e herexía e decapitado e guindado da Porta Nigra (tradición), xunto con catro dos seus discípulos.

Foi o primeiro axustizado por herexía do cristianismo[Cómpre referencia]. Curiosamente o propio emperador Máximo foi executado tres anos despois por orde de Teodosio I. A pesar da súa morte o priscilianismo continúa difundíndose, e mesmo se lle rende culto ó corpo de Prisciliano, considerado mártir polos seus seguidores.

Santo Agostiño de Hipona, un dos pais da igrexa máis activos contra o priscilianismo

As súas ensinanzas contaron con numerosos seguidores, foi acollida polo pobo en todo o noroeste peninsular durante a súa vida e con posterioridade, chegando a súa influencia ata o século VI. En gran parte a introdución do cristianismo en terras galaicas débese á doutrina priscilianista. Tempo despois da súa morte realizáronse varios concilios co tema principal de erradicar a súa doutrina, fortemente enraizada no pobo, como ocorreu no Concilio de Toledo do ano 400 (onde os bispos de Astorga e Braga lle prestan apoio militante), ou os Concilios I e II, do 561 e 572, de Braga (onde se conteñen anatemas contra proposicións priscilianistas). A mediados do século V a presión dos priscilianistas obriga ao exilio ao bispo de Celenes (Caldas de Reis).

Incluso un século despois da súa morte Hidacio atacará a súa doutrina con rabioso sentir, ou anteriormente Orosio verase na obriga de defender o seu posicionamento antipriscilianista. Incluso o IV Concilio de Toledo (683) condena como lacra prisciliana o delirante pecado de non cortar o pelo da cleirecía galega.

Autor duns Tratados publicados pola primeira vez en 1889, xa que foron atopados pouco antes na Universidade de Bestford.

Por Sulpicio Severo sabemos que o seu corpo, xunto cos dos seus discípulos, volve a Hispania, e en 1900 un eminente haxiógrafo francés, Mons. Louis Duchesne, fai a hipótese ou insinuación (pouco científica) de que foi el o enterrado no sepulcro do apóstolo Santiago, recollida a partir de entón por numerosos autores. Isto ten pouca credibilidade xa que, segundo Isidoro Millán González-Pardo, o sepulcro central do Apóstolo e o mosaico de mármore que o cobre pertencen á segunda metade do século II

A Xeración Nós recuperará a súa figura resaltándoa na historia de Galicia como figura fundamental.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]