ASTANO
ASTANO (acrónimo de Astilleros y talleres del noroeste) foi unha empresa do sector naval, actualmente integrada en Navantia. Foi fundada en 1941 por José María González-Llanos, enxeñeiro e antigo director de Bazán, cun capital social de 1.600.000 pesetas e 33 empregados.
[editar] Historia
Estableceuse na ribeira da ría de Ferrol, no concello de Fene e comezou dedicandose á construción de barcos pesqueiros en madeira. En 1944 converteuse en sociedade anónima, entrando na empresa o Banco Pastor, e co seu capital acométese o paso á construción en metal iniciado o ano anterior, e comeza un medre sostido apoiado na expansión da pesca e nun mercado protexido. A primeira crise chega en 1956 co esgotamento dos caladoiros do Gran Sol e comeza un xiro cara á elaboración de navíos de carga, fundamentalmente para carbón e petróleo nun mercado en expansión. A crise definitiva chega en 1971 coa empresa nunha situación crítica que provoca a toma de control polo Instituto Nacional de Industria, que non conseguiu endereitala. A subseguinte crise do petróleo de 1973 acabou por condenar ao estaleiro a perdas cada vez maiores e unha situación sen saída. Cando en 1972 se bota o Arteaga, navío de 323.000 toneladas, de enorme éxito na construción naval nacional, a empresa estaba en franca decadencia, o que non impediu o seu medre tecnolóxico e a botadura do navío mais grande, o Santa Maria en 1975 de 365.000 toneladas de peso morto. A factoría traballaba por debaixo da súa capacidade e en 1979 o INI faise cargo da totalidade da empresa e inxecta un capital de 3.500 millóns de pesetas.
Nese contexto de profunda reconversión prodúcese a negociación do ingreso de España na Unión Europea (entón CEE). O plano para o sector naval da CEE era moi duro e propoñía unha enorme redución da capacidade produtiva en toda a Unión. A España esixíaselle o peche dun estaleiro entre os de Puerto Real, Sestao ou Fene. O goberno socialista de Felipe González propuxo limitar a produción de Astano á construción Off-Shore, sector que estaba entrando nunha recesión, o que foi aceptado pola CEE con fortes reservas.
Astano ademais foi o estaleiro que sufriu unha mais forte reconversión perdendo 3.600 empregos fronte a reducións menores en Puerto Real e Sestao. A empresa enfrontábase a un mercado pequeno e moi competitivo cunha factoría sobredimensionada e con baixa produtividade, isto provocou a necesidade de enormes axudas do goberno, consideradas ilegais pola Unión Europea. Nesa situación de inviabilidade chégase á negociación coa UE do 2004 onde o goberno opta por integrar as instalacións no grupo de estaleiros do sector militar, primeiro chamado Izar e despois Navantia. Isto deu lugar a unha última reconversión pasando de 1.150 empregados aos 300 que ten hoxe.