Álvaro de Mendaña

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Álvaro de Mendaña e Neyra.
Álvaro de Mendaña e Neyra.

Álvaro de Mendaña (ca. 1542-1595) foi un explorador español do Océano Pacífico.

Índice

[editar] Biografía

Álvaro de Mendaña y Neira naceu en Congosto, no Bierzo, hoxe provincia de León, contra 1542. De familia fidalga, era fillo de Fernán Rodríguez de Mendaña e Isabel de Neyra, tamén bercianos. Morreu na Illa de Santa Cruz o 8 de outubro de 1595.

En 1563 embarcou para o Perú, co nome de Álvaro Rodríguez de Mendaña, como criado do presidente da Real Audiencia de Lima, o Licenciado Castro, tío seu, xunto con outros bercianos.

O 19 de novembro de 1567 partiu do Callao, Perú, ao mando dunha expedición, na que tamén figuraba outro famoso navegante, o pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa (1532-1592). Mendaña descubriu as Illas Salomón, para as que obtería o nomeamento de Adiantado e Gobernador. Antes de chegar ás Salomón, descubríranse as illas de Havachumbi, Nivachumbi, Jesús e Candelaria. A expedición voltou, logo de fortes discrepancias entre Mendaña e Sarmiento, en 1569 a Colina, México, entón denominada Nova España.

En 1586 casa con Isabel Barreto, filla dun antigo gobernador das Indias portuguesas, que moraba no Perú. Realizou unha segunda expedición, na que o acompaña a dona, con intención de tomar pose das Salomón, que non atopan, máis na que descubre as Illas Marquesas, e a Illa de Santa Cruz, na que falecería logo de desatarse unha epidemia. Testa alí, antes de morrer, os seus títulos e privilexios en favor da súa esposa, que continuaría a expedición ata atinxir Manila.

[editar] Primeira viaxe

Os españois souberon de boca dos incas a lenda que dicía que ao oeste atopábanse unhas illas cheas de ouro. Inmediatamente comparáronse estas illas coa Terra de Ofir onde se atopaban as minas de ouro do rei Salomón. Como o cargo de vicerrei do Perú estaba vacante, o presidente da Audiencia, Lope Garcia de Castro, exercía as funcións de vicerrei e encargou a dirección da expedición ao seu sobriño Mendaña en contra das aspiracións de Pedro Sarmiento de Gamboa que reivindicaba a iniciativa da expedición.

As naves da expedición eran «Los Reyes» e «Todos los Santos», de 300 e 200 toneladas respectivamente. Os capitáns eran Pedro Sarmiento de Gamboa e Pedro de Ortega, e o piloto maior Hernán Gallego. A tripulación era duns 150 homes, incluídos mariñeiros, soldados, catro frades franciscanos e unha vintena de escravos. O obxectivo da expedición era buscar a suposta Terra Austral, explorar os seus recursos e estudar as posibilidades de colonización.

A expedición partiu de O Callao, o porto de Lima, o 20 de novembro de 1567. Logo de pasar por diante de Nui, na illa de Tuvalu, chegou sen escalas á primeira das illas Salomón: Santa Isabel. Durante seis meses permaneceron na illa de Santa Isabel, Guadalcanal e San Cristóbal (Makira), e exploraron unha vintena de illas. Aínda que non atoparon ouro, o nome de illas Salomón xa fixera fortuna. A viaxe de volta fixérono pola ruta utilizada polo Galeón de Manila ata Acapulco, pasando pola illa de San Francisco (nas illas Wake).

[editar] Ruta da primeira viaxe

  • O Callao, porto de Lima, 20 de novembro de 1567
  • Illa de Jesús (hoxe Nui, en Tuvalu), 15 de xaneiro de 1568
  • Illas Salomón:
    • Baxos da Candalaria (Ontong Xava), 1 de febreiro.
    • Santa Isabel, do 7 de febreiro ao 17 de agosto.
    • Illa de Ramos (Malaita), San Jorge (ao sur de Isabel), as illas Florecida, Galera, Buenavista, San Dimas, e Guadalupe (grupo de illas Florida ou Nggela Sule), Guadalcanal, Sesarga (Savo), illas San Nicolás, San Jerónimo e Arrecifes (grupo Nova Xeorxia), San Marcos (Choiseul), San Cristóbal (Makira), Treguada (Ulawa), Tres Marías (Olu Malua), San Juan (Uki Nin Masi), San Urbano (Rennell), Santa Catalina, Santa Ana.
  • Baxos de San Bartolomé (atol Maloelap, illas Marshall)
  • Illa de San Francisco (hoxe illas Wake)
  • O Callao, 22 de xullo de 1569.

[editar] Segunda viaxe

Durante vinte e cinco anos Mendaña intentou facer unha segunda viaxe para colonizar as illas Salomón. Aínda que tiña a aprobación do rei, atopouse co rexeitamento das autoridades coloniais, descontentas cos resultados da primeira viaxe, e coa dos inimigos do seu tío, que morrera. Foi o novo vicerrei, García Hurtado de Mendoza, marqués de Cañete, quen patrocinou a nova expedición grazas á influencia da muller de Mendaña, Isabel de Barreto. Organizouse como unha expedición privada onde o vicerrei achegaba os efectivos militares, en tanto que Mendaña convencía a mercadores e colonos para participar na aventura. O obxectivo era establecer unha colonia nas illas Salomón impedindo que os piratas ingleses atopasen un refuxio no Pacífico desde onde puidesen atacar as Filipinas ou a costa americana.

Embarcáronse unhas 400 persoas entre as que se atopaban pasaxeiros coas súas mulleres e escravos dispostos a fundar unha colonia. Acompañaban ao xeneral a súa muller Isabel de Barreto e tres cuñados. O piloto maior da expedición, e capitán da nave capitá, era o portugués Pedro Fernández de Quirós. Os catro barcos eran:

  • San Gerónimo, nave capitá, galeón de 200 a 300 toneladas. Capitán e piloto maior: Pedro Fernández de Quirós.
  • Santa Isabel, nave almirante, galeón de 200 a 300 toneladas. Capitán: Lope de Vega. Desaparece o 7 de setembro de 1595.
  • San Felipe, galeota de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Felipe Curzo. Desaparece o 10 de decembro de 1595.
  • Santa Catalina, fragata de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Alonso de Leyra. Desaparece o 19 de decembro de 1595.

A segunda expedición partiu tamén do porto do Callao e, logo de facer escala en Paita, atopou as illas Marquesas que bautizou en honra ao vicerrei, o marqués de Cañete. Durante dez días explorou as illas do sur do arquipélago. De novo de camiño cara ao oeste pasa por diante dunha das illas Cook e dunha das Tuvalu ata que chega ás illas de Santa Cruz, arquipélago do sur das illas Salomón. Ao pasar xunto a Tinakula, un volcán que se atopaba en actividade, desaparece a Santa Isabel.

Funda unha colonia na illa de Santa Cruz pero, enfermo de malaria, perde o control da situación. Os soldados cometen crimes e excesos cos indíxenas e prodúcese un intento de rebelión. O 18 de outubro de 1595 morre Mendaña e faise cargo da expedición a súa muller Isabel de Barreto. Ao deteriorarse a situación deciden abandonar a colonia e pór rumbo ás Filipinas. Polo camiño pérdense a San Felipe e a Santa Catalina e só chega a porto a San Gerónimo, guiada por Pedro Fernández de Quirós.

[editar] Ruta da segunda viaxe

  • Paita, Perú, 16 de xuño de 1595
  • As Marquesas de Mendoza (illas Marquesas), 21 de xullo a 5 de agosto.
  • San Bernardo (Pukapuka, illas Cook), 20 de agosto
  • A Solitaria (Niulakita, Tuvalu), 29 de agosto.
  • Illas Salomón:
    • Tinakula, volcán en actividade. Desaparece a Santa isabel, 7 de setembro.
    • La Huerta (Tomotu Noi), Recifes (grupo das illas Swallow), 8 de setembro.
    • Santa Cruz (hoxe Ndende ou Nendo nas illas de Santa Cruz), 8 de setembro a 18 de novembro. O 18 de outubro morre Mendaña.
  • Guam, 1 de xaneiro de 1596. Só chega a San Gerónimo.
  • Manila, 11 de febreiro.

[editar] Bibliografía

  • Landín Carrasco, Amancio, El caballero de Galicia, navegante y descubridor, Pedro Sarmiento de Gamboa, in Boletín de la Universidad de Santiago, 1949, 53-54
Ferramentas persoais