Illas Santa Cruz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización das Illas Santa Cruz.

As Illas Santa Cruz son un grupo de illas situadas no sur do océano Pacífico. Pertencen ás Illas Salomón e forman parte da provincia de Temotu. Distan aproximadamente 400 km da cadea principal das illas Salomón e atópanse xusto ao norte do arquipélago de Vanuatu, do que se consideran unha prolongación xeográfica.

A illa de maior extensión do arquipélago é Nendö, seguida por Vanikolo, que se trata realmente de dúas illas, Banie e Tevai, e Utupua. A principal cidade e capital da provincia de Temotu é Lata, situada na illa de Nendö.

As illas de Santa Cruz teñen menos de cinco millóns de anos e formáronse a partir da subdución da placa indoaustraliana baixo a pacífica. A illa está formada por pedra calcaria e cinzas volcánicas. A maior elevación das illas atópase en Vanikoro e ten 924 metros de altitude.

Moitas veces emprégase o nome de Santa Cruz para designar a toda a provincia de Temotu.

As illas foron descubertas por Álvaro de Mendaña e Isabel de Barreto na súa segunda viaxe ás Salomón, en 1595. Mendaña morreu na illa de Nendö que el mesmo chamara Santa Cruz.