Pisces

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pisces
Pisces
Nome latino Pisces
Abreviatura Psc
Xenitivo Piscium
Simboloxía Os Peixes
Ascensión recta 1 h
Declinación 15°
Área 889 graos cadrados

Rango 14º

Número de estrelas

(magnitude < 3)

0
Estrela máis brillante η Psc

(magnitude ap. 3.6)

Choiva de meteoros
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +90° e −65°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de novembro

Pisces[1] ou Peixes[2] (símbolo , Unicode ♓) é unha constelación do zodíaco situada entre Acuario ó oeste e Aries cara ó leste.

A súa estrela principal é a estrela alfa Alrischa, unha estrela dobre cun nome que procede do árabe e significa "corda".

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Representación medieval de Pisces
Imaxe do século XVII de Pisces, os Peixes.

O astrónomo grego Eratóstenes (nado no ano 276 a. C.) deixou escrito que a orixe do simbolismo do peixe está nun gran peixe que salvou a Derceto (unha deusa siria que era metade peixe metade muller), cando esta caeu nunha lagoa. Nesta versión, Derceto era considerada a filla de Afrodita.

A versión de Hixino, en cambio, baseábase no mito de Venus e o seu fillo Cupido (na mitoloxía grega, Afrodita e Eros). Estas dúas figuras mitolóxicas foron sorprendidas polo monstro Tifón, pero Venus sabía que poderían escapar pola auga. Colleu a Cupido e mergullouse na auga, onde ambos transformáronse en peixes. Para asegurarse de que non se ían perder, atáronse cunha corda. No firmamento vemos polo tanto a nai e fillo unidos por unha corda.

Estrelas[editar | editar a fonte]

Estrelas principais[editar | editar a fonte]

  • Alrischa (α Psc / α Piscium), estrela onde o seu nome significa "corda". A 139 anos luz do Sol, é unha estrela dobre. A estrela principal ten unha magnitude de 4,33 e pertence o tipo espectral A0, a súa compañeira é de +5.23 e pertence ó tipo espectral A3.
  • Beta Piscium (β Psc / β Piscium). Tamén ten o nome de Fum al Samakah, árabe para "fociño do peixe" (ou "Formalhaut" da tradución grega). β Psc provén dunha clase espectral B6Ve e é de magnitude 4,53. Está aproximadamente a 492 anos luz do Sol.
  • Gamma Piscium (γ Psc / γ Piscium) é a segunda estrela máis brillante da constelación con magnitude 3,70. É unha xigante amarelo-laranxa do tipo espectral G9 III que se atopa a 131 anos luz.
  • Eta Piscium (η Psc / η Piscium) é a estrela máis brillante na constelación de Pisces. Eta Piscium está situada a unha distancia aproximada de 294 anos luz da Terra e brilla a unha magnitude de 3,62. Esta estrela é do tipo espectral G7 III. A estrela ten un escuro nome dado polo reino de Babilonia Kullat Nunu.
  • Iota Piscium (ι Psc / ι Piscium), de magnitude 4.13, é unha anana amarela de tipo espectral F7 V algo máis quente co Sol. A súa luminosidade é 3,3 veces maior ca solar e o seu radio é un 50% maior. Sospéitase que poida ser unha estrela variable, cunha flutuación no seu brillo de 0,03 magnitudes.
  • Omicron Piscium (ο Psc / ο Piscium) localizada a uns 142 anos luz da Terra. Ten unha magnitude aparente de 4,26 e provén dun tipo espectral G8. A estrela tamén ten o nome de Torcularis septentrionalis.
  • Omega Piscium (ω Psc / ω Piscium), clasificada coma unha subxigante de tipo espectral F4 IV non se sabe con certeza se é unha única estrela ou se é unha estrela binaria espectroscópica onde as súas dúas compoñentes están moi próximas entre si. Atópase a 106 anos luz de distancia.
  • 19 Piscium (TX Piscium), estrela de carbono de tipo espectral C5 II a 760 anos luz da Terra. É unha variable irregular cun brillo que varía entre magnitude 4,79 e 5,2.
  • 107 Piscium (107 Psc), anana laranxa a só 24,4 anos luz do sistema solar.

Estrelas con planetas[editar | editar a fonte]

  • HD 217107 é unha estrela subxigante amarela. A súa masa é moi semellante á do Sol, porén esta estrela é considerablemente máis antiga. Foron descubertos dous planetas orbitando esta estrela: un está extremadamente preto da estrela e completa unha órbita cada 7 días, mentres co outro está moito máis distante, tardando 8 anos en completar unha órbita.
  • 109 Piscium (109 Psc) é unha estrela subxigante amarela situada a uns 106 anos luz. Ten unha masa semellante ó noso Sol, e posúe unha maior cantidade de ferro na súa composición. No ano 2000 foi detectado un planeta extrasolar orbitando esta estrela.
  • 54 Piscium (54 Psc) é unha estrela de magnitude 6. É clasificada coma unha estrela anana laranxa (clase espectral K0 V) e é un pouco menos masiva e luminosa co noso Sol. Esta estrela está relativamente preto, a unha distancia de so 36 anos luz. É visible a simple vista baixo unhas condicións climáticas moi favorables. No 2003 foi atopado un planeta orbitando. Suponse que esta estrela é variable en brillo.

Outras estrelas[editar | editar a fonte]

  • Estrela de Van Maanen (GJ 35), anana branca a 14 anos luz de distancia. É a anana branca solitaria -sen outra estrela acompañante- máis próxima á Terra, pero ó ser de magnitude 12,4 non é visible a simple vista.

Obxectos notables do espazo profundo[editar | editar a fonte]

  • M74 (NGC 628) é unha galaxia espiral con dous brazos espirais claramente definidos.
  • NGC 520 está formado por dúas galaxias en proceso de colisión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Pisces.
  2. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]