Arcanxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Icona ortodoxa dos sete arcanxos ao redor de Cristo.

Un arcanxo é un dos nove coros da xerarquía nas relixións xudía, cristiá e islámica, sendo unha categoría de anxos. Os arcanxos son os penúltimos, antes dos propios anxos (tal e como indica o prefixo arc, que significa superior).

Características[editar | editar a fonte]

Os arcanxos atenden as áreas dos esforzos humanos e son os líderes administrativos dos seres celestiais. Un arcanxo recibe, usualmente, unha tarefa de importancia para a humanidade.

A Igrexa católica recoñece só os arcanxos que teñen nome e aparecen na Biblia: Miguel, Gabriel e Rafael, cuxa festividade se celebra o 29 de setembro. Cada un deles ten atributos distintos, segundo o seu papel nos relatos bíblicos, tanto do Antigo, coma do Novo Testamento:

  • Miguel, xefe dos "exércitos de Yahveh", por loitar contra Lucifer. Represéntase con armadura.
  • Gabriel, o mensaxeiro celestial, por anunciar a Virxe María o nacemento de Cristo. Represéntase cunha mensaxe escrita ou unha flor branca.
  • Rafael, protector dos viaxeiros e do noivado, pola súa misión desempeñada durante a viaxe de Tobías, narrada no libro bíblico homónimo. Represéntase cun bastón de viaxeiro e un peixe.

Na Biblia menciónase só un arcanxo: Miguel, posto que a Gabriel se lle chama anxo e Rafael aparece nun libro apócrifo. Un feito curioso é que a palabra arcanxo xamais se usa na Biblia en plural, o que nos leva a pensar que só existe un. En 1 Tesalonicenses 4:16 fálase sobre Xesús, do cal se di que ten voz de arcanxo, ademais, en varios textos faise referencia a Xesús e a Miguel como seres que realizan accións moi parecidas (Apocalipse 12:7-12; Apocalipse 19:11-16), o que pode levar a pensar que Miguel é o nome celestial e prehumano de Xesús.

Algúns cristiáns cren que Satanás era un arcanxo (e non un querubín) antes de caer do ceo.