Xuliana dos Países Baixos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xuliana dos Países Baixos
Juliana der Nederlanden
Princesa de Orange e Raíña dos Países Baixos
A raíña Xuliana dos Países Baixos en 1961

Reinado6 de setembro de 1948 - 30 de abril de 1980
Nome completoJuliana Emma Louise Marie Wilhelmina van Oranje-Nassau
Nacemento30 de abril de 1909
A Haia, Países Baixos Países Baixos
Falecemento20 de marzo de 2004 (94 anos)
Baarn, Países Baixos Países Baixos
SepulturaIgrexa nova de Delft
Países Baixos Países Baixos
PredecesorGuillermina
SucesorBeatriz
ConsorteBernardo de Lippe-Biesterfeld
DescendenciaPrincesas dos Países Baixos: Beatriz, Irene, Margarida e Cristina.
Casa realCasa de Orange-Nassau

Escudo de Xuliana dos Países Baixos
Na rede
IMDB: nm0703072 Musicbrainz: 12941c5c-1087-4f03-94b8-9a1e5742c06a WikiTree: Oranje-Nassau-14 Find a Grave: 8547857 Editar o valor em Wikidata

Xuliana dos Países Baixos (nome orixinal completo: Juliana Louise Emma Marie Wilhelmina van Oranje-Nassau), nada na cidade surholandesa da Haia o 30 de abril de 1909 e finada no pazo de Soestdijk en Baarn, na provincia de Utrecht, o 20 de marzo de 2004, foi raíña dos Países Baixos desde a abdicación da súa nai en 1948 ata a súa propia abdicación en favor da súa filla Beatriz, o 30 de abril de 1980. Desde esa data retomou o título de Princesa dos Países Baixos.[1][2]

Xenealoxía e descendencia[editar | editar a fonte]

Xenealoxía

A princesa Xuliana no colo da súa nai, a raíña Guillermina

Xuliana era filla da raíña Guillermina dos Países Baixos e do príncipe Henrique de Mecklenburg-Schwerin. Era neta por vía paterna do gran duque Federico Francisco II de Mecklemburgo-Schwerin e da princesa María Carolina de Schwarzburg-Rudolstad. Por vía materna era neta do rei Guillerme III dos Países Baixos e da princesa Emma de Waldeck-Pyrmont. Foi nomeada Princesa dos Países Baixos desde o seu nacemento e aplicóuselle o tratamento de alteza real.

O 7 de xaneiro de 1937 casou co príncipe alemán Bernardo de Lippe-Biesterfeld.[3]

Descendencia

A entón princesa Xuliana e o príncipe Bernardo tiveron catro fillas:

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia, xuventude e matrimonio[editar | editar a fonte]

Foto oficial da princesa Xuliana, en 1910

Pasou a súa infancia en Pazos da familia real entre Apeldoorn e a Haia. O seu titor, Jan Ligthart, educouna nunha pequena escola creada para ese propósito no pazo de Noordeinde, á que asistiu desde o seis anos e onde recibiu unha educación elemental con outras nenas da súa idade pertencentes á nobreza. Como a Constitución holandesa especificaba que debía estar preparada para acceder ao trono desde os dezaoito anos, a educación da princesa Xuliana levouse a cabo dun xeito máis acelerado có das súas compañeiras. Logo de cinco anos de educación primaria, a princesa recibiu a súa educación secundaria e a súa preparación preuniversitaria de titores privados.

O 30 de abril de 1927, a princesa Xuliana alcanzou a maioría de idade e, xa que logo, considerouse constitucionalmente preparada para asumir as prerrogativas reais, se chegase o caso. Dous días despois, a súa nai nomeouna membro do Consello de Estado (Raad van State).

Ese mesmo ano a princesa comezou a súa carreira como estudante na Universidade de Leiden. Durante os seus primeiros anos universitarios realizou estudos de socioloxía, xurisprudencia, economía, historia das relixións, historia parlamentaria e dereito constitucional. Durante os seus estudos tamén realizou cursos sobre a cultura de Suriname e as Antillas Neerlandesas, a Constitución dos Países Baixos, relacións internacionais, dereito internacional, historia xeral, e dereito europeo. Tamén estudou baixo a tutela privada do profesor Christiaan Snouck Hurgronje sobre os fundamentos do islam, unha relixión practicada por moitos habitantes das colonias holandesas.

Como era costume nas monarquías da época, a raíña Guillermina tamén comezou a buscar un marido adecuado para a súa filla. Os príncipes do Reino Unido e Suecia foron “vetados”, pero outros declinaron ou foron rexeitados pola princesa. Xuliana coñeceu o príncipe Bernardo de Lippe-Biesterfeld nos Xogos Olímpicos de Garmisch-Partenkirchen 1936, e o seu compromiso matrimonial foi aceptado pola súa nai. O príncipe Bernardo era un home de negocios cun estilo de vida dinámico e nada tradicional. O matrimonio durou toda a súa vida e resistiu a separación transitoria motivada pola segunda guerra mundial, así como as relacións extramaritais e os fillos ilexítimos do príncipe, coñecidos publicamente. A raíña Guillermina protexeu a súa filla cun acordo prematrimonial no que se establecía exactamente o que se lle permitía ou non facer ao príncipe alemán, ademais da asignación monetaria que recibiría da Facenda real. O documento foi asinado e o compromiso anunciouse publicamente o 18 de setembro de 1936.

Celebración do compromiso de voda co príncipe Bernardo en Ámsterdam, en 1936

O anuncio da voda dividiu un país que desconfiaba de Alemaña, daquela gobernada por Adolf Hitler. Antes da voda, ao príncipe Bernardo outorgóuselle a cidadanía holandesa e cambiou a pronuncia e a escrita do seu nome do alemán ao neerlandés. Casaron na Haia o 7 de xaneiro de 1937, na mesma data que o fixeran os avós de Xuliana, o rei Guillerme III e a raíña Emma, cincuenta e oito anos antes. A cerimonia civil tivo lugar no salón do concello da Haia e posteriormente o matrimonio foi bendicido na Grande Igrexa de San Xacobe (St. Jacobskerk). A parella instalouse no pazo de Soetsdijk, en Baarn.[4]

Exilio[editar | editar a fonte]

O clima político europeo xa era moi tenso por mor da gran ameaza da Alemaña nazi, e esta tensión intensificouse nos Países Baixos cando Adolf Hitler deixou entender que o matrimonio de Xuliana era un sinal de alianza entre os Países Baixos e Alemaña. A raíña Guillermina rexeitou axiña publicamente as palabras de Hitler, pero o incidente aumentou o resentimento popular pola elección do marido da princesa. Certas revelacións sobre a pasada conduta do príncipe Bernardo avivaron a animadversión dos holandeses, pero tras a invasión alemá o 10 de maio de 1940, o posicionamento do príncipe, claramente contra os nazis, cambiou en gran parte a opinión pública no seu favor.

A familia real en Ottawa en 1943

Durante a segunda guerra mundial e a ocupación alemá dos Países Baixos, os príncipes decidiron abandonar o seu país coas súas dúas fillas e viaxaron ao Reino Unido, representando o Goberno dos Países Baixos no exilio. A princesa permaneceu alí durante un mes antes de levar as cativas a Ottawa, capital do Canadá, onde pasaron a residir nunha modesta casa don barrio da periferia.

Na cidade canadense, onde poucas persoas coñecían a familia, as nenas acudían á escola pública e Xuliana facía as compras persoalmente. Gozando do seu anonimato, ía adoito ao cine e facía copusas cotiás ás que non estaba afeita. Cando a súa veciña deu a luz, a princesa dos Países Baixos ofreceuse para coidar dos seus fillos entanto que se recuperaba do parto.

Cando estaba a piques de nacer a súa terceira filla, Margarida, en 1943, o Parlamento do Canadá aprobou unha lei especial que declaraba territorio neerlandés a propiedade da princesa Xuliana na cidade e o Ottawa Civic Hospital, para que simbolicamente a nena nacese en terra neerlandesa. De non terse promulgado esta lei, a princesa Margarida quedaría excluída da sucesión ao trono dos Países Baixos. O Goberno canadense izou a bandeira tricolor neerlandesa na torre do Parlamento mentres no seu campanario soaba música neerlandesa ante a noticia do nacemento da princesa Margarida. O príncipe Bernardo, que permanecera en Londres coa raíña Guillermina e os membros do goberno neerlandés no exilio, puido visitar a súa familia no Canadá e estar presente no nacemento de Margarida.

O 2 de maio de 1945, Xuliana regresou coa raíña Guillermina nun avión militar á zona liberada dos Países Baixos e instalouse en Breda para pór en marcha un Goberno holandés provisional. De regreso no seu país, expresou a súa gratitude ao Canadá enviando á cidade de Ottawa máis de 100.00 bulbos de tulipán.

O 24 de xuño de 1945 viaxou desde Gourock (Escocia) aos Estados Unidos, abandonando a súa residencia permanente en Londres. Ao ano seguinte Xuliana doou outros 20.500 bulbos de tulipán coa petición de que parte deles fosen plantados nos terreos do hospital onde nacera Margarida, e prometeu á cidade de Ottawa un agasallo anual de tulipáns durante toda a súa vida, para amosar o seu eterno agradecemento ao Canadá pola súa hospitalidade. Actualmente, Ottawa celebra o Festival Anual dos Tulipáns, en lembranza deste agasallo.[5]

Regreso aos Países Baixos[editar | editar a fonte]

O 2 de agosto de 1945 a princesa Xuliana reuniuse con toda a súa familia en territorio neerlandés. O seu austero e tradicional pai convenceuse de que os costumes da súa filla e netas se corromperan durante a súa estadía no Canadá; o xeito en que as cativas foran educadas foi motivo de discusión entre a princesa Xuliana e o seu marido. Ela pensaba que a época das monarquías tradicionalistas, ríxidas e illadas do pobo terminara, e que os príncipes debían interaccionar tanto como fose posible coa cidadanía.

Xuliana colaborou cos proxectos de axuda de posguerra no norte dos Países Baixos, onde a ocupación nazi provocou fames negras durante os invernos de 1944 e 1945. Amosouse moi activa durante o seu período como presidenta da Cruz Vermella holandesa e traballou estreitamente coa organización para a reconstrución nacional. Durante a primavera de 1946, os príncipes Xuliana e Bernardo visitaron os países que axudaran os Países Baixos durante a ocupación.

A súa derradeira filla, María Cristina, naceu case cega por mor da rubéola que Xuliana padecera durante o embarazo. A visión da princesa mellorou co tempo e os avances médicos. No entanto, nos primeiros momentos, a princesa Xuliana aferrouse a calquera posible esperanza dunha cura para a súa filla e, deste xeito, caeu baixo a influencia dunha curandeira cuxos numerosos detractores vían como unha farsante. Cara a 1956, cando se coñeceu a influencia desa curandeira sobre as decisións políticas de Xuliana, o escándalo estivo a piques de provocar a caída da casa de Orange e da monarquía holandesa. Esta crise constitucional fixo xurdir unha facción, liderada polo príncipe Bernardo, decidida a derrocar a raíña, considerándoa unha fanática relixiosa e unha ameaza á estabilidade da OTAN. O primeiro ministro conseguiu resolver a crise e salvar a monarquía, aínda que Xuliana perdeu o apoio do seu poderoso marido Bernardo e dos seus aliados.

O príncipe Bernardo chegou mesmo a planear o divorcio da súa esposa, que finalmente non se produciu.

A finais de 1947 e outra vez en 1948 a princesa actuou como rexente, cando, por razóns de saúde, a raíña Guillermina se viu incapaz de cumprir coas súas tarefas de Estado. A guerra de independencia de Indonesia, que obrigou ao despregamento de máis de 150.000 soldados holandeses, foi considerada un desastre económico para os Países Baixos, e ante a inminente perda da colonia, a raíña Guillermina anunciou a súa intención de abdicar.[6]

Reinado[editar | editar a fonte]

O 6 de setembro de 1948, a princesa Xuliana foi coroada raíña dos Países Baixos en Ámsterdam, converténdose no décimo segundo membro da Casa de Orange en ocupar a xefatura de Estado dos Países Baixos. O 27 de decembro de 1949 no pazo Dam, en Ámsterdam, a raíña Xuliana asinou os papeis que lle recoñecían a Indonesia a soberanía sobre as antigas colonias das Indias Orientais Neerlandesas.

A raíña co presidente Truman nunha viaxe aos Estados Unidos en 1952

A cegueira da súa filla Cristina, a crecente influencia da curandeira nos asuntos de Estado e o feito de que esta se instalase no palazo real afectaron gravemente a relación matrimonial da raíña. Durante anos, a presenza da curandeira foi acompañada pola controversia política. Intentouse ocultar esta situación á prensa holandesa, pero o asunto terminou converténdose nun debate nacional sobre a competencia da raíña para gobernar, malia gozar dunha gran popularidade. Xuliana aparecía adoito en público vestida coma calquera muller, e comezou a exercitarse en público montando en bicicleta e paseando ao aire libre.

Aínda que a bicicleta e os seus costumes mundanos suxerían un estilo de vida sinxelo, durante a década de 1950 e 1960, a corte real holandesa gozaba de gran prosperidade económica, con empregados que portaban magníficos uniformes, carruaxes douradas, coches de luxo e espléndidos festexos e celebracións en enormes palacios. Ao mesmo tempo, a raíña visitaba os seus cidadáns persoalmente e aparecía sen anunciarse en institucións e escolas públicas.

No plano internacional, a raíña Xuliana estaba especialmente interesada nos problemas dos países en vías de desenvolvemento e dos refuxiados de guerra e, sobre todo, no benestar da infancia, especialmente no terceiro mundo. O 31 de xaneiro de 1953, os Países Baixos sufriron a tormenta máis destrutiva en 500 anos: máis de trinta diques e dunas de protección fronte ao mar romperon e moitas cidades e pobos foron mergullados por ondas de varios metros. Vestida cunhas botas e unha vella gabardina, a propia raíña Xuliana meteuse na auga e no barro e acudiu ás zonas devastadas para lle levar comida e roupa á xente necesitada.

En 1963 a raíña Xuliana enfrontouse a unha nova crise que sementou o descontento entre os protestantes holandeses, cando a princesa Irene dos Países Baixos se converteu en segredo ao catolicismo e, sen a aprobación do Goberno, casou o 29 de abril de 1964 co príncipe Carlos Hugo de Borbón, duque de Parma, aspirante ao trono de España e líder do partido carlista español. Na memoria dos holandeses aínda estaba fresca a lembranza da Guerra dos Oitenta Anos, na que loitaron os holandeses para se independizar da monarquía católica de España nos séculos XVI e XVII. Todo isto contribuíu a crear un sentimento de hostilidade contra a monarquía por telo permitido, ata o punto de que a abdicación da raíña chegou a ser unha posibilidade real. Xuliana superou a crise grazas á popularidade que gañara ao longo dos anos.

O anuncio en xullo de 1965 do compromiso entre a princesa Beatriz, herdeira do trono, e o diplomático alemán Claus von Amsberg provocou unha nova crise. O prometido da futura raíña fora membro da Wehrmacht e das Xuventudes Hitlerianas e, malia a militancia na organización xuvenil nazi ser obrigatoria no réxime nazi, moitos holandeses, furiosos, manifestáronse nas rúas contra a “traizón” que supuña tal compromiso. Aínda que nesta ocasión os cidadáns non pediron a abdicación da raíña, debido a que o obxecto da súa ira era a princesa Beatriz, iniciouse un debate social sobre a utilidade e a función da monarquía. A raíña Xuliana tratou de anular o compromiso, pero terminou cedendo e o matrimonio tivo lugar baixo unha treboada de protestas e a sensación xeneralizada de que a princesa Beatriz podería ser o derradeiro membro da casa de Orange que gobernase os Países Baixos.

Monograma da raíña Xuliana

En abril de 1967 un acontecemento revitalizou a popularidade da monarquía holandesa, cando naceu o primeiro herdeiro directo home ao reino holandés en 116 anos, o príncipe Guillerme Alexandre dos Países Baixos, fillo primoxénito da princesa Beatriz. Nesta ocasión, a prosperidade económica contribuíu ás manifestacións de entusiasmo e agarimo.

Cerimonia de coroación en Ámsterdam en 1948

Un novo escándalo afectou a familia real en 1976, cando se fixo público que o príncipe Bernardo aceptara un suborno de máis dun millón de dólares por parte da empresa estadounidense Lockheed Corpòration para que influíse no Goberno holandés na compra de varios avións de combate. O primeiro ministro dos Países Baixos ordenou unha investigación. 

O 26 de agosto de 1976 foi publicado un informe censurado, pero contundente e directo, sobre os negocios do príncipe Bernardo. Retiráronselle os seus títulos de tenente almirante, xeneral e inspector xeral das Forzas Armadas. O príncipe tamén dimitiu dos seus postos nos consellos de administración de varias empresas, organizacións como o WWF e outras institucións, ademais de renunciar a vestir uniformes. A cambio, os Estados Xerais dos Países Baixos accederon a non procesalo criminalmente. Posteriormente sóubose que o Goberno holandés manipulara o informe e retirara os cargos máis recentes de corrupción. Os cargos que foron publicados xa non podían ser xulgados por teren prescrito. Co tempo, a familia real esforzaríase por rehabilitar o nome do príncipe.

En 1979, William Hoffman publicou unha biografía moi crítica coa monarquía titulada A Raíña Xuliana: A historia da muller máis rica do mundo, onde se ofrecían varios detalles sobre a fortuna da familia real holandesa, unha das casas reais máis adiñeiradas de Europa.

O 8 de xaneiro de 1980 realizou a súa primeira visita a España, aínda que de carácter privado. Nunca visitou o país oficialmente, xa que non o quixo facer mentres que Francisco Franco estaba no poder e esperou a que o seu xenro, Carlos Hugo de Borbón-Parma, adquirise a nacionalidade española (1979). Ao abdicar en abril de 1980 non se chegaría a realizar ningunha visita de carácter oficial.[7]

Abdicación[editar | editar a fonte]

O 30 de abril de 1980, o día do seu aniversario número 71, a Xuliana asinou a acta de abdicación e a súa filla máis vella sucedeuna como raíña Beatriz dos Países Baixos. Despois da súa abdicación sería coñecida como “A súa Alteza Real, a princesa Xuliana dos Países Baixos”, e continuou participando en numerosas actividades humanitarias ata ben pasados os oitenta anos.[8]

Doenza e falecemento[editar | editar a fonte]

Traslado do cadaleito de Xuliana á Igrexa Nova de Delft

A mediados da década de 1990, Xuliana retirouse da vida pública por mor dunha progresiva demencia senil atribuída á síndrome de Alzheimer, aínda que a familia real negou este feito. Por consello médico, Xuliana quedou ao coidado de dúas enfermeiras as 24 horas. O príncipe Bernardo admitiu nunha entrevista televisiva en 2001 que a súa esposa xa non era quen de recoñecer a súa familia.

Xuliana finou mentres durmía o 20 de marzo de 2004, con 94 anos, no pazo de Soetsdijk en Baarn, debido ás complicacións dunha pneumonía, exactamente 70 anos despois da súa avoa materna, a princesa Emma de Waldeck-Pyrmont.[9]

Foi embalsamada (ao contrario que a súa nai, que decidiu non facelo) e o 30 de marzo de 2004 foi enterrada xunto á súa nai, Guillermina, no panteón real da Igrexa Nova (Nieuwe Kerk) de Delft. Realizouse unha cerimonia ecuménica. Segundo dixo o vigairo no seu sermón, a princesa Xuliana estaba interesada en todas as relixións e na reencarnación.[10]

O seu marido, o príncipe Bernardo, morreu apenas oito meses despois, o 1 de decembro de 2004, con 93 anos.

Predecesor:
Guillermina

Raíña dos Países Baixos

1948 - 1980
Sucesor:
Beatriz

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Koningin Juliana (1909-2004)". En AbsoluteFacts.nl (en neerlandés)
  2. "Juliana. Queen of The Netherlands". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
  3. Xenealoxía de Xuliana dos Paíxes Baixos. En Geneanet (en castelán)
  4. "Youth and education". En Queen Juliana (1909-2004). Royal House of The Netherlands (en inglés)
  5. "Marriage and family". En Queen Juliana (1909-2004). Royal House of The Netherlands (en inglés)
  6. "Queen Juliana of The Netherlands". En The Guardian, 22 de marzo de 2004 (en inglés)
  7. "Queen of The Netherlands". En Queen Juliana (1909-2004). Royal House of The Netherlands (en inglés)
  8. "Princess of The Netherlands". En Queen Juliana (1909-2004). Royal House of The Netherlands (en inglés)
  9. "Princess Juliana, Former Dutch Monarch, Is Dead at 94". En The New York Times. 21 de marzo de 2004 (en inglés)
  10. "Cripta Real Arquivado 13 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". No sitio web oficial da Igrexa Nova de Delft (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Volkmann, Jean-Charles. Généalogies des rois et des princes d'Europe. Gisserot. 1998. ISBN 2877473740 (en francés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]