Aceredo (asolagado)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Vello Aceredo»)
Aceredo

Vista da aldea en 2021
ParroquiaManín
ConcelloLobios
Coordenadas41°53′40″N 8°07′21″O / 41.894454461018, -8.1224006790625Coordenadas: 41°53′40″N 8°07′21″O / 41.894454461018, -8.1224006790625
Poboación0 hab. (1992)
editar datos en Wikidata ]

Aceredo foi unha aldea da parroquia de Manín, no concello de Lobios, pertencente á bisbarra da Baixa Limia, na provincia de Ourense. Desapareceu asolagada polo encoro de Lindoso (Portugal) en xaneiro de 1992[1] xunto a Buscalque, O Vao e a Reloeira (Entrimo). Aceredo está, desde o 2009, dentro da Reserva da Biosfera transfronteiriza galego-portuguesa Gerês-Xurés.

Trasportela[editar | editar a fonte]

Detalle da parroquia de Manín no mapa de Domingo Fontán de 1834.
Detalle da fronteira entre Galiza e Portugal.

Aceredo aparece recollido co nome de Trasportela, tanto na Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, de 1834, coma no mapa de José Castro López, de 1863, empregado para o trazado da fronteira entre Galiza e Portugal, subscrito en Badaxoz en marzo de 1863, e que pasou a historia coma o Tratado de Lisboa que entrou en vigor en 1864, e que fixa as fronteiras definitivas entre España e Portugal. Tamén aparece con ese nome nas referencias que fai Benito Fernández Alonso no seu libro El río Limia y sus contornos, en 1879. Tamén o recolle o libro de Trasos Montes e Miño, no número 44, onde fala das demarcacións da vila de Lindoso (Portugal), coas das aldeas de Trasportela e Riocaldo en Galiza.

Pola contra, no Dicionario xeográfico, estatístico e histórico de España e as súas posesións de ultramar de Pascual Madoz[2][3] de 1848, tomo XI, recolle Aceredo coma unha aldea de parroquia de Manín ou Trasportela, o que nos indica que Trasportela puido ser empregada para identificar á parroquia.

Sit. al NO. del monte de Sta. Eufemia en el estremo S. de la provincia; con buena ventilación y Cuma saludable. Comprende los I. de Aceredo, Buscalque, Compostela, El Bao, Ludeiros, Quiniela y el de su nombre, qae reúnen 150 Casas y una escuela de primeras letras frecuentada por 30 niños de ambos sexos, cuyo maestro se halla dotado con 360 reales
Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar, Pascual Madoz, 1848.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Aceredo estaba asentada ao pé do río Límia que o cruzaba de leste a sur, delimitada polo río Caldo ao oeste, o río Mao cruzaba a aldea polo sur, ao norte lindaba con Manín e Ludeiros, ao sur con Compostela e O Vao.

Aldea[editar | editar a fonte]

Historia[editar | editar a fonte]

Aceredo foi unha aldea labrega onde había boas producións de millo, patacas, centeo, viño e hortalizas, e tamén se chegou a sementar tabaco, así se establecera pola Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura no BOE do 7 de setembro de 1940[4]. Tamén había un importante número de vacas e de gando ovino e caprino.[Cómpre referencia] A súa veiga, regada por tres ríos, principalmente polo río Limia, o río Caldo e o río Mao, abranguía unha enorme extensión do val.

Aceredo tivo escola, no medio do lugar, ou escola das primeiras letras, onde asistían os cativos das aldeas da parroquia ata a apertura da escola de Compostela, na Segunda República. Esta escola mantívose ata a inauguración do grupo escolar de Lobios, no ano 1978, agora denominado CEIP do Xurés[5].

Ata o final dos seus días contou con varios comercios de mercadorías, e era lugar de paso dos veciños das aldeas de Compostela, Ludeiros, O Vao, Buscalque, Reloeira e Lantemil principalmente. Tamén dos portugueses que cruzaban a fronteira da Madalena.

En decembro de 1955, a Delegación de Industria da provincia de Ourense aproba a solicitude da Sociedad General Gallega de Electricidad, S.A.[6], emprazada en Entrimo, por un presuposto de 550.000 pesetas, a instalación da liña eléctrica trifásica de 20 KV, desde As Conchas a Aceredo, e outras aldeas e serradoiros do val do Limia.

Contou cunha liña de autobús dende xuño de 1958, aprobada pola Dirección Xeral de Ferrocarís, Tranvías e Transportes por estrada, BOE nº 145 do 18 de xuño de 1958[7]. Dábaselle a concesión á empresa Paz y Compañía, S.L., co itinerario Bande A Madalena (Lobios), de 22,5 quilómetros, pasando por: Pazos, Lobeira, Terradas, Herdadiña, A Malleta, Aceredo, que saía dende A Illa (Entrimo), pasando por Aceredo, coa indicación de facer todos os días, sen excepción, o percorrido entre Bande e A Madalena.

Co tempo esta liña foi asumida pola empresa Anpián[8] que saía dende A Illa (Entrimo), pasando por Aceredo, e unía estas terras coa capital ourensá.

Veciñanza[editar | editar a fonte]

Aceredo contaba con 105 familias en xaneiro de 1992 cando foi asolagado.

A morte destas aldeas co asolagamento polo encoro de Lindoso supuxo un éxodo de 250 habitantes das aldeas de Aceredo, O Vao, Buscalque e a Reloeira. Ademais de afectar a outros 2500 habitantes de Compostela, Quintela, Rivas de Arauxo, Parroquia de Torno, Lantemil, Parroquia de Galez e Olelas[9].

Alcumes[editar | editar a fonte]

A Bilara, A Fragueira, A Pinzaleira, As da Aniña O Touza, As Marianas, As Moras, As Pastoras, Lalo O Camiñeiro, María da Pepa, O Bordón, O Botica, O Camarro, O Cé Estévez, O Relampo, O Parranda O Manuel, O Pinchapasos, O Ratiño Emilio, O Rigor, O Ruzo, O Tío Carneiro, O Tío Cremente, Os do Pendiente, Os Biolas Os Gallatos, Os Carabillas, Os Chanos, Os Ciruxanos Os de Malvaz, Os Cogones, Os da Cabaniñas O Lanciñas, Os da Caridade O Maquieira, Os da Costa O Moucho, Os da Ponte Señor Perfeuto, Os da Tulla, Os das Eiras, Os de Rivelas, Os do Coronel, Os do Crego, Os do Cura Remixio, Os do Juna Manuel, Os Flores, Os María Antonia, Os Mortes Ricardo, Os Pericos, Os Pretas, Os Rechechos Os Caseiros, Os Varandas, Os Xigas, Paco da Tía Cristalina, Pepe da Guenara, Rosa do Enxido, Serafín do Boi, Tía Martiña da Aniña, Vacaboi.

Partes da aldea[editar | editar a fonte]

A Barreira, A Costa, A Forxa, As Eiras, As Laixas, O Corgo, O Renque, O Santo, O Soutiño, Quenlla da Oliveira, Quenlla da Fonte Fría, Quiñaldo, Rivelas.

A Fonte do Corgo[editar | editar a fonte]

Fonte do Corgo

Aceredo tiña unha fonte veciñal no medio do lugar, a Fonte do Corgo, onde chegaban as principais quenllas da aldea que estaban case todas cubertas de latas[10]. Esta fonte tiña un pilo onde vertía a auga para beber o gando, e dese pilo pasaba para o tanque lavadoiro, onde a veciñanza, que non tiña lavadoiro propio, lavaba a roupa.

A Fonte do Corgo segue abrollando coma se non pasase o tempo, coma se todo se detivese naquel fatídico xaneiro de 1992, e en cada baixada das augas do encoro, a fonte segue cumprindo coa súa función e dándolle de beber ao viaxeiro, ao veciño, ao gando[11].

Río[editar | editar a fonte]

Lamprea

Aceredo estaba fondamente vencellada ao río Limia, mais non era o único río que regaba as súas terras, tamén o facía o Caldo e o Mao, e enfronte da aldea desembocaba o río Agro (Entrimo). Estes ríos foron compoñendo as dinámicas da aldea, prestado a súa forza para os moitos muíños que tiña en cada un deles, para as levadas que traían a auga para os campos e a enorme veiga, que se estendía, case ininterrompidamente dende o comezo da aldea no Gusteu, ata Os Aguinchos. Mais tamén ás fábricas de madeira que abondaron pegadas ao seu curso e aproveitaban a auga para mover a maquinaria, como acontecía na fábrica da Malleta, preto de Lobios, na da Escoleira levantada á beira do río, dentro do enorme piñeiral de Lantemil (Entrimo).

Os ríos, en principio, son sempre estremas entre parroquias, unidade fundamental no mundo simbólico galego[12]. Así o recolle Manuel Mandianes, no seu libro O río do esquecemento.

Foron estes ríos lugares vencellados á pesca, moi recoñecidos polos pescadores dunha e doutra banda raia, en particular o río Limia, onde abondaban as troitas, ata o final dos seus días sen encorar. Case todo o curso do río Limia, ao seu paso par Aceredo, gozaba de bos lugares para a pesca, recoñecidos eran os que se atopaban por debaixo da igrexa, enfronte da fábrica de madeiras da Escoleira, máis arriba, antes da desembocadura do río Agro, ata a Ponte Nova de Entrimo. No seu discorrer cara Portugal, no pozo da Reloeira e nos Aguinchos.

Mais o río Limia, non só foi un río troiteiro moi apreciado polos pescadores como amosa unha reportaxe da Televisión Pública Portuguesa (RTP)[13], tamén foi un río onde as lampreas viñan a desovar, ao lugar onde comezou a súa vida, logo de percorrer infinidades de quilómetros e de medrar nas augas salgadas do Atlántico. Así o recolle a Lexislação Régia portuguesa nun documento do 14 de febreiro de 1907, poucos anos antes de se erguer a primeira presa en Lindoso, para aproveitar a auga para a agora vella central hidroeléctrica de Paradamonte (Portugual). A autorización real viña a ordenar a pesca da lamprea de noite, en quendas, con redes que tiñan que ser postas de lado a lado, sempre pola noite, e sacadas de día para permitir o tránsito dos peixes que remontan o río, e para as posibles embarcacións que fagan uso durante o día[14].

O pozo da Reloeira[editar | editar a fonte]

Pozo da Reloeira

Antes de levantarse a ponte dos Aguinchos, o río Límia, a esa altura cruzábase no pozo da Reloeira.

O pozo da Reloeira era un remanso do río Limia provocado por unha enorme presa feita para levar auga o muíño que estaba preto dos Aguinchos, e que na segunda metade do pasada século era coñecido coma o muíño do Lalo, aínda que fora construído con anterioridade, e tivo outros donos, antes de adquirilo este último propietario.

Nese lugar había unha barca para cruzar o río dende Aceredo (Lobios) ata a Reloeira (Entrimo). Era unha barca das coñecidas como sacramentais, por empregalas o clero para levar os sacramentos[15]. Neste caso é preciso ter en conta que a parroquia de Manín no abrangue as aldeas de Buscalque e Quintela, pertencentes ao concello de Lobios, estas aldeas pertencen á parroquia de A Illa, e enterraban na súa parroquia. Mais esta barca, aínda sendo propiedade dun veciño de Lobios, tiña compartida cun de Entrimo que a xestionaba e lle pagaba un alugueiro anual. Era empregada principalmente polos veciños da parroquia de Manín e de Entrimo. Tamén se alugaba a forasteiros.[16]

Na memoria da xente aínda fican acontecementos que marcaron ese lugar, coma o acontecido a dous veciños portugueses de Entre Ambos Os Ríos, que viñeran a Galicia con contrabando, e foran apreixados pola Garda Civil e trasladados ao calabozo de Entrimo. Conseguiron fuxir e chegar o Pozo da Reloeira, para cruzar o río Limia e logo a fronteira e volver á casa. Mais, véndose acurralados saltaron ao pozo para cruzalo nadando, respondendo con tiros a Garda Civil e matando a un deles, o outro conseguiu cruzar, chegar ata Ludeiros, onde foi acubillado e pasou a noite nun canastro. Este home, tempo despois emigrou, e cando retornou a súa aldea, a finais dos anos 90, buscou á familia que o acubillara e transmitiu o que lle acontecera naquel tempo mozo que o marcou para sempre.

A finais dos anos 20, o 10 de agosto, os mozos de Padrendo ían ao San Lourenzo na aldea de A Illa (Entrimo), e tiñan que cruzar o río Limia polo pozo da Reloeira. Co exceso de carga, a barca afundiu, e milagrosamente salváronse todos os mozos daquel naufraxio.[17]

Emigración[editar | editar a fonte]

Desde a década de 1950 sufriu unha importante diminución de habitantes pola emigración, principalmente a Francia e ao resto de España, maioritariamente a Cataluña e Madrid, aínda que a emigración víñase producindo dende moito antes sobre todo a Portugal, onde sempre houbo unha gran cantidade de veciños de Aceredo e doutras aldeas arraianas. Tamén en Portugal se fixeron grandes patrimonios que logo investiron na aldea, como aconteceu coa familia dos Pretas.

A casa do Preta[editar | editar a fonte]

Fachada da casa do Preta

Esta casa construída onde o campo da festa, preto da igrexa e do adro, polas dimensións e a construción era máis ben un pazo de dúas plantas levantadas en pedra. Na planta baixa tiña cortes, adega e outros lugares destinados ao servizo da casa. Na planta primeira, contaba cas dependencias propias dunha casa señorial, grandes e cómodas, con fiestras de madeira tallada e decorada, unha enorme galería en forma de L feita de madeira e cristal decorada para aproveitar a luz, corredores e balcóns para o patio e para a estrada, algúns con galerías tamén de madeira e cristais tallados. O peche era de perpiaño ben acabado, cunha beira superior e motivos de pedra en forma de grandes copas florais na entrada da porta. Tamén tiña boas latas de ferro para as videiras que cubrían unha parte do patio.

A pegada relixiosa en Aceredo[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial[editar | editar a fonte]

Lugar onde se ergueu a igrexa en Aceredo

A igrexa parroquial de Manín foi construída orixinalmente na aldea de Manín, de arquitectura Barroca, baixo a advocación de Santa Eufemia[18]. No ano 1764 foi trasladada a Aceredo[19], ficando en Manín a parte da sancristía que se converteu na capela da aldea en honra a Santa Eufemia. En Aceredo é ampliada con naves laterais e sancristía para formar unha cruz. Conta cun importante retablo e altares barrocos.

Pola Semana Santa, facíase un viacrucis ao redor da igrexa, no terreo onde estaba o adro.

A igrexa, en Aceredo, foi empregada pola veciñanza afectada polo encoro para manifestarse pola falta de acordo coa empresa portuguesa EDP, na procura dun acordo xusto de pago pola expropiación das súas terras e polo desprazamento forzoso do seu lugar de vida[20].

Igrexa parroquial de San Salvador de Manín

En Aceredo, aínda sendo a igrexa parroquial e de advocación a San Salvador, celebrábase o Santiago e a Santa Ana, santos locais. O recinto da igrexa, rodeado cun muro de pedra dun metro e medio, acollía o adro en volta dela. En Aceredo tiña unha entrada ao norte, para os veciños da propia aldea, a maioría das casas estaban ao norte da igrexa, e outra ao sur, para o resto das casas da aldea e para a veciñanza das aldeas da parroquia. Foi trasladada á aldea de Compostela.[21]

En 1992 foi desmontada pedra a pedra para salvala do encoro de Lindoso e trasladada á súa nova localización na Travesa, entre Ludeiros e Compostela, moi preto da Casa da Escusalla. Nesta nova localización venérase a San Salvador e é coñecida coma a Igrexa de San Salvador de Manín.

É coñecida polos veciños coma a igrexa viaxeira ou transhumante[22].

Cemiterio[editar | editar a fonte]

Lugar onde estivo o adro de Aceredo

A igrexa parroquial conta cun cemiterio para as aldeas de Manín, Ludeiros, Compostela, Aceredo e O Vao. Na súa primeira localización, onde foi erixida, en Manín, pola gran devoción a Santa Eufemia, ían enterrar dende Braga (Portugal) á Chan de Campelo, lugar onde estaba a igrexa e o cemiterio.[Cómpre referencia]

En Aceredo contaba cun adro en volta da igrexa, con sepulturas de pedra e enterramentos na terra para os que non tiñan sepultura. Tamén tivo algún nicho en pedra, e nos últimos anos, na década dos oitenta, nichos de ladrillo e cemento.

O cemiterio foi trasladado á súa nova localización, na Travesa, a finais dos anos oitenta, cando xa se prevía o asolagamento do val do Limia. Dende entón, o cemiterio parroquial está á beira da igrexa e denomínase Cemiterio de San Salvador de Manín.

Casa Reitoral[editar | editar a fonte]

Casa reitoral de Aceredo

A casa Reitoral de Aceredo estaba situada a uns 150 metros da igrexa, de cara ao sur.

Esta casa era de perpiaño, de dúas plantas con tellado de dúas augas e tella común. Contaba cunha galería cara ao patio, que estaba pechado cun muro alto de pedra, ao que se entraba por uns grandes portóns de madeira. O patio non era moi grande e comunicaba coas dependencias da parte inferior. Para acceder á planta superior había unha escaleira con chanzos de perpiaño e balaústres e varanda de ferro. As xanelas eras de madeira con cristais a cadros. Algúns cuartos daban para a estrada N-540, que pasaba a beira.

Saíndo da casa Reitoral, de cara a igrexa, pola estrada, había unha curva onde estaba unha fonte de pedra. Enriba, nos eidos, tamén da igrexa, había un grande pombal, unha boa parte das casas reitorales do val do Limia teñen pombales redondos de grande altura e envergadura, todos en desuso e abandonados (na fotografía amósase o pombal da igrexa reitoral de Santa María de Río Caldo, abadonado, moi parecido ao de Aceredo, algo máis pequeno en altura, e posiblemente feitos polo mesmo tempo). O da casa Reitoral de Aceredo tamén foi asolagada polo encoro de Lindoso e non se mantivo en pé, esborrallouse completamente.

Destacaba, nun dos eidos próximos á igrexa un enorme canastro, de cinco cuarteiróns.

Simboloxía relixiosa[editar | editar a fonte]

Azulexos co motivo de Nosa Señora de Fátima, á esquerda erguíase o cruceiro de pedra e mármore portugués
Anaco de azulexos de Santo Antonio

Aceredo tiña dous cruceiros, un no largo preto da igrexa, lugar onde se celebraba a festa anual en honra a Santiago e a Santa Ana. Este cruceiro era enteiro de pedra, con estes elementos: plataforma de varios chanzos. Pedestal liso, fuste, capitel e Cruz.

O outro cruceiro estaba na entrada da aldea, vindo de Lobios a man dereita, nun pequeno largo coñecido por Parranda. Este cruceiro con influencias portuguesas, tiña a plataforma dun chanzo rectangular, o pedestal octogonal, con catro caras máis estreitas, e catro máis anchas, capitel rectangular coa base sobre o fuste, e unha longa cruz de mármore portugués cun cristo tamén de mármore. Ata este lugar discorrían as procesión o 25 de xullo, día de Santiago, e o 26, día se Santa Ana. Este cruceiro foi trasladado ao pé da igrexa de San Salvador de Manín en 1992, concretamente en fronte da entrada principal, moi preto do muro dos campos da Escusalla, onde se perdeu o elemento máis destacado, a cruz de mármore, que se rompeu en anacos, e o cristo[23]. Agora sostén unha cruz de pedra, moito máis pequena e grosa que a de mármore (pódese ver na galería de imaxes na súa nova localización).

No mesmo lugar, onde estaba este cruceiro en Aceredo, nunha parede dun garaxe, había dous azulexos portugueses, un coa imaxe da Nosa Señora de Fátima e os tres nenos pastores, algo mais grade e colocado á esquerda das portas do garaxe; o outro de Santo Antonio, colocado á dereita.

O recinto da igrexa estaba rodeado por un muro de pedra e dúas entrada, unha ao norte para Aceredo, e outra ao sur para os veciños que viñan das aldeas da parroquia, principalmente. Neste muro había un altar en fronte da igrexa, cara ao río cun Santiago en pedra. O altar levantouse na nova localización da igrexa entre Ludeiros e Compostela. Agora é San Salvador de Manín o que o preside.

Infraestruturas[editar | editar a fonte]

Infraestruturas viarias[editar | editar a fonte]

Aceredo estaba regada polo ríos Limia, principalmente, onde abundaban as troitas; polo río Caldo e polo río Mao. Contou tamén con tres pontes destacadas, a dos Aguinchos, a Ponte Nova de Entrimo, ademais da ponte do Gusteu ou Busteu, de pedra e madeira que foi a primeira que daba paso ás xentes destas aldeas para se comunicar co resto concello de Lobios, esta ponte salvaba as augas do río Caldo. O tramo de estrada nacional (N-540), que unía A Madalena con Ourense, ao seu paso por Aceredo tiña outras dúas pontes de pedra, máis pequenas, a do río Mao dun só arco, e a que salvaba a estrada das augas do Corgo.

Ponte do Gusteu[editar | editar a fonte]

Ponte do Gusteu

Era unha ponte de orixe medieval que salvaba as augas do río Caldo ao seu paso pola parroquia de Manín, preto de Aceredo. Estaba feita de perpiaño con tres partes de apoio, unha a cada lado e a levantada no medio do río en forma de frecha para alixeirar a forza da auga a cada un dos dous paso. Contaba con grandes trabas de madeira para soster o sobrado con táboas que aguantaban o peso das persoas, dos animais e dos carros que por ela transitaba, con balaústres e varandas de madeira a cada lado.

Esta ponte aparecía na Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán de 1834, onde se reflicte o camiño que ía abeirando o río Limia pasando por Lobios, pola ponte da Portaxe (onde se pagaba peaxe), para salvar as augas do río Salas, camiño de Bande pasando pola ponte Pedriña, desaparecida polo encoro das Conchas.

A ponte, tamén coñecida como ponte de Busteu por parte da veciñanza da parroquia de Río Caldo, ten a lenda de que aí se bautizaban os nenos para protexelos do mal[24].

Dende que foi asolagada polo encoro de Lindoso, é visíbel case todos os anos en outono. Durante vinte anos mantivo a madeira, mais esta foise perdendo ata ficar só o piar do medio do río, e os dous asentos laterais.

Ponte de Entrimo ou Ponte Nova de Entrimo[editar | editar a fonte]

Panorámica da ponte Nova de Entrimo. Lado dereito indo desde Aceredo.
Ponte Nova de Entrimo. Lado esquerdo indo desde Aceredo.

Ponte construída para salvar as augas do río Limia entre as parroquias de Manín e Galez (Entrimo).

Foi feita cando se abriu a estrada de Bande á fronteira da Madalena, antiga N-540. Construída en varios anacos dende 1927[25] ao 1933[26].

Ponte feita de perpiaño ben acabado, cun grande arco no medio do río, asentado en piares cunha base sobresaínte sobre a que pousan os arcos. Estes piares pola parte leste, onde recibía a forza do río eran redondas. Á dereita do arco central, parte sur da ponte, (ollando dende o correr do río cara ao mar), ten tres arcos de ferradura máis pequenos co central, e a esquerda do arco central, parte norte da ponte, (ollando dende o correr do río cara ao mar), ten catro arcos de ferradura iguais aos tres da parte sur.

É unha ponte que está asolagada polo encoro de Lindoso, e aínda se mantén en prefectas condicións[27], coma cando subiu a auga por primeira vez, só lle faltan as varandas de pedra que as sacaron pouco antes de subir a auga por riba da súa cota.

Ponte dos Aguinchos[editar | editar a fonte]

A ponte dos Aguinchos[28] cruzaba o río Limia desde Aceredo en dirección Buscalque, Quintela, Reloeira, Lantemil ata a Illa (de entrimo estas tres últimas localidades).

Era unha ponte feita de pedra e formigón. Construíse na segunda metade da década de 1940. Esta ponte tiña 8 ollos con arcos de ferradura e piares redondeados por ámbalas partes do río. As varandas eran de formigón. Levantouse ao final do lugar de Aceredo, moi próxima a O Vao e tamén ao confluencia da estrada de Aceredo a Ludeiros e Compostela.

Preto da ponte había unha praia de area branca onde veraneaba boa parte da poboación destas aldeas do val do Limia, a praia dos Aguinchos.

Descoñecese se a ponte se mantén e pé dende que foi asolagada polo encoro de Lindoso, as augas nas súas baixadas pola seca nunca minguaron a esa cota. Tamén foi a ponte que mantivo a liña de enchida na primeira inundación[29] cando se pecharon as portas e as aldeas aínda estaban cheas de xente, ata que foi desaloxado Buscalque e O Vao, tamén parte de Aceredo en xaneiro de 1992[30].

Ponte sobre o río Mao[editar | editar a fonte]

Para cruzar o río Mao ao seu paso por Aceredo, preto da desembocadura no río Limia, a estrada N-540 desde a fronteira da Madalena a Ourense, había unha ponte de pedra, feita de bloques de perpiaño, dun só arco de ferradura e con varandas tamén de pedra, ao final da recta, onde a casa do Camiñeiro. Preto estaba o muíño do Perfecto que produciu electricidade para o seu dono algún tempo antes da chegada de luz eléctrica á aldea.

Esta pote está moi preto da nova ponte que se ergueu sobre o río Limia para unir Aceredo con Lantemil.

Descoñécese se a ponte segue en pé ou se esborrallou dende o asolagamento en xaneiro de 1992, dende entón non se volveu acadar esa cota na auga do encoro de Lindoso nos anos de seca.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Canastro salvado do asolagamento, no miradoiro do encoro de Lindoso en Aceredo

Foi Aceredo terra de millo, onde se ergueron innumerables canastros, contando cunha grande eira á entrada do lugar vindo de Lobios. Había moitos máis canastros en leiras privadas, case todos de dous ou tres cuarteiróns, agás o da igrexa, que pertencía ao abade e tiña cinco cuarteiróns. A maioría dos canastros de Aceredo foron desfeitos e vendidos para innumerables lugares da xeografía española e estranxeira[31]. Na parroquia soamente ficaron tres, un na área de descanso de Aceredo, outro nunha leira privada da nova aldea de Aceredo, e o outro en Ludeiros.

Aceredo tivo muíños no curso do río Caldo e do río Mao, principalmente, tamén na do Limia, onde existiu un gran muíño (coñecido como o muíño do Lalo), que foi a primeira central eléctrica da parroquia. Outro veciño tamén tivo unha produción propia de electricidade para a súa vivenda dende o muíño da súa propiedade erguido na parte baixa do curso do río Mao.[Cómpre referencia]

Tivo Aceredo un forno comunal onde se cocía en quendas de 15 días.

Aceredo na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • Río abaixo, río arriba,/ río de Porta pequeno;/ lévalle moitas mamorias/ ás pendangas de Aceredo [32].
  • Río arriba, río abaixo,/ río de Porta pequeno;/ lévalle moitas mamorias/ ás mociñas de Aceredo [33].

Panorámicas[editar | editar a fonte]

Cronoloxía dunha desfeita[editar | editar a fonte]

Primeira concesión dun Salto en Aceredo[editar | editar a fonte]

Por Resolución da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas adxudícase a Electra del Lima, S.A. a concesión do Salto de Aceredo, no río Limia, nos municipios de Lobios e Entrimo (Ourense), destinada á produción de enerxía eléctrica, como recolle o BOE nº 9 do 10 de xaneiro de 1962[34].

O expediente deste primeiro proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Limia foi incoado por Rafael Lorenzo Pérez, e presentáronse dous proxectos en competencia, Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A e Electra del Lima, S.A.

Previamente, o día 2 de xaneiro de 1951 (11 anos antes), o enxeñeiro de camiños Ricardo Gómez Llano, presenta un proxecto de execución dun Salto en Aceredo, cun presuposto de execución de 64.038.182,42 pesetas, e unha potencia instalada de 30.000 CV en tres turbinas Francis, rápidas, de 10.000 CV cada unha. 23.334 KVA en tres alternadores de 7.778 KVA, cada un. 21.000 KW en tres alternadores de 7.000 KW cada un, e que finalmente sería o gañador da concesión.

A Resolución resolvía o seguinte:

  • Aprobar a transferencia a favor de Electra do Lima, S.A, dos dereitos derivados do expediente e o proxecto presentado, e a propiedade da fianza constituída pola cedente Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.
  • Autorizaba o aproveitamento dun caudal de 60 metros cúbicos por segundo, mediante a creación dun encoro de 28,54 hectómetros cúbicos, coa presa situada nas inmediacións do hectómetro 9, quilómetro 66 da estrada de Ourense a Portugal.
  • O desnivel máximo que se concede é de 42,91 metros, contados entre o nivel máximo do encoro a 50 centímetros por debaixo da coroación da presa e o río no punto do desaugadoiro.
  • A produción media anual estímase en 74 GWh.
  • A coroación ficará no límite de 8,54 metros por debaixo do cumio da porta de entra á casiña de Peóns Camiñeiros, situada no quilómetro 65,830 da estrada Ourense a Portugal.
  • A empresa ten oito meses para presentar, desde a publicación no BOE para presentar a aprobación da resolución do proxecto e das obras complementarias atendendo a unha serie de precisións técnicas.
  • Estudarase con todo detalle as variantes da estrada de Ourense a Portugal e a Portela d'Home e dos camiños veciñais de Castrelo de Torno a Pías de Fondevila por Ganceiros, Portaxe e Ribas, e a situación dos demais camiños e servidumes que poidan ser afectadas polo encoro.
  • Concédese unha autorización por 99 anos, pasado ese tempo reverterá no estado.
  • A obras comezarán no prazo de dous anos.

O 16 de xaneiro de 1962, o BOE nº 14[35] publica a seguinte Resolución da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas pola que se fai público o outorgamento do Electra del Lima, S.A. o aproveitamento hidroeléctrico chamado Salto da Raia, no río Limia, nos municipios de Lobios e Entrimo (Ourense).

Nesta nova resolución a denominación do encoro é Salto da Raia, e concreta o seguinte ademais do establecido anteriormente:

  • O presuposto de execución é de 51.543.071,21 pesetas, minguando nuns 12 millóns e medio.
  • Tamén mingua o caudal máximo de 60 a 42 metros cúbicos por segundo.
  • O desnivel pasa dos 42,91 metros, aos 41,03 metros.
  • Aumenta a produción de 74 a 77 GWh.
  • Establece un prazo de 8 meses para presentar os proxectos de obras complementarias e construción, para a súa aprobación, todas de carácter técnico.
  • Estudarase con detalle a variante da estrada de Ourense a Portugal, e nesta ocasión recolle o camiño veciñal da Terrachán a Olelas (Entrimo) co quilómetro 71 da estada Ourense a Portugal.
  • Poderase establecer un canon a posteriori.
  • Deberá cumprir coa Lei de Pesca Fluvial aprobada polo Decreto de 13 de maio de 1953, que protexe a riqueza peixeira en augas continentais.
  • Deberán respectar os caudais precisos para os regadíos existentes.
  • Decláranse as obras de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa e establecemento de servidumes.

Convenio España-Portugal de maio do 68[editar | editar a fonte]

Marco fronteirizo da Madalena

O 29 de maio de 1968, os Plenipotenciarios de España (Fernando M.ª Castiella), e Portugal (Luís da Câmara Pinto Coelho), asinan en Madrid un Convenio e Protocolo adicional entre España e Portugal para regular o uso e aproveitamento hidráulico dos tramos internacionais dos ríos Miño, Limia, Texo, Guadiana e Chanza, e dos seus afluentes.

Acorda entre outras cousas o seguinte:

  • Os Gobernos de España e Portugal, inspirados polo máis amplo espírito de cooperación e desexando regular de común acordo o uso e aproveitamento hidráulico dos ríos internacionais nas súas zonas fronteirizas, deciden concluír o seguinte Convenio:
  • O aproveitamento hidráulico dos tramos internacionais dos ríos Miño, Limia, Tajo, Guadiana e Chanza, e dos seus afluentes, realizarase en beneficio das dúas nacións segundo as estipulacións acordadas no presente Convenio.
  • Portugal reservase a utilización de todo o tramo internacional do río Limia e dos correspondentes desniveis do río Castro Laboreiro e dos restantes afluentes no tramo.
  • Para completar o aproveitamento hidroeléctrico que se proxecta realizar en territorio portugués e que afecta o tramo internacional a que se refire o apartado anterior, concédese a Portugal o dereito de utilización en territorio español do desnivel do río Limia entre o comezo do tramo internacional e o desaugadoiro da central das Conchas, así como o desnivel correspondente dos seus afluentes nese tramo.
  • As reservas, recoñecementos e atribucións de dereitos en favor dunha ou outra das Altas Partes Contratantes que se conteñen no presente Convenio enténdense feitas exclusivamente aos soas efectos dos aproveitamentos a que os mesmos se refiren, sen que en ningún caso tales reservas, recoñecemento e atribucións, nin as obras que ao seu amparo se realicen, poidan afectar á delimitación de fronteiras entre ambos os Países, nin a cuestións que son da competencia da Comisión Internacional de Límites hispano-portuguesa, nin a ningunha outra cuestión diferente dos aproveitamentos obxecto do presente Convenio.
  • A xurisdición de cada Estado nos tramos internacionais conservará os límites fixados no Tratado do 29 de setembro de 1864, correspondentes ás condicións naturais anteriores á realización das obras.
  • Cada unha das Altas Partes Contratantes comprométese a constituír, a título privado, sobre os seus terreos de dominio público, en beneficio dos aproveitamentos da outra Parte, as servidumes de encoro, estribo de presa, desaugadoiro ou de calquera outra natureza, que foren indispensables para a construción e explotación dos referidos aproveitamentos.
  • Comprométense así mesmo reciprocamente, e segundo proceda en cada caso, a constituír servidumes sobre os terreos de propiedade do Estado, de Corporacións ou de particulares, que for preciso ocupar no territorio dun Estado con motivo das obras situadas nas zonas de aproveitamento do outro e a decretar a súa expropiación ou as ocupacións temporais necesarias para obter materiais de construción ou para instalar os servizos e medios auxiliares que requira a construción das obras.
  • Obrígase de igual maneira a decretar a expropiación doutros aproveitamentos na actualidade en uso ou explotación que dificulten ou se opoñan á total utilización dos aproveitamentos atribuídos a cada Estado neste Convenio. Isto viña a deixar sen efecto a Resolución da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas adxudícase a Electra del Lima, S.A. a concesión do Salto de Aceredo, no río Limia, nos municipios de Lobios e Entrimo (Ourense), destinada á produción de enerxía eléctrica, como recolle o BOE nº 9 do 10 de xaneiro de 1962.

No val do Limia sempre se falou dun convenio segredo entre España e Portugal, ou entre Franco e Salazar para o aproveitamento do río Limia, a realidade é que non foi segredo, publicouse nos diarios oficiais de cada país, Portugal antes, o 5 de novembro de 1968[36], e España o 22 de abril de 1969[37].

O 4 de maio de 1971 o Diário do Governo nº 113[38], aproba o estatuto de funcionamento da Comisión Lusao-Hispana derivada do Convenio de repartimento dos ríos transfronteirizos de maio de 1968. O BOE publica o mesmo convenio no número 115 do 14 de maio de 1971[39].

O 12 de febreiro de 1976 o Diário do Governo nº 96[40] aproba a 2ª ratificación do protocolo derivada do Convenio de repartimento dos ríos transfronteirizos de maio de 1968. O BOE publícao no número 140, do 13 de xuño de 1977[41].

Encoro de Lindoso, o Ferrari de Portugal[editar | editar a fonte]

En Portugal o encoro de Lindoso é coñecido coma o Ferrari de Portugal[42]. Esta presa e capaz de introducir no circuíto eléctrico portugués tal cantidade de MW que son empregados nas horas de meirande consumo. É ben coñecido no val o movemento da auga cando a central está en funcionamento.

O proxecto para construír o encoro comezou en 1983. A construción rematou en 1992. A presa úsase para xerar electricidade. É propiedade da compañía Electricidade de Portugal (EDP). Foi construída sobre a antiga presa que alimentaba a vella Central de Lindoso, aínda en funcionamento, situada na aldea de Paradamonte, pertencente á Freiguesía de Lindoso. Esta presa foi autorizada por Real Orde, do 19 de febreiro de 1907[43]. Concesión de aproveitamento da auga do río Limia cunha derivación na Costa do Fajo, na freiguesía de Lindoso. Púxose en funcionamento no ano 1922.

No outono de 1983 comezan as obras para a construción do encoro de Lindoso (Barragem do Alto-Lindoso, como é denominada en Portugal).

Curiosidades e datos do encoro e da central hidroeléctrica do Lindoso[editar | editar a fonte]

  • As dúas turbinas moven 250 m³/s.
  • Os túneles de alimentación das turbinas posúen 8,3m diámetro.
  • A produción media anual de 948 GWh supera en preto de 248 GWh, en relación á totalidade dos encoros do río Zêzere.
  • 1.200.000 m³ de escavacións.
  • 650.000 m³ de formigón.
  • 3.000 t de aceiro.
  • Custou 74 millóns de contos (1990) [aproximadamente 369 millóns de euros].
  • O edificio de comandos da subestación de 18/400 kV liga á central por un ascensor con 350 m. de altura, o maior da Europa cando foi posto en funcionamento.
  • O ascensor tamén é o máis rápido da Europa, e segundo do mundo, superado só polo do CN Tower en Toronto, Canadá.
  • O encoro foi construído no antigo enceramento que alimentaba a vella Central de Lindoso, posta en funcionamento no ano 1922, esta foi a primeira gran central hidroeléctrica do País, e aínda continúa en funcionamento.
  • O punto máis baixo das turbinas está ao nivel do mar.

Galerías[editar | editar a fonte]

Baixada do nivel do encoro, outono de 2018[editar | editar a fonte]

Baixada do nivel do encoro, novembro de 2021[editar | editar a fonte]

Documental[editar | editar a fonte]

O 20 de xullo do 2013, convócase á veciñanza das aldeas asolagadas a unha proxección de vídeos e fotografías no Multiúsos de Lobios, ás 20 horas.

Aquela tarde déronse cita alí moitos dos veciños vivos entón, familiares e descendentes, das aldeas asolagadas polo encoro (Aceredo, Buscalque, O Vao e a Reloeira), e tamén veciños de Lobios e Entrimo. O Multiusos de Lobios estaba ateigado de xente e había unha emoción e unha tensión enormes. Durante a proxección das imaxes, e dos vídeos, unha boa parte da xente non puido conter as emocións e as bágoas non deixaban de abrollar. Ao final da proxección descubríronse as fotografías achegadas polos veciños, e expostas para a ocasión nas paredes do Multiúsos. Desas imaxes, vídeos e do documento gravado ese día, naceu o proxecto documental Os días afogados.

Os días afogados é un filme documental de César Souto Vilanova e Luis Avilés, estreado no ano 2015.[44]

Libros[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Manín[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Manín no concello de Lobios na provincia de Ourense

Aceredo | Compostela | Ludeiros | Manín | O Vao

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ulloa, Fina (20-11-2017). "Aceredo resurge del agua para convertirse en reclamo turístico". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8-1-2021. 
  2. "Manín ou Trasportela". Dicionario de Pascual Madoz. Consultado o 17-01-2021. 
  3. "Dicionario Xeográfico Estatístico Histórico de España e as súas posesións de ultramar". Books Google de balde. Consultado o 17-01-2021. 
  4. "Relación das zonas de cultivo de tabaco por provincias" (PDF). B.O.E. Consultado o 11-01-2021. 
  5. CEIP do Xurés
  6. "Liña de transporte eléctrico a varias aldeas e serradoiros do val do Limia." (PDF). B.O.E. Consultado o 11-01-2021. 
  7. "Resolución da Dirección Xeral de Ferrocarís, Tranvías e Transportes por estrada" (PDF). B.O.E. Consultado o 11-01-2021. 
  8. "Anpián". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2021. Consultado o 10 de xaneiro de 2021. 
  9. Os habitantes da Terrachán ourensá condenados a un éxodo sen retorno polo encoro hispano-portugués. Por José Aurelio Carracedo, La Voz de Galicia do 2-11-1985
  10. As latas son emparrados altos sobre as vías públicas, ou levantadas en propiedades privadas, xeralmente con postes de pedra e trabes de madeira e fíos de arame, moi comúns no val do Limia.
  11. "Fonte de Aceredo". Facebook MeteoLobios. Consultado o 23-01-2021. 
  12. Mandianes, Manuel (2003). O río do esquecemento. Xerais. ISBN 84-9782-078-9. 
  13. "Aproveitamento Hidroelétrico e Pesca às Trutas no Rio Lima". RTP Arquivos. Consultado o 21-01-2021. 
  14. "Permitida a pesca da lamprea no río Limia". Legislação Régia. Consultado o 21-01-2021. 
  15. José Lamela Bautista. Historiador, escritor e xornalista.
  16. Gallego Domínguez, Olga (1999). As barcas e os barcos de pasaxe da provincia de Ourense no antigo réxime. Deputación Provincial de Ourense. ISBN 84-87575-74-9. 
  17. "Foto histórica de Padrendo dos anos 30". Facebook. Consultado o 22-01-2021. 
  18. José Lamela Bautista. Historiador, escritor e xornalista.
  19. Pereira Domínguez, Benito (1996). Lovios e a súa comarca. ISBN 84-922140-0-7. 
  20. "Polémica da barragem de Lindoso". RTP Arquivos. Consultado o 21-01-2021. 
  21. F., L. (1-11-2015). "Un templo que suma tres ubicaciones". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 8-1-2021. 
  22. José Lamela Bautista. Historiador, escritor e xornalista.
  23. Abadín Gamucio, José (2000). Lindoso. Antes, durante y después de 1992. ISBN 84-607-0342-8. 
  24. José Lamela Bautista. Historiador, escritor e xornalista.
  25. "Adxudicación da cuarta parte da estrada de Bande á Fronteira da Madalena" (PDF). Gaceta de Madrid. Consultado o 15-01-2021. 
  26. "Adxudicación de varios tramos da estrada de Ourense á Fronteira da Madalena" (PDF). Gaceta de Madrid. Consultado o 15-01-2021. 
  27. "Ponte de Entrimo da antiga estrada N-540 á fronteira da Madalena". Consultado o 15-01-2021. 
  28. "Ponte dos Aguinchos en Aceredo". Facebook. Consultado o 16-01-2021. 
  29. "Ponte dos Aguinchos cuberta ata as varandas". Facebook de MeteoLobios. Consultado o 16-01-2021. 
  30. "Primera enchida do encoro de Lindoso coa ponte dos Aguinchos cuberta ata as varandas". Facebook de MeteoLobios. Consultado o 16-01-2021. 
  31. "Polémica da barragem de Lindoso". RTP Arquivos. Consultado o 21-01-2021. 
  32. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 139. O río de Porta é un regato que desauga no río de Pacín, en Entrimo; Aceredo é un lugar da parroquia de San Salvador de Manín, no concello de Lobios.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 139).
  34. "Resolución de la Dirección General de Obras Hidráulicas por la que se otorga a «Electra del Lima, Sociedad Anónima», la concesión del salto de Aceredo, en el río Limia, en términos de Lovios y Entrimo (Orense), con destino a producción de energía eléctrica." (PDF). Boletín Oficial do Estado. Consultado o 24-01-2021. 
  35. "Resolución de la Dirección General de Obras Hidráulicas por la que se hace público haberse otorgado a «Electra del Lima, S. A.» la concesión de un aprovechamiento hidroeléctrico denominado Salto de La Raya, en el río Limia, en términos de Lovios y Entrimo (Orense)." (PDF). BOE. Consultado o 30-01-2021. 
  36. "Aprova, para ratificação, o Convénio entre Portugal e Espanha para Regular o Uso e o Aproveitamento Hidráulico dos Troços Internacionais dos Rios Minho, Lima, Tejo, Guadiana, Chança e Seus Afluentes e Protocolo Adicional, assinados em Madrid a 29 de Maio de 1968.". Diário do Governo n.º 260/1968. Consultado o 30-01-2021. 
  37. "Instrumento de Ratificación del Convenio y Protocolo adicional entre España y Portugal para regular el uso y aprovechamiento hidráulico de los tramos internacionales de los ríos Miño, Limia, Tajo, Guadiana y Chanza, y de sus afluentes, firmado en Madrid el 29 de mayo de 1968." (PDF). BOE. Consultado o 30-01-2021. 
  38. "Aprova o Estatuto de Funcionamento da Comissão Internacional criada pelo Convénio Luso-Espanhol de 1968 para Regular o Uso e o Aproveitamento Hidráulico dos Troços Internacionais dos Rios Minho, Lima, Tejo, Guadiana, Chança e Seus Afluentes e vários regulamentos relacionados com o referido aproveitamento hidráulico, bem como a composição daquela Comissão Internacional e das suas subcomissões". Diário do Governo. Consultado o 31-01-2021. 
  39. "Decreto 1032/1971, de 6 de mayo, por el que se dispone la publicación y entrada en vigor del Estatuto de Funcionamiento de la Comisión hispano-portuguesa para regular el uso y aprovechamiento de los tramos internacionales de los ríos Miño, Limia, Tajo, Guadiana y Chanza y de sus afluentes y Reglamentos anejos, aprobados en Consejo de Ministros de 4 de julio de 1969." (PDF). BOE. Consultado o 31-01-2021. 
  40. "Aprova para ratificação o 2.º Protocolo Adicional ao Convénio de 29 de Maio de 1968, entre Portugal e Espanha, para Regular o Uso e o Aproveitamento Hidráulico dos Troços Internacionais dos Rios Minho, Lima, Tejo, Guadiana, Chança e Seus Afluentes, no que respeita ao aproveitamento hidráulico do troço internacional do rio Minho". Diário da República. Consultado o 31-01-2021. 
  41. "Instrumento de Ratificación de España del Segundo Protocolo Adicional al Convenio de 29 de mayo de 1968 entre España y Portugal para regular el uso y aprovechamiento hidráulico de los tramos internacionales de los ríos Miño, Limia, Tajo, Guadiana y Chanza y de sus afluentes, en lo que respecta el aprovechamiento hidráulico del tramo internacional del río Miño, firmado en Guarda, el 12 de febrero de 1976." (PDF). BOE. Consultado o 31-01-2021. 
  42. "No Minho, um passeio sob um céu de estrelas a mais de 300 metros de profundidade". Consultado o 31-01-2021. 
  43. "Concesión para aproveitamento do río Limia en Lindoso 1907". Legislação Régia. Consultado o 01-02-2021. 
  44. Os días afogados en Filmaffinity
  45. "Asulagadas, poemario de Suso Díaz homenaxe ás aldeas cubertas polo encoro do Lindoso". O Sil. Consultado o 11-02-2022. 
  46. "Auga a través". Apiario. Consultado o 09-01-2021. 
  47. "Auga a través de Dorés Tembrás". Caderno da crítica. Consultado o 09-01-2021. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]