Tirotropina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "TSH")

A tirotropina ou hormona estimulante da tiroide (TSH) é unha hormona peptídica sintetizada e segregada polas células tirotropas da adenohipófise ou pituitaria anterior, que regula a función endócrina da glándula tiroide. [1][2]

Fisioloxía[editar | editar a fonte]

O sistema das hormonas tiroideas triiodotironina (T3) e tiroxina (T4) é regulado polas hormonas TSH e TRH do eixe hipotalámico-hipofisario. [3]

Regulación da liberación de TSH[editar | editar a fonte]

A produción de TSH é controlada pola hormona liberadora da tirotropina (TRH) segregada polo hipotálamo e transportada ata a adenohipófise polos vasos sanguíneos do sistema portal hipotalámico-hipofisario, e unha vez alí incrementa a produción e liberación de TSH. A hormona tamén hipotalámica somatostatina, ten o efecto contrario, facendo decrecer ou inhibindo a produción de TSH na adenohipófise.

Como a TSH estimula a glándula tiroide para que segregue as hormonas tiroxina (T4) e triiodotironina (T3), os niveis destas hormonas tamén inflúen na produción de TSH. A concentración sanguínea de hormonas tiroideas (T3 e T4) regula a liberación de TSH na hipófise por retroalimentación negativa; cando as concentracións de T3 e T4 son baixas, a produción de TSH increméntase, e, inversamente, cando son altas, a produción de TSH decrece.

Efectos da TSH sobre a tiroide[editar | editar a fonte]

A TSH actúa sobre a glándula tiroide, estimulando que esta produza as hormonas tiroxina e triiodotironina, influíndo en diversas actividades das células da tiroide, como son:

  • Aumenta a proteólise da tiroglobulina intrafolicular, co que aumenta a liberación de hormona tiroidea cara ao sangue circulante e diminúe a substancia folicular mesma.
  • Aumenta a actividade da bomba de iodo, que incrementa o índice de captación de ioduro nas células glandulares.
  • Aumenta a iodación da tirosina e da súa unión para formar hormonas tiroideas.
  • Aumenta o tamaño e a función secretoria das células tiroideas.
  • Aumenta o número de células das glándulas e fai que se transformen de cuboides a cilíndricas.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Subunidades[editar | editar a fonte]

A TSH é unha glicoproteína e consta de dúas subunidades, a alfa e a beta.

O receptor da TSH[editar | editar a fonte]

O receptror da TSH atópase principalmente nas células foliculares da tiroide. [4] A estimulación do receptor incrementa a produción e secreción de T3 e T4. Os anticorpos que estimulan este receptor producen efectos semellantes aos da TSH e causan a enfermidade de Graves-Basedow. Ademais, a gonadotropina coriónica humana (hCG) mostra algunha reactividade cruzada co receptor da TSH, polo que pode estimular a produción de hormonas tiroideas. No embarazo, as concentracións prolongadas de hCG poden producir unha condición transitoria denominada hipertiroidismo xestacional. [5]

Aplicacións[editar | editar a fonte]

Diagnósticos[editar | editar a fonte]

Nos adultos o rango de referencia estándar de TSH está entre 0,4 e 3,0 µIU/mL (equivalente a mIU/L), pero os valores varían lixeiramente segundo os laboratorios. Por exemplo, no Reino Unido, as directrices da Association for Clinical Biochemistry sinalan un rango de referencia de 0,4-4,5 mIU/L.[6] A National Academy of Clinical Biochemistry (NACB) reduce o rango a 0,4–2,5 µIU/mL. [7]

As concentracións de TSH nos rapaces son normalmente maiores ca as dos adultos. En 2002, a NACB recomendaba límites de referencia relacionados coa idade de 1,3 a 19 µIU/mL para neonatos, que baixaban a 0,6–10 µIU/mL ás 10 semanas de vida, e a 0,4–7,0 µIU/mL aos 14 meses e seguían baixando gradualmente durante a nenez e puberdade ata os niveis adultos de 0,4–4,0 µIU/mL.[7]

As concentracións de TSH mídense clinicamente como parte dunha proba para comprobar a función tiroidea en pacientes nos que se sospeita que teñan un exceso (hipertiroidismo) ou deficiencia (hipotiroidismo) de hormonas tiroideas. A interpretación dos resultados depende das concentracións de TSH e de T4. En certas situacións pode ser tamén útil a medición das concentracións de T3.

Tipo de patoloxía Nivel de TSH Nivel de hormona tiroidea Condicións causantes de doenzas
Hipotálamo/hipófise Alto Alto Tumor de hipófise benigno (adenoma) ou resistencia á hormona tiroidea
Hipotálamo/hipófise Baixo Baixo Hipopituitarismo
Tiroide Baixo Alto Hipertioidismo ou enfermidade de Graves
Tiroide Alto Baixo Hipotiroidismo conxénito (cretinismo), hipotiroidismo ou tiroidite de Hashimoto

A proba da TSH tamén se recomenda agora para os chequeos de enfermidades tiroideas. Os recentes avances que aumentaron a sensibilidade da proba da TSH, fan que esta sexa máis útil que a medición de T4 libre. [2]

Terapéutica[editar | editar a fonte]

Unha droga sintética chamada TSH humana recombinante alfa (rhTSHα ou rhTSH, comercializada co nome Thyrogen), utilízase para tratar o cáncer de tiroide. [8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The American Heritage Dictionary of the English Language, Fourth Edition. Houghton Mifflin Company. 2006. ISBN 0-395-82517-2. 
  2. 2,0 2,1 Ronald Sacher, Richard A. McPherson (2000). Wildmann's Clinical Interpretation of Laboratory Tests (11th ed. ed.). F.A. Davis Company. ISBN 0-8036-0270-7. 
  3. References used in image are found in image article in Commons:Commons:File:Thyroid_system.png#References.
  4. Parmentier M, Libert F, Maenhaut C, Lefort A, Gérard C, Perret J, Van Sande J, Dumont JE, Vassart G (December 1989). "Molecular cloning of the thyrotropin receptor". Science 246 (4937): 1620–2. DOI:10.1126/science.2556796. PMID 2556796. 
  5. Fantz CR, Dagogo-Jack S, Ladenson JH, Gronowski AM (December 1999). "Thyroid function during pregnancy". Clin. Chem. 45 (12): 2250–8. PMID 10585360. 
  6. Use of thyroid function tests: guidelines development group (2006-06-01). "UK Guidelines for the Use of Thyroid Function Tests" (pdf). http://www.acb.org.uk/docs/TFTguidelinefinal.pdf. Consultado o 2012-02-02. 
  7. 7,0 7,1 Baloch Z, Carayon P, Conte-Devolx B, Demers LM, Feldt-Rasmussen U, Henry JF, LiVosli VA, Niccoli-Sire P, John R, Ruf J, Smyth PP, Spencer CA, Stockigt JR (January 2003). "Laboratory medicine practice guidelines. Laboratory support for the diagnosis and monitoring of thyroid disease". Thyroid 13 (1): 3–126. DOI:10.1089/105072503321086962. PMID 12625976. http://www.aacc.org/members/nacb/Archive/LMPG/ThyroidDisease/Pages/default.aspx. 
  8. Duntas LH, Tsakalakos N, Grab-Duntas B, Kalarritou M, Papadodima E (2003). "The use of recombinant human thyrotropin (Thyrogen) in the diagnosis and treatment of thyroid cancer". Hormones (Athens) 2 (3): 169–74. PMID 17003018. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]