Sitta carolinensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sitta carolinensis

Macho.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. carolinensis
Nome binomial
Sitta carolinensis
Latham, 1790[2]
Distribución aproximada ao longo do ano.[3][4]
Distribución aproximada ao longo do ano.[3][4]

Distribución aproximada ao longo do ano.[3][4]
Subespecies

9 subespecies, véxase o texto

Sitta carolinensis[5] é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae que vive en América do Norte. É unha ave de tamaño medio que mide 15,5 cm de lonxitude. A coloración varía un pouco ao longo da súa área de distribución, pero as partes superiores son de cor gris clara azulada: o macho ten negro o píleo e a caluga, mentres que a femia ten o píleo de cor gris escura. As partes inferiores son brancas con tons avermellados no abdome. É unha ave ruidosa: ten unha voz nasal, e con frecuencia emiten renxidos ou diversas vocalizacións en ocasións compostas por repeticións invariantes de pequenos asubíos. En verán é unha ave insectívora: consome exclusivamente artrópodos, pero en inverno a súa dieta componse principalmente de sementes. Instala os seus niños en buratos naturais das árbores. A posta ten de cinco a nove ovos e a femia os incuba dúas semanas mentres é alimentada polo macho. A parella alimenta as crías ata que abandonan o niño, aínda que poden seguir alimentándoas poucas semanas máis.

Vive en gran parte de América do Norte, excepto nas zonas máis frías e áridas. Encóntrase principalmente en altitudes baixas, nos bosques caducifolios ou mixtos. Xeralmente distínguense de sete a nove subespecies, cuxas distribucións, vocalizacións e coloracións son lixeiramente distintas. Filoxeneticamente, foi relacionado con Sitta leucopsis e Sitta przewalskii, dúas especies do sur de Asia, pero logo descubriuse que está máis relacionado con Sitta magna do sueste asiático. A especie ten unha distribución moi ampla e a súa poboación vai en aumento; a Unión Internacional para a Conservación da Natureza catalógaa como en situación «menos preocupante».

Descrición[editar | editar a fonte]

Macho adulto de S. c. carolinensis en Ontario
Macho adulto de S. c. carolinensis en Ontario
Femia (distínguese polo píleo gris)
Femia (distínguese polo píleo gris)

A parte superior da cabeza (píleo) é negra, así como a parte superior do pescozo e as costas para formar un colar parcial.[2] A coloración do resto das partes superiores varía un pouco entre as subespecies, pero o dorso e as ás son de cor azul agrisada, de clara a escura.[2] A beira das plumas contrasta máis ou menos co resto das partes superiores; as plumas de voo son anegradas e beireadas de gris e as coberteiras maiores teñen unhas pequenas franxas claras na á.[2] As plumas externas da cola son de cor negra, pero as tres máis externas son atravesadas por unha banda branca diagonal no seu extremo. As plumas interiores da cola son do mesmo gris que a parte posterior. En xeral, as partes inferiores son brancas.[2] A cara, o peito e o abdome son completamente brancos, pero o abdome é avermellado.[6] O pico é longo e recto, ou lixeiramente curvo cara á parte superior, e de cor gris escura ou negra, coa base da mandíbula inferior máis clara e o bordo da mandíbula branquecha.[2] O iris é de cor marrón escura. As garras e os pés son de cor marrón escura ou gris-marrón escura.[7][2]

O píleo e a parte superior do dorso do macho adulto son negros e con tons azuis verdosos claros. Cando a plumaxe está desgastada, as plumas de voo están lixeiramente tinguidas de marrón e as partes inferiores teñen coloración marrón opaca, con tons grises.[2] A femia adulta aseméllase a un macho adulto, mais o seu píleo é gris escuro e a franxa negra da parte superior das costasa adoita ser menos ancha.[2] As partes superiores son un pouco máis opacas e as inferiores menos brancas. O macho xove é similar ao adulto, pero o píleo é máis opaco e sen brillo, as partes superiores son máis claras e o dorso máis opaco.[7][2] A femia xove aseméllase aos machos xoves, pero o píleo e as rémixes secundarias son dun gris máis opaco (gris escuro), e as coberteiras maiores e o dorso teñen coloración ante desgastado. Os adultos rara vez mudan antes da tempada de reprodución (febreiro-marzo), pero lévase a cabo unha muda completa despois da tempada de cría, de xuño a setembro. Entre xullo e agosto, os individuos novos comenzan a voar e experimentan unha muda parcial das plumas das coberteiras superiores.[8]

É unha ave de tamaño mediano que mide arredor de 15,5 cm de lonxitude.[6][2] As medidas varían segundo a subespecie: na subespecie nominal, S. c. carolinensis, a á pregada mide aproximadamente entre 86 e 97 mm nos machos e entre 85 e 92,5 mm nas femias. A cola mide de 44 a 50,5 mm no macho e de 42 a 49,5 mm na femia. O peteiro mide entre 19,8 e 23,2 mm, e o tarsometatarso uns 17 a 20 mm. O peso dos adultos oscila entre os 19,6 e os 22,9 g.[8]

Variacións xeográficas[editar | editar a fonte]

Coñécense pequenas variacións morfolóxicas clinais ao longo da área de distribución. Simon Harrap enumera nove subespecies na súa monografía de referencia Tits, Nuthatches and Treecreepers,[9] mais a validez de dúas delas é discutida e algúns grupos de subespecies poderían formar especies independentes.[10]

Algunhas veces, as subespecies con morfoloxías e vocalizacións parecidas clasifícanse en tres grupos: un cobre América do Norte, o segundo a Gran Cunca dos Estados Unidos e o centro de México, e o terceiro a costa do Pacífico.[11] Os dous primeiros grupos están en contacto nas Grandes Chairas, onde non parecen hibridar. O segundo grupo podería subdividirse por unha liña de norte a sur trazada no centro das Montañas Rochosas.[12] En xeral a ave é abondosa en gran parte da súa distribución xeográfica, pero está diminuíndo en Washington, Florida e, en especial, na parte occidental do sueste dos Estados Unidos ata Texas;[13] a subespecie S. c. lagunae de La Laguna (Baixa California) é a máis ameazada.[1] As chamadas dos tres grupos son diferentes.[11]

Variacións das nove subespecies distinguidas por Harrap (1996):[9]
Subespecie Corda máxima do macho Corda máxima da femia Culme visible Plumaxe
S. c. carolinensis[8] 86–97 mm 85-92,5 mm 15,5-19,5 mm É a subespecie nominal: ten o píleo e o dorso máis claros.[14]
S. c. nelsoni[8] 87-95,5 mm 86–94 mm 17–21 mm Dorso máis gris escuro que a subespecie nominal, píleo máis escuro, ás con menor contraste.[14]
S. c. tenuissima[8] 83,5–94 mm 82–93 mm 18,5-23,5 mm Similar a S. c. nelsoni, pero co dorso lixeiramente máis claro (aínda que máis escuro que S. c. carolinensis).
S. c. aculeata[8] 80–90 mm 80,5–86 mm 16–19 mm Similar a S. c. tenuissima, pero co dorso lixeiramente máis cálido (tamén máis claro que S. c. nelsoni, aínda que máis escuro que S. c. carolinensis), partes inferiores con ton ante e marrón oliva. Peteiro fino e curto.[14]
S. c. alexandrae[8] 86,5–94 mm 84,5–91 mm 18,4–23 mm Similar a S. c. aculeata, pero co dorso máis escuro e de maior tamaño. É a subespecie co peteiro máis longo.
S. c. lagunae[8] 86,5–88 mm 84–86 mm 17–19 mm Similar a S. c. alexandrae, pero máis pequeno e coas partes superiores máis escuras, especialmente no dorso do macho.[15]
S. c. oberholseri[8][a] 85,5–92 mm 83,5-88,5 mm 17–19 mm Moi similar a S. c. nelsoni, con partes superiores lixeiramente máis escuras, e o dorso un pouco máis escuro e gris.
S. c. mexicana[16] 89–96 mm 90-91.5 mm 15–19 mm Similar a S. c. oberholseri, pero máis tenue, e o dorso en cor ante.[15]
S. c. kinneari[16][b] 82-89,5 mm 77,5-85,2 mm 14,6–16 mm Similar a S. c. mexicana, pero máis pequeno; a femia ten o dorso de cor de ante alaranxado, ata o peito e a gorxa.
Macho de S. c. tenuissima.
Macho de S. c. tenuissima.
Un exemplar da subespecie nominal S. c. carolinensis visto desde as costas, estendendo as plumas da cola.
Un exemplar da subespecie nominal S. c. carolinensis visto desde as costas, estendendo as plumas da cola.
Un membro das poboacións de S. c. aculeata en Groveland (California).
Un membro das poboacións de S. c. aculeata en Groveland (California).

Especies similares[editar | editar a fonte]

En América do Norte habitan outras tres especies de sítidos (Sitta canadensis, Sitta pygmaea e Sitta pusilla) e as súas distribucións superpóñense coas de S. carolinensis. Porén, son claramente distintas e moito máis pequenas, xa que os outros gabeadores miden 10 cm de lonxitude e pesan arredor de 10 g.[17] S. canadensis ten o dorso avermellado e unha franxa negra no ollo. S. pygmaea ten a cabeza dun ton marrón igual que o píleo, aínda que este último presenta unha mancha branca no pescozo.[11]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Estilo de vida[editar | editar a fonte]

Cando voa, as plumas brancas situadas a cada lado da cola permanecen visibles. Ten un voo rápido, significativamente diferente ao do gabeador azul pero similar ao dos páridos.[18] Para cruzar un río ou un campo grande voa alto, con movementos regulares. Pero para desprazarse dunha árbore a outra, voa en traxectos curvos.[19] É unha ave diúrna e non migrante, que defende o seu territorio durante todo o ano. Aínda que a zona é dominada polo macho, este cohabita coa femia e ambos encárganse da súa defensa.[20] Durante o inverno, únese a bandadas mixtas para alimentarse.[21] Estes grupos de aves son liderados por páridos, o S. carolinenesis e o Picoides pubescens e normalmente voan en grupos.[21] As especies que forman parte destas agrupacións probablemente se benefician de compartir alimentos e vixiar a presenza de depredadores. É posible que as especies que se unen aos páridos aprendesen, en certa medida, a identificar as chamadas destes paxaros para poder reducir a vixilancia.[22]

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

Igual que outros gabeadores, é unha ave ruidosa e ten unha variedade de vocalizacións que varía coa localización xeográfica. O canto do macho reprodutor é un qui-qui-qui-qui-qui-qui-qui nasal e rápido.[23] A chamada de contacto aseméllase a un yank nasal, grave e repetitivo. As parellas de aves mantéñense en contacto durante o outono e o inverno emitindo un nit agudo e renxente, o cal repiten ata trinta veces por minuto. Cando está inquedo ou excitado, emite un kri renxente tamén característico e rápido, que repite en series de kri-kri-kri-kri-kri-kri-kri-kri. As poboacións das Montañas Rochosas e a Gran Cunca dos Estados Unidos teñen unha chamada máis forte, transcrita como yididitititit;[24] mentres que as aves da costa do Pacífico producen un beeerf nasal.[11] Cantan durante todo o ano, igual que o gabeador azul (aínda que o canto de ambos é diferente).[23] Entre marzo e abril é doado encontrar os niños polos trilos destas aves.[25] Os pitiños comezan a practicar as chamadas en verán.[26]

Reprodución[editar | editar a fonte]

É monógamo e forma parella despois dun cortexo no que o macho se achega á femia, estende a cola e deixa caer as ás mentres se balancea cara a adiante e atrás, ofrecéndolle comida.[27][28] O territorio da parella comprende de 0,10 a 0,15 km2 no bosque, e ata 0,2 km2 en hábitats semiboscosos.[20] Permanecen xuntos durante todo o ano ata que un morre ou desaparece.[29] Adoita construír o niño en cavidades naturais de árbores vellas e, en ocasións, nun oco abandonado por un peto[30] ou en caixas-niño artificiais[31] destinadas ao Sialia sialis.[32]

O gabeador constrúe o seu niño en buratos naturais dos troncos e o traballo faino unicamente a femia.[33] É unha cunca suave feita de fibras de codias, herbas, pelos e plumas.[33] Por dentro son espazosos, cunha profundidade de entre 15 e 20 cm, e o burato ten un diámetro de 6 cm.[30] Pode agregar barro á entrada para protexelo dos depredadores máis grandes e atraer meloidos (coleópteros) que se acheguen á entrada do niño, cuxo olor desagradable podería disuadir os esquíos, que son os principais competidores polas cavidades naturais.[34][35] A femia pon de cinco a nove ovos de cor branca clara e con manchas de cor marrón na parte máis ancha; que miden 19 × 14 mm por termo medio. A incubación dura arredor de 12 a 14 días,[36] mentres, a femia é alimentada polo macho. Ambos alimentan os pitiños con insectos voadores[19] e limpan o niño retirando os sacos fecais, que en xeral deixan a varias decenas de metros do niño.[37]

Os pais alimentan os xoves cando viven no niño e durante as dúas primeiras semanas de voo.[38] Cando son autosuficientes, abandonan o territorio dos seus pais e viven pola súa conta ou vagabundean en solitario, sen estableceren territorio.[39] os individuos novos abandonan o niño de 18 a 26 días despois da eclosión.[4] Probablemente as aves divagantes son as que máis contribúen á dispersión irregular da especie.[3] Os xoves alcanzan a madureza sexual nun ano. Esta especie só ten unha rolada de pitos anual. A taxa de supervivencia (o cociente entre o número de individuos vivos ao rematar o ano e o número de individuos vivos cando empezou) é do 35 % en estudos feitos en Maryland e do 12 % en Arizona.[40] Fóra da temporada de reprodución, a parella habita no oco dunha árbore ou debaixo da codia desprendida, e retira as feces do seu leito polas mañás. Durante os invernos máis fríos, informouse de ata 29 aves que repousaban xuntas.[3] A esperanza de vida deste gabeador é duns dous anos,[29] pero o rexistro máximo é de doce anos e nove meses.[27]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Secuencia de forraxeo
Secuencia de forraxeo
Unha parella alimentándose de sementes en Illinois.
Unha parella alimentándose de sementes en Illinois.
Alimentándose de sebo.

Aliméntase nos troncos e pólas das árbores, igual que os petos e cértidos, pero non utiliza a cola para sosterse na codia. Desprázase con pequenos saltos nos que se agarra ao tronco cos seus fortes dedos. Igual que outros gabeadores, algunhas veces baixa cabeza abaixo polo tronco ou póla.[41][42]

É omnívoro e come insectos e sementes. Cando as sementes son moi grandes, como as landras ou froitos da pacana, colócaas nunha greta da codia e logo golpéaas co seu forte peteiro ata abrilas. Tamén pode ocultar a comida sobrante nestas gretas como reserva. Durante o inverno o 70 % da súa dieta son sementes, mais en verán a ave é exclusivamente insectívora. Entre os insectos consumidos están as eirugas, formigas e insectos que son pragas como o gurgullo do piñeiro,[43] diversos cocoideos como Lepidosaphes ulmi, homópteros da familia Psyllidae,[29][44][45] saltóns, couzas e miriápodos como os cempés.[43]

De vez en cando pode alimentarse no chan, e chegar a comedeiros para consumir froitos secos, sebo e sementes de xirasol, que moitas veces leva para gardalas baixo codias e liques.[27][46] Tamén pode incluír na súa dieta pequenos vertebrados que visitan as latrinas de mapache para encontrar sementes nas feces do mamífero.[47] En inverno acostuma a conformar bandadas con outras especies para procurar comida e protexerse dos predadores.[22][21]

Depredadores e parasitos[editar | editar a fonte]

O gabián americano Accipiter striatus é un dos principais depredadores de S. carolinenesis.

O gabeador adulto é unha das presas de aves rapaces nocturnas ou diúrnas como os gabiáns Accipiter striatus e Accipiter cooperii, e as crías e os ovos poden ser alimento de petos,[48] esquíos e algunhas serpes como a Opheodrys vernalis.[36] Se un depredador se achega ao niño, o gabeador intenta escorrentalo axitando as súas ás e gritando hn-hn.[49] Outra técnica defensiva que pode usar na loita é esponxar as plumas do corpo, estender as ás e levantar a testa varias veces.[50] Cando os pais deixan o niño, límpan as crías cun pouco de pelo ou plantas para evitar que os depredadores as encontren polo cheiro.[29] Nos Estados Unidos, un estudo relacionou a estratexia reprodutiva da especie co seu comportamento fronte aos depredadores. O obxectivo era analizar a disposición dos gabeadores machos a alimentar as femias no período en que estas están chocando os ovos, en función da presenza nas inmediacións dun gabián americano (depredador de individuos, pero non de ovos) ou un Troglodytes aedon (depredador de crías pero non de adultos). O S. carolinensis ten unha esperanza de vida máis curta que Sitta canadensis, pois conta cunha poboación máis nova; porén, reaccionou con maior enerxía ante a presenza de depredadores de ovos, mentres que a especie canadense estaba máis estresada en presenza de rapaces. Este resultado confirma a teoría de que as especies cunha esperanza de vida máis longa se benefician das taxas de supervivencia dos adultos, mentres que as aves cunha vida máis curta invisten máis na supervivencia das súas amplas niñadas.[51]

Este gabeador pode albergar algúns parasitos como os xéneros de protistas Leucocytozoon ou Trypanosoma;[52] así como Haemoproteus sittae.[53] Tamén se identificaron trematodos como Collyriclum faba.[54] Esta ave tamén pode estar no punto de mira de moscas hematófagas da familia Hippoboscidae como Ornithoica confluenta e O. anchineuriaou,[55][56][57] ou certos ácaros como Knemidokoptes jamaicensis, que produce a sarna.[58]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Os bosques caducifolios son o hábitat preferido no nordeste.

Encóntrase no sur do Canadá e en case todo o territorio dos Estados Unidos (pero non descende da fronteira norte da península de Florida) ata México,[13] aínda que evita as zonas máis áridas. No leste da distribución, vive en bosques abertos antigos, caducifolios ou mixtos,[13] en hortos, parques, xardíns suburbanos e cemiterios. A maior parte da poboación habita en altitudes baixas, aínda que pode aniñar ata a 1675 m de altitude, en Tennessee. No oeste e en México, vive en bosques abertos de piñeiros e carballos de montaña,[13] e chega a aniñar a máis de 3 200 m de altitude en Nevada, California e México.[59] No centro dos Estados Unidos, pode habitar bosques de piñeitos piñoneiros e cimbros ou en árbores situadas nas beiras dos ríos.[60] S. carolinensis encóntrase con normalidade en bosques caducifolios, mentres que S. canadensis, S. pygmaea e S. pusilla prefiren os bosques de piñeiros.[11][13]

A presenza de árbores maduras ou senescentes proporciona cavidades para as aves, moi necesarias para a nidificación. No leste, os carballos, faias e pacanas tamén son aprezados polos gabeadores debido á abundancia de sementes.[59] Estes hábitats están dispoñibles ao longo de América do Norte, pero son descontinuos. A especie non é migratoria, as diferentes poboacións, incomunicadas entre si, representan diversas subespecies locais.[61] Habitualmente é un residente anual, pero pode realizar pequenas viaxes cada varios anos cando as sementes son escasas ou cando o éxito reprodutor é alto.[27] A especie é divagante na illa de Vancouver, a illa de Santa Cruz e nas Bermudas; incluso un individuo chegou ao transatlántico Queen Mary en 1963 mentres o barco navegaba ao oeste de Nova York.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Nomenclatura e subespecies[editar | editar a fonte]

Un S. carolinensis (abaixo) junto a un Poecile non identificado.
Un S. carolinensis (abaixo) junto a un Poecile non identificado.
Ilustración dun gabeador nun carballo Quercus phellos (The Natural History of Carolina, Florida and Bahamas, 1754).
Ilustración dun gabeador nun carballo Quercus phellos (The Natural History of Carolina, Florida and Bahamas, 1754).
Fotografía tomada en Pensilvania, en 1907.

A ave foi descrita en 1790 co seu nome científico actual, Sitta carolinensis, polo naturalista británico John Latham no seu libro Index Ornithologicus.[62][2] Esta nomenclatura, composta por carolina e o sufixo latino -ensis («que vive, habita»), fai referencia á localidade tipo, Carolina.[2] Na división en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, S. carolinensis é situado en Sitta (Leptositta) Buturlin, 1916, xunto con Sitta leucopsis e Sitta przewalskii.[63]

En 2012, un equipo estadounidense chegou á conclusión de que S. carolinensis, que conta con sete subespecies, está, en realidade, composto por polo menos catro liñas sen fluxo xenético entre elas, distinguibles pola súa morfoloxía e canto, e que poderían, por tanto, constituír novas especies independentes.[12] O Congreso Ornitolóxico Internacional (versión 5.2, 2015)[10] e o ornitólogo británico Alan P. Peterson,[64] recoñecen sete subespecies:

Relacións filoxenéticas[editar | editar a fonte]

Filoxenia parcial dos gabeadores do
grupo canadensis, segundo Pasquet et al. (2014):[76]
Sitta

S. carolinensis

S. magna

Outros gabeadores

S. przewalskii

Durante moito tempo considerouse que este gabeador é parente próximo dos gabeadores Sitta leucopsis e Sitta przewalskii, xa que estas aves foron tratadas no pasado como conespecíficas. Na división en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, estes foron colocados en Sitta (Leptositta) Buturlin, 1916.[63] Harrap propuxo que S. carolinensis, S. przewalskii e S. leucopsis poderían estar relacionados co grupo canadensis, correspondente ao subxénero Sitta (Micrositta) e que inclúe seis especies de gabeadores de tamaño mediano.[6] En 2014, Éric Pasquet et al. publicaron unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores. No estudo, S. carolinensis quedou máis próximo a Sitta magna, mentres que S. prezewalskii parece completamente basal no xénero Sitta. Neste estudo non se utilizou S. leucopsis, pero probablemente sexa unha especie irmá de S. przewalskii.[76]

Ameazas e protección[editar | editar a fonte]

Os comedeiros artificiais proporciónanlles unha fonte suplementaria de alimentos.

A ave é común e está amplamente distribuída por unha área de 8,6 millóns de km2. Calcúlase que hai dez millóns de individuos e, en xeral, a poboación está aumentando. Por tanto, a especie considérase en situación de «preocupación menor» segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1] Porén, a eliminación de árbores mortas reduce as posibilidades de encontrar cavidades para a nidificación e pode causar problemas á especie. Informouse dun descenso da poboación en Washington, Florida e, en especial, no extremo occidental do sueste dos Estados Unidos ata Texas. Ao contrario, a zona de reprodución estase expandindo en Alberta e a poboación creceu no nordeste co rebrotar dos bosques.[3][77][78] A especie está protexida polo Tratado de Aves Migratorias de 1918, firmado entre os países onde habita (Canadá, Estados Unidos e México).[29]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

Notas
  1. A subespecie S. c. oberholseri é considerada inválida polo Congreso Ornitolóxico Internacional, e tratada como sinónimo de S. c. nelsoni.
  2. A subespecie S. c. kinneari é considerada inválida polo Congreso Ornitolóxico Internacional, e tratada como sinónimo de S. c. mexicana.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2012). "Sitta europaea". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Hellmayr 1903, p. 187.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Harrap 1996, pp. 150-155.
  4. 4,0 4,1 "White-breasted Nuthatch". Cornell Lab of Ornithology Bird Guide (en inglés). Ithaca: Cornell Lab of Ornithology. 2003. Consultado o 20 de xuño de 2014. 
  5. Trepador Pechiblanco (Sitta carolinensis) Latham, 1790 en Avibase.
  6. 6,0 6,1 6,2 Harrap 1996, p. 150.
  7. 7,0 7,1 Harrap 1996, p. 153.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Harrap 1996, p. 154.
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 Harrap 1996, pp. 154-155.
  10. 10,0 10,1 Gill, F; Donsker, D, eds. (2015). «Nuthatches, Wallcreeper, treecreepers, mockingbirds, starlings & oxpeckers» IOC World Bird List (v.5.2) polo Congreso Ornitolóxico Internacional (en inglés). Consultado o 14 de xullo 2015.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Allen Sibley, David (2000). The North American Bird Guide (en inglés). Sussex: Pica Press. pp. 380–382. ISBN 1-873403-98-4. OCLC 45236869. 
  12. 12,0 12,1 Woody Walström, V; Klicka, John; Spellman, Garth M (2012). "Speciation in the White-breasted Nuthatch (Sitta carolinensis): a multilocus perspective". Molecular Ecology (en inglés) (Oxford: Blackwell Publishing Ltd) 21 (4): 907–920. ISSN 0962-1083. OCLC 776240667. PMID 22192449. doi:10.1111/j.1365-294X.2011.05384.x. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Löhrl 1988, p. 139.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Hellmayr 1903, p. 188.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Hellmayr 1903, p. 189.
  16. 16,0 16,1 Harrap 1996, p. 155.
  17. Harrap 1996, pp. 130-133Cap. «Brown-headed Nuthatch»
  18. Löhrl 1988, pp. 139-140.
  19. 19,0 19,1 Löhrl 1988, p. 140.
  20. 20,0 20,1 Löhrl 1988, p. 141.
  21. 21,0 21,1 21,2 Löhrl 1988, pp. 140-141.
  22. 22,0 22,1 Dolby, Andrew S; Grubb, Thomas C., Jr (1999). "Functional roles in mixed-species foraging flocks: A Field manipulation". The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 116 (2): 557–559. ISSN 0004-8038. JSTOR 4089392. OCLC 4907338224. doi:10.2307/4089392. 
  23. 23,0 23,1 Löhrl 1988, pp. 152-153.
  24. Harrap 1996, pp. 150-151.
  25. Löhrl 1988, p. 153.
  26. Löhrl 1988, p. 152.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Fergus, Charles (2000). Wildlife of Pennsylvania and the Northeast (en inglés). Amelia Hansen (ilustratora). Mechanicsburg: Stackpole Books. pp. 275-276. ISBN 0-811-72899-4. OCLC 42649793. 
  28. Löhrl 1988, pp. 148-149.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 Pravosudov, Vladímir V; Grubb, Thomas C (1993). "White-breasted nuthatch (Sitta carolinensis)". En Poole, A; Gill, F. The Birds of North America: life histories for the 21st century (en inglés) 2. Filadelfia/Washington D. C.: The Academy of Natural Sciences/The American Ornithologists' Union. pp. 1–16. OCLC 32843665. 
  30. 30,0 30,1 Löhrl 1988, p. 146.
  31. Löhrl 1988, pp. 141, 147.
  32. "2006 Oklahoma Bluebird Nest Box Results" (en inglés). Oklahoma City: Oklahoma Department Of Wildlife Conservation. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2010. Consultado o 4 de agosto de 2008. 
  33. 33,0 33,1 Löhrl 1988, p. 147.
  34. Kilham, Lawrence (1971). "Use of in bill-sweeping by White-breasted Nuthatch" (PDF). The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 88 (1): 175–1761. ISSN 0004-8038. JSTOR 4083981. OCLC 5554784786. doi:10.2307/4083981. 
  35. Löhrl 1988, pp. 146, 148.
  36. 36,0 36,1 Löhrl 1988, p. 148.
  37. Weitzel, Norman H (2005). "White-breasted Nuthatch (Sitta carolinensis) fecal sac dispersal in northwestern Nevada". Western North American Naturalist (en inglés) (Provo: Brigham Young University Press) 65 (2): 229–232. ISSN 1527-0904. JSTOR 41717451. OCLC 5556910565. 
  38. Löhrl 1988, pp. 149-151.
  39. Löhrl 1988, pp. 150-151.
  40. Thibault, Jean-Claude; Jenouvrier, Stéphanie (2006). "Annual survival rates of adult male Corsican Nuthatches Sitta whiteheadi" (PDF). Ringing & Migration (en inglés) (Abingdon: Taylor and Francis) 23: 85–88. ISSN 0307-8698. OCLC 4901508698. 
  41. Matthysen, Erik; Löhrl, Hans (2003). Perrins, Cristopher, ed. "Firefly Encyclopedia of Birds" (en inglés). Buffalo: Firefly Books: 536–537. ISBN 1-55297-777-3. OCLC 51922852. 
  42. Fujita, M; Kawakami, K; Moriguchi, S; Higuchi, H (2008). "Locomotion of the Eurasian nuthatch on vertical and horizontal substrates". Journal of Zoology (en inglés) (Londres: Sociedad Zoolóxica de Londres) 274 (4): 357–366. ISSN 0952-8369. OCLC 437932356. doi:10.1111/j.1469-7998.2007.00395.x. 
  43. 43,0 43,1 Löhrl 1988, pp. 144-145.
  44. Hamid, Abdul; Odell, Thomas M; Katovich, Steven. "White Pine Weevil". Forest Insect & Disease Leaflet 21 (en inglés). Washington D. C.: Servizo Forestal, Departamento de Agricultura dos Estados Unidos. Consultado o 8 de agosto de 2008.  Retrieved 5 August 2008
  45. Leslie, Anne R (1994). Handbook of Integrated Pest Management for Turf and Ornamentals (en inglés). Boca Ratón: CRC Press. pp. 215-216. ISBN 0-873-71350-8. OCLC 29356874. 
  46. Löhrl 1988, pp. 145-146.
  47. Page, LK; Swihart, RK; Kazacos, KR (1999). "Implications of raccoon latrines in the epizootiology of baylisascariasis" (PDF). Journal of Wildlife Diseases (en inglés) (Lawrence: Wildlife Disease Association) 35 (3): 474–480. ISSN 0090-3558. OCLC 5715432741. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de decembro de 2017. Consultado o 06 de decembro de 2017. 
  48. Löhrl 1988, p. 142.
  49. Löhrl 1988, pp. 141-142.
  50. Löhrl 1988, pp. 142-144.
  51. Ghalambor, Cameron K; Martin, Thomas E (2000). "Parental investment strategies in two species of nuthatch vary with stage-specific predation risk and reproductive effort" (PDF). Animal Behaviour (en inglés) 60 (2): 263–267. ISSN 0003-3472. OCLC 4922181509. PMID 10973729. doi:10.1006/anbe.2000.1472. 
  52. Greiner, EC; Bennett, GF; White, EM; Coombs, RF (1975). "Distribution of the avian hematozoa of North America". Canadian Journal of Zoology (en inglés) (Ottawa: National Research Council of Canada) 53: 1762–1787. ISSN 0008-4301. OCLC 4635196021. PMID 1212636. doi:10.1139/z75-211. 
  53. Bennett, Gordon F (1989). "New species of haemoproteids from the avian families Paridae and Sittidae". Revue canadienne de zoologie (en inglés) (Ottawa: National Research Council of Canada) 67 (11): 2685–2688. ISSN 0008-4301. OCLC 5140580469. doi:10.1139/z89-379. 
  54. Farner, DS; Morgan, BB (1944). "Occurrence and distribution of the trematode Collyriclum faba (Bremser) in Birds" (PDF). The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 61 (3): 421–426. ISSN 0004-8038. JSTOR 4079515. OCLC 4907327933. 
  55. Peters, Harold S (1933). "External parasites collected from banded birds" (PDF). Bird-Banding (en inglés) (Boston: Northeastern Bird-Banding Association/Eastern Bird Banding Association/Inland Bird Banding Association) 4 (2): 68–75. ISSN 0006-3630. JSTOR 20699045. OCLC 5553405139. 
  56. Peters, Harold S (1936). "A list of external parasites from birds of the eastern part of the United States" (PDF). Bird-Banding (en inglés) (Boston: Northeastern Bird-Banding Association/Eastern Bird Banding Association/Inland Bird Banding Association) 7 (1): 9–27. ISSN 0006-3630. JSTOR 4509367. OCLC 869781327. 
  57. Main, Andrew J; Anderson, Kathleen S (1970). "The genera Ornithoica, Ornithomya, and Ornithoctona in Massachusetts (Diptera: Hippoboscidae)" (PDF). Bird-Banding (en inglés) (Boston: Northeastern Bird-Banding Association/Eastern Bird Banding Association/Inland Bird Banding Association) 41 (4): 300–306. ISSN 0006-3630. JSTOR 4511690. OCLC 5550698032. 
  58. Hardy, JW (1965). "A spectacular case of cnemnidocoptiasis (scaly-leg) in the white-breasted nuthatch". The Condor (en inglés) (Washington D. C.: Cooper Ornithological Society) 67 (3): 264–265. ISSN 0010-5422. doi:10.2307/1365405. 
  59. 59,0 59,1 Harrap 1996, p. 152.
  60. Ryser, Fred A. (1985). Birds of the Great Basin: A Natural History (en inglés). University of Nevada Press. ISBN 978-0-87417-080-1. 
  61. Spellman, Garth M; Klicka, John (2007). "Phylogeography of the white-breasted nuthatch (Sitta carolinensis): diversification in North American pine and oak woodlands". Molecular Ecology (en inglés) (Oxford: Blackwell Publishing Ltd) 16 (8): 1729–1740. ISSN 0962-1083. OCLC 439341558. PMID 17402986. doi:10.1111/j.1365-294X.2007.03237.x. 
  62. 62,0 62,1 Latham, John (1790). Index Ornithologicus (en latín) 1. Londres: Leigh and Sotheby. p. 262. OCLC 813767874. 
  63. 63,0 63,1 Matthysen 1998, pp. 269-270Anexo I «Scientific and Common Names of Nuthatches»
  64. Peterson, Alan P. «Sittidae (Lesson, 1828) na orde Passeriformes» (en inglés).
  65. Scott, William Earl Dodge (1890). "A Summary of Observations on the Birds of the Gulf Coast of Florida". The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 7 (2): 118–119. ISSN 0004-8038. JSTOR 4067510. OCLC 4907318484. 
  66. Oberholser, Harry. "Critical notes on the eastern subspecies of Sitta carolinensis Latham". The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 34 (2): 185–187. ISSN 0004-8038. JSTOR 4072483. OCLC 4067036. 
  67. 67,0 67,1 Lee Peters, James (1967). Greenway, JC; Mayr, E; Moreau, RE; Rand, AL; Snow, DW; Paynter, RA, Jr., eds. "Check-list of birds of the world" (en inglés) XII: 138–140. OCLC 12228458. doi:10.5962/bhl.title.14581. 
  68. Cassin, John (1856). "Descriptions and Notes on Birds in the Collection of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia and in the National Museum, Washington". Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia. Miscellanea ornithologica (en inglés) 8: 253–255. OCLC 355956106. 
  69. Grinnell, Joseph (1926). "A New Race of the White-breasted Nuthatch from Lower California". University of California publications in zoology (en inglés) 21 (15). Berkeley: University of California Press: 405–410. OCLC 2879296. 
  70. Grinnell, Joseph (1918). "Seven New Or Noteworthy Birds From East-Central California". The Condor (en inglés) (Washington D. C.: Cooper Ornithological Society) 20 (2): 86–90. ISSN 0010-5422. OCLC 4907606748. 
  71. Mearns, Edgar Alexander (1902). "Descriptions of three new birds from the southern United States". Proceedings of the United States National Museum (en inglés) 24 (1274): 915–926. ISSN 0096-3801. OCLC 24358273. 
  72. Brandt, Herbert William (1938). "Two New Birds from the Chisos Mountains, Texas" (PDF). The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 55 (2): 269–270. ISSN 0004-8038. OCLC 4907328466. 
  73. 73,0 73,1 van Rossem, Adriaan Joseph (1939). "Four new races of Sittidae and Certhidae from Mexico". Proceedings of The Biological Society of Washington (en inglés) (Washington D. C.: Biological Society of Washington) 52 (3-6): 269–270. ISSN 1943-6327. 
  74. Twomey, Arthur Cornelius (1942). "The Birds of the Uinta Basin, Utah". Annals of the Carnegie Museum (en inglés) (Pittsburgh: Museo Carnegie) 28: 341–490. OCLC 2616906. 
  75. Brewster, William (1891). "Descriptions of Seven Supposed New North American Birds". The Auk (en inglés) (Washington D. C.: American Ornithologists' Union) 8 (2): 139–149. ISSN 0004-8038. JSTOR 4068067. OCLC 4907319396. 
  76. 76,0 76,1 Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés) (Berlín: Springer/Deutsche Ornithologen-Gesellschaft). ISSN 2193-7192. OCLC 5679048419. doi:10.1007/s10336-014-1063-7. 
  77. "White-breasted Nuthatch Sitta carolinensis" (PDF). Florida's breeding bird atlas: A collaborative study of Florida's birdlife (en inglés). Tallahassee: Florida Fish and Wildlife Conservation Commission. 2003. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 3 de agosto de 2008. 
  78. "White-breasted Nuthatch Sitta carolinensis". BirdWeb—Seattle Audubon's guide to the birds of Washington (en inglés). Seattle: Seattle Audubon Society. Consultado o 3 de agosto de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]