Sitta przewalskii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Sitta przewalskii
Przevalski's nuthatch - Chengdong Wang.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. przewalskii
Nome binomial
Sitta przewlskii
(Berezowski & Bianchi, 1891)

Sitta przewalskii (gabeador de Przewalsky), chamada orixinalmente co nomen nudum "Sitta eckloni", é unha especie de ave da familia Sittidae, os gabeadores. Durante moito tempo foi considerada unha subespecie de Sitta leucopsis, pero difire dela significativamente na súa morfoloxía e vocalizacións. Tanto S. przewalskii coma S. leucopsis foron consideradas especies moi próximas a Sitta carolinensis. É un gabeador de tamaño medio, duns 13 cm de lonxitude. A parte superior do seu corpo é de cor azul agrisado escuro, que se fai negro azulado escuro no píleo. A cara e gorxa son de cor laranxa-beige, que se fai cor canela intensa nas partes inferiores, intensificando a cor nas partes laterais do peito. As vocalizacións consisten en series alternantes de asubíos ascendentes e notas curtas.

A ave é endémica de áreas do sueste do Tíbet e o oeste da China central, incluíndo o leste de Qinghai, Gansu ed Sichuan, onde habita en bosques de montaña de coníferas, como píceas e abetos. A altitude á que aniña varía segundo a localidade, pero normalmente é de 2 250 a 4 500 m de altura. A especie describiuse primeiramente en 1891 a partir dun espécime recollido na perfectura chinesa de Haidong. O seu nome científico conmemora o explorador ruso Nikolay Przhevalsky, que descubriu a especie en 1884. Sábese pouco sobre a súa ecoloxía, que probablemente é comparable á de S. leucopsis.

Déuselle o rango de especie (separándoa de S. leucopsis) en 2005 na obra de Pamela C. Rasmussen Birds of South Asia. The Ripley Guide. Outras autoridades aceptaron seguidamente isto, pero en 2014, o status como especie ameazada de S. przewalskii aínda non fora avaliado pola BirdLife International nin pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Un estudo filoxenético de 2014 atopou que a especie é basal na árbore evolutiva dos gabeadores entre un conxunto de 21 especies examinadas, o que desbota a hipótese de que S. przewalskii puidese ser a mesma especie que S. carolinensis.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Os gabeadores constitúen o xénero Sitta de paseriformes que pertencen á familia Sittidae.[1] O xénero pode dividirse en sete subxéneros,[a] e S. przewalskii pertence ao subxénero Leptositta, xunto coa súa subespecie nomeada Sitta leucopsis e Sitta carolinensis.[2] Os gabeadores caracterízanse pola súa única meneira de baixar boca abaixo polos troncos das árbores. A maioría teñen partes superiores grises ou azuladas e unha liña ocular negra,[3][4] aínda que o gabeador de Przevalski carece de liña ocular.[5]

Sitta przewalskii foi descrita cientificamente en 1891 polos rusos Mikhail Mikhailovich Berezovsky e Valentin Bianchi[6] baseándose nun só espécime obtido na China na prefectura de Haidong, no leste de Qinghai.[7] O nome científico da especie honra ao explorador ruso Nikolay Przewalsky,[8] que decubriu a especie no Tíbet en 1884 e denominouna Sitta eckloni sen dar dela unha descrición adecuada, converténdose este nun nomen nudum.[9][10] Aínda que áres de distribución principais de S. przewalskii e de S. leucopsis están separados case 1 500 km,[11] o gabeador de Przevalski foi descrito como unha especie estreitamente relcionada con S. leucopsis, e foron desde entón consideradas como conespecíficas, tratándose S. przewalskii como unha subespecie de S. leucopsis.[12][b]

En 2005, Pamela C. Rasmussen deulle ao taxon o status de especie separada no seu libro Birds of South Asia. The Ripley Guide.[13] A clasificación foi utilizada polos ornitólogos Nigel J. Collar e John D. Pilgrim en 2007,[14] e apoiada no Congreso Ornitolóxico Internacional por Alan P. Peterson no seu coñecido Zoological Nomenclature Resource (Zoonomen),[15] e pola Internet Bird Collection (IBC), patrocinada poloHandbook of the Birds of the World.[16] Non se identificaron subespecies dentro de S. przewalskii.[17]

Ao explicar esta separación de especies, Rasmussen sinalou as diverxencias en morfoloxía e diferenzas significativas nas vocalizacións entre elas.[13] O ornitólogo Edward C. Dickinson indicou nun artigo de 2006 que, aída que se delinearan as diferenzas morfolóxicas e vocais entre S. przewalskii e S. leucopsis, había poucos informes publicados que presentasen detalles morfolóxicos comparativos, e que sería interesante estudar como respondía cada taxón ás chamadas do outro.[18]

A especie S.leucopsis con S. przewalskii incluída nela, foi considerada como estreitamente relacionada con Sitta carolinensis, que ten unha chamada de contacto similar (aínda que a de S. carolinensiss é algo máis alta en ton), e ás veces foron tratadas como conespecíficas. Á súa vez, propúxose que o triunvirato formado por S. przewalskii, S. leucopsis e S. carolinensis podía estar relacionado con Sitta canadensis, grupo monofilético, correspondente ao subxénero Micrositta, que inclúe seis especies de gabeadores de tamaño medio.[c] As relacións entre elas seguen sendo pouco claras.[2][20][21] Un estudo molecular feito por Eric Pasquet en 2014 proporcionou algunha claridade.[4]

En 2014, Eric Pasquet, et al. publicaron unha filoxenia baseada no exame do ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores. Aínda que S. leucopsis non estaba incluída no estudo, encontrou que dentro do grupo de gabeadores estudados,[d] S. przewalskii é basal ("un antepasado na base (ou raíz)") na árbore evolutiva da familia dos gabeadores, e así un "grupo irmán de todos os outros gabeadores, sen ningún parente próximo".[4] Estes descubrimentos resultaron de análises filoxenéticas (nas que se empregaron inferencias bayesianas e métodos de máxima verosimilitude). Despois realizouse unha análise bioxeográfica (usando o modelo de dispersión-extinción-cladoxénese). O cladograma que se debuxou a partir das evidencias indica que o primeiro clado e os descendentes máis próximos do gabeador de Przevalski son S. carolinensis e S. magna, o que desbota a hipótese de que S. przewalskii pertence á mesma especie que S. carolinensis.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

Ilustración de S. przewalskii coa plumaxe gastada, feita por J.G. Keulemans

Como Sitta przewalskii foi durante longo tempo considerada unha subespecie de S. leucopsis, a súa descrición fíxose con frecuencia en comparación con ela.[12] Aínda que ambas as especies carecen da típica liña ocular dos gabeadores, a súa coloración é distinta, xa que S. leucopsis é máis branca ou beige crema na súa gorxa, cara, peito, flancos e ventre, onde S. przewalskii ten diversos tons e concentracións de cor canela. S. przewalskii é tamén o máis pequeno dos dous, e o seu peteiro é claramente máis delgado.[13][22] Os machos e femias da especie son case idénticos en aspecto,[23] excepto polas cores canela máis vivas do macho.[13]

As áreas sobre os ollos, incluíndo a fronte, píleo e caluga, son dun negro azulado intenso. O propio manto é dunha cor azul agrisada escura a medio escura como tamén as remeiras terciarias e as coberteiras da parte superior da á, que se fan grises escuras nas coberteiras medias, grandes e nas primarias, así como na álula. As secundarias e primarias internas están beireadas de azul agrisado. As rectrices centrais son azul agrisadas e as rectrices externas son dun gris anegrado, facéndose máis claras cara ás puntas.[3]

A cara e áreas próximas, incluíndo o loro, zona superciliar, coberteiras, meixelas e gorxa son dun beige-laranxa branco.[3][24] Na zona ventral, a barriga e o peito son dunha cor canela viva, que se escurece a laranxa-canela nos laterais do peito. Os flancos posteriores e plumas coberteiras de debaixo da cola son avermellados.[3][25] Na plumaxe gastada, a cor pode ser desigual nas partes inferiores e de tons máis claros. A mandíbula superior do peteiro é negra, e a inferior é gris cunha punta negra. O iris e patas son marróns escuras.[12] Os xuvenís da especie lembran o adulto pero a base do seu peteiro é amarela, proporcionadamente máis curta, e a súa cor global é menos viva.[3]

O gabeador de Przevalski é unha ave de medio tamaño, que mide de 12,5 a 13 cm de lonxitude.[5][12] A á pregada do macho é de 72 a 77 mm de longo e a da femia de 69 a 74 mm; uns 4 mm máis curta como media que a de S. leucopsis. A envergadura das ás é duns 22,5 cm. O peteiro mide de 17 a 17,6 mm, e é máis delgado e curto que o de S. leucopsis, no cal o peteiro é de aproximadamente 21 mm de longo.[20] O tarso é de 18 mm, e a cola de 43 mm de lonxitude.[12]

Vocalizacións e comportamento[editar | editar a fonte]

As chamadas territoriais de S. przewalskii difiren significativamente das de S. leucopsis, cuxas notas son máis nasais, mentres que o canto de S. przewalskii consta de longos versos compostos de asubíos de ton ascendednte, intercalados con notas curtas.[11] De acordo co Handbook of the Birds of the World, as súas vocalizacións inclúen un "suave e amortecido 'chip' repetido en series irregulares..; un alto e enfático, 'duip' ou 'duip-ip' asubiado; un lixeiramente nasal e queixumento 'que', xeralmente repetido de 3 a 5 veces...; e unha notas máis febles 'pi-pi-pi-pi...' ou 'sit-sit-sit-sit...' no mesmo ton pero lentamente cara ao final da frase."[3]

En 1950, o naturalista inglés Frank Ludlow informou dunha descrición da ave, que fora feita por Ernst Schäfer, que estudou un macho adulto preto de Litang en 1934. Caracterizouna como: "un dos máis tímidos e raros habitantes dos bosques de coníferas",[26] que leva unha vida solitaria, moi similar ás poboacións próximas do peto de tres dedos (Picoides tridactylus funebris). En contraste, Ludlow observou a especie no sueste do Tíbet, probablemente durante o inverno, e non atopou que fose especialmente reservada. Informou que cazara un espécime nun salgueiro, afastado dos terreos usuais de nidificación de coníferas.[26] O espécime foi capturado na periferia dun bosque, nunha elevación entre dous vales, onde estaba pousado sobre unha rama morta desde a cal se lanzaba en persecución de insectos en voo, como faría un muscicápido.[6][12]

Poden escoitarse as súas vocalizacións en xeno-canto.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

     Distribución aproximada de S. przewalskii     Distribución aproximada de S. leucopsis

A especie é endémica dunha área da China central e sueste do Tíbet.[17] En China encóntranse no leste de Qinghai, desde as montañas Daba ata polo norte ao Condado autónomo de Menyuan Hui e polo sur ata a meseta de Amdo (35° N 101° E), e na parte sur de Qinghai no Condado de Nangqên; na área do río Amarelo no condado de Xinghai; en Gansu, suroeste de Xiahe e Min; en Sichuan, onde foi observada ao norte, centro e oeste da provincia, incluíndo algúns avistamentos no condado de Songpan na reserva natural do val de Jiuzhaigou, nas montañas Qionglai no distrito de Wolong, na rexión do condado de Barkam, e na área de Litang. A especie foi tamén observada en Kunming, Yunnan, na parte máis meridional da China, a onde migra probablemente para pasar o inverno.[5]

No Tíbet, a especie atopouse no nordeste, na prefectura de Chamdo; e na zona sueste nas rexións de Tse (en decembro) e Dzeng (en abril), ambos na rexión do val do río Yarlung Tsangpo. Os avistamentos no val do Tsangpo poden ser anómalos, indicando só unha visita invernal. A ave observada en Dzeng estaba nun ambiente alleo ao hábitat de bosque de coníferas normal da especie, e tanto os individuos vistos en Dzeng coma en Tse teñen atipicamente partes inferiores claras, o que indica que poderían ser S. leucopsis, pero con trazos de introgresións xenéticas do gabeador de Przewalski.[3]

S. przewalskii habita bosques de montaña de coníferas de píceas ou abetos. O seu rango altitudinal xeralmente aproxímase á liña de árbores do bosque. Na China foi observada a alturas de 4 270 m (en Sichuan durante agosto) e en Qinghai entre os 2 590 e 2 895 m de altura e a aproximadamente 2 250 m (durante xuño). No oeste do Nepal o seu intervalo altitudinal é de 2 745 a 4 575 m de altura. No Tíbet foron rexistrados a alturas de 3 500 a 4 500 m no noroeste, e de 2 895 a 3 050 m no sueste.[26][27]

Ameazas e protección[editar | editar a fonte]

S. przewalskii aínda non é tratada como unha especie independente por BirdLife International nin pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), e o nivel de ameaza que soporta non foi avaliado. Malia que foi descrita como rara na China e sueste do Tíbet,[27] dado que o taxon é tratado como unha subespecie de S. leucopsis, a avaliación da súa poboación incorpora a abundancia relativa da súa especie parental.[e] Adopta a categoría da súa especie parental de "menos preocupante".[28][29] Como S. przewalskii non foi estudada estensamente de forma independente de S. leucopsis, non se lle podería aplicar unha clasificación de "deficiente en datos", porén, a rareza de avistamentos desta ave indica que debería haber preocupación polo seu status; polo que pode garantirse que lle correspondería unha clasificación de "case ameazada" ou mesmo "vulnerable".[3][f]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

Notas
  1. Sendo estas Callisitta, Poecilositta, Oenositta, Sitta, Mesositta, Micrositta e Leptositta.[2]
  2. Cando traducía do ruso ao inglés en 1899, despois de examinar un espécime en 1884 ou 1885, Berezovski describiu a ave como "moi próxima a Sitta leucopsis, diferindo, ao parecer, só en ser máis pequena e ter case todas as partes inferiores fortemente avermelladas."[12]
  3. Sendo estas Sitta canadensis, Sitta villosa, Sitta yunnanensis, Sitta krueperi, Sitta ledanti e Sitta whiteheadi.[19]
  4. As 21 especies foron tomadas das 24 especies recoñecidas no xénero por Harrap e Quinn en 1996. Destas, o estudo omitiu Sitta castanea, Sitta solangiae e Sitta victoriae. Tratouse S. przewalskii como unha subespecie de S. leucopsis. Porén, o Congreso Ornitolóxico Internacional recoñeceu 28 especies en 2012, baseándose na elevación de catro taxóns do status de subespecie a especie plena, incluíndo o gabeador de Przewalski e tres especies do grupo europaea.[4]
  5. Segundo BirdLife International, a poboación de S. leucopsis en conxunto (é dicir, incluíndo o gabeador de Przewalski como unha subespecie), "sospéitase que está en declive debido á destrución e fragmentación de hábitat que está producíndose".[28] Porén, como (en conxunto) teñen unha ampla área de distribución e son bastante abondosos en partes da India e Paquistán, non traspasan o limiar necesario para clasificalos como vulnerables.[28]
  6. A IUCN recomenda que se debe evitar clasificar unha especie como con datos deficientes cando a ausencia de rexistros pode en realidade indicar unha abundancia perigosamente baixa: "Se a área de distribución dun taxon se sospeita que está relativamente circunscrita, se pasou un período considerable de tempo desde o último rexistro do taxon, ou se hai probabilidades razoables de existencia de exames dos que non se informou nos cales o taxon non se atopou, ou que a peda de hábitat tivo un impacto desfavorable, o status de ameazada pode estar ben xustificado".[30]
Referencias
  1. Sibley, David; Elphick, Chris; Dunning, John Barnard (2001). Sibley guide to bird life and behavior. Alfred A. Knopf. p. 434. ISBN 978-0-679-45123-5. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Matthysen 2010, p. 269–270.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Hoyo, Josep del; Elliott, Andrew; Christie, David A. (2008). "Sittidae (Nuthatches): Systematics". Handbook of the Birds of the World: Penduline-tits to Shrikes 13. Lynx Edicions (HBW Alive for online version). 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Pasquet, Eric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (April 2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology. doi:10.1007/s10336-014-1063-7. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Harrap 1996, p. 148.
  6. 6,0 6,1 Berezovski, Mikhaïl Mikhaïlovitch; Bianchi, Valentin (1891). Ptitsy gansuiskago puteshestviia G. N. Potanina 1884-1887 (en Russian). Tip. I. Akademii nauk. p. 119. ISBN 978-1-245-17354-4. 
  7. Peters, James Lee (1967). Raymond A. Paynter Jr., ed. Check-List of Birds of the World XII. Museum of Comparative Zoology. p. 137. OCLC 605148103. 
  8. Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. Christopher Helm. p. 276. ISBN 978-0-7136-6647-2. 
  9. Sharpe, R. Bowdler (1903). A Hand-list of the Genera and Species of Birds IV. The Trustees of the British Museum. p. 349. OCLC 1988804. 
  10. Sclater, Philip Lutley; Saunders, Howard (1885). "Recently published ornithological works – 'Przewalski's Journey in Tibet' ". The Ibis (British Ornithologists' Union) III (fifth series): 110. OCLC 1377260. 
  11. 11,0 11,1 Martens, Jochen; Tietze, Dieter Thomas; Päckert, Martin (February 2011). "Phylogeny, biodiversity, and species limits of passerine birds in the Sino-Himalayan region—a critical review". Ornithological Monographs 70: 64–94. doi:10.1525/om.2011.70.1.64. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2014. Consultado o 10 de decembro de 2017. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Dresser, Henry Eeles; Morgan, Edward Delmar (April 1899). "On new species of birds obtained in Kan-su by M. Berezovsky". Ibis 41 (2): 270–276. doi:10.1111/j.1474-919X.1899.tb05554.x. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Rasmussen, Pamela C. (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide 2. Illustrated by John C. Anderton. Smithsonian Institution and Lynx Edicions. p. 537. ISBN 84-87334-66-0. 
  14. Collar, Nigel J.; Pilgrim, John D. (2007). "Species-level changes proposed for Asian birds, 2005–2006" (PDF). Oriental Bird Club (BirdingASIA) 8: 14–30. 
  15. Peterson, Alan P. "World Birds Taxonomic List – 'Passeriformes: Sittidae Lesson 1828' ". Zoonomen – Zoological Nomenclature Resource. Consultado o April 10, 2014. 
  16. "Przewalski's Nuthatch ('Sitta przewalskii')". The Internet Bird Collection (IBC). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2016. Consultado o April 12, 2014. 
  17. 17,0 17,1 "Nuthatches, Wallcreeper, treecreepers, mockingbirds, starlings & oxpeckers". Version 6.4. International Ornithological Congress (IOC) World Bird List. October 22, 2016. Family Sittidae. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 10 de decembro de 2017. 
  18. Dickinson, Edward C. (2006). "Systematic notes on Asian birds. 62. A preliminary review of the Sittidae". Zoologische Verhandelingen, Leiden (Rijksmuseum) 80 (5): 225–240. ISSN 0024-0672. 
  19. Matthysen 2010, p. 270.
  20. 20,0 20,1 Harrap 1996, p. 150.
  21. Pasquet, Eric (January 1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x. 
  22. Harrap 1996, p. 148-150.
  23. Thayer, John E.; Bangs, Outram (1915). "Aves: Sittidae, Sitta Przewalkii, Berezowski & Bianchi". Memoirs of the Museum of Comparative Zoölogy at Harvard College 40. University Press. p. 186. OCLC 1642017. 
  24. Harrap 1996, p. 16-17.
  25. Harrap 1996, p. 149-150.
  26. 26,0 26,1 26,2 Ludlow, Frank (October 1951). "The birds of Kongbo and Pome, South-East Tibet". Ibis 93 (4): 547–578. doi:10.1111/j.1474-919X.1951.tb05458.x. 
  27. 27,0 27,1 Harrap 1996, p. 149.
  28. 28,0 28,1 28,2 Ekstrom, Jonathan; Butchart, Stuart. "White-cheeked Nuthatch - BirdLife Species Factsheet". BirdLife International. Consultado o April 11, 2014. 
  29. "Sitta leucopsis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o April 11, 2014. 
  30. Sutherland, William J. (2008). "Definition of IUCN Categories (dada pola IUCN en 1994)". The Conservation Handbook: Research, Management and Policy. John Wiley & Sons. p. 23. ISBN 978-0-470-99934-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Harrap, Simon (1996). Christopher Helm, ed. Tits, Nuthatches and Treecreepers. Illustrated by David Quinn. ISBN 978-0-7136-3964-3. 
  • Matthysen, Erik (2010). The Nuthatches. Illustrated by David Quinn. A & C Black. ISBN 978-1-4081-2870-1. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]