Shellac

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shellac
Shellac na sala Mondo Club de Vigo en maio do 2010
OrixeChicago, Illinois,
Período1992 - presente
Xénero(s)noise rock, punk rock, post-hardcore
Selo(s) discográfico(s)Touch and Go, Drag City, Skin Graft
MembrosTodd Trainer
Bob Weston
Steve Albini
Artistas relacionadosBig Black, Brick Layer Cake, Flour, Mission of Burma, Rapeman, Volcano Suns, Breaking Circus
Na rede
http://www.touchandgorecords.com/bands/band.php?
Facebook: shellacofna Last fm: Shellac Musicbrainz: 604f273a-d3c1-4b5b-ab83-99541f9368ea Songkick: 237744 Discogs: 103197 Allmusic: mn0000748262 Editar o valor em Wikidata

Shellac (ou tamén Shellac of North America) é unha banda estadounidense formada en Chicago en 1992 e composta por Steve Albini (guitarra e voces), Bob Weston (baixo e voces) e Todd Trainer (batería e voces). A pesar de ser definidos como un grupo de noise rock[1] e post-hardcore,[2] eles descríbense a si mesmos coma un "trío de rock minimalista".

O son de Shellac é unha continuación das formacións previas de Albini (especialmente de Big Black), con texturas sonoras voluntariamente "hostís", e unha actitude inflexible, sobre todo en termos de dar a coñecer o grupo, que é practicamente inexistente.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Shellac formouse en Chicago, Illinois no ano 1992 como unha colaboración informal entre o guitarrista Steve Albini e o batería Todd Trainer. O antigo baixista de Naked Raygun Camilo Gonzalez estivo con eles nos primeiros ensaios e tocou nunha canción do primeiro sinxelo de Shellac antes da chegada do baixista definitivo da banda, Bob Weston, antigo membro da banda de Boston Volcano Suns.

Shellac ten un son distintivo e minimalista, baseado en tempos infrecuentes e rápidos, pesados ritmos repetitivos, un son de guitarra penetrante, e unhas letras de Albini surrealistas e mordaces. Os seus temas non adoitan ter a típica estrutura "verse/chorus/verse" e os arranxos son escasos, ata o punto de que algúns os describen coma "amelódicos". O son característico de Shellac adoita estar asociado ao seu entusiasmo polas vellas guitarras Travis Bean, unha marca pouco común con instrumentos baseados no aluminio, e ao pedal de distorsión Interfax "Harmonic Percolator". Albini tamén é coñecido por usar pugas de cobre e por colocar a correa da guitarra ao redor da cintura en vez de colgala do ombro. A banda prefire tocar en pequenos clubs e as súas aparicións en directo son escasas.

Tanto Weston como Albini son recoñecidos enxeñeiros de son, e usan os seus métodos preferidos con Shellac. Albini é partidario dun son analóxico moi disperso sen apenas overdubbing, e é moi meticuloso coa colocación do micrófonos e coa elección do equipo. Isto reflíctese no "sen-sentido" da música de Shellac, tanto no estudio coma en directo.

A banda en 2014

Shellac tamén é recoñecida pola súa forma de traballar pouco convencional. As xiras adoitan ser unha excusa para escapar do seu traballo diario (os labores de enxeñeiro de son de Albini e Weston; e Trainer atende o bar Nick and Eddie en Minneapolis), en lugar de usalas como un medio de promoción dos seus discos ou por motivos económicos. De feito, Shellac non cobra un fixo polas súas actacións como a meirande parte das bandas, preferindo cobrar o sacado pola venda de entradas restándolle os gastos de promoción e as taxas do local.

No ano 2002 a banda foi a comisaria do festival All Tomorrow's Parties en Camber Sands, Inglaterra. Sabendo que a meirande parte da audiencia ía ver especificamente a Shellac, o grupo tocou de primeiro cada mañá como incentivo para que os asistentes se quedasen a ver aos outros artistas participantes. Entre estes estaban The Fall, Will Oldham, Nina Nastasia, Rachel's, Mission of Burma, Silkworm, Threnody Ensemble, Shipping News, High Dependency Unit, Arcwelder, The Breeders, David Lovering, Blonde Redhead, Wire, Zeni Geva, Oxes, Flour, Smog, Cheap Trick, Danielson Famile, The Ex e Dianogah. Un CD de temas das actuacións das bandas no festival foi lanzado por ATP Recordings.

No ano 2007 a banda editou o seu cuarto álbum de estudio, Excellent Italian Greyhound, título que fai referencia ao lebreiro italiano (en inglés Italian Greyhound) de Todd Trainer, e que tamén aparece na portada do disco.[3]

No mes de abril de 2010 a banda actuou xunto con Mission of Burma na sala Mondo Club de Vigo, nun concerto enmarcado dentro do Festival Sinsal.[4]

Para celebrar o seu 20 aniversario, Shellac volveu ser comisaria do ATP en decembro de 2012. Nesa edición participaron no festival artistas como Wire, Scrawl, Mission of Burma, The Ex + Brass Unbound, Red Fang, Shannon Wright, The Membranes, Alix, Bear Claw, Helen Money, Dead Rider, Arcwelder, Neurosis, Mono, Melt Banana, Uzeda, Prinzhorn Dance School, Three Second Kiss, Buke and Gase, Oxbow, Nina Nastasia, Zeni Geva, Bottomless Pit, Pinebender e STNNNG.[5]

En abril de 2013 Albini afirmou que o quinto álbum de Shellac LP estaba "a piques de rematarse", aínda que non había unha data de lanzamento planeada. "no projected release date".[6] O disco, titulado Dude Incredible, sería editado finalmente o 16 de setembro de 2014 a través do selo Touch and Go Records.[7]

En novembro de 2013 a banda tocou na derradeira edición do All Tomorrow's Parties celebrada en Camber Sands, Inglaterra.[8]

O quinto álbum de Shellac, Dude Incredible, foi publicado o día 16 de setembro de 2014.

No mes de abril de 2019 a banda anunciou un disco dobre con dúas sesións inéditas das BBC Radio Peel Sessions. O seu título é The End of Radio e foi publicado o 14 de xuño a través do selo Touch and Go Records. As sesións graváronse nos históricos BBC Maida Vale Studios en 1994 e 2004.[9]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
At Action Park 1994 Touch and Go
Terraform 1998 Touch and Go
1000 Hurts 2000 Touch and Go
Excellent Italian Greyhound 2007 Touch and Go
Dude Incredible 2014 Touch and Go

EPs[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
The Rude Gesture: A Pictorial History 1993 Touch and Go
Uranus 1993 Touch and Go
The Bird Is the Most Popular Finger 1994 Drag City

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Patterson, Spencer (14 de xuño de 2007). "Noise rock: Shellac" (en inglés). Las Vegas Weekly. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  2. Terich, Jeff (24 de abril de 2007). "The 90-Minute Guide: Post-Hardcore" (en inglés). Treblezine. Archived from the original on 04 de abril de 2011. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  3. "The softer side of Shellac’s Todd Trainer" (en inglés). Effects Bay. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  4. "Shellac y Mission of Burma actúan hoy en el Festival Sinsal". La Voz de Galicia. Consultado o 28 September 2018. 
  5. "Nightmare Before Christmas curated by Shellac Of North America". ATP. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  6. "Steve Albini says new Shellac LP is done". YouTube. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  7. "Shellac ‎- Dude Incredible". Discogs. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  8. "End Of An Era Part 2 curated by ATP & Loop". ATP. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  9. "Shellac Announce New Album of Unreleased Peel Sessions". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-05-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]