1000 Hurts é o terceiro álbum da banda estadounidense de noise rockShellac, editado o 8 de agosto do 2000 a través do selo Touch & Go Records. No seu material promocional Shellac bromeaba describindo o disco como segue: "Non hai cancións de 12 minutos neste. Este disco é máis mesquiño. Todd canta".[1]
A portada é unha clara homenaxe ás vellas gravadoras de cinta Ampex. A banda é coñecida por usar gravadoras analóxicas de cinta para os seus rexistros, e son seareiros dos da marca Ampex. Ademais, o discurso do inicio do disco é unha variación dos anuncios que se poden escoitar nas cintas de calibración de Magnetic Reference Laboratories. O título fai referencia aos mil hercios (en inglés Hertz), unha medida usada na gravación de son que describe unha onda sinusoidal que oscila 1 000 veces por segundo.
O álbum foi nomeado pola revista Rockfeedback o mellor disco da década[2]. A canción "Shoe Song" fai referencia ao tema de Slint "Good Morning, Captain", aparecido no seu álbum Spiderland.