Revolución Belga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
A Revolución Belga
Wappers - Episodes from September Days 1830 on the Place de l’Hôtel de Ville in Brussels.JPG
Episodio da Revolución Belga de 1830, Gustaf Wappers (1834), (Museo de Belas Artes, Bruxelas)
Data 25 de agosto de 183014 de xullo de 1831
Lugar Noroeste de Europa: Holanda e Bélxica
Resultado Vitoria belga; as principais potencias europeas recoñeceron a independencia belga do Reino Unido dos Países Baixos.
Belixerantes
Flag of Belgium (1830).svg Rebeldes belgas

Bélxica Bélxica (dende comezos de 1831)
Francia Reino de Francia
Reino Unido dos Países Baixos Reino Unido dos Países Baixos
Líderes
Flag of Belgium (1830).svg Baron Surlet de Chokier
Flag of Belgium (1830).svg Charles Rogier
Francia Étienne Maurice Gérard
Reino Unido dos Países Baixos Rei Guillerme I
Reino Unido dos Países Baixos Príncipe herdeiro Guillerme
Forzas en combate
Flag of Belgium (1830).svg Descoñecido

Francia 60.000 homes[1]

Reino Unido dos Países Baixos 50.000 homes[1]

A Revolución Belga foi un conflito que provocou secesión das provincias do Sur do Reino Unido dos Países Baixos, establecéndose o independente Reino de Bélxica.

A poboación do sur era na súa maioría católicos; preto da metade de fala francesa. Moitos liberais consideraban o reinado de Guillerme I como despótico. Había altas taxas de desemprego e un malestar crecente entre o proletariado.[2]

O 25 de agosto de 1830 estalaron disturbios en Bruxelas e as tendas foron saqueadas. Os espectadores dun teatro que acababan de ver unha ópera nacionalista uníronse á multitude. Os levantamentos estendéronse por outras partes do país. As fábricas foron ocupadas e as máquinas destruídas. Restaurouse a orde brevemente despois de que Guillerme enviara ás súas tropas ás provincias do sur, porén, os radicais alcanzaron o poder e comezaron a falar de secesión.[3]

Entre as tropas holandesas déronse desercións en masa dos recrutas das provincias do sur, polo que tiveron que retirarse. Os Estados Xerais de Bruxelas votaron a favor da secesión e declararon a independencia. A raíz disto, congregouse o Congreso Nacional. O Rei Guillerme abstívose de realizar accións militares e fixo un chamamento ás grandes potencias europeas. Na resultante conferencia celebrada en Londres as principais potencias europeas recoñeceron a independencia de Bélxica. Tras a coroación de Leopoldo I como "Rei dos Belgas" en 1831, o Rei Guillerme fixo un tardío intento militar de reconquistar Bélxica e restablecer o seu trono a través dunha campaña militar. Esta "Campaña dos Dez Días" fracasou debido á intervención militar de Francia. Non foi ata 1839 cando os holandeses aceptaron a decisión tomada na Conferencia de Londres e a independencia belga, cousa que fixeron coa sinatura do Tratado de Londres.

Bélxica e os Países Baixos ata 1815[editar | editar a fonte]

Historia conxunta[editar | editar a fonte]

Os territorios que comprenden o que actualmente son Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo, a excepción da Diocese de Liexa, estiveron na Idade Media unidos cultural e politicamente e pertenceron dende os séculos XIV/XV ata o XVI aos Países Baixos Borgoñones, e máis tarde á Circunscrición de Borgoña, no Sacro Imperio Romano Xermánico. O Condado de Flandres e o Ducado de Brabante, coas súas cidades (Antuerpen, Bruxas, Gante, Bruxelas, Malinas e Ypres) tiveron un importante papel na rexión dos Países Baixos.

En 1464 reuníronse por primeira vez os Estados Xerais dos Países Baixos en Bruxas, e o tribunal supremo reuniuse en Malinas. Da Casa de Borgoña pasaron por herdanza á Casa de Habsburgo e experimentaron unha época dourada baixo o goberno do Emperador Carlos V, trala súa abdicación, o mando sobre os Países Baixos españois pasou ao seu fillo, Filipe II.

Historia por separado[editar | editar a fonte]

As 17 provincias dos Países Baixos e a Diocese de Liexa (en verde), 1477.
Unión de Utrecht (azul claro), Unión de Arras (amarelo) e Diocese de Liexa (verde), 1579.

A separación produciuse durante a Reforma. En primeiro lugar foron as provincias de fala neerlandesa e boa parte do sur dos Países Baixos Alemáns captadas polo calvinismo. A continuación comezou a Guerra dos Oitenta Anos entre España e as rexións autoproclamadas protestantes. Mentres que as provincias valoas recoñeceron expresamente na Unión de Arras estar baixo a soberanía española, os territorios do norte aliáronse na Unión de Utrecht. En 1581 as provincias do norte disociáronse na República dos Sete Países Baixos Unidos, baixo control español e do Sacro Imperio.

A caída de Antuerpen en 1585 marcou un punto de inflexión na historia de ambos países. O sur permaneceu en España e foi convertido de novo ao catolicismo. Moitos intelectuais, artistas e comerciantes fuxiron ao norte, onde despuntaba a Idade de oro dos Países Baixos, mentres que as rexións do sur permaneceron baixo a monarquía absolutista dos Austria. Estiveron baixo o mando dun gobernador que reinaba desde Bruxelas. A guerra con España, case ininterrompida, rematou en 1648 coa Paz de Westfalia, que consolidou a separación entre norte e sur. A desembocadura do Escalda quedou na parte da Unión, o que frustrou o comercio de Antuerpen, xa que perdeu a comunicación directa con o mar.

Durante os anos de rivalidade entre os Habsburgo e Francia, os Países Baixos Españois foron lugar habitual de guerra e no Tratado dos Pireneos (1659) e a Guerra de Devolución (1667–1668) lugares importantes, como Lille, Arras, Cambrai e o condado de Artois pasaron ao control francés. Trala Guerra de Sucesión Española e a firma do Tratado de Utrecht, os que foran ata aquel momento Países Baixos Españois foron adxudicados a os Habsburgo austríacos en 1714 e recibiron o nome de Países Baixos Austríacos.

A evolución dende a Revolución francesa[editar | editar a fonte]

Países Baixos Austríacos e o Principado de Liexa, 1786.[4]

En 1789, as hostilidades do Ducado de Brabante co Emperador Xosé II provocaron a Revolución de Brabante, que liderada por Hendrik van der Noot e Jan Frans Vonck, desembocou o 11 de xaneiro de 1790 na declaración de independencia dos Etats Belgiques Unis (Estados Unidos Belgas). Esta república confederada durou durante un curto período de tempo, pero foi unha expresión das pretensións de independencia que apareceron como reacción ás reformas centralistas de Xosé II. Neste contexto apareceron diferentes ideas de «nación belga», que tiñan en común o sentimento de unidade. Este sentimento non desapareceu co colapso da república e xunto con outros factores foi unha das causas da revolución de 1830. Paralelamente á Revolución de Brabante produciuse a Revolución de Liexa, influída pola Revolución francesa.

Os Países Baixos Austríacos e os do Norte foron, no contexto das Guerras Revolucionarias Francesas, ocupados en 1794 e 1795 respectivamente polas tropas revolucionarias. Despois, debido ao Tratado de Campo Formio formaron parte de Francia durante os doce anos posteriores. A longo prazo foi significativo que a pesar das protestas iniciais da burguesía contra a asimilación, se foran afrancesando cultural e lingüisticamente. Os Países Baixos do Norte formaron, trala independencia de Francia, a República Bátava (1795–1806), e despois o Reino de Holanda gobernado polo irmán de Napoleón Luís Bonaparte (1806–1810) e finalmente integrouse no estado francés. Cando se impuxo en 1810 o Bloqueo Continental contra Inglaterra desatouse unha crise económica da que os Países Baixos non se recuperaron ata que en 1813 as tropas francesas se retiraron trala Batalla de Leipzig.

Reino Unido dos Países Baixos (1815–1830)[editar | editar a fonte]

Congreso de Viena[editar | editar a fonte]

En novembro de 1813 os políticos de orientación oranxista asumiron o poder público na Haia e xa en decembro fixeron príncipe herdeiro a Guillerme I, coa condición de ter unha constitución. Antes da Batalla de Waterloo en 1815 Gran Bretaña considerou que a forma de manter a súa seguridade era mediante un equilibrio de forzas entre as potencias continentais. As outras grandes potencias, Austria, Prusia e Rusia asociáronse para crear un estado intermedio entre elas e Francia. Este estado estaba formado pola antiga República dos Sete Países Baixos Unidos, os antigos Países Baixos Austríacos (incluíndo Luxemburgo), e Liexa, que constituíron o Reino Unido dos Países Baixos. Ao mesmo tempo, os británicos compensaron aos Países Baixos con estas ganancias territoriais pola ocupación da Colonia do Cabo.

As esperanzas dos conservadores en Bélxica residían na restauración do goberno austríaco, pero como ese país non amosou, aparentemente, ningún interese, aceptaron a unión de norte e sur nuns Países Baixos unidos. Non de acordo con esta decisión, o líder conservador da Revolución de Brabante exiliado en Londres, Henri van der Noot, discutiu con representantes dos oranxistas. A unión foi aprobada no Congreso de Viena; a solución de formar un estado independente baixo o goberno dun príncipe austríaco non foi aprobado, xa que se cría que o estado resultante non tería suficiente autoridade.

Estado conxunto[editar | editar a fonte]

O Reino Unido dos Países Baixos (1815–1830). A liña vermella marca a fronteira posterior entre Bélxica e os Países Baixos.

O novo estado no era federal, senón unitario. Isto foi un problema, xa que as tensións entre o norte e o sur apareceron en pouco tempo. Os factores principais foron relixiosos e lingüísticos, que se agravaron ao aparecer problemas económicos e ao no satisfacer as demandas liberais. O desequilibrio agravouse por mor de que as rexións do norte eran as dominantes, aínda que tiñan 2 millóns de habitantes fronte aos 3,5 do sur. A «holandización» atopouse cunha dobre resistencia: a poboación flamenga, en particular o clero, rexeitaba o calvinismo imperante no norte, mentres que a Bélxica francófona non aceptaba a imposición da lingua neerlandesa. A división entre Bélxica e Holanda estaba tan acentuada que a rebelión parecía inevitable. A situación volveuse máis tensa coa Revolución de Xullo en Francia, estendeu a inquietude da revolución a toda Europa, e especialmente aos seus veciños francófonos do norte.

O rei Guillerme I reaccionou de maneira pouco diplomática fronte á revolución. Estaba influído polas ideas conservadoras da Restauración, que predominaba tamén nos gobernantes da Confederación Xermánica, en particular nos seus parentes prusianos (a súa nai Federica Sofía Guillermina, que até á súa morte en 1820 exerceu unha grande influencia sobre el, era irmá do rei prusiano Federico Guillerme.

Conflito lingüístico[editar | editar a fonte]

En 1815 vivían no sur 218.000 analfabetos, pero só 23.000 no norte. Guillerme I concentrou os seus esforzos nesta materia: durante os quince anos do seu reinado, construíronse no sur 1.500 colexios, nos que se ensinaba na lingua local. En Flandres e Bruxelas ensinábase tamén en neerlandés, e na Valonia en francés. O número de estudantes de primaria nas provincias do sur pasou de 150.000 a 300.000.

Os funcionarios e burgueses francófonos reaccionaron contra a implantación do neerlandés no exército, o goberno e os colexios. Valonia non era a única rexión de distinta fala, en Flandres a burguesía falaba francés, mentres que o resto da poboación falaba o dialecto baixo fráncico. En Limburgo falábase normalmente limburgués, alemán e francés, mentres que o neerlandés só se empregaba de forma esporádica.

Infrarrepresentación[editar | editar a fonte]

Aínda que o 62% da poboación vivía no sur, só lle correspondía o 50% dos escanos do parlamento e só uno de cada cinco ministros proviña desa zona. As principais institucións do estado tiñan a súa sede no norte, polo que a maioría dos funcionarios residían alí.

O continxente que tiña que achegar o sur ao exército era desproporcionadamente grande. Porén, só un de cada seis oficiais proviña do sur, a maioría dos habitantes do sur estaban nos postos máis baixos da infantería e da cabalería. En artillería e enxeñaría militar, postos para os que se precisaba dunha educación especial, a proporción de oficiais belgas era aínda menor.

Oposición relixiosa[editar | editar a fonte]

No Reino Unido dos Países Baixos había 3,8 millóns de católicos (dos cales 800.000 residían no norte) e 1.2 millóns de protestantes. No sur hispánico, a relixión estatal fora durante moito tempo o catolicismo católico romano, mentres que no norte a igrexa nacional era o calvinismo. Os conservadores de ambas partes non desexaban ter dúas relixións en igualdade de condicións.

Guillerme I profesaba o luteranismo alemán da Landeskirche, na que o gobernante tamén era o dirixente da igrexa. Intentou que a igrexa católica se illara da influencia da Curia Romana, nomeou os seus propios bispos e aboliu a instrución católica libre.

A infrarrepresentación do sur non se limitaba aos bispos católicos, xa que os crentes tiñan prohibido traballar para o estado baixo ameaza de excomuñón, prohibición que promulgou en 1815 o bispo de Gante. En 1817, as tensións incrementáronse entre de Broglie e a casa de Orange e o bispo foi deposto e expulsado do país. A oposición aberta da igrexa católica aproveitouna o goberno para nomear a oficiais adecuados para a perpetuación do carácter holandés-protestante do aparello do estado. Por outra parte, o rei Guillerme I quería modificar a constitución para facer posible que reinase un monarca católico.

Cando Guillerme I prohibiu ao clero a ensinanza nos gymnasium e permitiu só colexios estatais, os católicos aproximáronse ás ideas do sacerdote francés Félicité de Lamennais, que defendía a separación da igrexa e o estado, e asociáronse cos liberais neste punto contra Guillerme I. En decembro de 1825, o político católico Étienne Constantin de Gerlache de Liexa intentou formar, xunto cos liberais unión cos partidos da oposición. Asociou a liberdade de ensinanza, que a igrexa pedía, coa liberdade persoal da práctica relixiosa e de prensa. A partir de 1828 incrementáronse as críticas conxuntas nos diarios, e católicos e liberais presentaron o memo programa de reivindicacións. Esta coalición recibiu o nome de Unionismo.

Reivindicacións liberais[editar | editar a fonte]

Os liberais, orientados cara o anticlericalismo, foron xunto cos representantes empresariais, os únicos que ao principio apoiaron a Guillerme I. Tras varias decepciones, a finais da década de 1820 xurdiu un grupo de mozos liberais o desexo dunha nova orde cun forte compoñente anticlerical. Esta xeración recibiu a influencia dos liberais franceses, que estaban en contra da igrexa e do goberno absolutista de a Carlos X. Poñían énfase na liberdade relixiosa como elemento das liberdades individuais e de pensamento. Sobre este grupo de mozos liberais influenciaron, entre outros, Joseph Lebeau, futuro primeiro ministro de Bélxica, Charles Rogier de Liexa; Louis de Potter, de Bruxas; o luxemburgués Jean-Baptiste Nothomb e o filósofo francosuizo Benjamin Constant.

En 1815, a constitución de Guillerme foi recibida con fortes críticas no sur. Mediante un referendo, foi aprobada no norte por un amplo marxe, mentres que no sur obtivo unha grande abstención. Guillerme realizou un reconto que recibiu o nome de «aritmética holandesa», segundo o cal as abstencións se contaron como votos a favor. Os Estados Xerais quedaron divididos en dúas cámaras. Os membros da primeira cámara (Eerste Kamer) eran nomeados polo rei. Os da segunda cámara (Tweede Kamer) eran elixidos polas provincias mediante sufraxio censitario.

Outro inconveniente para os intelectuais era a ausencia de liberdade de prensa e de asemblea, que era percibido como un medio adicional de control do norte.

Contrastes económicos[editar | editar a fonte]

O sur era unha rexión en proceso de industrialización, mentres que o norte estaba orientado ao comercio marítimo tradicional. Os apoios que tiña ao principio Guillerme en Bélxica, proviñan do sector moderadamente liberal orientado ao desenvolvemento económico da Valonia francobelga e de Antuerpen, cidade á que beneficiaba unha reapertura da navegación do Escalda.

As industrias do sur viviron en pouco tempo unha metamorfose: coa secesión de Francia perderon o seu mercado principal, pero coa apertura do porto de Antuerpen e o acceso ao mercado das Indias Orientais Neerlandesas, a economía belga aumentou aínda de forma máis rápida. Gante era a finais dos anos vinte a primeira cidade téxtil do continente europeo e o tráfico fluvial do porto de Antuerpen pasou de 585 barcos e 65.000 toneladas de carga en 1819 a 1.028 barcos e 129.000 toneladas en 1829.

Por outra parte, tralo Bloqueo Continental, Gran Bretaña inundou o mercado europeo con produtos baratos, contra os que a industria do sur dos Países Baixos, que estaba moi pouco mecanizada, non podía competir. Pouco tempo despois, produciuse nas Indias Orientais unha rebelión que tamén afectou ás industrias. Ademais, en 1829, houbo un forte aumento nos prezos dos alimentos, derivada dunha mala colleita

A distribución desigual da débeda nacional (1.250 millóns de floríns do norte contra 100 millóns do sur) era percibía como inxusta. Co nacemento do Algemeene Nederlandsche Maatschappij, que posteriormente se convertería no Banco Nacional de Bélxica, Guillerme I buscou formar un equivalente ao Banco dos Países Baixos. A institución estimulou a economía ao actuar de prestamista público.

A revolución de 1830[editar | editar a fonte]

Crise política[editar | editar a fonte]

Debido á censura, o periodista da oposición Louis de Potter foi condenado en 1828 a unha pena de prisión e expulsado do país en 1819.

Dende que se agruparon en 1825 os liberais e os católicos nunha unión a situación do reino atopábase nun estado de crise permanente. En 1829 as disputas entre o rei e os liberais agraváronse aínda máis. O monarca retiroulle todas as responsabilidades ministeriais ao parlamento e decretou unha división entre o norte e o sur, tanto no referente ao goberno coma á administración. O réxime de Guillerme I era cada vez máis similar ao modelo autoritario prusiano. O rei declarou que a súa soberanía eclipsaría temporalmente á constitución e que restrinxiría o seu alcance. En maio de 1829, en medio da crise política, nomeou ao seu fillo, o Príncipe de Orange, que máis adiante sería o rei Guillerme II, presidente do Ministerrat e vicepresidente do Staatsrat.

A prensa, en particular o Courrier des Pays-Bas, protestou contra Guillerme I e incrementou aínda máis o alcance das súas reivindicacións, razón pola que o goberno finalmente reaccionou de forma enérxica. O 11 de decembro de 1829 apareceron un proxecto de lei de prensa reaccionario e unha disposición real pola que todos os funcionarios debían firmar nun prazo de 24 horas a súa lealdade ao rei e o seu apoio á constitución, baixo ameaza de ser depostos dos seus cargos. Ao mesmo tempo adoptáronse medidas draconianas contra a prensa e, despois dun polémico xuízo, os principais líderes da oposición foron expulsados do país; entre eles atopábanse Louis de Potter (que xa fora condenado en 1828 a pasar 18 meses en prisión), François Tielemans e Adolf Bartels.

A Revolución de Xullo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución de 1830.
Eugène Delacroix: La liberté guidant le peuple. Representación alegórica contemporánea da Revolución de Xulio en Francia. (1830, Louvre, París).

A Revolución do 27 de xullo de 1830 en París derrocou tres días máis tarde ao rei Carlos X e coroou a Luís Filipe I como «roi des Français par la volonté nationale», establecendo unha monarquía constitucional. Esta revolución liberal tivo moito eco en Bélxica e enrareceu aínda máis o ambiente. Moitos agardaban poder contar, en caso de que fora necesario, coa axuda militar de Francia para acometer unha reforma interna nos Países Baixos Unidos.

Mentres que a Revolución tivo un carácter liberal en Francia, naquela época producíronse tamén revolucións en Grecia, Polonia e Italia, de carácter nacionalista romántico. Nestas revolucións o pobo consideraba que os acontecementos históricos se aglutinaran de tal forma, que se creara unha comunidade con dereito a autogobernarse e formar unha nación.

Os disturbios de agosto[editar | editar a fonte]

O 25 de agosto de 1830, durante unha representación da ópera nacionalista romántica La muette de Portici na Monnaie o público exclamou «Vive la liberté !». Tralo fin da obra, o público saíu do teatro e a multitude, que ironicamente reunira para celebrar o Aniversario do rei Guillerme I, descontrolouse. Asaltaron o Palacio de Xustiza e á tarde seguinte saquearon a casa do editor Libry-Bagnano (posiblemente animados por axentes secretos franceses), incendiaron a do ministro van Maanen, impulsor da política lingüística do rei e destruíron as imprentas oficiais. Para acabar con estas accións as forzas do orde utilizaron armas de fogo, provocando varias mortes.

Os disturbios non foron de todo inesperados. Xa o día anterior, durante os fogos artificiais na honra do Rei anunciárase: «Luns 23 de agosto, fogos de artificio; martes 24, iluminación, mércores 25, revolución».[5] A chispa da revolución prendeu rapidamente entre os traballadores e os parados, que nos días seguintes destruíron as máquinas de vapor e os teares das fábricas de Bruxelas, dentro do movementos obreiro coñecido como Ludismo, e saquearon as tendas de alimentos. O 27 de agosto producíronse revoltas similares en Liexa, Verviers, Huy, Namur, Mons e Lovaina.

A bandeira tricolor belga de 1830 con orientación horizontal.

A burguesía que se sentía ameazada e desconfiaba da capacidade gobernamental para controlar a situación, dispuxo en varias cidades milicias urbanas, que tomaron rapidamente o control. Debido a éxito obtido nesa ocasión, encargaron a un grupo de dignatarios que se atopaban no concello de Bruxelas que enviaran unha delegación coas demandas que lle esixían a Guillerme I: que destituíse ao ministro de Xustiza van Maanen e que se trataran con celeridade as súas queixas nos Estados Xerais. Nese momento aínda non valoraba na independencia de Bélxica, senón, como moito a separación da administración.

A asemblea izou a bandeira belga, que deseñara o 26 de agosto o xurista e redactor Lucien Jottrand e o periodista Edouard Ducpétiaux. A bandeira tiña as mesmos cores da tricolor da Revolución de Brabante de 1789/90. Trala independencia de Bélxica pasou a ser a bandeira nacional.

A Revolución de Setembro[editar | editar a fonte]

As tardías e desafortunadas intervencións de Guillerme I e o seu fillo levaron á ruptura definitiva en setembro. Mentres enviaba a Bruxelas a negociar o seu fillo, ou que máis tarde se convertería en Guillerme II, por outra parte fixo ao seu outro fillo comandante en xefe dun exército de 6.000 soldados dispostos en Vilvoorde. Estas accións foron interpretadas como as propias dunha forza de ocupación. As tropas permaneceron temporalmente en Vilvoorde e ou príncipe Guillerme reuniuse coa burguesía de Bruxelas. Alí pediuse a separación administrativa de Bélxica e dos Países Baixos. Guillerme I vacilou e tratou de gañar tempo.

Mentres que os representantes belgas dos Estados Xerais se trasladaron a A Haia para celebrar unha reunión extraordinaria, os conflitos de Bruxelas tomaron un cariz máis violento. Dende principios de setembro o conflito armado chegou a Liexa. Formáronse espontaneamente Freikorps que obedecían aos líderes electos ou aos seus propios comandantes.

Gustave Wappers: Episodio da Revolución Belga de 1830, pintura histórica, 1835.

O 23 de setembro o exército entrou con 12.000 soldados en Bruxelas. A cólera do pobo desembocou nun levantamento nacional e as tropas, que acamparan no Parque de Bruxelas, convertéronse no obxectivo das milicias urbanas. Tamén houbo estranxeiros que se alistaron voluntariamente: en Francia formouse a "Légion belge parisienne", que se financiaba con fondos privados (entre outros do Conde de Merode) e comprendía dous batallóns de 400 homes cada un. Este corpo formouse co beneplácito do goberno francés, que tiña en perspectiva unha posible conexión entre Francia e Bélxica.

Tras un combate de catro días o exército holandés retirouse na noite do 26 ao 27 de setembro. Entre ámbolos dous bandos sufriron 1200 mortes e numerosos feridos.

As tropas do goberno, das que dous terzos foran recrutadas no Países Baixos do Sur, resultaron ser moi receptivos ás ideas revolucionarias e se dispersaron rapidamente. Rexeitaron as ordes e finalmente desertaron en masa e capturaron ós seus oficiais setentrionais. A pesar da súa variada composición, as brigadas voluntarias tiveron éxito en derrotar as tropas regulares en case todas as prazas. Mesmo Mook en Middelaar en Limburgo e as cidades de Maastricht e Luxemburgo (que pertencían á Confederación Xermánica e polo tanto estaban defendidas por tropas prusianas) caeron a finais de outubro en mans dos Freikorps. De 1830 a 1839 algúns territorios que non formaban parte dos Países Baixos do Oeste en 1815 pasaron ao control de facto de Bélxica, ata que foron transferidos aos Países Baixos.

A formación do Estado Belga[editar | editar a fonte]

Goberno provisional[editar | editar a fonte]

Xa durante os combates formouse o 23 de setembro un comité mediante o que os dignatarios de Bruxelas trataron de controlar a rebelión. O 29 de setembro o comité declarou que asumían o goberno e proclamaron, o día 4 de outubro, a independencia das provincias belgas, nomeando dous días máis tarde unha comisión encargada de esbozar unha constitución. Ademais designaron un tribunal, unha administración xeral e organizaron unhas eleccións para o congreso. Comezou a denominarse a esta comisión como goberno provisional. Esta institución constaba de nove membros: Charles Rogier, Louis de Potter, Alexandre Gendebien, o conde Félix de Mérode, o barón Emmanuel d’Hoogvorst, André Jolly, Sylvain van de Weyer, o barón Feuillien de Coppin e Joseph Vanderlinden.

O Congreso Nacional[editar | editar a fonte]

Surlet de Chokier (en 1830).

Mentres se consolidaban as posicións militares e se buscaba o armisticio, o 3 de novembro celebráronse as eleccións ao Congreso Nacional. A poboación con dereito a voto era de 46.000 persoas e estaba constituída por aqueles homes maiores de 25 anos, académicos, ou cunha gran contribución impositiva, que representaban aproximadamente o 1% da poboación. A participación foi do 75%. O Congreso Nacional reuniuse por primeira vez o 10 de novembro e acordou que o 4 de outubro se declararía a independencia de Bélxica. Luxemburgo quedaría fora do novo estado por estar asociado á Confederación Xermánica. O primeiro presidente foi Erasme Louis Surlet de Chokier. O 25 de febreiro de 1831 o goberno provisional foi liberado das súas responsabilidades. O Congreso Nacional desapareceu coa elección do primeiro parlamento o 8 de setembro de 1831.

A constitución[editar | editar a fonte]

O desafío máis importante do Congreso Nacional foi acordar unha constitución para o novo estado. Como modelo empregaron o esbozo realizado por un comité presidido por Étienne Constantin de Gerlache, ao que pertencían xoves xuristas prominentes como Paul Devaux, Joseph Lebeau, Jean-Baptiste Nothomb e Charles de Brouckère. Dende o 4 de decembro o goberno provisional debateu no Congreso Nacional sobre o modelo da constitución, que se adoptaría o 7 de febreiro con poucas modificacións. A constitución foi unha síntese das constitucións francesas de 1791, 1814 e 1830, da constitución dos Países Baixos de 1815 e da lei constitucional inglesa. O resultado foi non obstante máis alá da aplicación do eclecticismo. O principio fundamental da constitución era a separación dos poderes, que se dividían en lexislativo, executivo e xudicial, nomeando ó parlamento como institución principal. En particular, a inclusión extensiva de dereitos civís convertérona en paradigma de constitución liberal.

O rei e o ministro exercían o goberno executivo, aínda que o poder real estaba fortemente restrinxido. As leis que o rei asinara non terían validez ata que tamén as asinase un ministro. O ministro era responsable ante o parlamento, que constaba de dúas cámaras, o congreso e o senado. Os tribunais eran independentes, e os seus procesos levábanse a cabo publicamente. O tribunal de casación debía velar pola constitucionalidade do poder executivo. Aos cidadáns garantíanselles numerosos dereitos básicos: igualdade ante a lei e o dereito ás liberdades persoal, de posesión, de crenza, relixiosa, de opinión, de asemblea e de prensa. Non tan moderno, pero na situación do momento bastante progresista foi o dereito de voto. Os deputados elixiríanse mediante sufraxio censitario, que permitía votar só ao dous por cento da poboación. O dereito pasivo a voto presentaba máis restricións: os candidatos debían ser homes que pagasen polo menos 1000 floríns de impostos ao ano. A idade mínima para ser elixido ao congreso era de 25 anos, mentres que para o senado era de 40 anos. No senado presentáronse ás primeira eleccións só 403 persoas, e aínda en 1890 os candidatos non foron máis que 570, así que os latifundistas da nobreza estaban sobrerrepresentados. Para atender á preocupación por posibles ambicións separatistas, o estado estaba organizado de forma moi centralista.

A pesar das restricións ao sufraxio, a constitución foi a máis progresista e liberal do seu tempo, e o estado belga está considerado como unha das primeiras monarquía parlamentaria. As constitucións dos Países baixos, Luxemburgo e Piamonte-Sardeña de 1848 e a constitución prusiana de 1850 estiveron influenciadas pola belga. A constitución española de 1837, a grega de 1844-1864 así como a romanesa de 1850 son copias case idénticas do texto belga. Os fundamentos desta constitución de 1831 perduraron en Bélxica ata hoxe en día.

A monarquía[editar | editar a fonte]

O republicano convencido de Potter anunciou no Congreso Nacional a proclamación da República, pero a petición do presidente Surlet, na asemblea celebrada o 22 de novembro de 1830 acordouse o establecemento dunha monarquía parlamentaria con 187 votos a favor e 13 en contra. Como reacción contra o bombardeo de Antuerpen do 27 de outubro excluíuse do trono á Casa de Orange, que eran os primeiros candidatos ao trono. Consideráronse moitos nomes para ocupar a coroa. A facción católica prefería ó Baron de Mérode, pero este rexeitou a oferta. Despois ofrecéuselle a coroa ao fillo do monarca francés Luis Felipe, pero isto resultaba inaceptábel para Inglaterra. O 25 de febreiro nomeouse a Surlet de Chokier rexente provisional, que se converteu así no primeiro cabeza de estado do novo reino, pasando ser a ocupado o seu posto como presidente do congreso por Étienne Constantin de Gerlache.

Entón ofrecéuselle a coroa (contra as protestas do clero católico) ao príncipe alemán Leopoldo de Saxonia-Coburgo-Saafeld, que vivía en Inglaterra e estivera casado coa herdeira ao trono británico Charlotte, que morreu en 1817. Leopoldo rexeitara previamente a coroa de Grecia, pero non obstante aceptou a belga e foi elixido en 1831 con 142 votos a favor de 196. O 21 de xullo, que dende entón é festa nacional en Bélxica, xurou a constitución na Praza Real de Bruxelas e converteuse no primeiro rei de Bélxica.

Aspiracións á soberanía[editar | editar a fonte]

Protocolo de Londres (1830)[editar | editar a fonte]

Como tanto Gran Bretaña coma Rusia, querían evitar o fortalecemento de Francia, ámbalas dúas potencias recoñeceron a independencia de Bélxica na Conferencia de Londres de 1830. Contra Talleyrand, que representaba aos intereses de Francia, o ministro de asuntos exteriores británico Lord Palmerston defendeu o dereito de autodeterminación. Rusia apoiou ó Rei neerlandés, pero debido á rebelión en Polonia non puido prestar moita axuda. O 20 de decembro as grandes potencias europeas recoñeceron a independencia belga baixo a obriga de manterse en estrita neutralidade. Para o novo estado resultou moi desfavorábel a distribución da débeda, da que debía pagar un 51,6% e 14 millóns de floríns anuais. A cambio, os Países Baixos debía permitir o acceso libre ao porto de Antuerpen no esteiro do Escalda e garantir o acceso libre ás colonias neerlandesas. As fronteiras entre Bélxica e os Países Baixos debían volver ser as de 1790, o que significaba que Bélxica debía renunciar a parte de Luxemburgo e Limburgo. Os belgas rexeitaron o Protocolo, o que obrigou as grandes potencias a volver negociar. O obxectivo principal dos diplomáticos era non obstante evitar unha guerra en Europa a calquera custo. A renuncia de Maastricht e do leste de Luxemburgo anulouse e a débeda redistribuíuse entre os dous países. Bélxica aceptou o tratado, condición que puxera Leopoldo para aceptar a coroa, co que parecía que se evitara unha guerra.

A campaña dos dez días de 1831[editar | editar a fonte]

Trala Conferencia de Londres e o ascenso ao trono de Leopoldo en Holanda había un ambiente indignación que provocou un avivamento do espírito bélico, aínda que moitos holandeses simpatizaban coa separación do sur católico. Só os católicos do norte lamentaban a perda do sur. Nos xornais difundiuse a idea de que a derrota contra os rebeldes do sur era un un deshonra nacional e demandábase un contraataque. Finalmente, subestimando ó novo e aínda inestábel estado belga, Guillerme I rexeitou o tratado de Londres e marchou o 2 de agosto de 1831 cara a Bélxica.

Tralos esforzos militares da revolución, as milicias belgas non estaban preparadas para un ataque das tropas holandesas, que tiveran que abandonar Bélxica algúns meses antes, desmoralizadas. Por esa razón, a pesar de que a situación era incerta, non puideran organizar un exército regular potente. Guillerme buscou aproveitar esta debilidade. O cambio de ánimo en Holanda facilitoulle encontrar voluntarios para fortalecer ó seu maltreito exército, para o que recibiu tamén a asistencia de asociacións estudantís.

Tropas holandesas en Bélxica durante a campaña dos dez días (litografía de 1831).

A coroación de Leopoldo I como rei de Bélxica serviu como casus belli para a intervención militar en Bélxica. Guillerme I quería impedir que o novo rei consolidase o status quo de forma internacional. Na tarde do 2 de agosto de 1831 os holandeses, baixo o mando do Príncipe Guillerme, cruzaron a fronteira en Poppel, xunto a Brabante. O primeiro combate librouse xunto a Niewkerk. O 3 de agosto 11.000 soldados holandeses tomaron Turnhout e un día máis tarde Antuerpen, onde se dedicaron á pillaxe. En poucos días as milicia estaban derrotadas e parecía que o novo estado perdera a guerra. A constitución belga prohibía a presenza de exércitos estranxeiros no seu territorio sen a aprobación das dúas cámaras do parlamento. Porén, Leopoldo decidiu o 8 de agosto abrir as fronteiras ás tropas francesas contra a vontade do goberno belga, que descoñecía o estado do exército. Un día máis tarde o mariscal Gérard dirixiuse a Bélxica cunha forza de 50.000 soldados. Guillerme supoñía que estaba avalado por Rusia e Prusia, pero isto demostrouse falso. Rusia estaba atada polo levantamento de Polonia e Prusia non mostrou ningún interese por implicarse na guerra para defender os intereses holandeses se Rusia non podía prestar asistencia asegurando as súas fronteiras occidentais.

O combate entre as tropas francesas e holandesas non se chegou a producir. Guillerme de Orange decidiu retirar as súas tropas de Bélxica e asinar un armisticio o 12 de agosto coa intervención de Inglaterra. Os últimos soldados holandeses abandonaron Bélxica o 20 de agosto.

A opinión popular dos Países Baixos contentouse coa retirada das tropas; considerouse que deran aos belgas unha lección, e que unha retirada ante as superiores forzas francesas non era ignominiosa. O resultado da demostración de forza de Holanda fixo que as grandes potencias decidisen condicións vantaxosas para Holanda no tratado a asinar. Porén, pasaron 8 anos ata que Guillerme o asinou.

Intento de anexión de Francia[editar | editar a fonte]

Talleyrand quería anexionar polo menos unha parte de Bélxica. Aproveitando que as tropas francesas se atopaban en Bélxica elaborou un plan detallado para repartir o país entre Francia, Prusia e os Países Baixos, co «estado libre de Antuerpen» baixo protección británica. De feito para moitos belgas o goberno provisional e o levantamento pola independencia de Bélxica non era máis que que un paso na dirección da incorporación, de Valonia ou de Bélxica enteira, ao reino francés. Esta corrente recibiu o nome de Rattachisme, e estaba avalado por Charles Rogier, revolucionario de Liexa, quen máis tarde se convertería no primeiro ministro belga. Non obstante, Prusia e o resto de grandes potencias rexeitaron o plan. Francia, que non quería forzar as delicadas relacións que mantiña coas outras potencias, limitouse a dar apoio militar aos belgas. A opinión pública francesa era favorable a esta asistencia, pois simpatizaba coa «revolución irmá» dos seus veciños francófonos.

Tratado de 1839[editar | editar a fonte]

Bélxica e os Países Baixos tralo Tratado de Londres (1839): Países Baixos (1) con Limburgo (2), Bélxica (3) coa Provincia de Luxemburgo (4), o Gran Ducado de Luxemburgo en unión persoal cos Países Baixos (5).

Para Bélxica a Campaña dos Dez días representou a constatación da súa propia debilidade, mentres que para os Países Baixos foi a demostración do illamento internacional no que se atopaban. O resultado sentiuse en ámbolos dous países. Bélxica asinara o Tratado de Londres en 1831, pero Guillerme non. Tras moitos esforzos chegouse en 1839 a unha solución. Guillerme cambiou a súa postura bruscamente e aceptou os 24 artigos de Londres.

Co Tratado de Londres de 1839 púxose fin xuridicamente ao Reino Unido dos Países Baixos, o que consumou a separación. Bélxica obtivo a independencia, pero perdeu parte do territorio que reclamaba, e que en 1790 non pertencía aos Países Baixos do Leste. A provincia de Limburgo separouse: o oeste quedou en Bélxica e o leste (incluíndo Maastricht) pasou a ser parte dos Países baixos, pois quedou en unión persoal coa casa real dos Países Baixos e asociada á Confederación Xermánica. Os belgas foron compensados con gran parte da Provincia de Luxemburgo, que tamén pertencería á Confederación Xermánica. O Gran Ducado de Luxemburgo viu reducido o seu territorio nun terzo, que quedou en unión persoal coa casa real dos Países Baixos. Conseguiu maior autonomía e en 1890 recuperou a plena soberanía. A parte norte de Flandres (Flandres zelandés) e a desembocadura do Escalda pasaron a ser de novo holandesas, e a parte sur (Flandres francés) francesa, como en 1678.

Ademais das regulacións territoriais, o tratado estableceu que Bélxica tería libre acceso ao porto de Antuerpen a través do Escalda e tiña garantida a súa comunicación ferroviaria a través de Limburgo-Oeste coa Conca do Ruhr. Todos os habitantes de Bélxica e Holanda poderían decidir libremente que cidadanía adoptar. Tamén se certificou a seguridade e estrita neutralidade de Bélxica. Ademais os Países Baixos renunciaban a cobrar un terzo da débeda imposta dende 1830.

Unionismo na política interna (1830–1839)[editar | editar a fonte]

O conflito externo cos Países Baixos posibilitou a estabilización da política interna belga. Baixo a influencia do rei mantívose o unionismo entre liberais e católicos ata 1839 e mesmo durante algún tempo máis. Porén, xa en 1834 a educación, especialmente a política educativa secundaria de ámbolos dous partidos presentaba importantes diferenzas. Ademais das dúas universidades estatais fundadas en 1817 por Guillerme I en Liexa e Gante, a igrexa católica organizou unha universidade en Malinas, que máis tarde se trasladou a Lovaina, onde se pechou a universidade estatal. Como resposta, os liberais, asistidos pola loxa masónica, crearon a Universidade Libre de Bruxelas. Trala retirada dos últimos gobernantes unionistas, Nothombs e van de Weyers en 1845/46, Leopoldo I formou un gabinete composto exclusivamente por membros do bando clerical, liderados por Theux de Meylandt.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Efectos económicos para Bélxica[editar | editar a fonte]

As consecuencias inmediatas da independencia foron desastrosas para Bélxica. Gante, a cidade industrial máis importante do país, que procesaba 7,5 millóns de quilogramos de algodón en 1829, pasou a procesar dous millóns en 1832. Como consecuencia inmediata da secesión, a maioría dos traballadores quedaron sen traballo e os salarios dos que seguían traballando reducíronse un 30% a niveis de 1829. As consecuencias foron aínda peores para o porto de Antuerpen, en 1829 pasaron por alí 1.028 barcos cunha suma de 129.000 toneladas. Esta suma dobraba á carga conxunta de Rotterdam e Ámsterdam. En 1831 so recibiron 398 barcos e o comercio coas Indias Orientais detívose. Porén, obtivéronse grandes beneficios da construción dunha rede ferroviaria. En 1835 utilizouse por primeira vez a liña continental entre Bruxelas e Malinas. Esta rede chegou a ser unha das máis densas do mundo. En conxunto a economía sufriu grandes flutuacións. O 5 de xuño de 1832 introduciuse unha nova moeda, o Franco belga, e en febreiro de 1835 fundouse o "Banque de Belgique".

Política lingüística[editar | editar a fonte]

Como reflexo da política lingüística e educativa do Rey Guillerme I, a lingua flamenga resultou favorecida. Unha das primeiras medidas do goberno provisional foi pechar todas as escolas públicas. Só as universidades francófonas de Gante e Liexa permaneceron abertas, e serviron para formar a unha nova elite. Como consecuencia, nas inspecciones dos militares, en 1900 aínda se rexistraban un 10,1% de analfabetos, mentres que nos países veciños a porcentaxe de analfabetismo era menor, así, nos Países Baixos había un 2,3%, en Francia un 4,7% e en Alemaña un 0,5%. En 1913 había en Bélxica, de 7,5 millóns de habitantes e menos escolas ca nos Países Baixos, a pesar este país só tiña 6 millóns de habitantes.

A longo prazo, o conflito lingüístico belga non se solucionou, senón que se intensificou. Como reacción contra a política dos Países Baixos favoreceuse ós francófonos. En Flandres os estudantes debían empregar o neerlandés na escola primaria, pero a partir da secundaria a educación impartíase en francés.

Sentimento nacional[editar | editar a fonte]

Jodocus Hondius: Leo Belgicus (1611). No Renacemento era un símbolo de Bélxica e do conxunto dos Países Baixos. No século XIX o seu uso como símbolo da rexión do sur intensificouse (mapa orientado ao oeste, o norte está á dereita).

Antes da revolución de 1830 desenvolveuse un sentimento nacional, aínda que o concepto de «Nación Belga» é problemático. Tres ideas entran en conflito dende a fundación do estado belga: A nación belga, a orientación cara Francia ou rattachisme ou a orientación cara os Países Baixos ou orangisme. A revolución belga tivo fortes lazos coa Revolución de Xullo e outros acontecementos da década de 1830. Os conflitos en Polonia, Grecia, Italia e a Vormärz alemá estiveron caracterizados por un forte sentimento romántico. O mesmo que definiu a Italia ou Alemaña como nacións culturais cunha mesma lingua, conduciu a fortes problemas para a unidade belga e á división lingüística entre flamengos e valóns.

A tendencia do orangisme inicial desembocou na denominación Vlaamse Beweging, e a tendencia afrancesada denominouse rattachisme. Así como Napoleón III tratou de anexionar Bélxica, en 1860 produciuse un acercamento cara os Países Baixos, e incluso o primeiro ministro rattachista Charles Rogier declarou que os antigos Países Baixos debían volver a reunirse como confederación en dúas rexións separadas. Por esa razón adaptou o himno nacional, Brabançonne, cuxo texto atacaba ao Príncipe de Orange. Na década de 1920 a idea dunha reunificación de Bélxica e os Países Baixos volveu a gañar atractivo.

A pesar de todo, Bélxica conseguiu consolidarse como un estado estábel que conserva na actualidade os fundamentos da súa fundación en 1830. As únicas modificacións importantes foron a transición dun estado central a un federal, e o cambio da política lingüística, que dende a década de 1960, lle dá un status equivalente ao neerlandés e ao francés.

Neutralidade belga[editar | editar a fonte]

A neutralidade de Bélxica, estipulada en 1830/39, foi violada en 1914 por Alemaña na operación coñecida como Plan Schlieffen. O tratado de Londres establecía que Gran Bretaña era garante da neutralidade belga, o que supuxo a súa entrada na guerra. O feito de que Bélxica estivera ao marxe de calquera guerra durante 84 anos está considerado un dos maiores éxitos da diplomacia do século XIX.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 A Global Chronology of Conflict: From the Ancient World to the Modern Middle ... , by Spencer C. Tucker, 2009, p. 1156
  2. E.H. Kossmann, The Low Countries 1780-1940 (1978) pp 151-54
  3. Paul W. Schroeder, The Transformation of European Politics 1763-1848 (1994) pp 671-91
  4. William R. Shepherd: The Historical Atlas, 1926. (Ver mapa completo).
  5. Heuser, S. 49.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Blok, D.P. (1977-1983): Algemene Geschiedenis der Nederlanden, Fibula-Van Dishoeck, Haarlem,
  • Blom, J.C.H., Amberts, E. (2006): Geschiedenis van de Nederlanden, HBuitgevers, Baarn,
  • Helmut Gaus (2007): Alexandre Gendebien en de organisatie van de Belgische revolutie van 1830, Academia Press, Gent,
  • Kossmann, E.H. (1984): De Age Anden 1780-1940. Anderhalve eeuw Nederland en België, Osevier, Amsterdam/Brussel,
  • Witte, E. (2006): De Constructie van België, 1828-1847, Annoo.
  • Fishman, J. S. "The London Conference of 1830," Tijdschrift voor Geschiedenis (1971) 84#3 pp 418–428.
  • Fishman, J. S. Diplomacy and Revolution: The London Conference of 1830 and the Belgian Revolt (Amsterdam, 1988)
  • Kossmann, E. H. The Low Countries 1780–1940 (1978), pp 151–60
  • Kossmann-Putto, J. A. and E. H. Kossmann. The Low Countries: History of the Northern and Southern Netherlands (1987)
  • Omond. G. W. T. "The Question of the Netherlands in 1829-1830," Transactions of the Royal Historical Society (1919) vol 2 pp. 150–171 in JSTOR
  • Schroeder, Paul W. The Transformation of European Politics 1763-1848 (1994) pp 671–91
  • Stallaerts, Robert. The A to Z of Belgium (2010)
  • Witte, el; et al. (2009). Political History of Belgium: From 1830 Onwards. Asp / Vubpress / Upa. pp. 21ff. 
  • Johannes Koll (Hrsg.): Nationale Bewegungen in Belgien. Ein historischer Überblick. Niederlande-Studien. Bd 37. Münster 2005. ISBN 3-8309-1465-2.
  • Dieter Angewiesche: Europa zwischen Restauration und Revolution 1815–1849. Oldenbourg Grundriss der Geschichte. Bd 13. 4ª edición. Múnich 2004. ISBN 3-486-49764-2.
  • Gordon A. Craig: Geschichte Europas 1815–1980. 3ª edición 1989. ISBN 3-406-09567-4.
  • Wolfgang Heuser: Kein Krieg in Europa. Die Rolle Preußens im Kreis der europäischen Mächte bei der Entstehung des belgischen Staates (1830–1839). Reihe Geschichtswissenschaft. Bd 30. Pfaffenweiler 1992. ISBN 3-89085-775-2.
  • Robert Demoulin: La Révolution de 1830. Bruxelas 1950.
  • Robert Demoulin: L’influence française sur la naissance de l’Etat belge. In: Revue historique. Alcan, París 223.1960, pp. 13–28.
  • Sébastien Dubois L'Invention de la Belgique. Genèse d'un État-nation (1648-1830), Bruxelles, Editions Racine, 2005.
  • Jacques Logie] De la régionalisation à l'indépendance, 1830, Duculot, 1980, Paris-Gembloux.
  • John W. Rooney Jr., « Profil du combattant de 1830 ».
  • Jean Stengers, « La Révolution de 1830 », Anne Morelli (dir.), Les Grands Mythes de l'histoire de Belgique, éditions Vie Ouvrière, Bruxelas, 1995 ISBN 2-87003-301-X.
  • Rolf Falter: Achtiendertig, de scheiding van Nederland, België en Luxemburg. Tielt 2005. ISBN 90-209-5836-4.
  • J. S. Fishman: Diplomacy and revolution, the London conference of 1830 and the Belgian revolt. Amsterdam 1988. ISBN 90-5068-003-8
  • Hermann Theodor Colenbrander: Gedenkstukken der Algemeene Geschiedenis van Nederland van 1795 tot 1840. s’Gravenhage 1905 ff. (en particular o volume da Serie D.9: Regeering van Wilhelm I. 1825–1830 und D.10: Regeering van Wilhelm I. 1830–1840).
  • Verstolk van Soelen: Recueil de pièces diplomatiques relatives aux affaires de la Hollande et de la Belgique. A Haia 1831–1833.
  • Dokumente der Geschichte Belgiens. Bd 2. Belgien der Neuzeit. Von 1830 bis heute. „Ideen und Studien“. Nr. 109, 1978. Hrsg. v. Ministerium für Auswärtige Abgelegenheiten und Entwicklungszusammenarbeit. Bruxelas 1978.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]