Nacionalismo romántico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O nacionalismo romántico (tamén chamado "nacionalismo orgánico" ou "nacionalismo da identidade") é unha forma de nacionalismo na cal o estado deriva a súa lexitimidade política como consecuencia orgánica da unidade dos individuos que este goberna. Isto inclúe, dependendo da maneira particular da práctica, a lingua, a raza, a cultura, a relixión e os costumes da "nación" no seu sentido primario de conxunto de persoas "nadas" dentro da cultura. Esta forma de nacionalismo naceu como reacción á hexemonía dinástica ou imperial, que proclamaba a lexitimidade do estado "de arriba cara abaixo" que o monarca recibía de Deus.

Entre os temas crave do romanticismo, e o seu legado máis duradeiro, as pretensións culturais do nacionalismo romántico foron tamén centrais na arte post-Ilustración e na filosofía política. Dende os seus comezos, coa concentración no desenvolvemento das linguas e o folclore nacionais, e o valor espiritual dos costumes e tradicións locais, até os movementos que haberán de reorganizar o mapa de Europa, coas chamadas á "autodeterminación" das nacións, o nacionalismo foi unha cuestión crave do romanticismo, determinando o seu papel, as súas formas de expresión e os seus significados.

Breve historial[editar | editar a fonte]

O nacionalismo romántico temperán en Europa estivo fortemente influenciado por Rousseau e polas ideas de Johann Gottfried von Herder, quen en 1784 argumentou que a xeografía formaba a economía natural dun pobo, e que os seus costumes e a súa sociedade haberán de desenvolverse seguindo as liñas favorizadas polo seu medio ambiente.

Dende os seus comezos no final do século XVIII, o nacionalismo romántico baseouse na existencia dunha cultura étnica histórica, en harmonía co ideal romántico; o folclore chegou ser un concepto nacionalista romántico. Os irmáns Grimm inspiráronse nos escritos de Herder, e crearon unha colección de contos idealizada, que chamaron autenticamente alemáns. O concepto dun patrimonio cultural herdado dunha orixe común, pasou axiña a ocupar un papel central na seguinte cuestión romántica: está unha nación unida porque provén da mesma fonte xenética, é dicir pola súa raza, ou é a participación á natureza orgánica da cultura "folk" suficiente. Esta cuestión está no centro de disputas que continúan até os nosos días.

O nacionalismo romántico tivo un papel crave na filosofía de Hegel, quen argumentou que existía un "espírito da época" ("zeitgeist"), que caracterizaba a un determinado pobo nun período de tempo determinado, e que, cando ese pobo pasaba ser o determinante activo da historia, era sinxelamente porque o seu momento cultural e político chegara. Hegel, sendo alemán, afirmou que ese momento histórico haberá de pertencer aos pobos de fala alemá.

Na Europa continental, os románticos apoiaran ao principio á Revolución francesa, pero chegaron a participar na contra-revolución durante o sistema imperial transnacional de Napoleón. O sentido da autodeterminación e da conciencia nacional, que permitiran ás forzas revolucionarias a derrotar aos réximes aristocráticos, pasaron a ser importantes para a resistencia fronte ao Imperio Francés. En Prusia, o desenvolvemento dun rexuvenecemento espiritual, como medida de entrar na loita contra Napoleón, foi argumentado por, entre outros, Johann Gottlieb Fichte, discípulo de Kant. A palabra "Volkstum", "a condición de ser unha nación" no sentido de ser un pobo, foi creada en Alemaña durante a resistencia fronte á hexemonía francesa.

Fichte expresou a unidade de lingua e nación no seu décimo terceiro discurso "Á nación alemá", en 1806 :

As primeiras, orixinarias, e realmente naturais fronteiras dos estados son indubidablemente as fronteiras internas. Aqueles que falan o mesmo idioma son unidos entre si por unha multitude de lazos invisibles pola mesma natureza, moito antes da aparición de calquera arte humana; enténdense entre eles e teñen o poder de continuar a facerse entendidos cada vez con máis claridade; pertencen xuntos e son polo seu mesma natureza un todo único e inseparable.(Kelly, 1968, pp. 190-­91)
Soamente cando cada pobo, deixado ao seu propio ser, desenvolve e fórmase en concordancia coas súas calidades peculiarias, e soamente cando en cada pobo, cada individuo evoluciona en concordancia con esas calidades comúns, así como en concordancia coas súas propias calidades - entón, e só entón, aparece a manifestación da divindade no seu espello así como debería aparecer; e soamente un home que carece completamente da noción do dominio da lei e da orde divina, ou é un inimigo obstinado destas dúas, podería querer interferir con esa lei, a máis alta lei do mundo espiritual !(Kelly, 1968, pp. 197-­98)