Guerras de independencia de Escocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Guerras de independencia de Escocia foron un conxunto de diversas campañas militares que enfrontaron ó Reino de Escocia co Reino de Inglaterra entre finais do século XIII e xa avanzada a segunda metade do século XIV. Ó longo de dito período e das campañas e batallas seguintes, o obxectivo de Inglaterra era a ocupación e anexión do territorio escocés, mentres que Escocia pretendía manter a súa propia independencia fronte ós ingleses.

A Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1328) iniciouse cunha invasión inglesa de Escocia, finalizando mediante a firma del Tratado de Edimburgo-Northampton en 1328. A Segunda Guerra de Independencia de Escocia (1332-1357) produciuse con motivo da invasión de Eduardo Balliol, apoiado polos ingleses, en 1332, finalizando á súa vez en 1357 coa firma do Tratado de Berwick.

O período e tódolos conflitos no seu conxunto supuxeron para Escocia unha enorme crise de tipo nacional, sendo una época decisiva para a posterior historia do país. Unha vez finalizadas ambas guerras, Escocia logrou manter a súa condición de nación libre e independente, o que fora o seu obxectivo durante todo o conflito.

Hai que destacar que estas guerras tamén teñen importancia por motivos alleos á política, relacionados coa historia da tecnoloxía militar, xa que foi durante as mesmas cando fixo a súa aparición o arco longo inglés, que foi un elemento clave do armamento medieval.

Primeira Guerra de Independencia: (1296-1328)[editar | editar a fonte]

Os inicios da guerra: 1296-1306[editar | editar a fonte]

Podemos dividir a Primeira Guerra de Independencia de Escocia (1296-1306) en catro fases sucesivas: a primeira fase inclúe unha invasión inglesa que, nun primeiro momento, ten éxito, en 1296; durante a segunda fase teñen lugar as campañas dirixidas por William Wallace, Andrew de Moray e outros Gardiáns de Escocia, entre 1297 e febreiro de 1304, cando se produce a submisión de Escocia negociada por John Comyn; a terceira fase inclúe o conxunto de novas campañas levadas a cabo por Robert Bruce entre a súa coroación en 1306 e a vitoria do Exército escocés en Bannockburn en 1314; e a última fase correspóndese coas iniciativas diplomáticas e as campañas militares que levan a cabo os escoceses no seu territorio, en Irlanda e no norte de Inglaterra dende 1314 ata o asinado do Tratado de Edimburgo-Northampton no ano 1328.

A guerra comeza co saqueo da cidade de Berwick levado a cabo polas tropas de Eduardo I de Inglaterra en marzo de 1296, seguido pola derrota sufrida polas tropas escocesas na Batalla de Dunbar e pola abdicación de John Balliol no mes de xullo seguinte. A invasión inglesa ocupara xa a maior parte do territorio escocés para o mes de agosto e, tralo traslado da Pedra de Scone dende a súa tradicional localización na Abadía de Scone, en Escocia, á de Westminster, en Inglaterra, Eduardo I convocou o Parlamento escocés en Berwick, momento no que os nobres escoceses lle renderon homenaxe como rei de Inglaterra. Porén, Escocia distaba moito de estar definitivamente conquistada polos ingleses.

As revoltas que se produciron en Escocia a principios do ano 1297, organizadas por William Wallace, Andrew de Moray e outros nobres escoceses, obrigaron a Eduardo I ó envío de novos continxentes de tropas, así como a iniciar negociacións cos escoceses. Aínda que Eduardo conseguiu obrigar ós nobres sublevados a capitular en Irvine, as constantes e reiteradas campañas de William Wallace e de Andrew de Moray conduciron á primeira vitoria escocesa, que se produciu en Stirling Bridge; como consecuencia desta vitoria seguiron diversas incursións escocesas no norte de Inglaterra e o nomeamento de William Wallace como Gardián de Escocia en marzo de 1298. Porén, Eduardo I planificou unha nova invasión, coa que pretendía esmagar a William Wallace e ós seus seguidores, logrando derrotar unha vez máis ós escoceses en Falkirk. Aínda que Eduardo I non conseguira someter a totalidade de Escocia antes do seu regreso a Inglaterra, a reputación militar de William Wallace quedara seriamente menoscabada, e Wallace tivo que resignarse a vivir como un proscrito, renunciando ó seu cargo de Gardián de Escocia.

Robert Bruce e Elizabeth de Burgh.

William Wallace foi sucedido como Gardián de Escocia por Robert Bruce e John Comyn, ó igual que William Lamberton, bispo de Saint Andrews, nomeado en 1299 para manter o equilibrio entre ambos. Durante ese ano, as presións diplomáticas de Francia e do Papado persuadiron a Eduardo I de poñer en liberdade a John Baillol, colocándoo baixo a tutela do Papa; William Wallace foi enviado a Francia para solicitar a axuda do rei francés, Felipe IV, e poida que se desprazase mesmo ata Roma.

Unha serie de novas campañas de Eduardo I nos anos 1300 e 1301 concluíron nunha tregua entre escoceses e ingleses en 1302. Tras unha última campaña en 1303-1304, o Castelo de Stirling, a derradeira gran praza forte escocesa sen conquistar, caeu en mans dos ingleses e, en febreiro de 1304, as negociacións conduciron a que a maior parte dos nobres que aínda non o fixeran, prestasen homenaxe a Eduardo I, aínda que Robert Bruce e William Lamberton pactaron unha nova alianza co obxectivo de conseguir a coroa de Escocia para Bruce e seguir coa loita contra Inglaterra.

Trala captura e execución de William Wallace en 1305, Escocia parecía ter sido finalmente conquistada e a revolta esmagada.

Rei Robert Bruce: 1306–1328[editar | editar a fonte]

O 10 de febreiro de 1306, durante un encontro entre os dous últimos pretendentes ó trono, Robert Bruce pelexou con John Comyn e matouno. Parece ser que Comyn rompera un acordo pactado entre ambos, e informara a Eduardo I das intencións de Bruce respecto da coroa de Escocia. O acordo roto contiña nas súas estipulacións que un dos dous pretendentes renunciaría ó Trono aínda que obtería a cambio terras e propiedades, á vez que apoiaba ó outro pretendente. John Comyn tiña pensado obter as dúas cousas, as terras e a Coroa, traizoando a Robert Bruce, que tivo noticia da traizón despois de que un mensaxeiro que transportaba escritos de John Comyn destinados a Eduardo I caese en mans de partidarios de Bruce.

Robert Bruce reuniu entón ós prelados escoceses e ós nobres que o seguían apoiando e coroouse como Rei dos escoceses na Abadía de Scone, dando comezo de forma inmediata a unha nova campaña militar para intentar liberar o seu novo reino das tropas inglesas que o ocupaban. Tras sufrir unha derrota militar, foi expulsado de Escocia e declarado como fóra da lei. Mentres se agochaba no fondo dunha cova e meditaba na posibilidade de abandonar a loita, Bruce, segundo afirma a lenda, parece ser que viu como unha minúscula araña intentaba tecer unha tea de araña nun oco demasiado grande para ela. Mentres o contemplaba, Robert Bruce pensou no estúpida que era a araña, ata que se decatou de que a araña malia a dificultade conseguira tecer a tela. Bruce considerou o que presenciara como unha lección de que el tamén debía perseverar nos seus intentos a pesar de que as circunstancias parecían non aconsellalo. En 1307 deixou por fin de manterse oculto e, logo de que se volvesen reunir os escoceses, desafiou en varias batallas ós ingleses. O número das súas tropas non deixou de medrar, especialmente trala morte do rei Eduardo I de Inglaterra, no mes de xullo de 1307. A Batalla de Bannockburn en 1314 supuxo unha vitoria especialmente importante para os escoceses.

En 1320, un grupo de nobres escoceses transmitiu ó papa a Declaración de Arbroath, para presentarlle la independencia de Escocia respecto de Inglaterra. Dúas declaracións semellantes foron enviados igualmente polo clero e por Roberto I de Escocia. En 1322 na Batalla de Old Byland, Roberto I Bruce derrota no Yorkshire ó rei Eduardo II de Inglaterra, forzándoo a aceptar a independencia de Escocia. En 1327, Eduardo II de Inglaterra foi asasinado, e Roberto I invadiu novamente o norte de Inglaterra, o que forzou ó novo rei inglés, Eduardo III, a firmar o Tratado de Edimburgo-Northampton o 1 de maio de 1328, no que se recoñecía de facto a independencia de Escocia e igualmente como rei da mesma a Robert Bruce, xa Robert I de Escocia. Para que a paz quedase aínda máis garantida, o fillo e herdeiro de Roberto I, David, casou coa irmá de Eduardo III.

Segunda Guerra de independencia: 1332-1357[editar | editar a fonte]

Eduardo III invade Escocia, dunha edición das Crónicas de Froissart.

Trala morte de Roberto I de Escocia, o novo rei David II de Escocia era aínda demasiado novo para reinar, e Thomas Randolph, I conde de Moray converteuse no novo Gardián de Escocia. Porén, Eduardo III, aínda que houbese asinado o Tratado de Edimburgo-Northampton, estaba determinado a vingar a humillación que entendía que os escoceses lle fixeran sufrir. Para lograr os seus fins, podía contar coa axuda de Eduardo Baillol, o fillo de John Baillol, que era un novo pretendente ó Trono de Escocia. Eduardo III contaba co apoio dun grupo de nobres escoceses, entre os que estaban o xa citado Eduardo Baillol ou Henry Beaumont, grupo de nobres que era coñecido como os «desherdados» (the Disinherited). Estes nobres xa colaboraran cos ingleses durante a Primeira Guerra de Independencia e, trala batalla de Bannockburn, Robert Bruce priváralles dos seus títulos e terras para entregarllas como premio ós seus aliados. Cando se restableceu a paz, non recibiron ningunha indemnización. Estes desherdados desexaban recuperar as súas posesións, e finalmente serán eles os que rompan a paz.

O conde de Moray faleceu o 20 de xullo de 1332. A nobreza escocesa reuniuse na cidade de Perth, onde elixiu a Donald Mormaer, conde de Mar como novo Gardián de Escocia. No entreacto, un pequeno grupo capitaneado por Eduardo Baillol fíxose á mar, partindo dende o río Humber. O grupo, formado por nobres desherdados e por mercenarios, eran pouco máis duns centos de homes.

Eduardo III de Inglaterra seguía oficialmente en paz con David II de Escocia, e os seus tratos con Eduardo Baillol eran de natureza discreta. O monarca inglés estaba ó corrente do que sucedía, e o máis probable é que Eduardo Baillol lle houbese prestado homenaxe en segredo antes de partir a expedición que dirixía, pero o plan de Baillol estaba condenado ó fracaso. O rei inglés negou ó seu homónimo escocés, Eduardo de Baillol, o permiso para efectuar a invasión de Escocia a través do río Tweed, que marcaba a fronteira entre Inglaterra e Escocia; en caso de que os invasores houbesen atravesado a fronteira inglesa sería excesivamente visible que rompera o Tratado entre ambos países. Porén, Eduardo III aceptou facela vista gorda no caso de que se tratase dunha invasión marítima, aínda que deixou claro ós conspiradores que negaría todo coñecemento, desautorizaríalles e confiscaría tódalas súas propiedades en Inglaterra no caso de que o plan artellado por estes non tivese éxito.

Os desherdados desembarcaron en Kinghorn, en Fife, o 6 de agosto. Precedíanlles as novas sobre o seu avance e, mentres marchaban cara Perth, atopáronse no seu camiño pechándolles o paso, un gran exército formado principalmente por infantería, baixo o mando directo do novo Gardián de Escocia, Donald Mormaer. Durante a batalla que tivo lugar, a chamada batalla de Dupplin Moor, o pequeno exército de Eduardo Baillol, que estaba dirixido por Henry Beaumont, logrou derrotar ás tropas escocesas, a pesar da superioridade numérica das mesmas. Beaumont empregou na súa vitoria as mesmas tácticas que os ingleses aplicarían e difundirían posteriormente por medio da Guerra dos Cen Anos, con cabaleiros a pé no centro e grupos de arqueiros nas ás do exército. Atrapados baixo unha mortífera choiva de frechas lanzadas polos arqueiros, a gran maioría dos soldados escoceses non chegaron sequera a alcanzar a liña inimiga. Cando finalmente rematou a masacre, Donald Mormaer, Robert Bruce (un fillo ilexítimo de Roberto I de Escocia), numerosos nobres e aproximadamente 2.000 escoceses morreron na liorta. Como consecuencia do resultado de dita batalla, Eduardo Baillol procedeu a coroarse como rei dos escoceses, en primeiro lugar na cidade de Perth, e posteriormente, no mes de setembro, na Abadía de Scone.

Porén, o éxito de Eduardo de Baillol sorprendeu a Eduardo III de Inglaterra que, temeroso de que a exitosa acción de Baillol proseguise cunha invasión escocesa de Inglaterra, decidiu dirixirse á fronte do seu exército cara a fronteira escocesa, como medida de precaución.

En outubro dese mesmo ano de 1332, Archibald Douglas, que fora recentemente nomeado novo Gardián de Escocia, asinou unha tregua con Eduardo de Baillol, tregua que establecía nas súas cláusulas que se permitiría reunirse ó Parlamento de Escocia para que fose este quen decidise sobre o monarca do reino. Eduardo Baillol desprendeuse nese momento da maior parte das súas tropas inglesas e dirixiuse cara Annan, na costa norte do Solway Firth. Fixo públicas dúas cartas, nas cales afirmaba que coa axuda de Inglaterra reivindicaba de novo o seu reino, afirmando igualmente que Escocia sempre fora un feudo dependente de Inglaterra. Prometía igualmente a cesión de terras a Eduardo III de Inglaterra ó longo de toda a fronteira, incluíndo Berwick-on-Tweed, e prometía tamén que serviría a este durante todo o resto da súa vida.

Archibald Douglas atacou en decembre a Eduardo Baillol, que se atopaba daquela en Annan, aproveitando para sorprendelo na alborada do día. A maioría dos homes de Eduardo morreron, pero o propio Eduardo logrou fuxir a cabalo para refuxiarse en Carlisle.

En abril de 1333 os dous Eduardos, Eduardo III de Inglaterra e Eduardo Baillol, puxeron sitio á cidade de Berwick, cun poderoso exército inglés. Archibald Douglas intentou ceibalo sitio da ciudad en xullo, pero o seu exército foi derrotado e el mesmo morreu na batalla de Halidon Hill. O rei David II, acompañado da raíña, preferiron refuxiarse, para maior seguridade, no castelo de Dumbarton, mentres que Berwick, trala rendición efectuada ante os ingleses, foi anexionada a Inglaterra. Nese intre, a maior parte do territorio escocés estaba baixo a ocupación militar inglesa, á vez que un total de oito condados das Terras Baixas Escocesas foran cedidos a Inglaterra por Eduardo de Baillol.

A comezos do ano 1334, o rei francés, Filipe VI de Francia propuxo a David II concederlle asilo en Francia, non só para el senón para a totalidade da súa Corte. Tras aceptala proposta, David II chegou a Francia en maio, instalando a súa Corte no exilio na localidade de Château-Gaillard, en Normandía. Filipe IV decidiu igualmente incluír a Escocia e ó seu rei, David II, nas negociacións de paz que por esas datas se trataban entre Francia e Inglaterra, negociacións que acabaron por desembocar non nunha paz senón na Guerra dos Cen Anos.

Mentres tanto, en Escocia, a pesar da ausencia do rei David, varios Gardiáns de Escocia mantiñan viva a loita contra os ingleses. En novembro, Eduardo III de Inglaterra intentou unha nova invasión de Escocia, aínda que ó non lograr resultados concluíntes tivo que facer unha pausa para afrontar o mal tempo, en febreiro de 1335. Xunto con Eduardo Baillol, regresou unha vez máis en xullo, á fronte agora dun forte exército composto por 13.000 homes, avanzando directo cara o corazón de Escocia, primeiro cara Glasgow e logo cara Perth, onde se apousentou mentres que o seu exército pillaba, saqueaba e arrasaba tódolos campos dos arredores. Por esas datas, os escoceses seguían un plan segundo o cal intentaban evitar as batallas campais, así como intentaban evacuar na medida do posible ós habitantes das Terras Baixas Escocesas, para encamiñalos cara os montes, que se consideraban máis seguros. Algúns dos xefes escoceses, especialmente David de Strathbogie, o conde de Atholl e Roberto, sobriño de Roberto I, sometéronse a Eduardo III en Perth.

Tralo regreso a Inglaterra de Eduardo III, os derradeiros xefes da resistencia escocesa elixiron a Andrew Murray como novo Gardián de Escocia. Este negociou axiña unha tregua co rei Eduardo III cunha duración fixada ata 1336, durante a que diversos emisarios tanto do rei de Francia como do Papado tentaron que se alcanzase unha paz entre Escocia e Inglaterra. En xaneiro, os escoceses presentaron unha proposta para un Tratado de paz, polo que aceptaban recoñecer como rei a Eduardo Baillol, de idade avanzada e sen fillos, a cambio de que se aceptase como sucesor do mesmo a David II, á vez que este podería abandonar o seu exilio en Francia, pasando a vivir en Inglaterra. De tódolos xeitos, o propio David II rexeitou a proposta e a tregua. En maio, un exército inglés baixo mando de Henry de Grosmont, primeiro duque de Lancaster, invadiu Escocia, sendo seguido por un segundo exército inglés baixo mando directo do propio rei Eduardo III. Ambos exércitos devastaron unha ampla zona do noroeste de Escocia, saqueando Elgin e Aberdeen, á vez que un terceiro exército inglés procedía de igual maneira no suroeste e no val do río Clyde.

Como consecuencia destas invasións, Filipe VI de Francia comunicou que faría todo o que estivese na súa man para axudar ós escoceses, e que unha gran frota, acompañada dun numeroso exército francés, estaban dispostos e a punto para invadir non só Escocia senón a propia Inglaterra. Deste xeito, Eduardo III abortou de inmediato a súa invasión de Escocia, co que os escoceses, ó mando de Andrew Murray, capturaron e destruíron axiña as fortalezas inglesas, á vez que devastaban a campiña inglesa, converténdoa en inhabitable para os ingleses. Aínda que Eduardo III houbese intentado unha nova invasión de Escocia, temía cada vez máis un posible ataque francés, co que, cara finais do ano 1336, os escoceses recuperaran o control do seu territorio. A partir de 1338, mentres que Agnes Dunbar, condesa de Dunbar e de March, continuaba resistindo ós ingleses que a asediaban no seu castelo de Dunbar, Escocia coñeceu un período de paz, xa que Eduardo III fixera pública a súa reivindicación da coroa de Francia e mandara os seus exércitos a Flandres, co que se iniciaba de feito a Guerra dos Cen Anos.

De calquera xeito, en tan só nove anos o reino que tanto lle custara organizar a Robert Bruce quedara practicamente destruído. Boa parte dos nobres morreran nos combates e a economía do reino, que tan só iniciara unha tímida recuperación dos desastres das guerras anteriores, quedara unha vez máis reducida practicamente a nada. Así pois, foi unha Escocia pobre e cunha enorme necesidade de paz e bo goberno o país que David II atoparía en xuño do ano 1341. Cando David II regresou a terras de Escocia, estaba determinado a mostrarse digno do seu ilustre proxenitor, o rei Robert Bruce. Decidiu ignorar as treguas concluídas con Inglaterra e devolver a axuda que recibira do rei Filipe VI de Francia, colaborando con este durante a Guerra dos Cen Años. En 1341, levou a cabo unha incursión en territorio inglés, forzando dese xeito a Eduardo III a levar á zona un exército para reforzar as defensas da súa fronteira con Escocia. En 1346, tras outras varias incursións escocesas, Filipe IV solicitou unha invasión en toda regra de Inglaterra, coa finalidade de poder tomar a cidade de Calais, na beira continental do Canal da Mancha. David aceptou con entusiasmo a proposta, e organizou e mandou persoalmente un exército formado por 12.000 homes en dirección ó sur, coa intención de acometer a conquista da cidade inglesa de Durham. Topouse cun exército inglés duns 5.000 homes que avanzaba cara o norte dende Yorkshire, sendo derrotado por dito exército na batalla de Neville’s Cross. O exército escocés sufriu numerosas baixas, e o propio David II resultou por dúas veces ferido na faciana por unhas frechas, antes de caer prisioneiro dos ingleses. Tras un período de convalecencia, foi encerrado na Torre de Londres durante un total de once anos, mentres que durante dito período Escocia era rexida polo seu sobriño Robert Stewart (ou Roberto Estuardo). Eduardo Baillol regresou pouco despois a Escocia á fronte dunha pequena hoste, nun último intento de apoderarse novamente da Coroa escocesa, aínda que só puido lograr enseñorarse dunha parte de Galloway, vendo minguar as súas forzas ata 1355. Retirou as súas pretensións ó Trono escocés en xaneiro do ano 1356 para finalmente falecer sen descendencia en 1364.

Finalmente, o 3 de outubro de 1357, David II foi posto en liberdade, en aplicación das cláusulas do Tratado de Berwick, polo cal os escoceses debían facer o pago dun enorme rescate de 100.000 marcos pola liberación do seu monarca, suma a pagar nun período máximo de dez anos de duración. Para poder facer fronte ós pagos anuais comprometidos dunha suma tan elevada de cartos, houbo que establecer fortes impostos, pero David II perdeu as simpatías da poboación escocesa ó empregar o recadado para finalidades propias. Escocia estaba nunha situación penosa, que se complicou aínda máis porque no decenio anterior o país padecera os azotes dunha epidemia de peste negra. A primeira anualidade acordada como pago do rescate foi aboada en tempo e forma, a segunda foi pagada con atraso, e non houbo ningún outro pago con posterioridade ó segundo abono.

En 1363, David II accedeu a acudir á capital inglesa, Londres, aceptando alí que no caso de que falecese sen fillos, a coroa pasase ó rei inglés Eduardo, ó seu cuñado ou á persoa de un dos seus fillos, aínda que para a súa coroación como rei de Escocia a Pedra de Scone regresaría a Escocia para a cerimonia. Porén, os escoceses rexeitaron este acordo, propoñendo continuar co pago do rescate acordado, que fora aumentado xa ata a cifra de 100.000 libras, ameazando tamén con depoñer ó rei David II. Negociouse o establecemento dunha tregua de vinte cinco anos de duración e, en 1369, o Tratado asinado en 1365 foi derogado, sendo substituído por un novo, con cláusulas máis favorecedoras para os escoceses en razón da situación de Inglaterra, que estaba inmersa na guerra contra Francia. As novas cláusulas contemplaban a aceptación de que a suma xa abonada de 44.000 marcos fose deducida da débeda inicial de 100.000, e que o complemento que faltaba se pagase en anualidades de 4.000 marcos ó longo dos seguintes catorce anos.

Cando Eduardo III de Inglaterra morreu no ano 1377, aínda faltaban por pagar 24.000 marcos, que xa non foron nunca pagados. Pola súa parte, David II perdera a súa popularidade, así como o respecto da nobreza escocesa, tras contraer matrimonio coa viúva dun pequeno señor tralo falecemento da súa esposa inglesa. David II de Escocia faleceu á súa vez en febreiro de 1371.

Principais batallas e acontecementos[editar | editar a fonte]

Personaxes destacados[editar | editar a fonte]

Escocia
Inglaterra
Outros personaxes destacados

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]