Ramiro Ledesma Ramos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ramiro Ledesma Ramos


Datos persoais
Nacemento 23 de maio de 1905
Alfaraz de Sayago, Zamora, Segunda República Española España
Falecemento 29 de outubro de 1936
Aravaca, Madrid Segunda República Española España
Partido JONS(1931-1934)

FE de las JONS (1934-1935)

Profesión Ensaísta, político, escritor, filósofo, funcionario
Sinatura Sinatura de Ramiro Ledesma Ramos

Ramiro Ledesma Ramos, nado en Alfaraz de Sayago,[1] o 23 de maio de 1905, e finado en Aravaca, o 29 de outubro de 1936, foi un ensaísta, filósofo e político español. Director do semanario La Conquista del Estado, foi unha figura clave na articulación intelectual do fascismo español;[2] en opinión de autores como González Cuevas, foi o "máximo teorizante do fascismo español".[3]

Aliado con Onésimo Redondo, ambos fundarían en 1931 as Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS), que se fusionaron en 1934 coa Falanxe Española de José Antonio Primo de Rivera e Julio Ruiz de Alda para dar lugar a Falange Española de las JONS (FE das JONS). Enfrontado con Primo de Rivera, foi expulsado da organización en 1935, volvendo, tras fracasar na reactivación das antigas JONS, para dedicarse á actividade intelectual. Despois do inicio da Guerra Civil, que o sorprendeu no Madrid leal á Segunda República, foi detido por milicianos e finalmente fusilado durante unha saca de presos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes e anos de formación[editar | editar a fonte]

Naceu o 23 de maio de 1905 en Alfaraz de Sayago, unha pequena localidade da provincia de Zamora que a penas chegaba aos cincocentos habitantes. Aos poucos anos trasladouse coa súa familia a Torrefrades, onde o seu pai exercía a profesión de mestre.

Ingresou moi novo no corpo de Correos e Telégrafos, e despois de varios destinos chegou a Madrid, onde rematou o bacharelato. Frecuentou o Ateneo e conseguiu darse unha ampla e sólida cultura, en boa medida autodidacta. En 1926 matriculouse na Facultade de Ciencias e na de Filosofía da Universidade de Madrid, na que coincidiu con docentes como José Ortega e Gasset, Julián Besteiro, Xavier Zubiri, Manuel García Morente, Manuel B. Cossío e Fernando de los Ríos, mostrando Ledesma particular predilección polo primeiro, de quen se acabou convertendo nun dos seus máis asiduos seguidores.[4] Profundou no estudo do filósofo Martin Heidegger e colaborou, desde moi novo, en La Gaceta Literaria, revista literaria fundada e dirixida por Ernesto Giménez Caballero,[5] onde se expresaba a xeración do 27, e na que a partir de 1929-1930 empezarían a cobrar eco —por influencia do seu director— posicións de inspiración fascista.[6]

En 1929 a súa colaboración alcanzaba a máis selecta das publicacións culturais españolas: a Revista de Occidente, fundada e dirixida por Ortega. Sufría dun defecto na pronuncia do erre o que limitou o seu potencial como orador e do cal se mofaría en última instancia José Antonio Primo de Rivera.[7]

Participación política[editar | editar a fonte]

Contra 1930, despois de acumular unha inxente cantidade de lecturas filosóficas (de autores españois, alemáns, franceses e italianos), «o novo concepto máis importante para el foi o Angst heideggeriano», en opinión de Payne. Así, «a angustia e a ameaza da nada —conclúe o historiador estadounidense— só podían ser superadas pola vontade e o logro, por unha acción que se fose convertendo cada vez máis en acción directa».[8]

Foi a comezos de 1931, en febreiro, cando dá o paso de intelectual a activista político dando a coñecer o manifesto titulado La conquista del Estado que será a orixe do movemento que, posteriormente, se denominou como nacionasindicalista. Este movemento é unha doutrina de «terceira posición» partidaria da planificación económica cualificada como sindicalismo nacional ou fascismo á española. Para a súa difusión, de marzo a outubro de 1931 serviuse dos vinte e tres números do semanario La Conquista do Estado —refllexo do xornal italiano La conquista dello Stato, dirixido por Curzio Malaparte— na que «propugnaba unha política parecida á dos nazis».[9]

O 10 de outubro de 1931, produciuse a creacións das JONS (Xuntas de Ofensiva Nacional–Sindicalista) a partir da fusión do grupo que estaba ao redor do semanario, dirixida por Ledesma, coa Junta Castellana de Actuación Hispánica de Onésimo Redondo.[10] Nos seguintes tres anos, téntase aumenta-la presenza da nova organización, creando unha nova revista denominada JONS, mais a penas chegou a ter certa influencia entre os universitarios en Madrid e os agricultores en Valladolid até que, paseniñamente, Ledesma Ramos comezou un achegamento a Falanxe Española, que o conduciu ao triunvirato, por fusión de ámbalas dúas formacións políticas, de FE das JONS xunto a Julio Ruiz de Alda e José Antonio Primo de Rivera en febreiro de 1934. A unificación entre as devanditas organizacións xurdiu da iniciativa do propio Ledesma Ramos, asistente ao acto fundacional de Falanxe Española.[11]

Expulsión de FE de las JONS[editar | editar a fonte]

Con todo, Ledesma Ramos foi expulsado da formación en xaneiro de 1935, interpretándose a súa saída polos antigos jonsistas como froito da súa desconformidade coa evolución de FE das JONS, próxima ao reformismo burgués e afastado da vía revolucionaria proletaria que dicían defender os seus partidarios. «A literatura falanxista, ao interpretar estas querelas, deu énfases ás diferenzas teóricas e políticas; pero fundamentalmente foron o resultado das ambicións persoais de ámbolos dous lados».[12] En calquera caso, trala súa saída levou a cabo un intento errado de reactivación das JONS como grupo independente e mantívose claramente afastado da Falanxe, a pesar de que presentaría de novo a súa axuda a título persoal a José Antonio Primo de Rivera en 1936.

En 1935 publicara o libro Fascismo en España? (co pseudónimo de «Roberto Lanzas»), que incluía fortes descualificacións contra Primo de Rivera e Falanxe. De 1935 é tamén o seu Discurso ás mocidades de España, que pode considerarse como a obra doctrinal máis consistente do fascismo español.

Guerra civil española[editar | editar a fonte]

Nada máis producirse o abandono de Falanxe, o 16 de febreiro 1935 editou o primeiro número do semanario La Patria Libre (do que só saíron sete números, o derradeiro no 30 de marzo de 1935). E unha semana antes da sublevación militar, o 11 de xullo de 1936, publicou o primeiro e único número da revista Nuestra Revolución, onde pedía aos seus lectores «apoios, adhesións, ombreiros que se xunten cos nosos para levar ao triunfo a bandeira social, nacional e revolucionaria que hoxe necesitan de modo urxente os españois».[13]

Poucos días despois do golpe militar contra a República que ao fracasar daría paso á guerra civil española, foi detido na rúa Santa Juliana, no barrio de Catro Camiños, de Madrid, preto do seu domicilio, por milicianos socialistas e internado na prisión de Ventas. De alí foi «sacado», xunto a outros presos, entre os que se atopaba o destacado intelectual contrarrevolucionario Ramiro de Maeztu e o xefe da Falanxe Española de Villaverde Albino Hernández Lázaro, para ser fusilado nas tapias do cemiterio de Aravaca o 29 de outubro de 1936.[14][15]

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Na súa ideoloxía, tense sinalado a influencia na súa ideoloxía de Nietzsche,[16] que para Simancas e Moraleja é a máis relevante.[17] Ademais tamén lle influíron outros autores como Fichte (Borrás afirma que o Discurso a las juventudes de España de Ledesma tiña a pretensión de cumpri-la mesma función que o Discurso á nación alemana de Fichte),[18] Hegel, Heidegger,[19] Unamuno (a quen adicou a súa novela El sello de la muerte),[20] Ortega e Gasset,[21] Giovanni Gentile,[3] Georges Sorel, Valois,[22] Joaquín Costa,[21] Oswald Spengler e Nicolai Hartmann.[23]

Foi admirador do nacionalsocialismo e de Adolf Hitler, até o punto de imitar o peiteado deste último.[24][25][26][27] De acordo con Stanley G. Payne, foi «o primeiro intelectual que definiu un fascismo español relativamente claro e preciso».[28] A súa mensaxe era accidentalista na cuestión da forma de Estado.[29] Ledesma, que desprezaba a José María Albiñana —ao que adscribiu unha «xesticulación reaccionaria»—,[30] foi cualificado en 2004 polo escritor falanxista Gustavo Morales como «o máis claro engarce co fascismo orixinal».[31] Chegou a expor a posibilidade de articular unha alianza coa CNT fronte ao marxismo —proposición cualificada como «ilusión sen porvir» por Ferran Gallego—.[32]

Ledesma opinaba que rematara o tempo do terrorismo secreto e que se abría unha nova etapa na que serían milicias uniformadas e perfectamente disciplinadas as que exercesen a violencia que os seus obxectivos políticos precisaban,[33] ao estilo das camisas negras italianas ou as camisas pardas de Hitler.[34] Aínda que Ramiro Ledesma xogou en ocasións á confusión e chegou a publicar «A Ramiro Ledesma e aos seus camaradas —escribiu co pseudónimo de Roberto Lanzas en Fascismo en España?— vanlles mellor as camisas vermellas de Garibaldi cás negras de Mussolini».

A violencia destes grupos, especialmente contra grupos de esquerda, non tardou en ser frecuente. Un forte antiliberalismo e antimarxismo (incluíndo neste a todas as correntes obreristas) impregnaba a súa propaganda, así como un rexeitamento ao sistema parlamentario e democrático. Aínda que en La Conquista del Estado esixía a extirpación do marxismo por ser «materialista, antiespañol e subversivo», daba a benvida a tódolo réximes revolucionarios do estranxeiro, incluíndo a Unión Soviética, e mesmo declarou que prefería un sistema económico de tipo soviético en España sempre que este fora puramente español antes có dominio da «burguesía estranxeira».

O número catro da publicación (4 de abril) pedía a inmediata revogación de tódalas concesións ao capital estranxeiro. Esa edición foi retirada pola policía, pois no número anterior insistírase na intención do grupo de «impor violentamente a súa política». No número do 4 de xuño, a mesma publicación sostiña:[35]

¡Viva el mundo nuevo del siglo XX!
¡Viva la Italia fascista!
¡Viva la Rusia soviética!
¡Viva la Alemania de Hitler!
¡Viva la España que haremos!
¡Abajo las democracias burguesas y parlamentarias!

Trala súa saída de FE das JONS, Ledesma chegou a esbozar no Discurso ás mocidades de España (1935) un proxecto imperial que consideraba imprescindible para a realización nacional plena, detallando unha serie de reivindicacións, que, comezando por «recuperar» Xibraltar pasaría pola unión co «gran pobo portugués», abríndose como marco de expansión unha liña norteafricana «dende o Atlántico a Tunes» con «moitas ilusións» enterradas e «moito sangue español», apostando tamén pola profundización de vínculos «con todo o gran bloque hispano da nosa América».[36]

Fundamentalmente agnóstico, non se mostra nos seus escritos unha marcada inquietude de signo relixioso marcada e, mesmo, chegou a se mofar da relixiosidade de Redondo.[37] Con todo, o seu agnosticismo entraría en crise, ao parecer, pouco antes da súa execución.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

Obra literaria[editar | editar a fonte]

  • El sello de la muerte (1924). Novela con prólogo de A. Vidal y Planas. Madrid: Ed. Reus.

Obra ensaística[editar | editar a fonte]

  • El Quijote y nuestro tiempo (1924). Texto inédito con prólogo de Tomás Borrás. Editado postumamente en 1971. Madrid: Ed. Vassallo de Mumbert.

Obra política[editar | editar a fonte]

  • Escritos políticos. LA CONQUISTA DEL ESTADO (1931). Reeditado en 1986. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos.
  • Escritos políticos - JONS. (1933-1934). Reeditado en 1985. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos.
  • Discurso a las juventudes de España (1935). Madrid: Ediciones «La Conquista del Estado» Reeditado en 2003, 8ª edición, con estudo preliminar de Pedro Carlos González Cuevas. Madrid: Biblioteca Nueva.
  • ¿Fascismo en España? (1935). Madrid: Publicaciones «La Conquista del Estado». (co pseudónimo Roberto Lanzas).
  • Escritos filosóficos (1941). Madrid. Reeditado en 1983 por Tecnos como La filosofía, disciplina imperial; con estudo preliminar de Santiago Montero Díaz.
  • ¿Fascismo en España? LA PATRIA LIBRE, NUESTRA REVOLUCIÓN. Reeditado en 1988. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos
  • Obras completas (2004). Madrid/Barcelona: Fundación Ramiro Ledesma - Círculo Cultural «La Conquista del Estado». 4 vols.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jiménez Cortacans (2013), pp. 56-57.
  2. 2,0 2,1 Simancas & Moraleja (2001), p. 252
  3. 3,0 3,1 González Cuevas (2001), p. 130
  4. Soto Carrasco (2011), pp. 83-84
  5. Tusell (1999), p. 82: «Giménez Caballero, su editor, admirador entusiasta de Mussolini, fue un representante característico del vanguardismo literario y del fascismo español».
  6. Selva (2000), pp. 156-163, para a evolución producida en Ledesma —en boa medida agochado baixo Giménez Caballero— dende o seu lugar como comentarista filosófico e científico de La Gaceta Literaria até a aparición de La Conquista del Estado.
  7. Preston (2002), p. 223
  8. Payne (1997), p. 136
  9. Thomas (1976), p. 134
  10. Sesma (2012), p. 56
  11. Tusell (1999), p. 82
  12. Jackson (1979), p. 169
  13. «A los lectores de NUESTRA REVOLUCIÓN», Nuestra Revolución, núm. 1, 11 de xullo de 1936.
  14. «In memoriam», ABC, 10 de agosto de 1939. Consultado o 18 de setembro de 2014.
  15. "Ramiro Ledesma Ramos 1905-1936". filosofia.org (en castelán). Consultado o 18-9-2019. 
  16. Simancas & Moraleja (2001), p. 249
  17. Simancas & Moraleja (2001), p. 262
  18. Borrás (1971), p. 249
  19. Saz (1986), p. 193
  20. Saz (1986), p. 189
  21. 21,0 21,1 Saz (1986), p. 188
  22. Perfecto García (2012), p. 85
  23. Núñez Seixas (2015), pp. 42-43
  24. Thomas (1976), p. 134: «Ledesma llevó su admiración a Hitler hasta el extremo de copiar el mechón de pelo que le caía sobre la frente»
  25. Simancas & Moraleja (2001), p. 258: «durante un tiempo a Ledesma le gustaba ir peinado como Hitler»
  26. Payne (1995), p. 258: «He temporarily affected a hitlerian hairstyle»
  27. Thomas (1966), p. 177: «Clearly affected as he was by Hitler (whom he tried to copy physically)...»
  28. Payne (1997), p. 135
  29. Sesma (2012), p. 62
  30. Gil Pecharromán (2013), p. 143
  31. Morales (2004), p. 10
  32. Gallego (2005b), p. 268
  33. Gallego (2005a), p. 167
  34. Gallego, 2005a, p. 167.
  35. Payne (1997), p. 140
  36. Parra Montserrat (2012), pp. 97-98
  37. Simancas & Moraleja (2001), pp. 247-252

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]