Onésimo Redondo
(1930) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de febreiro de 1905 Quintanilla de Onésimo, España |
Morte | 24 de xullo de 1936 (31 anos) Labajos, España (pt) |
Causa da morte | morte en combate, morto en combate |
Lugar de sepultura | cemiterio del Carmen |
Educación | Universidade de Valladolid Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | político, sindicalista, falanxista |
Período de actividade | 1936 - |
Empregador | Universidade de Mannheim (pt) (1927–1928) |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Outro | |
Título | Conde Q5781688 |
Cónxuxe | Mercedes Sanz-Bachiller (1931–1936) |
Fillos | María de las Mercedes Redondo y Sanz-Bachiller, condesa de Labajos |
Irmáns | Andrés Redondo Ortega |
Onésimo Redondo Ortega, nado en Quintanilla de Abajo (actualmente Quintanilla de Onésimo, na provincia de Valladolid) o 16 de febreiro de 1905[1] e finado en Labajos (Provincia de Segovia) o 24 de xullo de 1936, foi un dirixente nacionalsindicalista español.
Foi o fundador das Juntas Castellanas de Actuación Hispánica (JCAH), organización embrionaria, xunto do grupo de simpatizantes da revista La Conquista del Estado dirixida por Ramiro Ledesma Ramos, das JONS, que é valorado polos historiadores como un intento de crear un "fascismo á española".[2]
Durante o franquismo, Onésimo Redondo, alcumouse como "caudillo de Castela",[3] que foi o título dun dos seus libros.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia de propietarios agrícolas. Fillo de Buenaventura Redondo Iglesias e Juana Ortega Pico. Cursou o bacharelato na escola valisoletana de Nuestra Señora de Lourdes. Obtivo por oposición unha praza de administrativo na Delegación de Facenda de Salamanca, e na universidade desa cidade cursou estudos de Dereito, carreira na que obtivo a licenciatura en 1926. Tras rematar os seus estudos universitarios, trasladouse de novo a Valladolid para preparar a oposición ao corpo de Avogados do Estado, á que se presentou ao ano seguinte, aínda que sen éxito.
En 1927, grazas á mediación de Ángel Herrera Oria, director do xornal católico El Debate, obtivo unha praza como lector de español na Universidade de Mannheim, en Alemaña. É posible que esta estancia en Alemaña tivese importancia na súa futura carreira política, xa que por entón o Partido Nacionalsocialista Alemán estaba experimentando un forte crecemento. En outubro de 1928 regresou a España.
Iniciou a súa carreira política como líder do Sindicato de Cultivadores de Remolacha de Castela a Vella, ou "Sindicato Remolacheiro". En 1929 cumpriu o servizo militar en Valladolid. Durante esta época coñeceu a Mercedes Sanz-Bachiller Izquierdo, coa que casou o 11 de febreiro de 1931,[4]
Fundación das Juntas Castellanas de Actuación Hispánica
[editar | editar a fonte]Inicialmente vinculado ao movemento de Acción Católica, militando na Confederación de Estudiantes Católicos,[5] distanciouse desta organización, que consideraba ancorada no liberalismo burgués. Trala proclamación da II República, fundou, en agosto de 1931, un grupo político denominado Juntas Castellanas de Actuación Hispánica (JCAH), que rexeitaba o sistema democrático e propugnaba a acción directa como medio para a conquista do poder. Pouco antes, en xuño do mesmo ano, fundara a revista que sería o principal órgano de expresión do seu movemento, Libertad, na que asinou varios escritos contra o marxismo, os xudeus e o capitalismo burgués, e expresou a súa admiración polos réximes fascistas europeos.
JONS e golpe de Sanjurjo
[editar | editar a fonte]En novembro dese mesmo ano, a súa organización uniuse coa que lideraba Ramiro Ledesma Ramos, quen editaba a revista La Conquista del Estado. Resultado desta fusión foron as JONS (en galego, Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista), adoptando como emblema seu o xugo e as frechas que antano eran o anagrama dos Reis Católicos. As JONS, que aprobaron oficialmente os seus estatutos o 30 de novembro de 1931,[3] estaban dirixidas por un Triunvirato Central, formado por Onésimo Redondo, Ramiro Ledesma e Francisco Jiménez (posteriormente substituído por Antonio Bermúdez Cañete).
O fin deste novo partido, declaradamente antimarxista, era a creación do Estado Nacionalsindicalista, de carácter totalitario. Como método de acción propugnaba a acción directa, e rexeitaba o sistema electoral, por consideralo "liberal-burgués" e corrupto. Aínda que Redondo fora antes, na súa época de Acción Católica, partidario da monarquía, en 1931 non se opoñía á república como forma de estado. O órgano principal do partido continúa sendo a revista Libertad, no que, en 1932, Redondo publicou unha tradución comentada do famoso libelo antisemita Protocolos dos sabios de Sión.[6] Tamén traduciu Mein Kampf.
Exilio en Portugal
[editar | editar a fonte]En 1932 tomou parte na fracasada sublevación do xeneral Sanjurjo. Para evitar ser detido, cruzou a fronteira e exiliouse en Portugal, primeiro en Curia e logo no Porto. Desde o exilio impulsou a publicación dun novo semanario nacionalsindicalista, Igualdad, que apareceu o 14 de novembro de 1932, e ao que Redondo enviou desde o seu exilio portugués numerosos artigos políticos.
Regreso a España
[editar | editar a fonte]En abril de 1933 creou, canda Ledesma Ramos, unha nova revista, J.O.N.S., como órgano do seu partido. En outubro regresou a España e volveu instalarse en Valladolid. Decidiu presentarse candidato ás eleccións lexislativas do 19 de novembro de 1933, aínda que a última hora retirou a súa candidatura para evitar prexudicar á CEDA.
O 4 de marzo de 1934, nun acto celebrado no Teatro Calderón de Valladolid, as JONS xuntáronse con Falange Española, o partido de José Antonio Primo de Rivera. O novo partido, Falange Española de las JONS, quedou baixo dirección de José Antonio Primo de Rivera, Ramiro Ledesma e Julio Ruiz de Alda, co cal Redondo pasou a un segundo plano. Cando en 1935 Ramiro Ledesma Ramos deixou o novo partido, Redondo optou, pola contra, seguir en Falange.
Guerra civil e morte
[editar | editar a fonte]O 19 de marzo de 1936 foi detido en Valladolid. Durante a súa reclusión mantivo contacto epistolar co líder do seu partido, José Antonio Primo de Rivera, tamén encarcerado. O 25 de xuño foi trasladado ao cárcere de Ávila, do que foi liberado o 18 de xullo polos militares sublevados ao iniciarse a guerra civil española. Dirixiuse a Valladolid, onde formou e dirixiu durante os primeiros días da guerra a denominada "patrulla do amencer", que se distinguiu por fusilar a unhas corenta persoas diarias.[7] Posteriormente, púxose ao mando dun grupo armado de falanxistas que marchou cara Madrid e combateu no Alto dos Leóns. O día 24 de xullo, Onésimo, xunto co seu irmán Andrés, Eduardo Martín Alonso Calero, Jesús Salcedo e un falanxista da súa escolta, Agustín Sastre,[8] chegaron en automóbil ao pobo segoviano de Labajos, que cría zona nacional, e morreu nunha emboscada organizada por un grupo de milicianos.[9] Segundo parece, identificou erroneamente como falanxistas a militantes anarquistas da Confederación Nacional do Traballo polo parecido das súas bandeiras.
Tras a súa morte
[editar | editar a fonte]O réxime franquista converteuno nun dos "mártires da Cruzada". No lugar da súa morte, en Labajos, existe un monumento conmemorativo nas aforas no que os militantes de Falanxe realizan todos os anos unha ofrenda floral. O lugar da súa morte está marcado cunha pequena lápida. A título póstumo, concedéuselle o título de conde de Labajos.
A viúva de Onésimo Redondo, Mercedes Sanz-Bachiller Izquierdo, sería a fundadora, en outubro de 1936, do Auxilio de Inverno (despois chamado Auxilio Social), organización benéfica integrada no partido falanxista, de gran relevancia nos primeiros anos do franquismo. Existiu certa rivalidade entre o Auxilio Social e a Sección Femenina, dirixida pola irmá de José Antonio, Pilar Primo de Rivera.
O 25 de xullo de 1961 inaugurouse no Cerro de San Cristóbal de Valladolid un monumento a Onésimo Redondo que estaba previsto demoler no verán de 2011, en cumprimento da lei de memoria histórica.[10]
Obras
[editar | editar a fonte]- Protocolos de los Sabios de Sion. Valladolid, Ediciones Libertad, 1932 (tradución e comentarios).
- Onésimo Redondo, caudillo de Castilla (anacos de artigos xornalísticos e discursos políticos). Valladolid, Ediciones Libertad, 1937.
- El Estado Nacional. Valladolid, Ed. Libertad, 1938
- Obras Completas: edición cronológica (2 vols.) Madrid, Dirección General de Información, Publicaciones Españolas, 1954-1955.
- Textos políticos. Madrid, Editorial Doncel, 1975.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "En Valladolid se rinde homenaje nacional al fundador de las J.O.N.S., Onésimo Redondo". hemeroteca.abc.es (en castelán). 13-6-1941. Consultado o 26-9-2019.
- ↑ Tomasoni (2011), p. 3
- ↑ 3,0 3,1 Preston (2011)
- ↑ La guerra civil: 70 años después El Mundo Consultado o 20 de setembro de 2011
- ↑ Rocamora, Pedro de (xuño de 1941). "Onésimo Redondo". Revista nacional de educación: 89–92.
- ↑ Rother, Bernd (2005). Franco y el Holocausto (en castelán). Madrid: Marcial Pons Historia. p. 54. ISBN 84-96467-05-8.
- ↑ Thomas (1976), p. 288
- ↑ Sobre la muerte de Onésimo Redondo. Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. La Coctelera. El Memorial. Consultado o 20 de setembro de 2011.
- ↑ León (2007), pp. 263-264
- ↑ "El monumento al fundador de las JONS, al borde de la piqueta". El Norte de Castilla (en castelán). 13 de abril de 2011. Consultado o 20 de setembro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Onésimo Redondo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cierva, Ricardo de la (1969). Historia de la guerra civil española (en castelán). Librería Editorial San Martín.
- León, María Teresa (2007). Crónica general de la Guerra Civil (en castelán). Sevilla: Renacimiento. ISBN 978-84-8472-345-5.
- Martín Gijón, Mario (2010). "Nazismo y antisemitismo en la literatura falangista. En torno a Poemas de la Alemania Eterna (1940)". Letras peninsulares (en castelán) (Davidson, Carolina do Norte: Davidson College) 22 (2): 59–80. ISSN 0897-7542.
- Núñez Seixas, Xosé M. (2015). "Falangismo, nacionalsocialismo y el mito de Hitler en España (1931-1945)". Revista de estudios políticos (en castelán) (Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales) (69): 13–43. ISSN 0048-7694.
- Payne, Stanley G. (1997). Franco y José Antonio. El extraño caso del fascismo español (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-08-02286-5.
- Preston, Paul (2011). El holocausto español: Odio y exterminio en la Guerra Civil y después (epub) (en castelán). Barcelona: Random House Mondadori, S. A. ISBN 978-84-8306-852-6.
- Rozenberg, Danielle (2010). La España contemporánea y la cuestión judía: retejiendo los hilos de la memoria y de la historia (en castelán). Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 9788492820207.
- Saz, Ismael (2018). "¿Nación de regiones? Las Españas de los franquistas". En Sepúlveda Muñoz, Isidro. Nación y nacionalismos en la España de las autonomías (en castelán). Madrid: Agencia Estatal Boletín Oficial del Estado. pp. 39–73. ISBN 978-84-340-2494-6.
- Thomas, Hugh (1976). La Guerra Civil Española (en castelán). Barcelona: Grijalbo. ISBN 84-253-0694-9.
- Tomasoni, Matteo (2010). "«Reprimere e detenere»: l’altra faccia del conservadurismo español" (PDF). Diacronie. Studi di Storia Contemporanea (en italiano) 1 (2). ISSN 2038-0925.
- Tomasoni, Matteo (2013). "Fascismo agrario y proselitismo revolucionario en el pensamiento de Onésimo Redondo". En Ruiz Carnicer, Miguel Ángel. Falange. Las culturas políticas del fascismo en la España de Franco (1936-1975) (en castelán). Actas del congreso celebrado en Zaragoza del 22 al 24 de noviembre de 2011. Zaragoza: Institución Fernando el Católico. pp. 578–592. ISBN 9788499112169.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Onésimo Redondo, caudillo de Castilla, na Biblioteca Dixital Hispánica (BDH)