Dedalus en Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dedalus en Compostela
Autor/aVicente Risco
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa
Xénero(s)conto
EditorialNós
Data de pub.Xullo de 1929
editar datos en Wikidata ]

Dedalus en Compostela é un relato de Vicente Risco, publicado por vez primeira en 1929 na revista Nós.

Trama[editar | editar a fonte]

A acción desenvólvese en Santiago de Compostela o venres da Ascensión de 1926 (14 de maio). Nas rúas da cidade coinciden o propio Risco e Stephen Dedalus, personaxe literario creado por James Joyce e alter ego do mesmo nas súas novelas Retrato do artista cando novo e Ulises. Risco informa de que xa coincidira con el en Ourense durante o inverno, no seu despacho da rúa de Santo Domingo. Porén, explica que o encontro se produce no mundo do imaxinable; di que cando coincidiran en Ourense Dedalus tiña 43 anos (a idade de Dedalus en Ulises), mentres que no encontro en Compostela ten 19 (a idade que ten en Retrato do artista cando novo).

Risco comeza un paseo desde un ultramarinos da rúa da Acibacharía van até a rúa Nova, a praza do Pan (praza de Cervantes), o Preguntoiro, a Caldeirería e Tras Salomé. Nunha librería a carón do pórtico atopa a Dedalus, co que bota a camiñar de novo polas rúas compostelás. Dedalus explícalle que foi a Compostela como peregrino para ser soterrado alí, como Guillerme de Aquitania. Risco faille a Dedalus tres preguntas de carácter persoal, que o irlandés responde. Van pola rúa Nova, a rúa da Conga, a praza da Quintana, e Dedalus propón ir ao bar Quiqui, sobre o cal discuten da estética da súa arquitectura. Seguen por Praterías, a praza do Hospital e a Acibacharía, e entran na catedral, onde visitan o sepulcro de Santiago o Maior.

Estilo[editar | editar a fonte]

O narrador é o propio Vicente Risco, que escribe en primeira persoa. Entre outros, os temas tratados son o cristianismo (conceptos como o pecado ou o inferno) e a estética da arquitectura, que son os que marcan o propio antropónimo de Stephen Dedalus (chamado así por Estevo Mártir e por Dédalo). Amais, fálase do orientalismo de Risco, quen explica que por entón xogaba ao mahjong.

Edicións e adaptacións[editar | editar a fonte]

A obra apareceu en 1929 no número 67 da revista Nós, do 25 de xullo. Foi reeditado en 1961 por Editorial Galaxia, baixo supervisión do propio Risco, quen suprimiu varios anacos de texto.

En 2014 o relato foi levado á banda deseñada por Fernando Iglesias "Kohell" co título de Dédalus en Compostela, publicada pola Fundación Vicente Risco e a Deputación de Ourense, con prólogos de José Manuel Baltar Blanco e Arturo Lezcano Fernández.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]