Saltar ao contido

Rías de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rías galegas»)
Carta náutica de 1787.

As rías de Galicia son unha característica xeomorfolóxica de Galicia, peculiar na costa atlántica. As rías son vales fluviais, de orixe tectónico, abertos ao océano e anegados por auga. Topograficamente vénse como indentancións do mar no que aflúen ríos. As rías galegas están tradicionalmente divididas en Rías Altas e Rías Baixas, segundo a súa posición respecto a Fisterra, que é o punto máis occidental de Galiza.

As rías galegas son ecosistemas de afloramento de augas ricas en nutrientes e, polo tanto, cunha alta importancia pesqueira.[1] Iso dá pé a que as costas galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo. Asemade atraen multitude de turistas polas magníficas vistas e praias.

Descrición

[editar | editar a fonte]
A ría de Arousa constitúe a maior ría galega en superficie.

Usando Fisterra como o linde, as rías galegas adóitanse catalogar como rías Altas ou rías Baixas.

As rías Altas son as rías da Costa da Morte, as do Golfo Ártabro e as Cantábricas. As rías cantábricas galegas están ao leste de Estaca de Bares e son a ría de Ribadeo, Foz, Viveiro, e a do Barqueiro. Inclúese aquí tamén ás rías medias ou centrais, e que son a de Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares e Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e a de Camariñas. As rías de Ferrol, Ares-Betanzos e da Coruña ou o Burgo son rías centrais interiores e denomínanse rías do Golfo Ártabro [2][3].

As Rías Baixas están todas na fachada atlántica, por baixo de Fisterra, e son de maior tamaño. Enumeradas (de norte a sur) son as rías de Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra, Vigo[2][3] e Baiona.[4][5][6][7][8][9]

A orixe e a xeoloxía das rías galegas

[editar | editar a fonte]

A orixe das rías

[editar | editar a fonte]

A costa atlántica e cantábrica da península presentan unha morfoloxía que nacería coa rotura das placas tectónicas ó comezo do Cenozoico e que daría froito á aparición das rías. Coa rotura de Panxea no Cenozoico aparece o océano Atlántico. Ese novo océano xorde dunha tripla rotura do continente, que deu comezo á separación da placa Ibérica, a Europea e a Norteamericana. Así, a finais do Mesozoico a costa peninsular atlántica e cantábrica quedaron definidas xeomorfoloxicamente como na actualidade. Esa fragmentación fixo aparecer a costa ibérica, que se modelou durante o Paleoceno na forma que hoxe a vemos. Durante o Paleoceno, esa nova costa fragmentada foi modelada pola acción fluvial de incisión, algo que sería máis marcado na cara atlántica da península que na cantábrica [2].

Desde o momento da rotura das placas, a costa cantábrica peninsular e a atlántica evolucionaron de diferente xeito. A marxe cantábrica actuou como unha zona de choque ata o Eoceno. Pola contra, a zona atlántica foi, dende o primeiro momento de rotura de Panxea, unha rexión onde a costa se expandiu e contraeu de xeito pasivo continuo. Así, a litosfera arrefriouse progresivamente ao avanzar a veta de fractura atlántica. Iso permitiu a distensión desa parte da placa e o seu afundimento. Durante o Terciario, a parte oeste peninsular foise afundindo por acumulación de sedimentos na súa plataforma continental. Iso provocou a aparición de bordos de placa pasivos no que se darían ascensos isostáticos de placa e unha acentuada erosión por fluxos fluviais. Esa erosión foi máis acentuada na parte atlántica da península mentres que foi máis suave na parte cantábrica. Este proceso de descensos de nivel de base do mar e a adaptación da rede fluvial foi o que deu lugar á aparición das rías [2][3].

As rías non chegaron a estar cubertas polo mar ata aproximadamente o Neoxeno. Estímase que durante o Plistoceno o mar estaba a varios quilómetros da actual liña de costa. Durante o Plistoceno ese límite variaría, aumentando e reducíndose, ata que chegou á altura de costa de hoxe en día. Durante o Paleozoico, polas oscilacións glaciais e interglaciais, a erosión fluvial modelaría, e faría máis acusada a morfoloxía das zonas fluviais que acollen as rías[2].

As rías da costa oeste, as rías Baixas (Laxe, Camariñas, Muros, Arousa e Vigo), serían as primeiras en aparecer. As rías altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro e Ortigueira) serían máis recentes, do Neoxeno. En concordancia co anterior, as rías do Golfo Ártabro (Ferrol, Ares-Betanzos e o Burgo) serían rías de transición que apareceron entre medias no tempo[2].

Litoloxía e morfoloxía

[editar | editar a fonte]
Boca da ría da Coruña, entre a Torre de Hércules e o faro de Mera.

As rías pódense clasificar en bloques segundo a orientación da fachada da ría con respecto ao mar, xa que iso determina correctamente os principais elementos da súa oroxenia e do momento de alzamento xeolóxico de cada bloque. A clasificación é [3][10][11][12]:

As orientacións das rías son de NNE-SSO (Ría de Arousa), NE-SO (Rías Baixas), e NO-SE (Ría de Corme e o Golfo Ártabro). As rías Baixas labráronse a favor das fracturas tectónicas, os ríos encaixáronse nestas e erosionaron os vales facéndoas máis anchas. Nestas rías o fondo da ría é máis profundo, pola intersección de fracturas de placa no seu interior. As rías da Costa da Morte son máis pequenas, danse sobre interseccións de fracturas de placas e a súa forma quedou definida pola intersección destas. As rías Ártabras están definidas pola súa litoloxía: quedan cerradas dentro de granitos resistentes no bordo lateral e ancheadas pola facilidade de erosión do macizo interior [3].

Nas rías pódense observar diferentes efectos de erosión remontante. Nos vales recentes, como é o tramo final do Tambre, a erosión produciuse por un encaixamento sobre fondos hercinianos[13] de vales antigos, e de aí a orixe dos saltos presentes nos perfís da ría. Noutros casos, foi unha erosión remontante sobre de recheos aluviais a que fixo que se formaran terrazas aluviais. Ese é o caso do tramo inferior do río Miño (e que non se adoita clasificar como ría).

Dinámica hidrolóxica e fluxo de nutrientes

[editar | editar a fonte]

A costa noroeste da península é o límite superior do sistema de Afloramento do Atlántico Noroeste, que trae augas dende o sur de Dakar ata o norte da Península Ibérica. A costa galega ten un réxime de ventos estacionais que marca a entrada dalgunhas desas masas de auga no interior das rías. Durante a época seca, de marzo-abril a setembro-outubro, o vento sopra do sur cara ao norte e favorece a entrada dunha corrente leste da masa de Augas Centrais do Atlántico Norte (abreviado e en inglés, ENACW) no interior das rías. Pola contra, durante o período húmido, de outubro a marzo, o vento sopra cara ao norte e non favorece a entrada de correntes no interior das rías. Así, no momento de afloramento, que prevalece na primavera e verán, as augas entrantes na ría proveñen da ENACW; que son augas frías, que se moven en profundidade e con altas concentracións de nutrientes, como nitratos. Pola contra, no outono e inverno, a costa galega está dominada pola Corrente Ibérica Polar (abreviado e en inglés, IPC), que é de auga salgada, quente e exterior á costa. Cando a ENACW domina na costa, que é nos momentos de alta luz e de afloramento de primavera e verán, entran nutrientes nas rías e favorécese o crecemento do fitoplancto; co cal, hai unha alta produción primaria dos ecosistemas das rías galegas. Pola contra, durante o inverno, a auga da IPC que entra nas rías aumenta a salinidade da auga e provoca a redución da concentración de nutrientes. Isto acentúase pola entrada de correntes fluviais chegadas dos ríos [14][15]

A dinámica de afloramento domina desde Fisterra ata o sur, as rías Baixas, e é máis frecuente e intensa durante a temporada de abril a setembro. Porén, o afloramento nas rías centrais e do norte é máis descontinuo e menos intenso. De feito, mentres que nas rías Baixas esta entrada é case continua, as rías da Costa Ártabra nunca teñen entradas de augas da ENACW no seu interior. Por iso, as rías Baixas son sistemas eutróficos, ou de produción primaria neta positiva; e as rías centrais e do norte son sistemas mesotróficos, ou de produtividade intermedia [15].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "A ría de Vigo, na provincia de Pontevedra, é a máis meridional das Rías Baixas galegas" Museo do Mar.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 J. R. Vidal-Romaní; A. Martelli, D. Fernández-Mosquera, E. de Uña and J. Yepes. Galicia region: Landforms and morphological evolution of granitic areas. Sith International Conference on Geomorphology of Granitic Areas. Zaragoza, 2005.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 JL. Pagés Valcarlos. "Origen y Evolución Geomorfológica de las Rías Atlánticas de Galicia". Rev. Soc. Geología de España nº 13(3-4), 2000.
  4. "Baiona". Diccionario enciclopédico galego universal 7. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 44. ISBN 84-7680-429-6. …A rede fluvial está dominada pola presenza do río Miñor, que forma a ría de Baiona… 
  5. "Véxase a "Ría de Baiona" no mapa de Baiona". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 260. 
  6. Enciclopedia Galega Universal 2. Ir Indo. 1999-2002. p. 497. ISBN 84-7680-288-9. …A rede fluvial está dominada pola presenza do río Miñor, que forma a ría de Baiona… 
  7. "Baiona". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8. Ría pontevedresa na que desemboca o río Miñor a partir da Ramallosa… 
  8. Santa María, Inés e Massó, Noé (2009). "Ría de Baiona". Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo. Do Cumio. p. 106 C2. ISBN 978-84-8289-328-0. 
  9. Mapa Topográfico Nacional. WMTS de cartografía raster del IGN (Mapa). 1:25.000. Instituto Geográfico Nacional de España. 
  10. TORRE ENCISO, E. (1954): Contribución al conocimiento morfológico y tectónico de la ría de La Coruña. Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, 52: 21-51.
  11. TORRE ENCISO, E. (1958): Estado actual del conocimiento de las rías gallegas. Homaxe a R. Otero Pedrayo, 237-250. Ed. Galaxia. Vigo.
  12. G. Méndez y D. Rey. Perspectiva histórica del conocimiento geológico de las rías gallegas / A historical review of the geolofical studies of the Galician rias. Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio. Universidade de Vigo. Vigo. Jounal of Iberian Geology. 2000, vol 26, 21-44
  13. Oroxénia hercínica: un proceso do Cretáceo de levantamento de montañas que durou ata o Pérmico.
  14. I. Alvarez , M. N. Lorenzo1 , and M. deCastro . Analysis of chlorophyll a concentration along the Galician coast: seasonal variability and trends. ICES Journal of Marine Science (2012), 69(5), 728 –738. doi:10.1093/icesjms/fss045
  15. 15,0 15,1 Ospina-Alvarez N, Prego R, Alvarez I, deCastro M, Alvarez-Ossorio MT, Pazos Y, Campos M, Bernardez P, Garcia-Soto C, Gomez- Gesteira M, Varela M (2010) Oceanographical patterns during a summer upwelling-downwelling event in the Northern Galician Rias. Comparison with the whole ria system (NW of Iberian Peninsula). Continental Shelf Research 30:1362–1372

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]