Portal:Xabarín Club/Serie destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Aquí están todos os artigos destacados no portal Xabarín Club:

1[editar a fonte]

Tobu Crayon Shin-Chan train 2016-12-18.jpg

Shin Chan (en xaponés クレヨンしんちゃん, Crayon Shin-chan) é un manga do debuxante Yoshito Usui e unha serie de animación sobre a vida dun neno de 5 anos extravertido, falangueiro, descarado e moi larpeiro. Malia que o protagonista sexa un cativo, segundo o seu autor, a serie non vai dirixida ó público infantil, senón pola contra a un xuvenil ou mesmo adulto. Non obstante, os nenos son os que máis gozan da serie, quizais polo tópico de que os debuxos son para nenos.

En Galiza, o anime estrouse o 30 de setembro do 2002 emitíndose na canle autonómica TVG dentro do espazo xuvenil Xabarín Club e acadando moito éxito. Porén, Shin-Chan deixou de se emitir no Xabarín Club ó recibir protestas dos pais de que a serie é un mal exemplo para os cativos das casas, polo que se optou por botala fóra dese horario para a botar máis á tardiña. A finais do 2005, tras emitir os primeiros 364 episodios, a TVG non volvería emitir máis capítulos da serie ata o ano 2016 na tvG2.


2[editar a fonte]

Dragonballstar.png

As bólas máxicas (ドラゴンボール Doragon Bōru?) é unha serie anime xaponesa producida por Toei Animation. É unha adaptación dos primeiros 194 capítulos do manga Dragon Ball creado por Akira Toriyama, que foron publicados en Weekly Shōnen Jump dende 1984 até 1988. O anime componse de 153 episodios que foron orixinalmente emitidos a través de Fuji TV entre o 26 de febreiro de 1986 e o 19 de abril de 1989. A serie emitiuse en galego na década de 1990 a través da TVG no programa Xabarín Club.

As bólas máxicas conta as aventuras do protagonista Son Goku, un forte e inocente rapaz que, despois de encontrarse con Bulma, proponse reunir as sete bólas do Dragón que conceden desexos. Despois de converterse en alumno do experto en artes marciais Mestre Mutenroi, el e o seu compañeiro e amigo Krilín compiten nun torneo que atrae ós meirandes loitadores do mundo. Despois emprende unha viaxe só e acaba enfrontándose e destruíndo o Exército de Red por si mesmo. Cando Krilín é asasinado despois doutro torneo, Son Goku busca vingarse do seu asasino, Piccoro Daimaō. Tres anos despois, Son Goku, agora un mozo adulto, debe loitar contra o fillo de Piccoro Daimao, Piccoro. Os restantes 325 capítulos do manga foron adaptados na serie anime Dragon Ball Z.


3[editar a fonte]

Beakman en México 07.jpg

O mundo de Beakman (en inglés: Beakman's World) foi un programa de televisión educativo baseado na tira cómica You Can with Beakman and Jax, creado por Jok R. Church e producido por ELP Communications, Columbia Pictures Television e Columbia TriStar Television Distribution.

A primeira aparición tivo lugar en setembro de 1992, na canle The Learning Channel (TLC) e a nivel nacional en 225 emisoras. O 18 de setembro de 1993 trasladouse ó horario infantil matutino da CBS. No cume da súa popularidade, era visto en 90 países arredor do mundo. A serie foi cancelada a mediados de 1998. O mundo de Beakman gañou máis de 25 grandes premios.

O programa protagonizado por Paul Zaloom como Beakman, un científico excéntrico que fai experimentos cómicos e demostracións, ás veces a petición escrita dos televidentes, para ilustrar os conceptos básicos da ciencia, coma a densidade ou a electricidade.

Durante anos, Beakman foi axudado nos seus experimentos por unha muller. De 1993 a 1994, foi Josie (Alanna Ubach); de 1994 a 1995 Liza (Eliza Schneider); de 1995 a 1996 Phoebe (Senta Moses). Beakman tamén estivo acompañado nos seus programas por Lester "a Rata" (Mark Ritts). No episodio piloto, Lester era un títere, pero a partir daquela foi un home disfrazado de rata. Algunhas veces Lester resistíase a axudar a Beakman nos experimentos, pero este persuadíao prometéndolle comida. A actriz Jean Stapleton tamén apareceu no show facendo o papel da nai do científico.

Unha das frases características de Beakman era: "¡Bada bing, bada bang, bada imos alá!".

Tanto ao comezo coma ó final do programa, e ás veces antes e despois da publicidade intermedia, inseríanse escenas de dous pingüíns, Don (con voz de Bert Berdis) e Herb (con voz de Alan Barzman), no Polo Sur, vendo O mundo de Beakman pola televisión. Mark Ritts (Lester) tamén foi un dos titiriteros que manexaba ós pingüíns.


4[editar a fonte]

EV2.svg

Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.

Evangelion está ambientado quince anos despois dun cataclismo mundial, e a acción ten lugar especialmente na cidade futurística e fortificada de Toquio-3. O protagonista é Shinji, un mozo adolescente que é recrutado polo seu pai na sombría organización Nerv para pilotar unha máquina xigante (mecha) e biomecánica chamada "Evangelion" co obxectivo de combater os aliens chamados "Anxos". A serie explora as experiencias e emocións dos pilotos dos Evangelion, así como as dos membros de Nerv no seu intento de previr que ningún dos Anxos cause outro cataclismo, ó tempo que lidan cos movementos estratéxicos da organización e coa busca da verdade que se agocha detrás destes eventos. A serie contén conceptos e imaxes derivados da cábala, do cristianismo e do xudaísmo.

En Galiza, estreouse en galego no ano 2005 a través da TVG, dentro do espazo infantil e xuvenil Xabarín Club. Neon Genesis Evangelion recibiu a aclamación da crítica mais tamén xerou certa controversia. Particularmente controvertidos foron os dous últimos episodios, o cal levou ó equipo da serie a producir un final alternativo no filme de 1997 Evangelion: O final de Evangelion. Considerada como unha deconstrución do xénero mecha, a serie de televisión orixinal provocou o renacemento da industria do anime e converteuse nunha icona cultural. Filmes, manga, vídeos e outros produtos da franquía Evangelion conseguiron récords de vendas nos mercados xaponeses e un grande éxito internacionalmente, con 150 billóns de iens de ganancias nos produtos relacionados no ano 2007 e as máquinas pachinko de Evangelion xerando máis de 700 billóns de iens no ano 2015.


5[editar a fonte]

I Am Weasel logo.jpg

Mandril e donicela (en inglés: I Am Weasel) é unha serie de televisión estadounidense creada por David Feiss para Cartoon Network, no estudio de Hanna-Barbera, sendo o cuarto dos Cartoon Cartoons. A serie céntrase na personaxe de I. M. Weasel, un intelixente, adorada e exitosa donicela, e I. R. Baboon, un parvo e perdedor mandril que sente envexa do éxito de donicela e constantemente tenta amolalo, mais sen conseguilo.

Orixinalmente formou parte da serie Vaca e polo entre 1997 e 1999, sendo estreado normalmnete como o terceiro segmento dun episodio (agás nunha ocasión na que foi emitido entre os dous segmentos de Vaca e polo). Eventualmente, Mandril e donicela converteuse nunha serie de seu, que se emitiu entre o 10 de xuño de 1999 e comezos de 2000. Conta cun total de 79 episodios producidos, incluíndo aqueles creados como parte de Vaca e polo.

Estreouse en galego a través da TVG no espazo infantil e xuvenil Xabarín Club.