Neon Genesis Evangelion (franquía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Neon Genesis Evangelion (新世紀エヴァンゲリオン Shin Seiki Evangerion?) é unha franquía xaponesa creada por Hideaki Anno e propiedade de Khara.[1][2] A franquía baséase nunha historia de acción mecha postapocalíptica, que conta os esforzos dunha organización paramilitar chamada NERV que loita contra seres hostís chamados Anxos, usando máquinas xigantes humanoides chamadas Evangelions (ou EVAs) que son pilotados por un grupo escollido de adolescentes. As obras derivadas do manga e o anime orixinais desvíanse deste tema central en diferentes graos, centrándose nas interaccións románticas dos personaxes, historias paralelas que non aparecen na obra orixinal, ou reinterpretacións dos conflitos das obras orixinais.[3]

O manga Neon Genesis Evangelion estreouse en Shōnen Ace en decembro de 1994 como un xeito de xerar interese pola estrea inminente da serie. O anime Neon Genesis Evangelion foi escrito e dirixido por Hideaki Anno e estreouse orixinalmente dende outubro de 1995 até marzo de 1996. A serie foi innovadora, afondando en temas relixiosos, psicolóxicos e filosóficos nun contexto mecha. Houbo certo debate sobre o controvertido final da serie de televisión. En resposta, fixéronse dous filmes para acehgar un final alternativo á historia: Evangelion: Morte e renacemento, estreado en marzo de 1997, e Evangelion: O final de Evangelion estreado en xullo de 1997. Morte é unha compilación de anacos de episodios, con algunhas imaxes novas, e Renacemento son os primeiros 30 minutos de O final de Evangelion.

A popularidade da serie fixo que a historia dese o salto a numerosos formatos, incluíndo videoxogos, drama radiofónicos, audiolibros, unha novela, máquinas pachinko e unha tetraloxía de filmes titulados Rebuild of Evangelion. Outras obras derivadas son Angelic Days, Petit Eva: Evangelion@School e Campus Apocalypse. En xuño de 2018, era a décimo sétima franquía con maior recadación de tódolos tempos, cunhas ganancias estimadas de 14,9 billóns de dólares.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bricken, Rob (12 de decembro de 2014). "The Original Evangelion TV Series Is Finally Coming To Blu-Ray (io9)". Gizmodo Media Group. Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  2. Khara, Inc. (ed.). "新世紀エヴァンゲリオン". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2018. Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  3. Sponichi Annex, ed. (12 de febreiro de 2007). "「ヱヴァ」総監督 劇場で"緊急声明"". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2007. Consultado o 21 de novembro de 2012. 
  4. Peters, Megan (23 de xuño de 2018). ComicBook.com, ed. "'Pokemon' Is The Highest-Grossing Franchise Of All-Time" (en inglés). Consultado o 13 de agosto de 2018.