Falaropo bicofino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Phalaropus lobatus»)
Falaropo bicofino
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Phalaropus
Especie: P. lobatus
Linnaeus, 1758
     Estival     Invernante
     Estival     Invernante

     Estival     Invernante
Sinonimia

Lobipes lobatus[2]

O falaropo bicofino[3] ou falaropo mouro[4] (Phalaropus lobatus) é unha especie de ave caradriforme pertencente á familia dos escolopácidos. Son aves limícolas de pequeno tamaño que, a diferenza do resto de escolopácidos, capturan o seu alimento mentres nadan sobre a superficie da auga, impulsándose cos seus pés semipalmados. Aliméntase de pequenos crustáceos, insectos e larvas, pero durante o inverno a súa dieta componse case exclusivamente de diversas especies de zooplancto.

Igual que as outras dúas especies do xénero Phalaropus, presentan un dimorfismo sexual inverso; as femias son máis rechamantes e adoptan algúns dos roles de cortexo e reprodutivos que na maioría das espeies de aves son típicos dos machos, os cales son os encargados de chocar os ovos. Reprodúcese durante o verán boreal nas rexións árticas e subárticas de América do Norte, Asia e Europa; xeralmente entre os 60° e 70° de latitude, nunha banda que rodea o hemisferio norte desde o sur das illas Aleutianas ata o extremo setentrional das illas británicas.[5] Son aves migratorias e ao finalizaren o seu período reprodutor inician unha longa migración cara ás costas dos mares cálidos situados ao longo da rexión intertropical, seguindo rutas que nalgúns casos lles fan percorrer máis de 20 000 km ao ano. En Galicia é unha especie accidental.[4]

A súa poboación estímase que é de 3 600 000 a 4 500 000 de individuos,[1] máis da metade dos cales (uns 2 500 000) reprodúcense en Alasca, Canadá e o sur de Groenlandia.[6] O seu estado de conservación catalogouse como "pouco preocupante".

Distribución e migración[editar | editar a fonte]

O falaropo bicofino está presente ao longo do ano en todos os continentes, a excepción da Antártida.

Trátase dunha especie migratoria que se reproduce nas rexiónes árticas e subárticas do norte de Europa, Asia e América; en Alasca, Canadá, Groenlandia, Islandia, Gran Bretaña, Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia.

Establece as súas áreas de cría preto da costa e en zonas do interior, mais sempre en zonas húmidas de auga doce, con lagoas, pradeiras inundadas ou nas proximidades de cursos de auga.[7]

Área intertropical e zonas de invernada.

Invernan en mar aberto, ao longo da zona intertropical, aínda que durante este período poden enxergarse exemplares en calquera océano ao sur do trópico de Cáncer, chegando mesmo ata as costas patagónicas de América do Sur.

O groso da migración invernal diríxese cara a catro zonas nas que se concentran a maior cantidade de exemplares:

Ruta migratoria dos falaropos das illas Shetland

Ata o ano 2012 sabíase que moitos falaropos de Norteamérica pasaban o inverno no sueste do océano Pacífico;[9] ademais, críase que as poboacións europeas de falaropos pasaban o inverno na costa occidental de África ou no mar Arábigo, pero coñecíanse moi poucos detalles do percorrido e lonxitude das rutas migratorias. Os métodos tradicionais de seguimento de aves por medio da colocación de aneis nas patas de exemplares xuvenís poden achegar información sobre o retorno de exemplares trala migración invernal, así como unha aproximación estatística sobre a súa taxa de supervivencia, pero son completamente inútiles á hora de establecer con precisión o tránsito completo dos exemplares que realizan unha migración oceánica.

En xuño de 2012 a Royal Society for the Protection of Birds (RSPB) e o Instituto Ornitolóxico Suízo puxeron en marcha un programa,[10] dirixido polos ornitólogos Malcolm Smith, Mark Bolton e Pete Ellis (entre outros), para trazar con exactitude o itinerario migratorio desta especie, colocando uns xeolocalizadores de só 0,6 g de peso[9] en dez exemplares xuvenís capturados nas illas Shetland durante a tempada de cría dese ano, que permitiron trazar por fin con precisión o percorrido exacto e completo da súa viaxe migratoria. O estudo revelou que os falaropos bicofinos nados nas Shetland inician a súa migración por etapas a finais do mes de xullo de 2012, cunha primeira parada de varias semanas nunha área de descanso fronte ao litoral leste dos Estados Unidos. Desde alí continuaron cara ao sur ata chegar, durante o mes de outubro, ao seu lugar de invernada definitivo nas costas do Pacífico de Ecuador e o Perú. A viaxe de retorno seguiu a mesma ruta en sentido inverso e coa mesma escala na costa atlántica dos Estados Unidos, o que supón un desprazamento total de máis de 25 000 km.[9][11]

Estudos similares realizados durante os anos 2013 e 2014 cos falaropos da Reserva Natural de Vindelfjällen (Suecia), estableceron que a súa ruta migratoria cruza Europa en dirección ao mar Negro e Caspio e desde alí continúa en dirección sur cara ao mar de Arabia, cunha lonxitude total de máis de 14 000 km.[12]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Xénero Phalaropus

O falaropo bicofino é unha ave neognata da orde Charadriiformes, que se encadra na familia Scolopacidae, na que constitúe o xénero Phalaropus, xunto con outras dúas especies: o falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius) e o falaropo de Wilson (Phalaropus tricolor).[13]

Describiuna cientificamente por primeira vez en 1758 Carl Linnaeus na súa obra Systema naturae, co nome de Tringa tobata (sic).[14] En 1760 reclasificouse no xénero Phalaropus, creado polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson,[15] cuxo nome provén da unión das palabras gregas phalaris, 'galiñola', e pous 'pés', 'pés de galiñola', en referencia á semellanza entre os pés dos falaropos e das galiñolas (Fulica). O termo lobatus (lobado) fai referencia á forma das dedas do falaropo bicofino.[5]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Plumaxe de inverno

É a especie de menor tamaño das tres especies de falaropos. Mide uns 18 cm de lonxitude, pesa entre 20  e 48 g e ten unha envergadura alar de 30–34 cm, e a femia é lixeiramente meirande que o macho. O seu bico é totalmente negro, fino e bicudo; o iris é marrón avermellado moi escuro e o anel ocular é negro durante todo o ano; as patas son de cor gris escura nos exemplares adultos e rosa azulada nos xoves.[16] Posúe unha densa plumaxe na súa zona ventral, o cal lle permite atrapar unha gran cantidade de aire que actúa como unha capa impermeabilizante e proporciónalle unha gran flotabilidade, á vez que lle impide mergullarse.[5]

Plumaxe invernal[editar | editar a fonte]

Macho en plumaxe nupcial

Durante a época invernal ambos os sexos posúen unha plumaxe similar e pouco rechamante, coa cabeza, pescozo, peito e ventre de cor branca ou branca levemente griseira; a plumaxe de cor cinza, coas bordos das plumas coberteiras secundarias e escapulares beirados de branco. As ás están cruzadas por unha faixa branca que é moi visible en voo e que tamén manteñen durante o verán. Na cabeza posúen unha mancha negra que abrangue desde o píleo ata a caluga e un parche ocular alongado, tamén de cor negra, que se estende cara a atrás, trazando unha lixeira curva en dirección aos laterais do pescozo.[17] As observacións de exemplares con esta plumaxe en territorio europeo son sumamente escasas.[18]

Plumaxe nupcial[editar | editar a fonte]

Femia en plumaxe nupcial

A plumaxe das femias durante o período de cría é dun colorido moito máis intenso que a dos machos, presenta a cabeza, pescozo e laterais do peito de cor gris escura, cunha pequena mancha superciliar de cor branca. Posúe unha mancha, tamén de cor branca, na gorxa baixo a base do bico, beireada por debaixo por outra máis ampla, de cor marrón avermellado, e que cobre os laterais do pescozo; o manto é gris escuro con dúas bandas lonxitudinais de cor amarelada e as beiras das coberteiras son marróns amareladas.[16]

A plumaxe nupcial do macho é máis discreta e de tons máis claros: a súa cabeza é de cor gris, dun ton máis claro que a da femia e que vai aclarándose a medida que descende polo pescozo e peito, ata volverse totalmente branca no ventre. Igual que a femia, posúe unha mancha branca sobre o ollo e tamén na gorxa, mais a banda que a beirea por debaixo é dun marrón avermellado menos intenso que a da femia. A miúdo locen unhas pequenas e pouco definidas manchas brancas diante dos ollos. O seu manto é gris escuro, con manchas de cor marrón claro.[18]

Voz[editar | editar a fonte]

Chamada do falaropo bicofino

Normalmente silencioso, durante a época reprodutora a femia realiza unha danza nupcial para atraer os machos que inclúe vocalizacións monosilábicas e un son rumbante que executa coas ás.[17]

Especies similares[editar | editar a fonte]

Polo seu comportamento único e característica plumaxe é moi difícil de confundir con calquera outro limícola durante a época reprodutora. No período migratorio e invernal o seu aspecto é semellante ao do falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius), que loce unha plumaxe básica moi parecida pero que posúe un bico máis groso e menos bicudo que o de P. lobatus.[19]

Outras especies similares en plumaxe invernal e que comparten rutas migratorias co falaropo bicofino son o pilro curlibico (Calidris alpina), de tamaño similar, bico lixeiramente curvado cara a abaixo e manto, cabeza e pescozo de cor parda; o pilro ferruxento (Calidris ferruginea), de maior tamaño, con plumaxe similar ao de C. alpina pero con patas e bico de maior lonxitude e o pilro bulebule (Calidris alba), do que se diferencia doadamente por ter este a cabeza totalmente branca.[20]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Técnica de captura de alimento.

Durante a época de cría a alimentación do falaropo bicofino baséase nas larvas de insectos de auga doce, principalmente mosquitos. Tamén consomen tricópteros, formigas, anélidos e vermes poliquetos, e ocasionalmente sementes. Nos meses de invernada en augas oceánicas nútrense exclusivamente de zooplancto en áreas nas que as correntes mariñas o fan emerxer á superficie, principalmente copédpodos da orde Calanoida e Euphausiacea (kril), así como pequenos peixes e medusas, que capturan só ocasionalmente.[5]

Ao contrario que a maioría de limícolas, as tres especies do xénero Phalaropus aliméntanse case exclusivamente mentres nadan sobre a superficie da auga, utilizando unha técnica de captura única entre as aves consistente en nadar trazando círculos pechados para crear remuíños que fagan aflorar o alimento á superficie[5] desde unha profundidade de ata 50 cm,[21] momento no que é capturado con rápidos movementos do bico e transportado á boca aproveitando a tensión superficial da auga.[22]

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Nube de dípteros no lago Myvatn.

O trazo máis distintivo dos falaropos picofinos, así como das outras dúas especies de falaropos, é o seu dimorfismo sexual inverso, que se caracteriza pola diferenza de plumaxes nupciais entre os sexos e polo seu infrecuente método de emparellamento, no que moitos dos roles sexuais están invertidos, recaíndo sobre os machos as tarefas de incubación dos ovos e coidado dos polos ata a súa emancipación.[23]

Este peculiar e pouco habitual comportamento dáse tamén nalgunhas outras aves da orde Charadriiformes, como nas das familias Turnicidae ou Jacanidae.[24] Segundo o estudo dos biólogos Owens e Hartley,[25] o dimorfismo sexual nas aves no que se refire á diferente coloración da plumaxe, está intimamente relacionada co comportamento reprodutor, o coidado da prole e a selección natural, primando as características crípticas naqueles individuos encargados da incubación dos ovos e coidado dos fillos.

Durante o período reprodutor son aves xeralmente solitarias e pouco territoriais, agás para defender o seu niño ou ao seu compañeiro. Durante o tránsito migratorio e a época de invernada o seu comportamento tórnase tremendamente gregario.[5]

As poboacións de falaropos xogan un papel fundamental no ecosistema ártico como depredadores dos dípteros, así como das súas larvas, que eclosionan nas lagoas e pozas da tundra ártica durante o seu breve verán. O lago Myvatn (Islandia) e o seu sistema hídrico anexo é un importante lugar de cría para o falaropo bicofino, tanto polas favorables condicións climáticas do lugar coma pola extraordinaria abundancia de presas durante os momentos máis críticos da fase reprodutiva. Calcúlase que no lago existen 100 000 larvas de dípteros da especie Chironnomidae islandicus por metro cadrado,[26] que constitúen a base alimenticia dos falaropos bicofinos e doutras moitas especies que se reproducen nesa zona.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Cópula
Ovos de falaropo bicofino

Os falaropos bicofinos reprodúcense nas zonas árticas e subárticas de todo o hemisferio norte, arredor de pozas, lagoas e lagos pouco profundos de auga doce ou pequenos cursos de auga pouco caudalosos.[27] A chegada dos primeiros exemplares aos territorios de cría prodúcese ao longo da segunda quincena do mes de maio,[28] co seu máximo durante a última semana dese mes e a primeira semana de xuño.[29] A formación das parellas reprodutoras ocorre habitualmente durante o tránsito migratorio e aqueles exemplares que non puideron emparellarse durante a migración, conségueno aos poucos días da súa chegada á zona de cría.[29] As femias de falaropo bicofino son as encargadas de seleccionar os lugares axeitados para establecer o niño[6] e son as que cortexan e loitan por atraer aos machos. Unha vez que a femia conseguiu atraer a atención dun macho, ambos os dous diríxense á auga para copular,[5] comezando inmediatamente a construción dun niño que consiste nun simple burato no chan, tapizado con herbas, musgo e liques e situado moi preto da auga, con clara preferencia polas zonas con xuncos ou herbas de mediana altura fronte a outras con arbustos ou vexetación moi densa.[6]

Poliño con poucos días de vida

As femias son poliándricas e con frecuencia intentan atraer outros machos e establecer outros niños en canto finalicen a posta anterior. A miúdo dáse o caso de que os ovos dun mesmo niño foron fecundados por dous ou máis machos.[30] En caso de depredación do niño, os machos poden volver a emparellarse coa mesma ou outra femia para intentar sacar adiante unha rolada por segunda vez. A miúdo, a femia comeza a súa migración inmediatamente tras rematar a posta.[5]

A posta consiste en catro ovos (ás veces só tres) de cor verde oliváceo a marrón claro, con abundantes manchas irregulares de cor marrón escura[20] e de 12 mm de anchura por 39 mm de lonxitude.[31] Son incubados exclusivamente polo macho, que desenvolve dous parches de incubación no ventre para facilitar a transferencia de calor.[5] Aos 17-21 días do inicio da incubación os ovos comezan a eclosionar en días sucesivos. As crías son nidífugas, xa que abandonan o niño ás poucas horas de romper o cascavello e, aínda que poden desprazarse e procurar alimento de seu desde o primeiro momento, permanecerán baixo a vixilancia e protección do macho durante outros 18-22 días ata a súa emancipación definitiva.[6] Os polos tornarán ao ano seguinte ao mesmo territorio de cría como adultos reprodutores.

A súa esperanza de vida é de cinco anos, cun máximo de nove.[32]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Macho de falaropo en plumaxe de transición.

Estímase que o número de exemplares desta especie está entre os 3 600 000 e os 4 500 000 individuos. A tendencia é decrecente[1] como consecuencia de diversos factores, entre os que están a contaminación industrial (nas rexións árticas) e os pesticidas agrícolas, a pesca intensiva, e as verteduras de petróleo. Diversos estudos parecen indicar que os Phalaropus lobatus son especialmente sensibles ás variacións no hábitat das súas áreas de cría e que estes cambios traen aparellados un descenso na taxa de reprodución da especie. Algúns estudos citan o incremento das poboacións do ganso Chen caerulescens no Canadá e o conseguinte sobrepastoreo nas pradeiras subárticas como unha das causas probables do descenso do número de parellas reprodutoras.[6]

Ao contrario, a progresiva diminución da actividade gandeira ovina no norte das illas británicas tamén se relaciona coa progresiva diminución da poboación estival de falaropo bicofino. O cesamento do pastoreo ocasionou neste caso a proliferación e crecemento descontrolado da vexetación que invadiu e colmatou as pozas e lagoas utilizadas polos falaropos para construír os seus niños.[33] A restauración desas pozas e a reintrodución do gando ovino na illa Fetlar do arquipélago das Shetland tivo un efecto beneficioso inmediato na recuperación da poboación de falaropos.[34]

A ave conta con protección en moitos dos países onde cría. O saqueo dos seus niños está prohibido en Gran Bretaña desde 1954 pola Lei de Protección das Aves.[35] Nos Estados Unidos está protexida pola Lei do Tratado de Aves Migratorias[36] e no Canadá pola Lei da Convención de Aves Migratorias.[37]

O seu estado de conservación catalogouse como "pouco preocupnte" pola IUCN.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. GBIF. "Lobipes lobatus (Linnaeus, 1758)". Consultado o 25 de maio de 2016. 
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Univeristy of Michigan, Museum oz Zoology. "Phalaropus lobatus". Animal Diversity Web. Consultado o 23 de maio de 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Committee on the Status of Endangered Wildlife in Canada (2014). "Assessment and Status Report on the Red-necked Phalarope Phalaropus lobatus in Canada" (PDF). Consultado o 26 de maio de 2016. 
  7. Nature Gate. "Faloropo picofino". Consultado o 24 de maio de 2016. 
  8. Smith, Malcolm; Bolton, Mark; Okill, David J.; Summers, Ron W.; Ellis, Pete; Liechti, Felix; Wilson, Jeremy D. (20 de agosto de 2014). "Geolocator tagging reveals Pacific migration of Red-necked Phalarope Phalaropus lobatus breeding in Scotland". IBIS. International Journal of Avian Science. doi:10.1111/ibi.12196. 
  9. 9,0 9,1 9,2 British Onithologists' Union (22 de septembro de 2014). "Shetland’s phalaropes go WHERE . . . ?!". Consultado o 24 de maio de 2016. 
  10. Royal Society for the Protection of Birds (RSPB) (9 de xaneiro de 2014). "Tiny tag reveals record-breaking bird migration". Consultado o 16 de outubro de 2016. 
  11. BBC (9 de xaneiro de 2014). "Tag uncovers Shetland bird's 16,000 mile winter migration". Consultado o 28 de maio de 2016. 
  12. Van Bemmelen, Rob S. A.; Hungar, Johannes; Tulp, Ingrid; Klaassen, Raymond H. G. (30 de outubro de 2015). "First geolocator tracks of Swedish red-necked phalaropes reveal the Scandinavia-Arabian Sea connection". Journal of Avian Biology. doi:10.1111/jav.00807. Consultado o 24 de maio de 2016. 
  13. Gill, F & D Donsker (coordinadores). 2012. IOC World Bird Names (v 3.2).
  14. Linnaeus, Carl (1758). Systema naturæ per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata (en latín). Estocolomo: Laurentius Salvius. p. 148. 
  15. Peterson, A. P. "Charadriiformes" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2016. Consultado o 23 de maio de 2016. 
  16. 16,0 16,1 SEO Birdlife. "Falaropo picofino". Consultado o 23 de maio de 2016. 
  17. 17,0 17,1 Svensson, Lars; Mullarney, Killian; Zetterström, Dan (1999). Guía de aves de España, Europa y la región mediterránea (2010 ed.). Omega. p. 162. ISBN 9788428215336. 
  18. 18,0 18,1 Jonsson, Lars (1993). Aves de Europa (1994 ed.). Omega. p. 254. ISBN 84-282-1007-1. 
  19. Neotropical birds, The Cornell Lab of Ornitology. "Phalaropus lobatus". Consultado o 9 de outubro de 2016. 
  20. 20,0 20,1 Audubon. "Falaropo Cuello Rojo". Consultado o 25 de maio de 2016. 
  21. SeaLifeBase. "Phalaropus lobatus (Linnaeus, 1758)". Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  22. Rubega, Margaret A.; Obst, Bryan S. (2 de abril de 1993). "Surface tension feeding in Phalaropes: Discovery of a novel feeding mechanism" (PDF). The Auk. A Quarterly Journal of Ornithology. Vol. 110. Consultado o 25 de maio de 2016. 
  23. Warnock, Nils & Sarah (2001). "Sandpipers, Phalaropes and Allies". En Elphick, Chris; John B. Dunning, Jr. & David Sibley. The Sibley Guide to Bird Life and Behaviour (en inglés). Londres: Christopher Helm. ISBN 0-7136-6250-6. 
  24. Ferguson-Lees, James; Christie, David A. (26 de febreiro de 2006). Raptors of the World. Princeton University Press. p. 35. ISBN 978-0691126845. 
  25. Ian P.F., Owens; Ian R., Hartley (1998). "Sexual dimorphism in birds: why are there so many different forms of dimorphism?". The Royal Society. 
  26. Iceland insects. "Flies-Hymenopterants". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2016. Consultado o 25 de maio de 2016. 
  27. Norwegian Polar Institute. "Red-necked phalarope (Phalaropus lobatus)". Consultado o 12 de outubro de 2016. 
  28. Sandercock, B. K. (1997). "The breeding biology of Red-necked Phalaropes Phalaropos lobatus at Nome, Alaska" (PDF). Simon Fraser University. Wader Study Group Bulletin. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xullo de 2016. Consultado o 12 de outubro de 2016. 
  29. 29,0 29,1 Hilden, Olavi; Vuolanto, Seppo (10 de decembro de 1972). "Breeding biology of the Red-necked Phalarope Phalaropus lobatus in Finland" (PDF). Departamento de Bioloxía da Universidade de Helsinki. Consultado o 12 de outubro de 2016. 
  30. Dale, James; Montgomerie, Robert; Michaud, Denise; Boag, Peter (24 de agosto de 1998). "Frequency and timing of extrapair fertilisation in the polyandrous red phalarope (Phalaropus fulicarius)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de agosto de 2016. Consultado o 28 de maio de 2016. 
  31. English, Willow Bernadette (2014). "The evolutionary ecology of reproductive traits in the red-necked phalarope (Phalaropus lobatus)". Simon Fraser University. 
  32. Enciclopedy of Life. "Phalaropus lobatus". Consultado o 28 de maio de 2016. 
  33. Wildscreen arkive. "Red-necked phalarope (Phalaropuslobatus)". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2016. Consultado o 25 de maio de 2016. 
  34. Bolton, Mark; Smith, Malcolm; Ellis, Pete. "Shetland red-necked phalaropes: improved knowledge and better prospects" (PDF). RSPB.org. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de setembro de 2015. Consultado o 26 de maio de 2016. 
  35. Legislation.gov.uk. "Protection of Birds Act 1954" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2016. 
  36. "Subchapter II — Migratory Bird Treaty". 1918. Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2016. Consultado o 27 de maio de 2016. 
  37. Government of Canada, Justice Laws Website. "Migratory Birds Convention Act, 1994". Consultado o 27 de maio de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]