Escolopácidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Scolopacidae»)
Escolopácidos
Scolopacidae

Rango fósil: Rupeliano - Actualidade

Arenaria interpres
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Suborde: Scolopaci
Familia: Scolopacidae
Rafinesque, 1815
Xéneros
Véxase o texto
Calidris minutilla, o escolopácido máis pequeno
Limosa lapponica e Thalasseus bergii, voando en Australia Occidental

A dos escolopácidos, Scolopacidae, é unha familia de aves da orde dos caradriformes e suborde dos escolopacios (Scolopaci).

A familia inclúe numerosas especies de limícolas, a maioría das cales comen pequenos invertebrados recollidos do barro, da lama ou do chan. As diferentes lonxitudes dos seus picos permiten que diferentes especies se alimenten no mesmo hábitat, especialmente nas costas, sen competencia directa pola alimentación.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1815 polo naturalista estadounidense de orixe franco-xermana-italiana Constantine Samuel Rafinesque,[1] na páxina 70 da súa obra:

Rafinesque, Constantine Samuel (1815): Analyse de la nature ou, Tableau de l'univers et des corps organisés, publicada en Palermo.

Xéneros[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense na familia os seguintes xéneros:[1]

Características[editar | editar a fonte]

Ovos dun escolopácido nun niño
Gallinago gallinago
Tringa nebularia na India

Os escolopácidos teñen corpos e patas longos e ás estreitas. A maioría das especies teñen un pico estreito, de forma e lonxitude bastante variábeis. Son aves de tamaño pequeno a mediano, que miden de 12 a 66 cm de lonxitude. Os picos son sensíbeis, o que permite a estas aves sentir no barro ou na area mentres buscan o alimento. Polo xeral teñen unha plumaxe apagada, con patróns crípticos de cor marrón, gris ou con estrías, aínda que algúns presentan cores máis brillantes durante a época de cría.[2]

A maioría das especies aniñan en zonas abertas, e defenden os seus territorios con exhibicións aéreas. O niño en si é un simple burato no chan, no que as femias normalmente poñen tres ou catro ovos. As crías da maioría das especies son nidífugas (teñen, ao naceren, un estado de desenvolvemento avanzado, sendo capaces de levar unha vida independente da dos seus proxenitores).[2]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Hai catro maneiras de alimentación empregadas polos escolopácidos, aínda que moitas especies son flexíbeis e poden usar máis dunha maneira. O primeiro é o picoteo con sondaxes ocasionais, normalmente realizados por especies en hábitats máis secos que non teñen solos brandos nin barro. O segundo, e máis frecuente, é a sondaxe de solos brandos, lodos e areas en busca de presas. O terceiro, que usan os as especies do xénero Tringa, consiste en correr en augas pouco profundas co pico debaixo da auga perseguindo aos peixes, un método que utiliza a vista e os sentidos táctiles. O método final, empregado polos falaropos,[3] e algunhas especies do xénero Calidris, consiste en peteirar a auga para buscar pequenas presas.[2] Algunhas especies de escolopácidos son omnívoros até certo punto, comendo tamén sementes e rebentos, así como invertebrados.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Moitos escolopácidos forman parellas monógamas, pero algúns teñen o coidado parental só de femias, outros os coidados parentais só son dos machos, algúns son poliándricos secuenciais, e outros compiten pola parella no territorio de reprodución. As femias dos escolopácidos poñen tres ou catro ovos no niño, que adoita ser unha depresión no terreo aberto, apenas forrado de vexetación branda.[4] Nas especies onde ambos os pais incuban os ovos, as femias e os machos comparten os seus deberes de incubación de varias maneiras. Nalgunhas parellas, os pais intercámbianse no niño pola mañá e pola noite para que o ritmo de incubación sexa das 24 horas do día; noutras, cada sexo pode deitarse no niño continuamente até 24 horas antes de ser substituído pola súa parella.[5] Nas especies onde só un só proxenitor incuba os ovos, durante a noite o proxenitor déitase sobre os ovos case continuamente e despois, durante a parte máis cálida do día, abandona o niño para alimentarse brevemente.[6] Os pitos eclosionan despois dunhas tres semanas de incubación e son capaces de camiñar e alimentarse nunhas poucas horas despois da eclosión. Un pai solteiro ou os dous proxenitores guían e crían os pitiños.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Scolopacidae Rafinesque, 1815 na BioLib. Consultada o 7 de setembro de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 Harrison, Colin J. O. (1991): Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. ISBN 1-8539-1186-0, pp. 103–105.
  3. falaropo en Digalego.
  4. 4,0 4,1 Piersma, Theunis (1996): "Family Scolopacidae (Snipes, Sandpipers and Phalaropes)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (eds.) Handbook of the Birds of the World. Volume 3, Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-420-7, pp. 444–487.
  5. Bulla, Martin; Valcu, Mihai; Dokter, Adriaan M.; Dondua, Alexei G.; Kosztolányi, András; Rutten, Anne L.; Helm, Barbara; Sandercock, Brett K. & Casler, Bruce (2016): "Unexpected diversity in socially synchronized rhythms of shorebirds". Nature 540 (7631): 109–113.
  6. Løfaldli, Lars (1985): "Incubation Rhythm in the Great Snipe Gallinago media". Holarctic Ecology 8 (2): 107–112.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]