Cada ano, o festival acolle máis de 600 proxeccións con aproximadamente 150.000 asistentes e premia a artistas independentes en 23 categorías competitivas con xurado.[1]
Con preto de 250 filmes e máis de 1.000 proxeccións en 2006 e 2007, o de TriBeCa é hoxe en día un dos festivais de cinema máis destacados no mundo. O seu programa ofrece aos asistentes unha gran variedade de filmes independentes, incluíndo documentais, curtametraxes e longametraxes narrativos, e un programa de filmes aptos para toda a familia. Conta tamén con mesas redondas, onde discuten diversas personalidades do mundo do entretemento, e un salón musical, producido en conxunto coa ASCAP (Sociedade Americana de Compositores, Autores e Editores), para permitir a exhibición de artistas consagrados e novatos. Un dos compoñentes máis distintivos do festival son os seus premios Artists Awards, no que artistas tanto emerxentes como recoñecidos outórganlle obras de arte orixinais aos gañadores do festival. Algúns dos artistas que colaboraron con estes premios son Chuck Close, Alex Katz e Julian Schnabel.
Malia isto, algúns críticos afirman que o Festival de Cinema de Tribeca é tan só unha plataforma de lanzamento para grandes producións de Hollywood e proxectos dirixidos por celebridades, e que non se cumpre co obxectivo de axudar aos cineastas ou á comunidade independente de Nova York.