Cinta de vídeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Videocinta»)
Cintas de vídeo en distintos formatos

Unha cinta de vídeo ou fita de vídeo é un medio de almacenamento de imaxes de vídeo acompañadas con son nunha fita magnética mediante unha máquina coñecida como magnetoscopio.

A cinta de vídeo é unha parte integral da tecnoloxía do vídeo que impactou fondamente a industria audiovisual. Primeiro, foi controlada pola industria da televisión e despois expandiuse a todos os sectores do mercado, xa que constituíu un novo xeito de distribuír a información e unha nova forma de entretemento.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

En practicamente todos os casos, emprégase o método de gravación por exploración helicoidal onde un cabezal de vídeo rota contra o movemento da fita para gravar a información. Debido a que os sinais de vídeo teñen unha frecuencia alta, a velocidade relativa fita-cabezal debe ser tamén moi elevada polo que os cabezais estáticos requirían que a fita correse a velocidade moi alta.

Este tipo de cintas se empregaban para almacenar filmes e gravacións. En moitos casos, un cabezal helicoidal realiza unha rotación na cinta en movemento para gravar os datos en dúas dimensións. Ao ter os sinais de vídeo un alto largo de banda, os cabezais estáticos requiren altas velocidades de gravación.

Historia[editar | editar a fonte]

A división de electrónica da compañía de produción do cantante e empresario estadounidense Bing Crosby, Bing Crosby Enterprises, presentou a primeira demostración dunha gravación de vídeo nos Ánxeles o 11 de novembro de 1951. Desenvolvido polos estadounidenses John Thomas Mullin e Wayne R. Johnson desde 1950, o dispositivo proporcionou imaxes descritas como "borrosas e indistintas" utilizando unha gravadora de cinta Ampex Modelo 200 modificada e unha fita de son estándar dun cuarto de polgada de largo (0,6 cm) que se movía a 360 polgadas (9,1 m) por segundo.[1][2] Un ano despois, unha versión mellorada con fita magnética dunha polgada de largo (2,54 cm) foi mostrada perante a prensa, que segundo os informes expresou asombro pola calidade das imaxes, aínda que tiñan unha "calidade granulada persistente que parecía un filme en movemento". En xeral, a calidade de imaxe aínda se consideraba inferior ás mellores filmacións realizadas mediante o kinescopio en fita de cinema, que se empregaron para apoiar programas de televisión.[3] Bing Crosby Enterprises agardaba ter unha versión comercial dispoñible en 1954, mais non apareceu ningunha.[4]

Asemade, no Reino Unido, enxeñeiros e técnicos da rede estatal de difusión BBC experimentaron desde 1952 ata 1958 cun sistema de cinta de vídeo lineal de alta velocidade chamado VERA, mais isto foi inviable en última instancia. Este sistema empregaba cinta de media polgada (1,27 cm) subministrada en carretes de 20 polgadas de diámetro e que se movía a 200 polgadas (5,08 m) por segundo.

Pola súa parte, a empresa estadounidense RCA demostrou a gravación en fita magnética de programas de televisión en branco e negro e en cor nos seus laboratorios de Princeton o 1 de decembro de 1953.[5][6] O sistema de fita lonxitudinal de alta velocidade, chamado Simplex, que estaba en desenvolvemento desde 1951, podía gravar e reproducir só uns minutos dun programa de televisión. O sistema de codificación de cor NTSC uso cintas de media polgada (1,3 cm) en carretes de 10,5 polgadas para gravar cinco pistas, unha para cada unha das cores primarias (vermello, azul e verde), unha para sinais de sincronización e outra para o sinal de son. O sistema en branco e negro utilizaba cinta dun cuarto de polgada (0,6 cm) que tamén estaba provista de carretes de 10,5 polgadas de diámetro con dúas pistas, unha para vídeo e outra para son. Ambos os sistemas transportaban a cinta a 360 polgadas (9,1 m) por segundo e os carretes estaban provistos con 2500 pés de cinta.[7] A cadea estadounidense de televisión NBC, propiedade de RCA, empregouno por primeira vez no seu programa The Jonathan Winters Show o 23 de outubro de 1956 cando unha secuencia en cor de cancións pregravada pola cantante Dorothy Collins se incluíu no programa de televisión en vivo.[8][9]

En 1953, o inventor xaponés Dr. Norikazu Sawazaki, da empresa Tokyo Shibaura Electric Company (Toshiba), iniciou no seu país o desenvolvemento dun prototipo de fita de vídeo de exploración helicoidal, despois de ler sobre a demostración de RCA.[10]

Bing Crosby Enterprises demostrou un sistema de gravación de vídeo en cor en febreiro de 1955 empregando unha gravación lonxitudinal en fita de media polgada de largo (1,3 cm). CBS, o competidor de RCA, estaba a punto de adquirir máquinas a Bing Crosby Enterprises, cando Ampex introduciu o sistema Quadruplex, de calidade superior.[2] Bing Crosby Enterprises foi adquirida pola multinacional estadounidense 3M Company en 1956.

O 2 de marzo de 1955, o Dr. Sawazaki solicitou unha patente para o desenvolvemento que viña realizando desde 1953 e que se emitiu o día 26 de maio de 1959. Ese ano, Toshiba lanzou a primeira gravadora de cinta de vídeo de exploración helicoidal comercial para uso profesional.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Tape Recording Used by Filmless 'Camera'". 12 de novembro de 1951. 
  2. 2,0 2,1 Daniel, Eric; Mee, C. Denis; Clark, Mark H. (1999). Magnetic Recording: The First 100 Years (1 ed.). John Wiley & Sons. p. 141. Consultado o 22 de agosto de 2019. 
  3. "Tape-Recorded TV Nears Perfection" (en inglés). The New York Times. 31 de decembro de 1952. 
  4. Hills, Gladwin (1 de maio de 1953). "New Deal on TV Seen at Parley". The New York Times. 
  5. "Magnetic Tape Used By RCA to Photograph Television Program". The Wall Street Journal. 2 de decembro de 1953. 
  6. "Color TV on Tape". Popular Mechanics (en inglés) (Popular Mechanics Company): 157. abril de 1957. Consultado o 22 de agosto de 2019. 
  7. Wolpin, Stewart (outono de 1994). "The Race to Video". Invention & Technology (en inglés) 10 (2). Archived from the original on 04 de abril de 2011. Consultado o 22 de agosto de 2019. 
  8. Griswold, Wesley S.; Mann, Martin (febreiro de 1960). "TV goes to tape". Popular Science (en inglés) 176 (2): 238. Consultado o 22 de agosto de 2019. 
  9. Reitan, Ed (8 de marzo de 2004). "RCA-NBC Firsts in Color Television". Ed Reitan's Color Television History (en inglés). Consultado o 22 de agosto de 2019. 
  10. 10,0 10,1 Abramson, Albert (2008). The History of Television, 1942 to 2000 (en inglés). Jefferson, North Carolina: McFarland & Company, Inc. Publishers. p. 87. ISBN 9780786432431. Consultado o 22 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]