Montaxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Mesa de montaxe convencional.

A montaxe ou edición é un proceso que consiste en seleccionar, ordenar e axustar os planos dun filme ou outro produto audiovisual a fin de alcanzar o resultado desexado, sexa en termos narrativos, informativos, dramáticos, visuais, experimentais etc. En xeral, a montaxe é realizada polo montador, nun equipamento compatíbel coa tecnoloxía empregada na realización do produto, baixo a supervisión do director ou, nalgúns casos, do produtor.[1]

Como se realiza tras a filmación, a montaxe é un proceso de posprodución e durante moito tempo foi considerada como o único proceso orixinal do cinema, aquilo que convertería o cinema nunha arte ou nunha linguaxe diferenciada das demais. Hoxe, no entanto, varios autores consideran que hai moitas semellanzas entre a montaxe e os procesos de composición noutras formas artísticas, tales como a poesía ou a novela.[2]

Conceptos de montaxe[editar | editar a fonte]

A máquina orixinal de edición, unha moviola.

A montaxe no cinema (e, por extensión, en calquera medio audiovisual) pode ser entendida de tres maneiras distintas: como unha habilidade, como unha técnica e como unha arte.[3]

Montaxe-habilidade[editar | editar a fonte]

Como habilidade, a montaxe pode describirse como unha serie de procedementos utilizados para arranxar as imaxes e os sons dun filme, até que este adquira a súa forma definitiva. O conxunto das habilidades necesarias para o proceso de montaxe varía moito se se monta en película, en vídeo ou en sistema dixital.

En película, móntase (ou montábase) nun aparello chamado mesa de montaxe (ou moviola), co auxilio dunha coladeira, tesoira e fita adhesiva.[4] O acto de montar un filme (dende o punto de vista da habilidade) consiste en cortar anacos da película, seleccionalos, rearranxalos e colalos. O filme montado é un rearranxo de partes seleccionadas do filme orixinal non montado. A propia bitola do filme determina procedementos mecánicos distintos (e polo tanto unha habilidade distinta) na súa montaxe: montar en 35 mm é distinto de montar en 16 mm ou Super 8.

En vídeo, móntase (ou montábase) nun sistema chamado illa de edición, que consiste en dous ou máis aparellos de vídeo ligados a un controlador de edición.[5] O acto de montar (ou editar) un vídeo consiste en copiar fragmentos seleccionados dunha fita para outra, dándolles un novo arranxo. O vídeo montado é unha copia electrónica de fragmentos seleccionados e rearranxados do vídeo orixinal (non montado). O propio sistema de vídeo utilizado determina procedementos mecánicos distintos (e polo tanto unha habilidade distinta) na súa montaxe: montar en VHS é distinto de montar en U-matic ou Betacam.

En sistema dixital, móntase na memoria dun computador, a través dun programa de montaxe. O acto de montar (ou compor) un filme ou vídeo en sistema dixital consiste só en seleccionar e rearranxar fragmentos dentro da memoria do computador. O filme montado é unha proxección virtual (que non existe fisicamente en parte algunha) de fragmentos seleccionados e rearranxados do filme orixinal (non montado).[6] O propio programa utilizado determina procedementos mecánicos distintos (e por tanto unha habilidade distinta) na montaxe: montar en Final Cut Pro é distinto de montar en Avid ou en Premiere.

O responsable da montaxe-habilidade dun produto audiovisual é o operador do equipamento.

Montaxe-técnica[editar | editar a fonte]

Como técnica, a montaxe é un conxunto de regras, camiños e atallos (e até mesmo a posibilidade sempre aberta de modificar, atualizar e subverter esas regras) para obter o mellor resultado posíbel a partir dun material previamente filmado.

A técnica da montaxe é a mesma se se trata de película, vídeo ou sistema dixital, e non depende da bitola do filme, do sistema de vídeo ou do programa de montaxe empregado.[7]

O responsábel da montaxe-técnica dun produto audiovisual é o montador ou editor, que moitas veces pode ser o propio operador do equipamento, e polo tanto acumular as dúas funcións.

Montaxe-arte[editar | editar a fonte]

Como arte, a montaxe refírese a unha concepción xeral do filme, que comeza na planificación anterior á filmación (decupaxe), inclúe a propia forma de filmar (a execución da decupaxe) e a montaxe propiamente dita.

A arte da montaxe, evidentemente, é a mesma se se trata de película, vídeo ou sistema dixital, e tampouco depende da bitola do filme, do sistema de vídeo ou do programa de montaxe utilizado. No entanto, moitas veces úsanse palabras distintas: montaxe para filme, edición para vídeo, composición para algúns programas dixitais -ou, ás veces, montaxe para a imaxe, edición para o son. Realmente, a única diferenza real entre montaxe e edición é que unha palabra vén do francés (montage) e a outra do inglés (edition), significando rigorosamente a mesma cousa: a habilidade, a técnica e a arte de colocar un produto audiovisual na súa forma definitiva, seleccionando e rearranxando as imaxes e os sons orixinalmente captados.

O responsábel da montaxe-arte dun produto audiovisual é, en principio, o director, aínda que, nalgunhas situacións absolutamente industriais, o produtor asume esa responsabilidade, en parte ou en conxunto.

Edición de vídeo[editar | editar a fonte]

A edición de vídeo é o proceso de corte e montaxe de imaxes en movemento captadas por medio electrónico (vídeo) e rexistradas de forma analóxica ou dixital, podendo ocorrer de forma linear ou non linear.

A edición é o ordenamento das imaxes gravadas na secuencia en que o vídeo será presentado, pois en función de optimizar o fluxo de traballo durante as gravacións estas non sempre son feitas na orde correcta; alén disto, unha mesma escena grávase diversas veces eventualmente en ángulos distintos, o que volve obrigatoria unha ordenación, ou montaxe posterior.

Conceptualmente a edición de vídeo consiste en decidir que tomas usar e unilas na secuencia desexada sexa ela cronolóxica ou non. O tempo e a orde delas funciona como outra forma de narrativa visual; o ritmo do vídeo dáse principalmente pola edición. É tamén durante a edición cando se insiren efectos especiais, bandas sonoras, letreiros e eventualmente subtítulos.

A edición linear faise con sistemas baseados en reprodutores e gravadores (sexan analóxicos ou dixitais) ligados entre si por un controlador de edición. Neste caso o acceso ás imaxes é sempre secuencial, ou sexa, o editor precisa percorrer o que foi gravado, na secuencia de captación, até acceder á escena ou toma que lle interesa para aí rexistrala no gravador. Este tipo de edición facíase con imaxes captadas en fitas de vídeo: o editor avanzaba ou rebobinaba as fitas nos reprodutores até achar o fragmento desexado e copiábao nunha fita virxe; a próxima escena gravábase na secuencia e así sucesivamente. No caso de que houbese un erro, era posíbel gravar por riba; porén, se o tempo da nova escena fose maior que o da escena substituída (anteriormente existente), a edición debería ser refeita, porque non se podía "empurrar" algo xa gravado na fita. Os controis de edición podían ser programábeis e controlar diversas máquinas.

Unha illa de edición linear compúñase dun ou máis reprodutores de videocassete -onde se colocaba a fita de vídeo coa gravación orixinal; un gravador, onde se colocaba a fita que se había de editar e un controlador de edición, que controlaba as dúas (ou tres) máquinas. A fita que contiña a edición final chamábase master.[8]

A edición non linear faise con sistemas baseados en computadores onde as imaxes son "capturadas", dixitalizadas e divididas. Así todo o proceso faise no ambiente dixital, o que permite o acceso instantáneo das imaxes fóra de calquera secuencia preestablecida, alén disto a orde das escenas editadas pode ser alterada pois as escenas escollidas poden ser "empurradas", sobrepostas ou borradas facilmente.

A alimentación dun sistema non linear pode facerse tamén con imaxes captadas en fitas, mais hoxe en día gran parte da captación das imaxes en vídeo faise con equipamentos dixitais que almacenan as imaxes en tarxetas de memoria, discos duros ou discos ópticos. A edición non linear dá ao editor un maior control do traballo de montaxe das imaxes.

Unha illa de edición non linear básica está constituída por un computador, software de edición de imaxes, software de edición de son, dous monitores de computador, un monitor-televisor, un videotape, e os periféricos usuais (teclado, rato, caixas de son).[9][10]

A conexión firewire transmite os datos do micro ao videotape e viceversa, a través da placa de captura (por exemplo, a Matrox). O material que está a ser editado previsualízase no monitor de preview.

Pódese tamén pensar na edición de vídeo como algo máis alá do simple corte de imaxes e máis como un "recorte", que se fai dalgunha realidade ou da historia que se quere contar.

Traballo de montaxe[editar | editar a fonte]

Lembrando que a maioría dos filmes, principalmente de longametraxe, ródanse fóra da orde cronolóxica, o traballo do montador é entón o de comprender todo o guión do filme, ler os plans de produción (xeralmente feitos polo axudante de dirección) e entón, nun primeiro corte, colocar todos os planos en orde da maneira prevista polo guión e eliminar planos errados ou que non deben ir na versión final do filme. Nun segundo corte, ou sexa despois de que o filme estea en orde cronolóxica segundo a trama do guión, o montador, ou os axudantes de montaxe e o director, traballan no afinamento do produto audiovisual, dando ritmo e outras características que o director ve necesarias.

Os montadores con experiencia traballan en colaboración cos directores, ou sexa, non cumpren só ordes e non teñen só coñecementos técnicos, senón que achegan coñecementos artísticos para axudar o director na escolla dos mellores enqadramentos e da selección de secuencias que deben ser cortadas ou engadidas, así como na duración dos planos e as escenas. Existen moitos libros sobre montaxe cinematográfica. Un dos autores máis famosos nesta área foi o cineasta ruso Sergei Eisenstein.

O traballo de montaxe dun filme demórase e esixe moita paciencia, pois moitas veces é na posprodución cando o axudante de montaxe e o montador notan a falta de material ou erros de continuidade que deben resolverse dalgunha forma na montaxe. O equipo de produción xeralmente xa está desmontado nesa fase e vólvese entón inviábel iniciar novamente a captación de material durante a posprodución. O montador, para resolver posíbeis problemas, debe empregar os recursos de edición e o material captado que lle é facilitado. O montador e o seu asistente poden tamén traballar en colaboración co apuntador para solucionar dúbidas de continuidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. AUMONT, Jacques e MARIE, Michel: "Dicionário teórico e crítico de cinema", ed. Papirus, 2003, pp. 195-197.
  2. ESCOREL, Eduardo: "(Des)importância da montagem", em: PUPPO, Eugênio (org.): "A montagem no cinema", ed. Heco Produções, 2006, pp. 20-23.
  3. DANCYGER, Ken: "Técnicas de edição para cinema e vídeo", ed. Elsevier, 2003, pp. VIII-IX.
  4. HOLLYN, Norman: "The film editing room handbook", ed. Lone Eagle, 1990, pp. 5-31, "Preliminaries".
  5. SANTOS, Rudi: "Manual de vídeo", ed. UFRJ, 1993, pp. 191-194.
  6. VELHO, João e NIGRO, Márcio: "Vídeo e áudio digital no Macintosh", ed. Bookmakers, 2002.
  7. MURCH, Walter: "Num piscar de olhos", ed. Jorge Zahar, 2001, pp. 49-56, "métodos e máquinas".
  8. Produção de Televisão - Um Tutorial sobre Produção em Estúdio e em Campo, por Ron Whittaker, Ph.D. (trad. Graça Barreiros, M.A. e Fernando José Garcia Moreira). Edição linear e não-linear
  9. Non-linear Editing: Demystified Por Bob DiGregorio, Jr. 4 de janeiro de 1998
  10. Como funcionam as ilhas de edição não-linear (AVID)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dmytryk, Edward (1984). On Film Editing: An Introduction to the Art of Film Construction. Focal Press, Boston.
  • Eisenstein, Sergei. Towards a Theory of Montage. 
  • Knight, Arthur (1957). The Liveliest Art. Mentor Books. New American Library.
  • Morales, Morante, Luis Fernando (2000). Teoría y Práctica de la Edición en video. Universidad de San Martin de Porres, Lima, Perú
  • Murch, Walter (2001). In the Blink of an Eye: a Perspective on Film Editing. Silman-James Press. 2d rev. ed. ISBN 1-879505-62-2