Gravación e reprodución de son

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gravador da segunda guerra mundial de cinta magnética plástica. Este aparello foi o máis usado para o rexistro e reprodución de son.

A gravación e reprodución de son é a inscrición eléctrica ou mecánica e a recreación de ondas sonoras, como a voz, o canto, a música instrumental ou efectos sonoros. As dúas clases principais de tecnoloxías de gravación de son son a gravación analóxica e a gravación dixital.

A gravación analóxica acústica lógrase cun pequeno micrófono de diafragma que pode detectar cambios na presión atmosférica (ondas de son acústicas) e gravalas como ondas de son gráficas nun medio como un fonógrafo (no que un estilete fai sucos helicoidais sobre un cilindro de fonógrafo) ou unha cinta magnética (na que a corrente eléctrica do micrófono é convertida a fluctuacións electromagnéticas que modulan un sinal eléctrico). A reprodución de son analóxico é o proceso inverso, no que un altofalante de diafragma de maior tamaño causa cambios na presión atmosférica para formar ondas de son acústicas. As ondas de son xeradas por electricidade tamén poden ser gravadas directamente mediante dispositivos como os altofalantes dunha guitarra eléctrica ou un sintetizador, sen o uso de acústica no proceso de gravación, máis que a necesidade dos músicos de escoitar como están a tocar durante as sesións de gravación.

A gravación e reprodución dixital usa as mesmas tecnoloxías analóxicas, co engadido da dixitalización dos datos e sinais fonográficos, permitindo que estes sexan almacenados e transmitidos nunha maior variedade de medios. Os datos numéricos binarios dixitais son unha representación dos puntos de vector periódicos nos datos analóxicos a unha frecuencia de mostraxe a maioría das veces demasiado frecuente para que o oído humano distinga diferenzas na calidade. As gravacións dixitais non teñen que estar necesariamente a unha frecuencia de mostraxe maior, pero en xeral son consideradas de maior calidade pola súa menor interferencia por po ou interferencia electromagnética na reprodución e unha menor deterioración mecánica por corrosión ou mal manexo do medio de almacenamento.

Tecnoloxías[editar | editar a fonte]

Durante aa gravación, realízase un proceso de transdución no cal o sinal de son é transformado en variacións de voltaxe que poden almacenarse de distintos modos. As fontes pregravadas utilizan soportes moi diferentes onde almacenar o sinal de son, todo dependerá da modalidade de gravación de son empregada.

En principio, obsérvase a existencia de dous tipos de gravación diametralmente opostas: a analóxica e a dixital. O que determina a presenza dunha gravación analóxica ou dixital non é o soporte usado, senón o tipo de sinal gravado nel.

Os sinais analóxicos denomínanse así porque son «análogas» á forma do sinal orixinal. É dicir, se observásemos o sinal acústico orixinal, esta sería equivalente ao sinal resultante (xa sexa mecánica, magnética ou óptica) na súa forma.

Pola contra, o sinal dixital tradúcese en códigos binarios que xa non teñen forma, senón que son unha mera sucesión de ceros e uns (valores discretos) que, xa nada teñen que ver co sinal que os orixinou, aínda que poidan reproducila.

Para realizar unha gravación dixital é necesario un proceso previo de conversión analóxica a dixital, que converte o sinal analóxico nesa sucesión de ceros e uns.

Unha vez realizada a codificación dixital, o sinal quedará gravado sobre un soporte óptico ou magnético, tal como sucede co sinal analóxico.

No caso dos formatos dixitais, non hai formato mecánico. En cambio, existe un formato magnético-óptico que grava de forma magnética, pero reproduce de forma óptica (é o caso do minidisc ou dos CD regravables).

Dentro de cada un destes dous grupos, dependendo do tipo de gravación de son que fagamos, intervirán uns transdutores ou outros:

O son procesado dixitalmente impúxose polas vantaxes que ten con respecto ao analóxico:

  • O son analóxico non soporta a multixeración. Cada nova copia (copia de copia) produce perdas, de forma que, o sinal resultante cada vez, ten máis ruído e parécese menos ó orixinal.
  • O son analóxico degrádase con facilidade. As cintas desmagnetízanse se se lles achega un iman, os sucos dos discos de vinilo sofren alteracións co paso constante da agulla, etc.

Mentres que os soportes dixitais están en plena expansión, os analóxicos decreceron de forma exponencial. Por exemplo, a utilización do software informático para gravar e programar a programación condenou ao magnetófono de bobina aberta practicamente a un mero papel de obxecto de culto testemuñal. A longo prazo, estará confinado en museos. Igualmente, son menos frecuentes de achar os discos en formato de LP.

Sexa cal for o soporte do sinal, gravado ou directo, estes sinais eléctricos (en que foi transformado o audio), mediante cableado, son introducidos noutros equipos para procesar o sinal ou amplificarlo. Estes equipos son as mesas de son, preamplificadores ou amplificadores. Xa procesado e amplificado o sinal, ao final da cadea de son, atópase o altofalante ou altofalantes.

No altofalante, (que é un transdutor electroacústico), o sinal eléctrico é convertido novamente en variacións de presión sonora (é dicir, en son).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]