Jacques Lacan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jacques Lacan
Nome completoJacques Lacan
Nacemento13 de abril de 1901
Lugar de nacemento3.º arrondissement de Paris
Falecemento9 de setembro de 1981
Lugar de falecemento6.º arrondissement de Paris
CausaCancro colorrectal
SoterradoGuitrancourt
NacionalidadeFrancia
Relixiónateísmo
Alma máterCollège Stanislas (París) e Faculté de médecine de Paris
Ocupaciónpsiquiatra, psicanalista, tradutor, legista, aesthetician e escritor
CónxuxeSylvia Bataille e Marie-Louise Blondin
FillosJudith Miller, Sibylle Lacan e Caroline Roger-Lacan
IrmánsMarc-François Lacan
Coñecido porÉcrits e Os seminários de Lacan
Na rede
WikiTree: Lacan-11
editar datos en Wikidata ]
Caricatura de Jacques Lacan

Jacques-Marie Émile Lacan, nado en París o 13 de abril de 1901 e finado o 9 de setembro de 1981, foi un psicanalista francés. Partindo das teses de Freud chegou a ser un dos máis influentes psicanalistas do século. Baixo a consigna dun retorno a Freud, revisou os conceptos psicanalíticos a través do estruturalismo e a lingüística. Así mesmo, foron moi importantes para as súas conceptualizacións teóricas as lecturas de Husserl, Nietzsche, Hegel e Heidegger.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jacques Lacan proviña da burguesía media católica e ben pensante. Despois de estudar no colexio Stanislas, Lacan rompeu co catolicismo. Aos 16 anos admiraba a Ética de Spinoza. Un ano máis tarde fíxose nietzscheano, e despois, durante algún tempo, fascinouno Charles Maurras, de quen adoptou o esteticismo e o gusto pola lingua. Finalmente interesouse pola vangarda literaria. O seu pai desexaba que o sucedera nos negocios e lle dera un impulso decisivo ao comercio de mostaza; non comprendía nin aprobaba a súa evolución.

No París da década de 1920 orientouse cara a psiquiatría. Lacan sufría porque non o recoñecera a Société psychanalytique de París (SPP), onde non se tomaban en conta os seus traballos.

En 1934 casou con Marie-Louise Blondin. Na viaxe de vodas por Italia, Lacan descubriu a cidade de Roma, da que se namorou. Pasaba horas contemplando os éxtases de Bernini e a arquitectura das igrexas e os monumentos. A parella tivo tres fillos: Caroline, Thibaut e Sibylle.

En 1936 Lacan iniciouse na filosofía hegeliana e cruzouse por primeira vez coa historia do freudismo internacional, ao participar no Congreso da Internacional Psychoanalytical Asociaition (IPA).

En 1937 namorouse de Sylvia Maklés-Bataille. Era nai dunha pequena, Laurence Bataille, que sería unha notábel psicanalista. Cando estalou a guerra, Sylvia refuxiouse na zona libre. Cada quince días Lacan visitábaa. En París interrompeu toda actividade pública, recibindo só á súa clientela privada. Durante os dous primeiros anos da guerra preocupouse sobre todo pola súa vida privada. En setembro de 1940 a súa situación era insostible. Anuncioulle á súa muller lexítima, encinta de oito meses, que Sylvia tamén esperaba un fillo. Pediulle o divorcio de inmediato e deu a luz en plena crise de depresión. Oito meses máis tarde, Sylvia deu a luz ao cuarto vástago de Lacan, Judith, inscrita no rexistro civil co apelido Bataille. Non podía levar o do seu pai ata 1964. Esta imposibilidade de transmitir o apelido sería unha das determinacións inconscientes da elaboración do concepto lacaniano do nome-do-pai.

A principios de 1941 Lacan instalouse no 5 da rue de Lille: seguiu vivindo nesa casa ata a súa morte. En decembro, divorciouse de Marie-Louise Blondin; en 1943 Sylvia instalouse no 3 da rue de Lille, coas súas dúas fillas Laurence e Judith. En xullo de 1953 casou con Lacan.

Lacan enfrontouse a unha das grandes correntes do freudismo, a Ego Psychology, da cal a súa ex analista se convertera nun dos representantes, e que para el era unha versión edulcorada e adoptiva da mensaxe freudiana. Acostumaba chamala “psicanálise norteamericano”, e opúxose a este, é dicir, unha visión subversiva da teoría freudiana, centrada na primacía do inconsciente.

Na SPP, Lacan atraeu a numerosos alumnos fascinados pola súa ensinanza e desexosos de romper co freudismo académico da primeira xeración francesa. Comezou entón a ser recoñecido como didacta e tamén como clínico. O seu sentido agudo da lóxica da tolemia, o seu enfoque orixinal do ámbito da psicose e o seu talento asegurábanlle un lugar de privilexio aos ollos da nova xeración psiquiátrica-psicanalítica.

En 1951 Lacan comprou unha casa de campo a uns cen quilómetros de París. Alí refuxiábase os domingos para traballar, pero tamén recibía a pacientes e organizaba reunións. Encantáballe interpretar comedias ante os seus amigos, disfrazarse, bailar e ás veces poñerse roupa extravagante. Nesa casa coleccionou unha cantidade considerable de libros que terminaron por constituír unha biblioteca inmensa.

Despois da segunda guerra mundial a Francia freudiana entrou na era dos conflitos, crises e controversias. Lacan consideraba aos estudos de filosofía, letras ou psiquiatría como as tres mellores vías de acceso ás formacións dos analistas. Grazas ao seu amigo Jean Delay obtivo un anfiteatro do Hospital Sainte-Anne. Durante dez anos, dúas veces por mes, deu alí o seu seminario, comentando de maneira sistemática todos os grandes textos da obra freudiana e xerando de tal modo unha nova corrente de pensamento: o lacanismo. En 1964 disolveuse a SFP e Lacan fundou a Ëcole Freudienne de París (EFP), mentres que a maioría dos seus mellores alumnos volvían atoparse xunto a Lagache na Association psychanalytique de France (APF). Obrigado a mudar de seminario, Lacan, grazas á intervención de Louis Althusser, foi acollido nunca sala da Escola Normal Superior (ENS), onde puido continuar a súa ensinanza.

Na ENS, Lacan conquistou un novo auditorio, o dunha parte da xuventude filosófica francesa. En 1965 Lacan fundou a colección Champ freudienn Éditions du Seuil e ao ano seguinte publicou os seus Ëcrits. Recibiu por fin a consagración esperada e merecida: en quince días vendéronse cinco mil exemplares. En adiante Lacan foi considerado un pensador de envergadura, e non só un mestre da psicanálise. A súa obra foi lida e comentada por numerosos filósofos.

A EFP entrou nunha crise institucional que desembocou na súa disolución o 5 de xaneiro de 1970, e despois levou á dispersión do movemento lacaniano nunha vintena de asociacións. En 1974 Lacan asumiu a dirección, na Universidade París-VIII, no departamento de psicanálise, dunha cátedra do Champ freudien. Alentou entón a transformación progresiva da súa doutrina nun sistema pechado, mentres se empeñaba en facer da psicanálise unha ciencia exacta baseada na lóxica do material e a topoloxía dos nos borromeos.

Afectado dos trastornos cerebrais e unha afasia parcial, Lacan morreu na clínica Hartmann de Neuilly, despois da ablación dun tumor maligno de colon.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Reintroduciu na psicanálise o pensamento filosófico alemán do que Sigmmund Freud se tiña distanciado voluntariamente. Esta poderosa contribución fixo de Lacan o único verdadeiro mestre da psicanálise en Francia. Un dos obxectivos fundamentais da súa obra foi estimular a produción dun saber onde tivesen cabida outras disciplinas, abrir o círculo pechado no que a psicanálise caera. Desa forma renova o debate que Freud sempre estimulou cos intelectuais do seu tempo, debate que non só interesa aos psicanalistas senón tamén a todos aqueles que se preguntan sobre a nosa condición humana.

Lacan, dunha forma moi singular, continúa o inaugurado por Freud, e nese sentido é onde reviste particular importancia a súa interpretación do inconsciente a través do significante, ese significante máis acá do significado, o "significante puro" facendo aparecer a estrutura onde o home é atrapado polo seu desexo. Todo o pensamento de Lacan condúcenos nesa dirección, relacionado co máis alá do Edipo e coa proba do Real na cura. Particularmente constante foi a relación de Lacan coa filosofía desde Platón a Descartes e de Hegel a Heidegger. Tiveron grande influencia Alexandre Koyré, Henry Corbin, Alexandre Kojève e Georges Bataille, cos que se orientou na lectura de Husserl -de quen Koyré foi alumno- , Nietzche, Hegel e Heidegger, entre outros.

Kojève foi quen influenciou en maior medida a Lacan. Rrelata durante o seu seminario de 1960-61 que consagrou O Banquete de Platón, que foi velo para que Kojève -que nese momento estaba completando a súa historia da filosofía pagá en tres volumes- lle contase dos seus descubrimentos en relación a Platón. Kojève sinaloulle que toda a arte de Platón consistía no seu modo de ocultar o que pensaba, así como no seu modo de revelalo, desa forma el amosaba ao seu interlocutor o seu propio procedemento filosófico: un texto non é máis que a historia da súa interpretación. Lacan di que foi Kojève quen o introduciu no pensamento de Hegel. En relación a Heidegger, Lacan entrou en contacto por primeira vez coa súa obra despois de 1933, cando comezou a asistir ao seminario de Kojève sobre a Fenomenoloxía do espírito de Hegel compartindo con Alexandre Koyré e Henry Corbin o grupo da École Pratique des Hautes Études e da Revista Recherches philosophiques. É importante destacar que en 1935 se lía a Heidegger no grupo que Lacan frecuentaba e que evidentemente se coñecía o compromiso co nazismo deste filósofo, por máis que ese compromiso quedará moito máis evidente en 1945.

Queda entón evidente a importancia de Kojéve sobre Lacan, non soamente en relación a Heidegger senón en relación a Hegel. É Kant con Sade un dos textos máis interesantes de Lacan desde o punto de vista non só filosófico senón que tamén aparecen achegas teóricas esenciais por parte deste. Como por exemplo a aparición do campo do desexo, da verdade e da lei, esta lei que nos enfronta coa morte. Ve na concepción sadiana un combate da lei contra o benestar e a preservación de si mesmo. E Kant recusa en oposición aos moralistas clásicos, unha moral que como principio busque a felicidade.

Obra[editar | editar a fonte]

Jacques Lacan escribiu aproximadamente uns cincocentos artigos, procedentes en xeral de conferencias. Lacan escribiu un só libro, a súa tese de medicina de 1932, publicada co título De la psychose paranoïaque dans ses rapports avec la personnalité, na cal relata o caso de Marguerite Anzieu.

Os seus outros artigos, así como as súas numerosas intervencións en coloquios ou na Ëcole freudienne de París (EFP), están dispersos en diversas revistas. Hai dous dicionarios de conceptos lacanianos: un en inglés e outro en castelán. Algúns dos máis fermosos comentarios da obra de Lacan foron escritos por filósofos: Louis Althusser, Jacques Derrida, Christian Jambet, Jean-Claude Milner e Bemard Sichére.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]