Sala de cinema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Teatro Rodgers en Poplar Bluff en Missouri de estilo art déco
Vista dende a cabina do proxeccionista de Ultimate Palace Cinema en Oxford.

Unha sala de cinema, cinema ou cine é un edificio que contén un auditorio para ver filmes. Moitas salas de cinema son negocios para o público xeral, que asiste pagando unha entrada. Con todo, algunhas salas de cinema están operadas por organizacións que non perseguen beneficios ou sociedades nas que os membros pagan unha cota para ver filmes.

Os filmes proxéctanse cun proxector nunha pantalla fronte ao auditorio, mentres que o diálogo, o son e a música se emiten mediante altofalantes. Dende a década de 1970, empréganse subwoofers para os sons baixos. Na década de 2010 a maioría das salas están equipadas con proxeccións de cinema dixital, suprimindo a necesidade de transportar unha película física nun rolo pesado.

No século XXI, moitas salas teñen varias pantallas. Os complexos máis grandes, chamados multiplex, deseño desenvolvido nos Estados Unidos na década de 1960, teñen máis de 25 pantallas.

Historia[editar | editar a fonte]

Proxector de tres diapositivas de 1886

Lanternas máxicas[editar | editar a fonte]

Os primeiros precursores dos filmes foron os espectáculos de lanternas máxicas. Estes instrumentos empregaban unha lente de cristal, un obturador e unha lámpada para proxectar imaxes dende as diapositivas a unha pantalla ou unha parede branca. Estas diapositivas orixinariamente estaban pintadas a man. A invención da lámpada de Argand na década de 1790, da luz de calcio na de 1820 e das lámpadas arco na de 1860 incrementaron o brillo das imaxes.[1] Os espectáculos de lanternas máxicas adoitaban ofrecerse en feiras como parte de espectáculos de maxia. Unha lanterna máxica amosada na feira mundial de 1851 causou unha gran sensación entre o público.[2]

Cinema[editar | editar a fonte]

O seguinte paso significativo foi o desenvolvemento da imaxe en movemento. O filme Sortie de l'usine Lumière de Lyon, dos irmáns Lumière, rodado en 1894, está considerado o primeiro verdadeiro filme.[3] Entre esta data e finais da década de 1920 as salas de cinema proxectaban filmes mudos, sen son gravado sincronizado ou diálogos. Os primeiros pasos na comercialización de filmes con son tivo lugar a mediados da década de 1920. Na década seguinte o cinema de Hollywood acadou a primacía mundial grazas ao cinema sonoro, que tamén provocou a rápida expansión do cinema da India.

Deseño[editar | editar a fonte]

Auditorio Cinema Odeon en Florencia

Tradicionalmente, unha sala de cinema , igual ca un teatro, consistía nun único auditorio con filas de cadeiras, ademais dun vestíbulo que acolle o despacho de entradas. Os cines adoitan posuír unha tenda que vende snacks e bebidas. Algúns teatros foron convertidos en cines colocando unha pantalla e un proxector. Esta conversión pode ser permanente ou temporal.

A situación dos asentos en bancadas, popular nos cines modernos, procede da década de 1920. Esta disposición permite unha visión clara sen cabezas en fronte dos asistentes. As bancadas modernas empréganse nas salas IMAX dende principios da década de 1970.

Galicia[editar | editar a fonte]

O Cine Fraga, na rúa Uruguai de Vigo, en 2012

As primeiras exhibicións cinematográficas en Galicia tiveron lugar a finais do século XIX en teatros como o Teatro Circo da Coruña e o Tamberlick de Vigo. Entre 1900 e 1908 construíronse pavillóns adaptados ao espectáculo e en 1908 inaugurouse o Salón París na Coruña, primeiro cinematógrafo estable de Galicia.[4]

A partir da primeira guerra mundial construíronse no centro das cidades edificios inspirados nos teatros, moitos deles en estilo modernista. Así, Rafael González Villar deseñou o Salón Marineda (A Coruña, 1919), Jenaro de la Fuente Álvarez o Apolo-Trianón (Vigo, 1916), Daniel Vázquez-Gulías o Salón Apolo (Ourense, 1916), Leoncio Bescansa o Linares Rivas (A Coruña, 1928), Eduardo Rodríguez-Losada o Renacimiento (Ferrol, 1919), Pedro Mariño o Salón Coruña (A Coruña, 1912) e o Cuatro Caminos (A Coruña, 1928) e Jesús López de Rego o Salón Teatro (Compostela, 1917). O exemplo máis destacado foi o Teatro Cine García Barbón, de Antonio Palacios (Vigo, 1927).[5]

Coa chegada do cinema sonoro os edificios destinados ao cinema atoparon a súa identidade diferenciada do teatro, con estilos racionalista e ecléctico. Entres os arquitectos que deseñaron salas de cinema en Galicia nestes anos estiveron Antonio Tenreiro (Rex, 1934, e Savoy, 1930, na Coruña), Santiago Rey Pedreira (Goya, 1944, na Coruña e Yago, 1945, en Compostela), Rodolfo Ucha (Callao, 1936, en Ferrol), Francisco Castro Represas (Cinema Radio, 1944, Vigo), Peregrín Estellés (Gran Cine Ortigueira, 1941) ou Rafael González Villar (Avenida, 1939, na Coruña). Con todo, os dous grandes edificios da época, o Teatro Colón da Coruña e o Teatro Cine Fraga construíronse en estilo historicista.[6]

Dende a década de 1950 as salas de cinema entraron en decadencia, deseñáronse poucos proxectos de interese, como o Cine Riazor, de Rey Pedreira e outros (1960).[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Waddington, Damer. "Introduction". Panoramas, Magic Lanterns and Cinemas. Channel Islands, NJ: Tocan Books. xiii-xv. Print.
  2. Magic Lantern Slide Show
  3. "Lumière". Microsoft Encarta Online Encyclopedia. 
  4. Cabo Villaverde 2001, pp. 28-30
  5. Cabo Villaverde 2001, pp. 30-31
  6. Cabo Villaverde 2001, pp. 32-33
  7. Cabo Villaverde 2001, pp. 33

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cabo Villaverde, José Luis; et al., eds. (2001). Diccionario do cine en Galicia (1896-2000). Xunta de Galicia. p. 249. ISBN 84-453-3152-3. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]