Pacto Ribbentrop-Molotov
Pacto Ribbentrop-Molotov | |
---|---|
Joachim von Ribbentrop e Viacheslav Mólotov durante a sinatura do pacto. Molotov está a piques de asinar. Ribbentrop está detrás del, con Stalin á súa esquerda. | |
Data | 23 de agosto de 1939 |
Creación | 23 de agosto de 1939 |
Derogación | 22 de xuño de 1941 (Invasión alemá da URSS) |
Lingua | Alemán e ruso |
Formato | Asinado en papel |
Localización | Moscova, Unión Soviética |
Signatarios | Joachim von Ribbentrop (Alemaña) e Viacheslav Mólotov (Unión Soviética) |
Función | Renovar e establecer a non-agresión mutua e dividir esferas de influencia en Europa Oriental |
O Tratado de Non Agresión entre Alemaña e a Unión Soviética (en alemán: Deutsch-sowjetischer Nichtangriffspakt[1]; en ruso Договор о ненападении между Германией и Советским Союзом[2]) Pacto Ribbentrop-Molotov, ou pacto de non agresión, foi asinado entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética en Moscova polos ministros de Asuntos Exteriores de Alemaña e da Unión Soviética, Joachim von Ribbentrop e Viacheslav Molotov respectivamente.
O pacto rubricouse o 23 de agosto de 1939, pouco antes de iniciarse a Segunda guerra mundial, e despois de que Francia e Gran Bretaña tivesen asinado o pacto de Múnic[3] e sen que se tivese desactivado nunca o pacto Antikomintern, alianza de axuda militar de países pro-fascistas contra a Unión Soviética, asinado en 1936 e renovado en 1941[4].
Os acordos
[editar | editar a fonte]O tratado contiña cláusulas de non agresión mutua, así como de comprometerse á unha solución pacífica das controversias entre ambos os Estados, e cunha intención de estreitar vinculos económicos e comerciais, e de axudarse un ao outro. Ademais, o tratado contiña tamén unhas disposicións secretas[3] que só coñecían os xerarcas do ambos os gobernos, mais non reveladas ao público, onde o Terceiro Reich e a Unión Soviética definían case literalmente as partillas da Europa do leste e central, fixando os límites da influencia alemá e soviética mediante mutuo acordo, determinando que Polonia ficaría como zona de influencia de ambos os dous estados, e logrando a Unión Soviética que Alemaña recoñecesen a Estonia, Letonia e Lituania como zonas de interese soviético. Tamén se comprometían a consultarse mutuamente sobre asuntos de interese común e a non participar en ningunha alianza formada en contra dalgún dos estados asinantes.
Efectos
[editar | editar a fonte]A sinatura deste pacto incomodou moito no resto de Europa, aínda que Stalin estivera intentando negociar unha alianza con Gran Bretaña e Francia durante varios meses. Para moitas persoas resultaba incomprensíbel que dúas potencias tan enfrontadas puidesen pórse de acordo nun pacto de non agresión amigábel en tan pouco tempo. Especial foi o caso dos fascistas que odiaban a ideoloxía comunista e vían isto como un pacto co demo, ao igual que os simpatizantes da Unión Soviética, que vían o réxime nazi como o inimigo a bater.
A consecuencia directa foi a invasión de Polonia por Alemaña e días despois pola URSS en setembro de 1939 e o ataque posterior a Finlandia por parte da URSS. Baixo este pacto en 1940 os soviéticos anexiónanse Estonia, Lituania e Letonia, e territorios de Romanía.
Despois da vitoria da Wehrmacht na batalla de Francia en xuño de 1940 e unha vez comezada xa a Segunda guerra mundial, as relacións xermano-soviéticas tornáronse cada vez máis tensas. Hitler consideraba o pacto asinado como unha solución temporal, pois andaba cavilando en expandir o territorio alemán para o leste. Nunha conferencia secreta celebrada o 31 de xullo de 1940, os alemáns tomaron a decisión de invadir a Unión Soviética na primavera de 1941, nun plan que tiña o nome de Operación Barbarrossa. As relacións entre ambos os países empezaron e poñerse moi negras ante a presenza da maquinaria bélica alemá en Finlandia e Romanía, e tamén a unha visita do soviético Molotov a Berlín no novembro de 1940, onde dixo en voz moi alta que estaba preocupado polo enorme poderío militar de Alemaña. Os preparativos para a Operación Barbarossa realizáronse rapidamente, e a decisión de invadir a URSS foi confirmada nunha asemblea de guerra o 18 de decembro de 1940.
Alemaña atacou a Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, ao invadir o territorio polaco anexionado pola URSS en setembro de 1939, nunha campaña militar que non rematou até o 1945, coa derrota final alemá na que os rusos chamaron Gran guerra patria.
Consideracións a finais do século XX e principios do XIX
[editar | editar a fonte]Os documentos oficiais do Terceiro Reich alusivos ao Pacto, incluíndo as "cláusulas secretas"", foron descubertos tras a fin da guerra polo exército británico, sendo eventualmente revelados ao público. Durante décadas, a política oficial da Unión Soviética foi negar a existencia de tales cláusulas secretas do Pacto e admitir como reais só os acordos relacionados á mutua non agresión. Non foi senón tras a gran manifestación denominada Cadea báltica, en agosto de 1989, coa que se creou unha comisión especial na Unión Soviética para investigar a súa existencia, concluíndo os seus traballos afirmativamente. Como resultado, o goberno soviético presidido por Gorbachov, no marco da súa política de glasnost (apertura) emitiu unha declaración oficial admitindo como verdadeiro o contido deste tratado respecto á partilla nazi-soviética da Europa Oriental e condenando o Pacto. Desde a década de 2000 altos cargos da Federación Rusa, incluíndo o presidente Vladimir Putin e o ministro de Exteriores Serguéi Lavrov, afirmaron que o pacto fora unha "decisión estratéxica e oportuna" que permitiu á Unión Soviética gañar tempo para defenderse na Gran guerra patria e que os países europeos tomaran "decisiones miopes" para acougar a Hitler permitindo o pacto Antikomintern, non intervindo na Guerra civil española e permitindo a expansión dos nazis por Centroeuropa, rubricando o Pacto de Múnic. Segundo Lavrov, "Calculando ingenuamente que a guerra non os tocaría, as potencias occidentais xogaron un doble xogo: Tentaron dirixir a agresión de Hitler cara ao leste. Nesas condicións, a URSS tivo que salvagardar a sú propia seguridade nacional por si mesma".[3] Nun comunicado conxunto, os gobernos de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia e Rumania consideraron que o tratado "condenou a media Europa a décadas de miseria".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Deutsch-Sowjetischer Nichtangriffspakt". Geschichte kompakt (en alemán). Consultado o 2022-06-20.
- ↑ "Полный текст Договор о ненападении между Германией и Советским Союзом / Баварская государственная библиотека (БСБ, Мюнхен)". www.1000dokumente.de. Consultado o 2022-06-20.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Ribbentrop-Molotov, el pacto entre nazis y soviéticos que "condenó a media Europa a décadas de miseria"". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2022-06-20.
- ↑ Weinberg, Gerhard (1970). The Foreign Policy of Hitler's Germany Diplomatic Revolution in Europe 1933–36. Chicago. ISBN 0226885097.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pacto Ribbentrop-Molotov |
A Galipedia ten un portal sobre: Segunda Guerra Mundial |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Guerra de Inverno
- Guerra de Laponia
- Ocupación das Repúblicas Bálticas
- Operación Barbarroxa
- Segunda guerra mundial
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto do pacto (en español)
- Texto do pacto (en alemán)
- Texto do pacto (en inglés) Arquivado 14 de novembro de 2014 en Wayback Machine.