Nova Dramaturxia Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O concepto de Nova Dramaturxia Galega é un concepto complexo, posto que a súa adscrición temporal varía segundo o autor ao que esteamos a seguir e a época en que dito autor desenvolveu o seu traballo. A nomenclatura Nova Dramaturxia aparece por primeira vez en 1979, no libro O Teatro Galego, de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor. Para estes dous estudosos, a etapa da Nova Dramaturxia estaba comprendida entre 1882 (ano da estrea d'A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia) e 1903 (data da aparición da Escola Rexional de Declamación). O motivo disto radica en que, a partir de 1882, xorde por primeira vez a necesidade de crear un teatro galego diferente do teatro popular dominante ata aquela data.

Porén, en 1996 (e sobre todo a partir de 1998), Manuel Vieites revisará este termo, dándolle unha significación diferente e situándoo nun espazo de tempo distinto. Así, na opinión de Vieites, a etapa da Nova Dramaturxia estaría comprendida entre 1969 e 1999. O seu comezo en 1969 responde á aparición da Agrupación Cultural Abrente, arredor da cal xurdirán as famosas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980). O seu final, coincide coa chegada do novo milenio. Segundo este autor, a Nova Dramaturxia preséntase como un axente renovador do teatro galego, con presupostos non moi distantes da Nova Narrativa Galega ou do movemento renovador da poesía galega producido a comezos e mediados da década de 1970, a través de grupo como Loia, Grupo Rompente, Cravo Fondo,...

Seguindo con Manuel Vieites, na opinión deste autor a Nova Dramaturxia podería dividirse en tres fases, as cales esquematizamos seguir:

1) O grupo de Ribadavia (1969-1977): fase de formación.

2) A promoción dos oitenta (1977-1985): fase de desenvolvemento.

3) A promoción dos noventa (1985-1999): fase de consolidación.

A primeira das etapas, xa que logo, é a do “grupo de Ribadavia”, colectivo de autores que este autor compara coa xeración “simbolista” do teatro español, posto que ambas as dúas utilizarán a escena como un medio de loita contra o franquismo.

Ve o seu comezo esta “fase de formación” da Nova Dramaturxia en 1969, concretamente o día 8 de novembro dese ano, cando nace a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia. Lembremos que neste período estamos de cheo somerxidos no momento do teatro independente en Galicia, o cal non exime que existisen tendencias contrarias a este. De facto, na segunda edición do Concurso Abrente de Obras Teatrais en Galego (1974) (o premio das Mostras Abrente) xurdiu a máis que vella polémica que confrontaba a liña do teatro costumista coa dun teatro innovador e independente. Evidentemente, a segunda delas foi a que mellor sorte gozou.

Serían dramaturgos destacados deste período: Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Xosé Agrelo Hermo, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, Xosé Vázquez Pintor, Teodoro Piñeiro e Millán Picouto.

Séguelle a este grupo de Ribadavia a promoción dos oitenta, cuxa etapa abarca desde 1977 ata 1985. Esta comeza coa obtención de Camilo Valdeorras do Premio Abrente de Teatro na súa quinta edición, coa peza Progreso e Andrómena do Antroido, publicada en 1978 por Edicións do Rueiro. Serán non obstante, segundo Vieites, Camilo Valdeorras e Manuel Guede, xunto con autores como Constantino Rábade Castiñeira, Pazos Varela ou Alberto Avendaño, os escritores dramáticos que funcionen de ponte entre Abrente e as últimas promocións.

A promoción dos oitenta, segundo Vieites, está integrada por: Xesús Pisón, Camilo Valdeorras, Manuel Guede, Pazos Varela, Constantino Rábade Castiñeira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Andrés Álvarez Vila, Xosé Cid Cabido, Alberto Avendaño, Antón Reixa, Anxo Rey Ballesteros, João Guisam Seixas, Xosé Luís Martínez Pereiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luísa Villalta, Paulino Pereiro, Antón Rey Castro, Joel Rodríguez Gómez, Ramón Blanco Rey, Suso de Toro e Antón Cortizas.

Ve o seu final a etapa desta promoción dos oitenta en 1985, cando, como sinala Manuel Vieites, A. Souto gaña unha mención no IV Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega (EDG). Vai ser este o acontecemento que suporá o comezo da actividade da promoción dos noventa, formada polos autores dramáticos que se dan a coñecer entre 1985 e 1999, entre os que figuran: Cándido Pazó, Quico Cadaval, Miguel Anxo Murado, Roberto Salgueiro, Xosé Sendón, Manuel Núñez Singala, Xavier Picallo, Gustavo Pernas, Camilo Pardo, Lino Braxe, Imma António Souto, Raúl Dans, Xavier Lama, Miguel Sande, Ana Vallés, Hernán Naval, Marcos Orsi, Francisco Souto, Antonio Blanco e María Cajigal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]