Xosé Manuel Carballo Ferreiro
Xosé Manuel Carballo Ferreiro | |
---|---|
Nacemento | 1944 |
Lugar de nacemento | Castro de Rei |
Falecemento | 28 de outubro de 2017 |
Nacionalidade | España |
Ocupación | sacerdote e escritor |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Xosé Manuel Carballo Ferreiro, nado en Goberno (Castro de Rei) en 1944 e finado o 28 de outubro de 2017[1], foi un sacerdote, escritor, ilusionista e animador sociocultural galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Estudou no seminario de Mondoñedo e foi ordenado sacerdote en Vilanova de Lourenzá en 1966. Posteriormente pasou como formador ao Seminario de Mondoñedo. En setembro de 1973 foi nomeado párroco de Castro de Rei, A Azúmara e Ramil, parroquias ás que se engadiron Goberno, Balmonte e Santa Locaia. Impulsou a restauración das igrexas destas parroquias, e a realización de obras comunitarias como reelectrificacións e concentracións parcelarias. Impartiu clases de relixión cando se abriu o colexio público “Ramón Falcón” de Castro de Rei e colaborou nas distintas actividades culturais e recreativas extraescolares. Dende 1985 formou parte do Equipo de Delegados de Catequese de Galicia e da Diocese de Mondoñedo, colaborando co uso normal do galego nas catequeses.
Foi concelleiro independente en Castro de Rei na primeira lexislatura democrática e un dos fundadores do desaparecido SILGA (Sindicato Independente Labrego Galego).
Colaborou no xornal El Progreso e na revista Irimia. Na radio colaboraba semanalmente con Cope de Lugo, Radio Nacional de España en Coruña, Radio Galega, Radio Principal de Vilalba e Monforte e Cope de Vilalba. En televisión tivo un programa semanal durante tres anos nos comezos da Televisión de Lugo. Presidiu unha comisión de impulso e normalización do uso do galego nas áreas de relixión, servizos sociais e inmigrantes creada pola Xunta de Galicia. Dirixiu varios grupos de teatro. Ten realizado múltiples actuacións de maxia ou ilusionismo, e foi animador e mestre de magos e "padriño" do Colectivo Máxico Waldemar de Lugo.
Obras[editar | editar a fonte]
No campo relixioso, foi guionista e director dos vídeos: Seguir a Xesús (1994) e Este é o meu Fillo.
Teatro[editar | editar a fonte]
- Versión en galego de O menciñeiro á forza, de Molière (1971)
- Bo Nadal.
- Recobrou o sorriso o Eleuterio.
- Auto de Nadal.
- Dous vellos e unha soa soidade (en colaboración con Marica Campo).
- Vaise pechar outra casa máis (en colaboración con Xulio Pita).
- Unha noite de Ruada (con Samarita Canto).
Narrativa[editar | editar a fonte]
- Parábolas Chairegas, 1981.
- Don Otto de viaxe pola chaira, 1994.
- Celestino Racamonde.
- Contrato nulo, 2002.
Premios[editar | editar a fonte]
- Lucense do Ano en 1992, pola Asociación da Prensa.
- Fillo predilecto do concello de Castro de Rei, 2004.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Fallece Xosé Manuel Carballo, párroco, mago e impulsor cultural", artigo en El Progreso, 29 de outubro de 2017 (en castelán).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011.