Hernán Naval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hernán Naval
Hernán.png
Nacemento1962
Lugar de nacementoViveiro
Falecemento2001
Lugar de falecementoRibadeo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e trompetista
editar datos en Wikidata ]

Hernán Fernando Naval Parapar, nado en Viveiro o 5 de agosto de 1962[1] e finado en Ribadeo o 16 de maio de 2001, foi un director de banda e trompetista galego, amais de compositor, pedagogo, poeta, dramaturgo e ensaísta[2][3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Obtivo a titulación de profesor de trompeta e solfexo nos conservatorios de Lugo, A Coruña, Santiago e Madrid.[1]

Creador da banda de Ribadeo, da Academia de Música Carlos Álvarez Fernández-Cid e da Escola Municipal de Música de Ribadeo fundada en 1993 (na actualidade, Escola Municipal de Música e Danza, para a que se fixeron xestións para que leve o seu nome, sen froito), das que foi director. Con anterioridade, tamén foi director da Coral Polifónica do C.I.T de S. Cibrao (1987-1989)[4] e profesor do conservatorio de Viveiro (ata 1991). É autor de obras musicais para diversas agrupacións e de numerosos arranxos. Dirixiu musicalmente a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo dende a súa creación (1992) ata convertela nunha das máis importantes de Galicia, gravando con ela dous discos, o primeiro dos cales recolle dúas obras súas.

Esbozo da cara de Hernán
Esbozo da cara de Hernán

Foi subdirector da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música (AGEMM) e dirixiu a Big Band promovida por esta asociación[5].

'Paradigma do galego europeu'[6], foi un prolífico articulista, facendo incursións no ensaio e o teatro. A súa obra pedagóxica está recollida en múltiples conferencias e artigos en diversos medios e publicacións. A súa faceta literaria está exemplificada nalgunhas das súas obras teatrais como "Comunicando" e en multitude de poemas, a máis de escritos en A Nosa Terra, Badal, O Trasno de Burela ou Beiramar de Ribadeo, entre outros[4].

É de lembrar asemade a súa actuación como animador social, estando detrás de diversas iniciativas culturais nos sitios onde viviu e traballou. Foi presidente da A. C. Sementeira de Viveiro e da A. C. Francisco Lanza de Ribadeo. En 1988 mobilizouse para que o edificio do Teatro Pastor Díaz de Viveiro non fose derrubado[4].

Tamén tivo intervención na política, incluído nas listas do BNG, co que se presentou en diversas eleccións.

En 2006 foille adicado o auditorio Municipal de Ribadeo, dende entón, 'Auditorio Municipal Hernán Naval Parapar'[7].

Inauguración do auditorio Hernán Naval, cos alcaldes Fernando Suárez Barcia e Balbino Pérez Vacas (en exercicio naquel momento)

Obras musicais[editar | editar a fonte]

  • Portbou-Saraxevo
  • Lonxe do mar
  • Mar por médio
  • Soatinhabaneira
  • Il nome della rosa

Obras literarias.[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

Final Coherente (accésit no concurso de teatro breve do Colectivo Buril, Burela, 1988), inédito

Comunicando (Traxicomedia con parabellum. Nun acto) (accésit no concurso de teatro breve do Colectivo Buril, Burela, 1989) Publicado por Cadernos da Escola Dramática Galega.

Díptico en modo menor: Bolero e Con Morbo. Inédito

Outras obras escritas[editar | editar a fonte]

Ten escrito algún relato breve e máis de vinte poemas, todos sen publicar.

Ten publicado uns douscentos artigos en diversos medios (El Progreso, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Alborada -revista do Centro Galego de Barcelona- Doce Notas, Badal, Beiramar, O Trasno, etc). Asemade, ten escrito relatorios de participación en diversos congresos, como 'Pola Modernización', escrito para o Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza, celebrado en Ribadeo en novembro de 1994 e publicado no libro do congreso en 1995.

Recompilacións[editar | editar a fonte]

  • Vou canso de todo menos da música. Unha escolma de artigos de Hernán Naval. Editada por 'Musiqueando', Pequeno conxunto con edición realizada en 2011.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 AAVV (2001). Autores ribadenses en lingua galega. Cadernos de Investigación do IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo 3. IES Dionisio Gamallo Fierros. pp. 37–38. 
  2. "A biografía de Hernán". Consultado o 6/9/2017. 
  3. "Hernán Naval Parapar". Amadores da Música. Consultado o 6/9/2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 López, Emilio Xosé Ínsua (28/11/2016). "A ÍNSUA DO ÍNSUA: DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VI)". A ÍNSUA DO ÍNSUA. Consultado o 27/11/2018. 
  5. "Hernán Naval Parapar Amadores da Música". www.bandamusicaribadeo.org. Consultado o 27/11/2018. 
  6. Fernández Prieto, Lourenzo (7/1/2002). "Aquí como en Viena". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 04/03/2019. Consultado o 04/03/2019. 
  7. Agremon (20170402). "Ribadeando: A concesión do pleno a Hernán Naval do nome do auditorio (20060710)". Ribadeando. Consultado o 27/11/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]