Escola Rexional de Declamación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Escola Rexional de Declamación foi un proxecto de consolidación do teatro galego levado a cabo a comezos do século XX.

Historia[editar | editar a fonte]

En decembro de 1902 apareceu nun xornal unha noticia na cal figuraba que un grupo de mozos liderado por Eduardo Sánchez Miño pretendía crear na cidade herculina unha escola teatral. A iniciativa recolleuna a Cova Céltica[1], e o 18 de xaneiro de 1903, actores e actrices da Coruña representaron a obra dramática ¡Filla...! de Galo Salinas. De todos os xeitos, non foi doado encontrar actores, e sobre todo actrices, que estivesen dispostos a actuar en galego, debido aos preconceptos lingüísticos existente na época. De feito, o problema dos prexuízos creados arredor da lingua de Galiza viña minguando o número de actores en galego xa desde 1882. Pouco despois ese colectivo, dirixido polo propio Salinas, constituíu na Coruña a Escola Rexional Galega de Declamación.

O seu Presidente pasou a ser Manuel Lugrís Freire, máximo representante do teatro social, o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa e autor da totalidade dos espectáculos realizados polo cadro coa excepción da obra de Salinas: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904).

Henrique Rabunhal, en Textos e Contextos do Teatro Galego (1671-1936), fala dun grupo de autores ligados á Escola Rexional de Declamación, definindo unha serie de trazos comúns aos integrantes deste grupo:

Segundo Henrique Rabunhal foi o primeiro grupo de teatro estábel do ámbito galego. Comezou a levar a cabo ensaios teatrais, a substitución do verso pola prosa e a evolución desde o teatro histórico de pegadas románticas a un teatro que desde estratexias realistas chega á alegación de inpiración social.

Mais a Escola Rexional de Declamación sufriu unha serie de problemas internos, protagonizados principalmente pola falta de entendemento patente entre Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire. Alén disto, os autores dramáticos galegos non se implicaron demasiado con esta causa. Segundo conta Laura Tato Fontaíña, no seu libro Historia do Teatro Galego. Das Orixes a 1936, Eduardo Sánchez Miño declarou en 1911 (nun artigo de prensa) que a Escola solicitara a través dun xornal que os escritores teatrais galegos lle enviasen as súas obras para seren postas en escena. Parece ser que só Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire atenderon ao dito chamamento. Todos isto derivou na disolución (en 1905) da Escola Rexional de Declamación. Aínda así, tal disolución valeu para que a prensa rexionalista da emigración cubana comezase a exercer presión para que reactivase na emigración o teatro galego.

Foi a primeira compañía teatral dedicada á realización de espectáculos en galego e constitúe a primeira iniciativa de formación teatral que se emprendeu na Galiza. A pesar da súa curta traxectoria, pois desapareceu aos dous anos sen acadar os obxectivos, converteuse nun feito transcendental e pioneiro no desenvolvemento do teatro rexionalista e na creación dun movemento teatral galego.

Serviu como precedente do Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado polas Irmandades da Fala en 1919.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xabier Campos Villar (2000) A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. Santiago de Compostela: CRPIH. Páx. 20

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]